Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

FESTAS EN RIBADAVIA

Mientras no hay teoría no hay ciencia, pero la actividad científica no se acaba con la ocurrencia de la teoría; en realidad, empieza con ella… La ocurrencia del matemático solo es aceptada como teorema cuando ha sido probada (Jesús Mosterín: Teoría axiomática de conjuntos).

                                                        Jesús Mosterín e Avelino Muleiro

            O eloxio que Jesús Mosterín lle regala á ocorrencia non merece pasar por alto, tanto pola categoría intelectual do filósofo que a formula como polo contexto do agasallo no que o entrega. Mosterín instala neste caso o concepto de ocorrencia na ciencia e nas matemáticas, dúas das actividades humanas que gozan do máis elevado prestixio intelectual.  

Etimoloxicamente, a palabra ocorrencia deriva do prefixo latino ob– (fronte a) e do verbo, tamén latino, currere (correr, avanzar, acudir, ir…), que ambos xuntos aportarían a expresión “acudir fronte a”. Iso vén a ser basicamente a ocorrencia, acudir á resolución dos problemas. Niso consisten de forma primordial a lóxica e as matemáticas: en resolver problemas de carácter formal. As ocorrencias políticas, económicas, científicas, sociais… apuntan á resolución de problemas empíricos, reais, que son específicos do mundo que habitamos. Non obstante, esas dúas formas de ocorrencia non se poden solapar nin reemprazar entre si. A ocorrencia lóxico-matemática compete á estrutura formal, a forma sintáctica dos enunciados, en cambio a ocorrencia material afecta á semántica das proposicións coas que aquela se expresa.

Ocorrencia, nun amplo ámbito da semántica,é sinónimo de enxeño, de lóstrego intelectual, de rescoldo da Ilustración, e mesmo de faísca afiligranada nas ourivarías da razón. Cada ocorrencia é unha luzada que alumea as alancadas que nos permiten camiñar a cóbado coa historia para non quedar ancorados no pasado. Na ocorrencia soe agocharse case sempre un novo achado intelectual, científico ou cultural, que se transmite como latexo silencioso a cada sistema político, a cada órgano institucional e á inmensa maioría da sociedade na procura de avalar o progreso e de coidar a convivencia e a homeostase social. Non entendemos aquí a ocorrencia como sinónimo de suceso, como o que lle dá a Policía Nacional a esa termo cando contabiliza os sucesos de cada xornada no “parte de ocorrencias”.

A ocorrencia, definida pola RAE no senso máis amplo e popular, significa unha “idea inesperada, un pensamento ou expresión aguda e orixinal”. Quen non lembra, non admira ou mesmamente non cita as ocorrencias de Groucho Marx, da Mafalda de Quino, de Woody Allen, de R. Feynman, de Robert Oppenheimer, de Alan Turing, de Isaac Newton, de Thomas A. Edison, de Nikola Tesla, de A. Einstein…? As súas ocorrencias circulan polas redes sociais e son invocadas nos libros máis eruditos e prestixiosos. Grazas á ocorrencia de Newton sobre o esborralle da mazá na súa cabeza (¿?) naceu a teoría da gravitación universal. Pola ocorrencia de R. Feynman comparando a física co sexo –“A física é como o sexo: seguro que dá algunha compensación práctica, pero non é por iso polo que o facemos”-

foi posible calcular as ecuacións de neutróns para o reactor nuclear (a “caldeira”) dos Álamos para o proxecto Manhattan, onde se fabricou a bomba atómica baixo a dirección de Oppenheimer. De non ser pola ocorrencia de Einstein afirmando que “Deus non xoga aos dados” ignorariamos a crítica ao indeterminismo defendido pola mecánica cuántica. O mesmo nos pasaría de non ter A. Turing a ocorrencia de se preguntar: “E se para loitar contra unha máquina como Enigma fixese falta outra máquina?”. Pois de faltar esa ocorrencia non se descifrarían as comunicacións alemás cifradas pola máquina Enigma durante a Segunda Guerra Mundial xa que non existiría o dispositivo “bombe”, creado por Turing, co que o exército dos EEUU puidese descifrar as mensaxes do exército alemán, decidindo así a vitoria ao seu favor.

