A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Bertrand Russell opinaba que a linguaxe foi considerada supersticiosamente desde o momento en que os seres humanos foron quen de enunciar os seus pensamentos (B. Russell: O coñecemento humano). Por tal motivo, os salvaxes teñen medo de descubrir o seu nome a un inimigo, porque este, coñecendo o seu nome, utilizaría a maxia en contra súa. Nese mesmo sentido encaixa o segundo mandamento da Igrexa Católica: “Non tomarás o nome de Deus en balde”. Pero filósofo inglés estima que, nun sentido máis amplo, a linguaxe pode utilizarse para expresar emocións ou para influenciar na conduta doutras persoas.

Se nos centramos na súa esencia e orixe, a capacidade lingüística é conxénita porque forma parte da natureza humana, xustificando así o seu parecido en todos os individuos. Con todo, para poder falar non é suficiente gozar desa capacidade lingüística xenérica, senón que se precisa tamén a especificación concreta dun código sintáctico e dun léxico determinados. Os cerebros individuais dos seres humanos son os portadores de todos os contidos da cultura humana, xa que neles existen as relixións, as linguas, as tradicións gastronómicas, os costumes familiares, as artes, os prexuízos, os coñecementos, as ideoloxías e incluso as maneiras de pensar. 

             Se a linguaxe depende do cerebro, por que adoita dicirse que un territorio, un país ou un Estado teñen a súa propia lingua? Acaso estas institucións posúen cerebro? Evidentemente, non. Os territorios ou rexións, os países e os Estados non teñen cerebro, igual que tampouco o ten a sociedade como conxunto humano. Se a linguaxe é propia dos individuos, que son os que dispoñen de cerebro, está claro que ningún destes entes citados dispón de linguaxe. Cando se proclama que un Estado ou unha nación posúen a súa propia lingua, o que se pretende manifestar é que nese territorio as persoas se comunican entre si cunha determinada linguaxe. Atribuírlle ás nacións ou aos Estados a linguaxe é un erro categorial. Que quero dicir con isto? Que os conceptos teñen o seu propio campo de utilización, dentro do cal ten sentido afirmalos ou negalos. Dun número ten sentido afirmar que é divisible por 3, e tal afirmación pode ser verdadeira ou falsa. Se me refiro, por exemplo, ao número 9, direi que resulta verdadeiro afirmar que é divisible por 3, pero se aludo ao número 8, manifestarei que é falsa a súa divisibilidade por 3. Carece de sentido asegurar que, por exemplo, a beleza é divisible por tres, pois isto nin é verdadeiro nin falso, simplemente carece de sentido. Como tamén carece de sentido atribuírlle beleza aos números ou atribuirlle unha linguaxe a quen carece de cerebro. Este tipo de afirmacións caen nos erros categoriais.

            Considérase igualmente un erro categorial aplicarlle a un sistema ou a un conxunto propiedades que pertencen aos elementos dese sistema ou conxunto; ou ao revés, asignarlle aos elementos unas propiedades que son exclusivas do sistema ou do conxunto. Así, afirmar que a psicoloxía pode ser depresiva ou que unha neurona pode ver ou pensar é un enorme erro. Depresivas poden ser as persoas, das que se ocupa a psicoloxía, así como ver ou pensar é unha facultade do cerebro, que se compón de neuronas, pero as neuronas nin pensan nin ven. 

Innatismo e aprendizaxe

            Se a linguaxe reside no cerebro, debemos pensar que é innata, e polo tanto non deberiamos ter necesidade de aprendela. Pero como iso non sucede, estamos obrigados a educarnos e instruirnos nela; normalmente facémolo con traballo e esforzo. A que se debe a necesidade de aprendela? Non parece cuestionable que sexa no noso cerebro onde reside a capacidade lingüística para comunicarnos nin que esa capacidade sexa moi similar en todas as persoas. Con todo, para falar non é suficiente a capacidade lingüística xenérica que ten o cerebro, senón que se precisa tamén a especificación concreta dun código sintáctico e dun léxico determinados. Esa codificación pode tomar formas diferentes. A que se debe? Esencialmente, a que as frases que oímos (proferencias) na infancia determinan que o noso cerebro constrúa un código determinado, unha lingua particular, e o plasme dun modo automático en forma de conexións neurais permanentes. Esa lingua constitúe a nosa lingua materna. Máis tarde, poderemos aprender outras linguas, pero ese proceso será máis laborioso e o resultado xeralmente menos brillante.

