
Tal e como manda a sacra e respectada tradición, o primeiro domingo de xullo está marcado no calendario como día de culto á Virxe do Carme na parroquia de San Pedro de Dadín para fregueses e alleos que desde todas as parroquias do concello se unen ao culto e á esmorga, á sombra das carballas centenarias da Pena da Sela e da capela que dá nome á coñecida virxe no monte do lugar de Saavedra. A concorrencia está asegurada, pois tal e como xa observamos en anteriores ocasións, en varios casos algúns que se facían pasar por devotos apaixoados aproveitaban a multitude para substraer carteiras, ou mesmo provocar desencontros que teñen posto a fin da romaría con algunha persoa morta froito das desavinzas -”ou de estar intrincados”- entre veciños ou alleos cando a bullada subía de ton, quizais non a causa do “requilante” da parte de Reádigos -moi baixo en graduación-, senón máis ben do clarete, augardente branca, de herbas…despois de dar conta das opíparas viandas que nas cestas de vimbio repousaban á sombra dos carballos mentres non remataba o culto, ás que se daba entrada despois dunhas saborosas racións de polbo regadas do aceite característico de uso común polas polbeiras de Arcos, berce da maioría das familias que desde antigo se veñen adicando a tan gratificante actividade gastronómica desde que os monxes cistercienses asentados no mosteiro de Oseira, que tiveron aforado o porto de Marín, trouxeran ata a recóndita Martiñá o prezado cefalópodo ou “octopus vulgaris”, cuxo nome científico corrresponde en parte á súa morofoloxía polo de “octopus” , e o de “vulgaris”, no caso galego quizais polo popular que se fixo, mentresque no momento actual, dada a súa escaseza e a forte demanda, estase a converter no produto gastronómico por excelencia en Galicia aínda que traído desde o banco pesqueiro canario-sahariano que ao cocelo nas sabedoiras augas do Arenteiro convértese en manxar de deuses.
Pois, se a romaría e a súa carballeira xa eran de sona sobradamente coñecidas; desde hai tres anos, nos días previos á romaria, vén de sumarse outra iniciativa que, á vista da evolución desta todo apunta a que se convirta nun rito máis como atracción lúdico-didáctica-gastronómica: A Xuntanza de Clásicos- O Irixo, que este 28 de xuño celebrou a terceira edición.

Uns días antes, como nas demais parroquias do concello, en Dadín trátase de manter viva a tradición da celebración da festa do patrón que está adicada a San Pedro, como é o caso doutros moitos lugares, desde o San Pedro do Vaticano, porque foi a Pedro, o apóstol ao que Xesucristo lle encomendou a tarefa da fundación da igrexa con aquela coñecida misión de “ti es Pedro, e sobre esta pedra edificarei a miña igrexa” , ademais de aparecer representado coas chaves do ceo, como que el fose o responsable de dar o “pasaporte” para o acceso á vida eterna e co libro como apóstol
Aínda que a parroquia de Dadín sexa a titular da capela da Pena da Sela, porén, a romaría enténdese como algo que transcende a aquela, no sentido que case podemos dicir que é a romaría por excelencia para todo o concello ou onde se producía a maior concentración de persoas locais, xunta coa feira do Tellado, aínda que esta deixou de exercer como tal e se mantén viva a base de eventos como a “Festa do cabalo” e pouco máis. Por iso, nun texto que circula por aí baixo o título de “A farsa de Cusanca e Orcellón”, incluído no libro”O Irixo, memoria viva e morrediza”, os mozos protagonistas, Cusanca e Orcellón, móvense nos dous espazos de encontro lúdico-relixioso.

San Pedro de Dadín. San Pedro Fiz ad víncula na Espiñeira á dereita, cuxa celebración é o primeiro de agosto. O do galo, por aquilo de que lle ia negar tres veces a Xesús antes do canto
A celebración das festas relixiosas, que tradicionalmente se acompañaban de actos festivos e se pregoaban con “bombas de palenque, fuego fijo y volador y de artificio” , co correspondente folión a noite previa ao día grande, na actualidade está en caída libre, aínda que a maioría das parroquias non só festexaban o patrón ou patroa, que, como no caso de Dadín tamén era o Santo Antón obxecto de festa, ou O Campo, Cusanca, Corneda, A Cidá, Reádigos… con varios días de culto, diversión e manxares extraodinarios, nos que en cada freguesía era costume festexalo cunha comida típica: O arroz en Loureiro, a cabra no Campo, os garavanzos en Corneda…Hoxendía, algunhas persoas con moito sacrifizo e imaxinación, manteñen aceso o facho do costume, polo menos unha vez no ano, no que cada parroquia concentra todo o seu santoral, con actividades variadas como a reunión do vecindario arredor de longas mesas nas que o que importa non é tanto a comida como o de xuntarse, traer á memoria historias de tempos idos, a xeito de irmandade e confraternidade.