            Grande ocorrencia foi a de Arquímides, o extraordinario físico e matemático grego do século III a. C., co seu memorable ¡eureka! logo de descubrir a lei do empuxe hidrostático: “todo corpo mergullado nun líquido experimenta unha forza cara arriba equivalente ao peso do volume desaloxado”.

            Estas son as ocorrencias que precisamos e botamos de menos nos últimos tempos. A ocorrencia revela a lucidez mental, o talento e a sagacidade da persoa ante diferentes alternativas e propostas dun problema ou dunha situación bloqueada. Evidencia e constata, xa que logo, o nivel intelectual de quen formula solucións ou de quen abre itinerarios ou estratexias que permiten resolver con éxito as interrogantes que a vida, de forma constante e mesmo atrabiliaria, abre en todos os frontes. Así se entende e se prestixia a ocorrencia polo común dos humanos, que a valoramos de igual modo na orixinalidade cómica dun chiste como no desenlace feliz ante a encrucillada escabrosa e complexa dun reto científico.

Suxeito elíptico da ocorrencia  

A ocorrencia presenta unha cara bifronte na teoría da linguaxe: emerxe no receptor, pero queda eclipsada no emisor. Ninguén leva o orgullo de expresar unha idea orixinal cualificándoa de ocorrente (dise: teño unha idea para resolver tal problema; non se di: teño unha ocorrencia para resolver tal situación); en cambio, dise que alguén ten tal ocorrencia. O creador dunha idea preséntaa aos demais como verdade categórica, vese seguro de confirmar o que expresa, en cambio os demais toman esa idea como ocorrencia e sométena á súa propia opinión.

Arquímedes non dixo que tivese a ocorrencia de que “se lle desen un punto de apoio movería a Terra”, senón que descubriu a idea de que dispoñendo dunha panca (imaxinaria) e dun punto fixo no que apoiala podería mover a Terra. É o resto dos seres humanos que coñecen a vida de Arquímedes quen definen esa idea orixinal de ocorrencia e de sometela á súa propia opinión.

Ocorrencias políticas

A política nunca debería subir ao carrusel dialéctico proclive á disposición permanente da ignominia, da argumentación falaz e impregnado desa sensibilidade narcotizada e crepuscular -case sempre emparentada cos sucesos dramáticos e apocalípticos- coa soa finalidade de buscar a conciliación co voto e de postergar as solucións aos problemas reais. O cerne do discurso político tería que centrarse directamente nas cousas, no que realmente son, e non pretender manipular como se deben de percibir, porque o horizonte da nosa percepción non é o horizonte da realidade. A realidade non é manipulable, pero a percepción si. Por esa razón a manipulación induce a desconfiar do manipulador: “Non que ti me mentiras, senón que eu xa non cree en ti, iso é o que me fixo estremecer” (Nietzsche: Máis aló do ben e do mal).

Os políticos, nese constante intercambio de ternezas (¿?) que tanto adoitan expresar, tentan instilar no seu discurso a estupidez das ocorrencias nas que enfundan ao seu opositor para desacreditar os argumentos do adversario. Utilizan as ocorrencias non como piares dun argumento, senón como contraargumentos dialécticos no debate político. En demasiadas ocasións fano ademais con sulfúrea impertinencia e sorrisos escorregadizos. Parece, pois, que a ocorrencia se converteu en moda nos últimos tempos porque, como letanía coral, se repite nos discursos electorais e nos diferentes foros que proliferan neste país, así como nos abafadores debates cos que se ateigan os medios de comunicación.