            O noso cerebro é como un ordenador. Os ordenadores veñen de fábrica cunha estrutura determinada, pero son incapaces de computar nin de executar ningunha función mentres non lles introduzamos un sistema operativo e lles insertemos determinados programas de aplicación. Ao cerebro sucélle o mesmo: vén cunha estrutura lingüística, pero non permite a linguaxe mentres careza de sistema operativo. As diversas linguas son similares aos diversos sistemas operativos e aos programas de aplicación. O sistema operativo do ordenador almacénase no disco duro, e a linguaxe (a gramática e o léxico dunha lingua determinada) almacénase no cerebro da persoa. Da mesma maneira que un sistema operativo pode ter varias versións (no Windows está o 2, o 3, o 95, o 98, o 2000, o 2007, o XP, o Vista…) para meter nun ordenador e o usuario pode configúralo de diversas formas, do mesmo modo cada falante pode practicar o mesmo sistema coas linguas, porque estas só existen en formas distintas e cambiantes. A lingua real é o idiolecto de cada falante. As linguas son sistemas lingüísticos abstractos que se incorporan a cada cerebro persoal. Un cativo normal aprende calquera lingua do mundo na que se lle fale. A partir desa capacidade lingüística conxénita e das proferencias que oe, o infante constrúe o seu propio sistema lingüístico -o seu idiolecto-. Os falantes da mesma comunidade lingüística están sometidos á audición de proferencias construídas conforme ás mesmas regras e co mesmo vocabulario. Esa é a razón por que os idiolectos das persoas do mesmo grupo se parecen tanto entre si, aínda que nunca son idénticos.

Linguas e dialectos

Cando falamos de linguas e dialectos estamos referíndonos a unha variedade lingüística dun grupo de idiolectos bastante uniformes, por medio dos que se comunican entre si os membros dunha mesma comunidade. A distinción entre lingua e dialecto é frecuentemente política, non lingüística. En tempos de Franco, as gramáticas españolas explicaban que o galego e o catalán eran dialectos do castelán. O único criterio para distinguir unha lingua dun dialecto é a mutua intelixibilidade. Se dúas variedades lingüísticas son mutuamente intelixibles (os falantes dunha e outra se entenden -por exemplo, a fala de Vigo e de Lugo-), dicimos que son dous dialectos da misma lingua. Se as variedades son inintelixibles entre si (a fala do Carballiño e a de Tokio), dicimos que se trata de linguas distintas. Pero o problema da distinción entre lingua e dialecto aparece fundamentalmente en política. Os políticos unionistas ou unitaristas consideran as variedades lingüísticas como dialectos da mesma lingua (por exemplo, os pancatalanistas consideran o catalán e o valenciano como dialectos da mesma lingua), en cambio os políticos nacionalistas (valencianos anticatalanistas) defenden que se trata de dúas linguas distintas.

            O certo é que a única realidade lingüística é o idiolecto plasmado no cerebro dun individuo (incluído o posible multi-idiolecto, que pode implicar varios rexistros dunha lingua ou de varias). As variedades lingüísticas supraindividuais son meras abstraccións. E estas son as que se denominan linguas ou dialectos.

Lingua materna e lingua franca     

A lingua que aprende bioloxicamente unha persoa, oíndoa durante a súa infancia da nai, do pai e das persoas coas que se relaciona, é a lingua materna, coñecida tamén como primeira lingua ou lingua nativa. As linguas que un aprende, sexa na escola ou na rúa, son linguas segundas. Os falantes nativos dunha lingua son os que a teñen como lingua materna. A lingua vernácula ou o dialecto vernáculo dunha comunidade é a variedade lingüística nativa ou materna da maioría dos seus membros, que a usan para entenderse entre eles. Oponse á lingua franca ou vehicular, que é a que se usa para entenderse con persoas doutras comunidades.

            Unha lingua franca é unha lingua usada como lingua auxiliar por parte de falantes nativos doutras linguas para facilitar a comunicación entre grupos lingüísticos distintos. Normalmente son as linguas francas as que facilitan as viaxes, as que permiten o intercambio comercial e as que nos dan acceso á cultura e ás informacións do mundo globalizado. Unha lingua franca pode ser ao mesmo tempo a lingua materna de moitos usuarios (caso do inglés, do francés, do chino mandarín), ou pode ser a lingua nativa de poucos (o malaio en Indonesia e o swahili na África Oriental) ou incluso de ninguna persoa (caso do latín na Idade Media). Unha minoría de bretóns segue falando o bretón como lingua vernácula, pero utiliza o francés como lingua franca. Os galegos usamos o galego como lingua vernácula, pero usamos o castelán como lingua franca. O swahili é lingua nativa de apenas 3 millóns de falantes, pero son case 80 millóns de africanos que a falan como segunda lingua e que se usa como lingua franca entre as diversas tribos.  A lingua franca do Imperio español era o castelán e aínda sendo agora a lingua nativa de moitos países de Latinoamérica, noutros casos funciona como lingua franca, tanto para españois como americanos.