Igrexa de San Pedro de Dadín. Capela da Pena da Sela, no lintel:”Esta obra hizo Andrés de Portas abad de San Pedro de Dadín, a su costa, año 1757”. No cruceiro: “ Hecho a costa de Avelino Vazquez de Saavedra 1907”.
Xa temos traído a este mesmo medio de difusióno protocolo marcado desde tempos inmemoriais con respecto á celebración do día grande da romaría da Pena da Sela. Así, dun ano para outro a virxe do Carme repousa no retablo maior da capela ata que unhas xornadas antes do DÍA se baixa ata a igrexa parroquial en Dadín, cun traxecto máis curto que abeira o lugar da Seara e o muíño da Casanova.Durante os nove días previos celébrase a novena, que coincide en parte coa de San Pedro.
O primeiro domingo de Santiago, neste ano o día seis, a contorna espertará co lanzamento de bombas que anuncian o novo translado ao santuario –en 2022 fixérase o día anterior polo serán-despois de superar a sufocante calor dalgunha xornada tórrida, ou a friaxe/choiva que algún día ten deparado a climatoloxía cambiante que vai condicionar os actos previstos, tanto os de tipo gastronómico como relixioso. Os do culto porque dificultan a concelebración ao aire libre da misa solemne precedida da procesión e a subhasta das andes por aquelas persoas ofrecidas que puxan por “meter” a Santa. A medida que pasan os anos, este ritual é cada vez menos desputado, pero a devoción aínda perdura nas ofrendas de luxosas alfaias e mantos á virxe, así como exvotos de cera, ou aquelas persoas que veñen andando desde puntos ben afastados ata o lugar –Foi moi sonado o caso dunha morte dun mozo da Bugalleira que por confusión o matara outro procedente de Monterroso no ano 1911, que a prensa do momento (El Correo de Galicia) titulaba así: “Sangrientos sucesos”: “En una fiesta que se celebraba en el punto denominado Pena da Silva (sic), municipio de Irijo, ha ocurrido un sangriento suceso.
Antiguos resentimientos, exacerbados con los vapores alcohólicos, motivaron una acalorada disputa entre varios mozos de Bugalleira -O Irixo- y otros vecinos del pueblo de Monterroso, provincia de Lugo.[….]
Un paisano, como de treinta años, soltero, ha sido apuñalado por la espalda, quedando muerto en el acto.
Otro paisano, casado y compañero del anterior, también fué herido en la espalda y en una mano y su estado es graves…”
Este suceso é quizais o máis grave dos que se teña constancia, ademais doutros propios de calquera manifestación multitudinaria como vén sendo o caso da romaría, ata os nosos días ou como o que relatou en 1961 o xornal “El Pueblo Gallego” titulaba: “El ratero de turno” : “Parece ser inveterada costumbre en dicho lugar, el que los devotos pujen y subasten la privilegiada distinción u honor de entrar con las andas de la Excelsa Patrona de la Iglesia. Enfrascados y atentos pues a obtener tal privilegio se encontraban rivalizando en la puja y subasta tres vecinos de edad ya muy madura, llamados Fortunato, Manuel y José. Acercose entonces el sigiloso Jesús que por el respectivo orden despojó de las carteras a los confiados viejos que las guardaban en los bolsillos del pantalón….doscientas, mil doscienta y dos mil cien pesetas que aquellos guardaban…
Busca que te buscarás emprendieron la localización e identificación del Jesús, al que encuentran haciendo los honores a un plato de pulpo… Se hace el longuis pero aparece la Benemérita que se lo lleva detenido…