            Pero esta sociedade, mergullada na crise da inflación e posicionada nun brete de quedar sen suministro enerxético no próximo outono, o menos que necesita son as pseudo ocorrencias dos políticos e as críticas ás mesmas. “El capital de un pueblo no es el numismático ni, en general, el económico; es el capital político, la energía productora de ideas civiles. Al hilo de esta noción, podríamos marcar una escala de las naciones, poniendo en el lugar ínfimo a España, dónde no existe energía política, y en el más alto Francia, donde todo se convierte en sustancia gris social.” (Vieja y nueva política). Foi o mesmo Ortega y Gasset quen hai xa algo máis dun século, refregando na ferida provocada polos políticos, publicou unha ocorrencia de Platón: “Cuando Platón advertía que las sociedades no marcharían correctamente mientras no fueran los gobernantes filósofos o los filósofos gobernantes, cometió una indiscreción que, por ser él hombre tan antiguo, casi le es perdonable.” (Vieja y nueva política). Supoño que a inocencia de Platón á que alude Ortega débese a que o fundador da Academia ateniense naceu tan prematuramente na historia como para non poder coñecer a Maquiavelo nin ao seu libro O príncipe. De nacer vinte séculos máis tarde, Nicolás Maquiavelo demostraríalle ao discípulo de Sócrates que os gobernantes non practican a filosofía, senón que usan as súas ocorrentes estratexias que lle permitan conservar o poder.

            Sen tratar de ateigar a lista de ocorrencias políticas dos últimos anos e as súas respectivas críticas, lembremos estas pequenas cápsulas:

“Parece que estamos en una subasta de ocurrencias y ocurrencias pop” (Susana Díaz)

“Es muy grave pasar de la ocurrencia a la frivolidad, de la inmadurez a lo irresponsable” (representante do PSOE acusando a Maroto, do PP).

 “Mañueco se puso solemne y dijo: Se van a acabar las ocurrencias en Castilla y León. Pues para que se acaben las ocurrencias, Mañueco no puede ser presidente. Es la única manera” (deputado do PSOE de Castela León).

“Mire usted, el charco de ocurrencias, errores, polémicas y chapuzas que le rodean a usted y a su Gobierno es claramente irrespirable” (Deputado do PSOE de Madrid a Ayuso)

“España no necesita ocurrencias ni originalidades costosas. España necesita los valores antes que las ocurrencias” (Mariano Rajoy).

“Cada gira que Pablo Casado hace por Canarias genera titulares sorpresa a cuenta de sus ocurrencias… No es la primera vez que Casado suelta una de estas ocurrencias o dislates pues la anterior ocasión formuló que Canarias se convirtiera en plataforma de la OTAN para África” (Casimiro Curbelo, Agrupación Socialista da Gomera).

“¿Por qué el Estado no se dedica a comprar todos los coches que fabricamos? ¿O por qué no se hace con los millones de toneladas de productos agrarios que se venden en el exterior cada año? Pueden ser unas buenas ocurrencias” (Pablo Iglesias).

“É unha gran ocorrencia de Garzón a chamada do ministro a reducir o consumo de carne tras argumentar que o exceso resulta prexudicial para os cidadáns e o planeta” (Alberto Núñez Feijóo).

“O Goberno vasco tilda de ocorrencia o Real Decreto Lei do Goberno do Estado sobre o aforro enerxético” (Aitor Esteban Bravo).

“Lo de las ocurrencias infantiles de Arrimadas empieza a ser insufrible y dan más pena que otra cosa. Y de entre todas ellas la más notable fue la de ir de la mano de Sánchez a una moción de censura en Murcia contra el PP lo que le costó a Cs su desaparición de la Asamblea de Madrid y el inicio de su debacle general en España que ahora se confirmará en el Sur” (Deputado do PP).

Ana Pontón respondeulle a Pablo Casado sobre a súa última ocorrencia: “Onte (domingo) estivo comendo no rural galego e ocorréuselle dicirnos que para solucionar os problemas demográficos hai que poñer en marcha un Ministerio de Familia” (Ana Pontón).