            Na Antigüidade clásica, o latín e, sobre todo, o grego foron as linguas francas de todo o mundo mediterráneo e da súa contorna. Durante a Idade Media, o latín seguiu sendo a lingua franca de Europa occidental, mentres o grego o foi do Imperio Bizantino e o árabe do Oriente Próximo e do norte de África. Na India antiga e medieval, o sánscrito foi a lingua franca dos brahmáns e das clases cultas, mentres o chinés se consolidaba como lingua franca da Asia oriental.

            Nos séculos XVI e XVII, o castelán foi a lingua franca de gran parte de Europa, sendo reemprazada polo francés nos séculos XVIII e XIX. O francés durante estes dous séculos era a lingua franca da aristocracia, da diplomacia, da ciencia e da arte europeos. Actualmente segue sendo a lingua franca de gran parte da África occidental e central. Nas últimas décadas do século XIX, o francés cedeulle o papel ao alemán na Europa central e na ciencia. Durante o século XX e o que levamos do XXI, sobre todo a partir da Segunda Guerra Mundial, o inglés foise afianzando como lingua franca en todo o mundo co gran respaldo de Internet.

Criterios erróneos na valoración das linguas

            Pode considerarse verdadeira a crenza de que as linguas máis antigas eran máis simples que as modernas? Ou, mesmo, que existen linguas máis fermosas que outras?

As linguas son intrinsecamente iguais ou equivalentes en canto á estrutura e capacidade expresiva. Non é certo que as linguas máis antigas ou que se falan nos pobos máis primitivos sexan máis simples que as que se usan en sociedades máis modernas e con maior progreso. O indoeuropeo non tiña unha gramática máis simple ou con menor capacidade expresiva que o inglés actual. O italiano non é mais complexo que o latín. As linguas románicas teñen unha estrutura gramatical moi parecida e en todas elas se poden expresar as mesmas cousas. As lagoas que poidan aparecer nos seus dicionarios soluciónanse introducindo novos términos.

            Cando se di que hai linguas máis fermosas ou que soan mellor que outras, non se atopan argumentos obxectivos que corroboren esas ideas. Tan só a subxectividade dos seus falantes permite dicir que unha lingua ou un dialecto é máis fermoso ou sonoro que outros.

            No que si hai diferenzas obxectivas enormes é na potencialidade comunicativa e no poder económico das linguas, pero iso débese a factores extrínsecos, como é o número dos seus falantes, o uso como lingua franca, a amplitude da súa difusión territorial, a utilidade nas viaxes, a importancia no comercio e nas empresas, as organizacións internacionais, o acceso á información, a bibliografía dispoñible, a presenza en Internet… pero non ás características das propias linguas.

Evolución versus inmobilización das linguas

As linguas están cambiando constantemente na súa estrutura interna. A razón diso está en que os idiolectos dos infantes (nenas e nenos) non son copias exactas dos idiolectos dos seus proxenitores. Esas pequenas diferenzas vanse acumulando de xeración en xeración, producindo grandes cambios lingüísticos. Se observamos, por exemplo, o castelán do Cantar do Mio Cid, século XIII, co castelán do Lazarillo de Tormes, século XVI, ou o castelán do Quixote, século XVII, co castelán actual, notamos cambios sorprendentes. Mesmo se comparamos o castelán de principios do século XXI co dos dous últimos lustros, nos que se introduce a linguaxe inclusiva, os cambios fanse notorios.   

            Tamén a distribución xeográfica e a implantación social soen varíar co paso do tempo. Unha lingua nacida dun pequeno dialecto pode permanecer séculos estancada nunha selva ou estenderse por todo o mundo como unha gran lingua franca. Tamén pode ver reducida a súa área e o número dos seus falantes ata desaparecer. Actualmente fálanse, aproximadamente, unhas seis mil linguas diferentes, das que cada mes desaparecen dúas por falecemento dos seus últimos falantes.