A Virxe do Carme antes de iniciar o translado de Dadín á Pena da Sela. A Bugalleira de Baixo, onde se atopa o peto na honra da Santa, ao pé do Camiño Real e dos Arrieiros.
Máis alá de día tan sinalado, a capela tamén segue sendo motivo de atención para algunha que outra misa ofrecida por persoas que seguen dando as grazas por ter entendido que axudou a superar algún suceso propio ou familiar, ou pedirlle axuda par superar situacións de extrema dificultade como enfermidades, probas físicas ou de carácter cadémico…-Cadaquén coas súas cousas!
Pero, ademais de cuestións de fe, nestes tres ultimos anos veuse convertindo a carballeira na meta automobilística da celebración da XUNTANZA de COCHES CLÁSICOS do Irixo. Actividade que, segundo os organizadores, ten superado as previsións sobradamente, xa que a participación de 150 inscritos tivo que pecharse quince días antes do prazo previsto por cuestións de seguridade e esixencias de Tráfico. Deste xeito limitouse o acceso a 150 inscritos cun total de 250 contando cun acompañante, segundo declaracións de Diego e Moncho á COPE do Carballiño, cuxa xornada se inicia coa concentración na praza Manuel Penedo, para despois continuar con algunha actividade como unha especie de xogo para chamar a atención sobre determinadas curiosidades cun concursiño de preguntas pasando pola parroquia do Campo, Froufe, Parada…descanso en Moldes ao abeiro do Pazo Tizón na primeira etapa coa colaboración do concello de Boborás. As parroquias de Reádigos Corneda, Loureiro e Dadín completaron a segunda etapa. Contan os organizadores que para que o xantar resulte máis familiar cóntase cunha carpa máis ampla que serviría de repouso e degustación de abondosas viandas, seguidas de música, relax…ademais do sorteo dun coche e unha Vespa que se resolverá segundo os números premiados da lotería de Nadal.
Xa fora a carballeira motivo de atención da TVG, cando se gravou e emitiu en directo o programa do mesmo nome “Carballeira”, no que tivo unha participación destacada a veciñanza da parroquia de Corneda.
Polo tanto, podemos concluír que a Pena da Sela, ademais de ser un lugar de culto mariano respectado desde ben antigo, ségueo a ser na actualidade tanto desde o punto de visto profano como relixioso, que supera as estremas parroquiais e, polo tanto, debe ser asumido polo concello como algo a preservar dalgunhas imprudencias humanas e ambientais que, como o lume poden poñer en grave perigo a súa salvagarda. –Quizais debería ser ampliada a franxa de seguridade.

Programa da TVG, presentado por María Mera, emitido desde A Pena da Sela ( 2022
Dicían os organizadores da III Xuntanza de coches clásicos do Irixo que, ademais do interese que poida ter a mostra, especialmente para os amantes do automóbil, tamén se pretende dar a coñecer a riqueza patrimonial do concello, -que algunha ten-, tanto desde o punto de vista arquitectónico, arqueolóxico, etnográfico como natural. Algo moi loable pola súa parte, aínda que sexa soamente de pasada, porque pode servir de motivación inicial para unha visita máis pousada a aquelas persoas que sintan curiosidade por todo iso, e evitarmos o que prognosticaba o noso paisano Emilio Duro Peña, natural de Froufe, cando acuñara unha sentencia, que eu fago miña e lembro cada vez que se presenta o caso: “SITU ADMIRABILIS, ANTIQUITATE VENERABILIS, STATU DEPLORABILIS”, que resume de xeito maxistral o que está a suceder co Patrimonio cultural.

Desde Saavedra, Pena Negra de branco. Reádigos: Ribela, A Barcia e Fontes. Viaduto de Santiso. Parteme (Froufe).Unha mínima mostra visual da III Xuntanza dos Clásicos do Irixo.

Celebración eucarística á sombra das carballas e do alpendre doado por un devoto
Nunha retrospectiva sobre o santuario da Pena da Sela non podemos esquecer un momento senlleiro que tivo lugar o 14 de maio de 1967 con motivo de cumprirse o quincuaxésimo aniversario da aparición da Nosa Señora de Fátima en Cova de Iria aos tres pastorciños, do que nos dá conta do magno acontecemento o corresponsal de La Región no Irixo, Julio César Augusto Taboada Lorenzo, (Dadín:1927-2007) (De nuestro corresponsal, J. César, tal e como o identificaba o xornal).
J. César, nos días previos á xornada sinalada, informa e deleita, como sempre con esa prosa requintada que o caracterizaba, dos fastos previos que terán o seu desenlace na xornada de peregrinaxe ata a Pena da Sela desde a capela da Fátima na Ponte.
Así, ademais de lembrar a proxección de tan popular ermida da Pena da Sela como “centro de devoción y de amplio renombre en el ámbito comarcal y partidos limítrofes”, continúa o seu relato informando do novenario na Ponte, “que el día 14, por la tarde la venerada imagen será llevada en carroza y seguida en procesión motorizada hasta el pueblo de Bugalleira, en donde se organizará una magna peregrinación hasta el Santuario de la Sela, con la participación de cuantos fieles se unan a esta fiesta religiosa y la población infantil de las escuelas del municipio”.-Lembrades?
Unha vez na explanada do santuario sería o bispo da diocese, doctor Temiño Sáiz, quen oficiaría a misa acompañado de varios sacerdotes, para o que se contará “cun equipo de altavoces a fin de que todos los fieles puedan seguir el desarrollo de la solemne ceremonia”.
Véxase a ampla e xenerosa reportaxe, despois do éxito de publico e da solemnidade do mesmo:

(De nuestro corresponsalJ. César :La Región, 17 de maio de 1967). -Continúa na páxina seguinte-
Nada mellor que reproducir a crónica completa que nos legou o insuperable cronista local:

Corrían tempos fértiles para Dadín, coa concentración da maioría dos poderes locais, xa que tal e como nos ten relatado o corresponsal, coincidían varias circunstancias favorables: a existencia de varios negocios, era o caso do propio Julio, e outros afíns, ademais de contar coa bendición da familia dos da Casa Grande -Por exemplo, Alfonso Pérez López que se cita na Nota final- cun elevado grao de influencia na capital e fóra dela, en cuxa casa anexa se establecera o cuartel da Garda Civil, ademais de coincidir nese momento un crego moi querido, don Manuel Mouriño, de aire “oteriano”, enterrado no cemiterio parroquial; o alcalde Gisleno Otero, veciño do Enfreado-Dadín, e outros que se sumaban á tertulia na transtenda para as acaloradas partidas de dominó nas que participaba Adolfo de Saavedra, “O Périto”, o seu sobriño Manuel Villanueva, veciño e funcionario no Concello, Alfonso Míguez cando andaba por aquí, case sempre envoltos nunha espesa néboa de fume á calor da catalítica, baixo a atenta mirada e o respecto –non medo– ao cura apoiado no seu bastón. Todos eles enterrados no cemiterio de Dadín, xunta outras moitas persoas de non menos sentido e querido afecto dos seus descendentes como foi o caso do popular caminero, “O Furo da Bugalleira”, unha sorte de mensaxeiro das novidades locais do que Julio deixou constancia escrita nun orixinal relato publicado en La Región: “El último eslabón” (22-07-1970)

Capela na Ponte, imaxes da Fátima e Padre Pío. Procesión no día da Romaría na Pena da Sela
NOTA: Suxiro a posibilidade de organizar unha nova peregrinación desde a capela da Fátima na Ponte á Pena da Sela, cando en 1927 se cumpra o sesaxésimo aniversario da anterior, asi como o de nomear como Cronista oficial, a título póstumo, a Julio César Augusto Taboada Lorenzo, avezado escritor, de longa traxectoria como corresponsal local do xornal La Región, en agradecemento ao seu labor de difusión da realidade local do momento. Mentres tanto: Felices e venturosas festas 2025 a fregueses e alleos!

Como en toda romaría galega que se prece, non podían faltar os sons das gaitas, bombos, pandeiros, cunchas ou pandeiretas… e que mellor se eses instrumentos están interpretados por persoas de raíces no concello ou na contorna, como é o caso da “Escola de gaitas e danzas do Irixo”. (Na foto, cando a praza do concello foi bautizada co nome de Manuel Penedo Paradela, o 7 de xullo de 2021, co escudo doado polo centro carballiñés de Bos Aires o día 7 de xaneiro de 1996. O acto estivera presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, M. Ángel Santalices Vieira, O Delegado da Xunta en Ourense e o Alcalde, Manuel Cerdeira Lorenzo) .
O Grupo de Gaitas intervirá este día na romaría á chegada da Santa á carballeira da Pena da Sela e ao remate da misa solemne.
Dito isto e tal e como lle escoitaba contar a meu pai sobre a romaría, na que era frecuente que participasen como músicos os de Veiga (O Carballiño), lembraba que estes pechaban o baile contra a noitiña -por razóns técnicas-: Se vos gustou esta peza, tocarémola outro día; que son as once da noite, acabou a romaría…
Vésperas da Pena da Sela, 2025. Saavedra-Dadín-O Irixo
Xulio Dobarro Ferradás
Outros artigos de Xulio Dobarro
Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”
Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes por Emilio Duro Peña “
Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”
O Irixo-Dadín : J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (III)
O Irixo: J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (ii)
O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal” en “La Región”
Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán
Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”
Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “
Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”
Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”
Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.
Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”
Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “
Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “
Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”
Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”
Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”
Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)
Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”
Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”
Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “
Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “
Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme
Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “
Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “
Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?
Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III
Xulio Dobarro: Escolma artesanal II
Xulio Dobarro: Outono de vida e morte
Xulio Dobarro: Escolma artesanal
Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”
Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “
Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”
Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro
Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)
O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria
A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )
O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu
O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado
O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I
O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “
O Irixo, escaparate centenario da emigración
O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)
O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).
O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)
O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)
O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono
O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”
Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”
O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”
Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor
O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”
O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)
O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )
O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.