             Todas estas intervencións revelan a abxección e a perversidade da palabra ocorrencia. Pero sobre os problemas reais, todo é silencio e pragmatismo por parte dos políticos. A crise económica e a inflación seguen o seu curso, e o risco dunhas maiores restriccións a partir do outono está presente. É convicción xeneralizada que a utilidade partidista e ideolóxica lidera case sempre as decisións da clase política. A súa utilidade fúndase asiduamente no inmediato dunhas eleccións ou na aparente urxencia de solucións parciais que, frecuentemente, producen auténticas inutilidades no futuro. A utilidade do presente, refutada pola inutilidade do futuro, transfórmase en estéril. Non obstante, os gobernantes procuran enmascarar a utilidade política no galanteo perfumado do ben común, algo que obxectivamente non deixa de ser unha interpretación social, pois o seu marco teórico depende dunha perspectiva que non só se xesta no marco íntimo do individuo, nas súas crenzas e conviccións, senón nun espazo social máis amplo. A miúdo son os economistas, sociólogos e filósofos os que dominan ese espazo social e determinan o contido e vantaxes da utilidade, e fano á marxe da política.

            Con todo, teremos que admitir que as ocorrencias xorden en todas as capas sociais e florecen nas situacións máis usuais e ordinarias. Nin o Vaticano se libra de utilizalas e de ser a súa vítima:

“El Santo Padre ha ido y ha dicho -unha ocorrencia- a unos peregrinos baleares que “España ha conseguido demostrar espléndidamente que la religión es causa de la felicidad de las naciones”. No conozco bien el significado canónico de la palabra felicidad; según es sabido, las encíclicas y demás literatura de la Sede romana usan de un vocabulario genuino, en virtud del cual, cuando parece que dicen una cosa, resulta que dicen lo contrario…

A no dudarlo, la Santa Sede ha procedido con ironía en esas palabras…  No me parece fácil de comprender cómo el país menos culto de Europa puede ser el más religioso. ¿Por ventura la religión es cosa distinta de la cultura?” (José Ortega y Gasset: Vieja y nueva política).

Non hai a menor dúbida de que esa ocorrencia do papa sobre a felicidade debe ser analizada non en canto ocorrencia, senón en canto contido semántico da ocorrencia.

A ocorrencia como contraargumento

O recurso á ocorrencia como contraargumento político non deixa de ser case sempre unha pretensión de darlle un ton catastrofista á debilidade dos argumentos propios. Unha palabra con tanta prestancia, con esa elegancia semántica e na elite da distinción intelectual está sendo prostituída en determinados universos sociais, co agravante de utilizalo sen criterios sólidos nin argumentos coherentes para proceder desa maneira. Pero parece non importarnos. Aceptamos as consignas publicitarias sen o menor rigor; interiorizamos os slogans propagandísticos -relixiosos, políticos, comerciais- como verdades irrefutables; asumimos as mensaxes creadas nos púlpitos das redes sociais… Somos, en definitiva, manipulables, acríticos ou mesmo comediantes no papel representativo que nos tocou desempeñar neste gran espectáculo da vida. “Os seres humanos, polo xeral, canto máis civilizados, máis comediantes. Aceptan a aparencia do afecto, do respecto aos demais, da decencia, do desinterese, sen enganar a ninguén; porque todos e cada un coincidirían na cordial intención dos bos propósitos e en que resulta positivo que tales cousas pasen no mundo. E así, polo feito de que os seres humanos representen ese papel, esas virtudes que cultivaron de forma aparente e ficticia, acabarán espertando pouco a pouco e transformaranse en conviccións” (Kant: Escritos sobre antropoloxía).

            Pois a persuadirnos da falacia que implica o concepto ocorrencia no discurso social parece arrastrarnos a dialéctica política. Todos os partidos políticos, a través dos seus representantes, deixan pegadas da súa convicción do malévolas que resultan as ocorrencias. Goberno e oposición forman un dueto cantando na mesma clave musical cando se trata de argumentar e de vendernos os seus contrabandos ideolóxicos. E os cidadáns, nas nosas propias decisións, comportámonos como fieis crentes da súa relixión, obrigados a crer con fe cega na veneración e no dogma do seu catecismo en vez de usar a razón e de ubicar a realidade como perspectiva. Sen dúbida somos cómplices na montaxe dese retablo quixotesco das marabillas políticas avalando a autonomía da política e o abandono da moral.