            Tanto a extensión como a redución do uso dunha lingua dependen de múltiples factores demográficos, económicos e incluso do prestixio. A veces tamén depende de conquistas militares, limpezas étnicas, políticas de imposición ou “normalización” lingüística. A futura evolución das linguas é imprevisible, igual que o é a evolución da cultura e da historia. O único seguro é que as linguas nunca permanecerán inmóviles, pois o seu dinamismo e o seu cambio son inevitables.

            En ausencia de coacción e de interferencia política, a implantación das linguas no mundo vai variando constantemente. E as explicacións son múltiples. Uns grupos lingüísticos teñen máis nenos e nenas que outros. Certos grupos emigran a novas zonas. Algunhas persoas cambian de domicilio por traballo, por estudo ou por clima. Falantes dunha lingua casan con falantes doutra. Pais preocupados polo futuro dos fillos deciden non transmitirlles a súa lingua nativa senón outra que consideran máis útil no seu desenvolvemento profesional. Outros aférranse á súa lingua nativa e transmítena con paixón aos seus fillos. En Galicia, a acelerada despoboación das aldeas supón un golpe mortal para o vocabulario da nosa lingua.

A linguaxe realizativa

A linguaxe, ademais dunha función representativa, que se utiliza na ciencia e na filosofía, ten outras funcións que amplían o seu campo. Unha desoutras funcións está na creación de enunciados prescriptivos, das normas, das formas políticas, das promesas, dos imperativos, das ameazas, etc., que non se relacionan coa verdade ou falsidade das accións, senón coa efectividade das mesmas.  

De igual forma que a linguaxe se pode utilizar para expresar emocións ou para influenciar na conduta doutras persoas, como manifestaba B. Russell, utilízase tamén para crear novas realidades. Niso consiste precisamente a súa función realizativa. Esta función da linguaxe recibe o cualificativo de performativa, categorización que se debe ao filósofo John Langshaw Austin, e que se extrae do seu libro Como facer cousas coas palabras. Nesa mesma liña está o filósofo John Searle, quen no seu libro A construción da realidade social explica a complexa relación da linguaxe coa creación do mundo social.

Neste mesmo sentido está utilizada a linguaxe de Yahvé na creación do mundo, como relata o Xénese bíblico: “Fágase a luz. E a luz fíxose”. Seguindo ese mesmo sentido, a Igrexa católica establece os sacramentos, que orixinan novas realidades, como a do matrimonio: “eu vos declaro marido e muller”, o do bautismo: “eu bautízote no nome do Pai…”, na penitencia, etc. Moitas destas clases de realidade social orixínanse nesta función performativa da linguaxe.

Economía da linguaxe e o feed-back

Sería conveniente evitar que a linguaxe se derrame, de forma inútil e absurda, máis alá dos límites das súas propias posibilidades e da súa finalidade natural, que non é outra que a de establecer a relación entre o ser humano e o mundo, e a de axustar o nexo entre o individuo e a sociedade. E todo iso na xusta medida, como pretendía Heidegger: “A linguaxe talvez pida, máis que un precipitado esperar, un xusto calar” (Heidegger: Carta sobre o humanismo). Ese calar expresa un modo de fomentar a economía da linguaxe e unha maneira de evitar perder o tempo. Se a linguaxe se considera a “casa do ser”, no bo dicir de Heidegger, non debería utilizarse como fogos fatuos en debates, conversas e en calquera outra forma de falar que careza de mensaxe. Así o reivindacaba de igual maneira Wittgenstein no Tractatus, pechando o libro con aquel célebre aforismo: “Do que non se pode falar, mellor calar”.

            Nestes momentos tan profusos en comunicación, o debate escenificado nos medios de comunicación adoita saturar a capacidade dos seus destinatarios -oíntes, televidentes-, porque os monólogos dos interlocutores en raras ocasións centran a análise das mensaxes dos outros contertulios. E así, prolongan as intervencións sen argumentar ningún dos seus enfoques. A todos eses tertulianos hai que lles lembrar que para dialogar é necesario escoitar e logo responder. Niso consiste o feed-back, que resulta imprescindible para conversar, debater, competir ou dilogar. Nestes foros nos que a linguaxe constitúe o cerne da actividade social cómpre aplicar, como no resto de actividades humanas, o principio de economía que formulara no século XIV Guillermo de Occam: entia non sunt multiplicanda sine neccesitate (non hai que multiplicar as cousas sen necesidade). Os monólogos teñen o seu propio papel no teatro e noutros escenarios de espectáculos e divertimento. Os debates, as conversacións, as discusións, as tertulias… non son monólogos, son diálogos.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.