            Ao abeiro das críticas publicadas, trátase de utilizar as ocorrencias como contraargumentos do debate político para desacreditar aos seus autores. Quen utiliza as ocorrencias do adversario nas disputas belixerantes nótase engaiolado nun imaxinario malabarismo das alturas desde o que cre presentar argumentos demoledores contra o ocorrente, pero infrinxindo insensatamente a lóxica. O fío do argumento non é válido se se centra no concepto de ocorrencia. Por definición, a ocorrencia expresa lucidez, orixinalidade, resolución de problemas, e tales características sempre soen ser seductoras e desexables. Nunca se pode utilizar, por ende, como contraargumento do debate, porque inculca a coherencia da lóxica. Se queremos criticar as ocorrencias debemos investigar as ideas coas que se tecen, nunca ao seu envoltorio ou envase.

Linguaxe e metalinguaxe

Un dos problemas históricos da lóxica radica nos denominados paradoxos, que comezan con Epiménides, no século VI a. C. -paradoxo do mentireiro-, continúa co Quijote de Cervantes (cap. LII, 2ª parte) -aquel que xura pasar a ponte para ser aforcado ao outro lado da mesma-, segue polo paradoxo de conxuntos de Cantor e Frege -o conxunto de todos os conxuntos que non se conteñen a si mesmos como elementos-, chega a Bertrand Russell -paradoxo do barbeiro-….

            Resultou traballo estéril ata o século XX dar coa tecla da solución aos paradoxos. Pero a solución chegou precisamente da man de Bertrand Russell, que tivo a gran ocorrencia de distinguir os tipos ou xerarquías da linguaxe.

            Outra vez máis, a filosofía foi a clave da solución. O prestixio social e o realce intelectual da filosofía nacen do rigor e solidez con que analiza os fenómenos e a realidade empírica, da precisión coa que examina a conduta e o pensamento humano e das propostas que ofrece para facer máis solidaria e harmónica a convivencia coa finalidade de poder gozar así dunha vida feliz: “Disfruta de la vida y ayuda a otros a vivir una vida digna de ser disfrutada” (Mario Bunge).

Filósofos como Wittgenstein -teoría dos xogos da linguaxe (Investigacións filosóficas); “a filosofía é unha loita contra a fascinación que exercen sobre nós as formas de expresión” (Wittgenstein: Cuaderno azul)-, Bertrand Russell -xerarquía da linguaxe (Principia Mathematica)-, Alonzo Church -Teoría dos tipos (Unha formulación da teoría simple de tipos) son exemplos representativos da aportación filósofica á resolución de problemas.

Para Wittgenstein, a ocorrencia entraría nun xogo da linguaxe, e como tal debería ser tratado cun enfoque social da política. Mais no contexto político, como mellor enlazaría a ocorrencia sería seguramente coa teoría de tipos.

Unha proposición lingüística fai sempre referencia a obxectos, que poden ser físicos ou lingüísticos. E para comprobar a verdade ou falsidade das proposicións resulta imprescindible analizalas desde os obxectos que forman parte do ámbito inmediatamente inferior da xerarquía lingüística na que se expresan ditas proposicións, para así evitar, entre outros problemas, os bucles que dan orixe aos paradoxos. A linguaxe natural, denominada materna, na que nos expresamos normalmente, analiza os obxectos físicos, materiais ou culturais, que forman parte do mundo físico. Podemos representar esa linguaxe materna por L1, e por L0 (linguaxe cero) os obxectos aos que se refire L1. A verdade ou falsidade de L1 verifícase, ou fálsase (Popper), sobre L0, sobre os obxectos físicos, nunca sobre elementos de L1. Así para comprobar se é verdadeira a proposición “na festa do pulpo do Carballiño consumíronse máis de oitenta mil quilos de pulpo” (L1), teremos que comprobar empiricamente ( L0) se en realidade se superou esa cantidade, porque de non ser así será falso.

Agora ben, se eu quero saber se a persoa que me pasou esa información me dixo a verdade ou non, teño que xulgala desde a metalinguaxe L2, é dicir, teño que comprobar se me pasou correctamente a información que tiña ela ou a manipulou. Neste caso, o obxecto examinado non é L0, non fixamos a atención en se realmente se consumiron máis de oitenta mil quilos ou non, senón se a persoa me informou correctamente ou modificou a información. Puideron consumirse menos desa cantidade, pero quen me informou fíxoo segundo a información que ela consideraba veraz, e polo tanto a verdade está agora na persoa informadora e non na cantidade de pulpo consumido. Se se consumiron menos desa cantidade, entón L1 será falso; pero se esa persoa que me deu a información ma transmitou como ela cría, terei que xulgala desde L2, e desa maneira L1 resulta verdaeira.

As metalinguaxes son ampliables ata o infinito. Así, podemos crear a metalinguaxe L3,que xulgaría a linguaxe L2, e a L4, que analizaría as proposicións da L3, e así infinitamente. No exemplo anterior, a metalinguaxe L3 buscaría comprobar se é verdadeira a explicación que me dá a persoa sobre a información que ela recibiu respecto ao consumo do cefalópodo.

Desta maneira, desaparecen os paradoxos citados anteriormente, porque xa non se trata de saber se “o barbeiro que só afeita no seu lugar a todos os que non se afeitan a si mesmos se afeita tamén a si mesmo ou non -L0”- (paradoxo do barbeiro de Russell), senón se esa expresión -L1– resulta verdadeira desde L2.

            Pode resultar máis doado de entender este exemplo: “Carballiño supera os catorce mil habitantes e Vigo pasa dos dous centos oitenta mil”. Esta afirmación é verdadeira porque está expresada nunha linguaxe natural -L1-, no galego, e verifícase en L0, que expresa a realidade. Pero se digo: ““Carballiño supera os catorce mil habitantes e Vigo pasa dos dous centos oitenta mil” está en inglés”, neste caso non me refiro á realidade L0, senón que teño que examinala desde L2, e resulta que é falso, porque esa expresión non está en inglés, senón en galego. E, se aínda pretendo xogar á tipoloxía russelliá, podo afirmar que “Carballiño supera os catorce mil habitantes e Vigo pasa dos dous centos oitenta mil e que está en inglés é falso”, poderei concluír desde L3 que iso é verdade.

            Pois, mutatis mutando, nesa mesma dirección debe ir a interpretación das ocorrencias que fan os políticos dos seus adversarios: xulgar os contidos das ocorrencias, probar que as mensaxes envolvidas no glasé da ocorrencia se axustan ou non á realidade, demostrar a súa utopía ou a súa difícil realización, argumentar con coherencia que as promesas son redundantes, etc. Sería un sinxelo exercicio de desparasitación mental na actuación dialéctica dos debates políticos e unha aposta pola transparencia nas comunicacións institucionais e nas informacións que emiten os políticos.  

            Impidamos, pois, coa nosa actitude que a ocorrencia entre no catálogo das palabras perversas, no diccionario dos nomes despectivos e se converta nun oxímoron maldito (orixinalidade desprezable e lucidez estúpida). O trato pexorativo da palabra ocorrencia debe ser desterrado dos argumentos políticos e, no caso de criticar as ocorrencias, critíquese o contido da palabra, a súa dimensión semántica, a linguaxe L0 da ocorrencia concreta; mesmamente se pode criticar o mal uso que alguén poida realizar con esa palabra, pero neste caso desde L2 para evidenciar a validez lóxica do argumento. Reivindiquemos a ocorrencia e condenemos a estupidez, a mediocridade e a vulgaridade.

É posible que máis de un catalogue de ocorrencia este artigo. Non serei eu quen o diga, nin quen o rexeite. As ocorrencias son cápsulas mentais para a reflexión, elaboradas cun principio activo de enerxía epistémica que pode superar o 90%, cun excipiente mínimom de conversación e debate de tan só un 10%, e cunha alta porcentaxe de consumo á hora do café. Reivindiquemos, xa que logo, as ocorrencias!

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.