Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor  e  A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”


Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo

 “Foi quizais a primeira vez que (Castelao) veu a Ourense e, sen dúbida, a primeira que o vin. Tan cativo era eu, que me vexo nas bancadas dun recinto máxico, nunca antes visto, sentado no colo da miña irmá Julia. Poñamos 1905-1906, no noso Teatro, que se apelida Principal, como se houbese tantos. […]

 Tratábase da tuna compostelá en visita, os fillos da burguesía galega en viaxe galante de poesía, música e troula estudantil, e non da mangoleteiría transhumante, para o turístico consumo, que hoxe irrompe nos lugares madrileños da parvidade internacional vestida de Entroido e, pasando a gorra, despois de “Sola se queda Fonseca”, sen saberen que era Fonseca, quen foi Fonseca nin onde está Fonseca.

 A Tuna da Universidade Compostelá  foi aparecendo, tocando xa en amplo semicírculo: veludos, sedas, panos e muarés negros, …….

 Destacou de entre eles (os tunos) un que era alto, esguío, desaliñado e con lentes. Sorría con certa sorna, xogaba á timidez e levaba o emblema dos que ían para médicos. Díxonos que tocaba a guitarra, pero máis ben facía que a tocaba, para facer vulto, e o que facía menos mal era debuxar e que se ofrecía por se algunha señorita….Houbo consultas oculares de palcos e butacas. Decidiuse unha loura, miudiña, logo de resistirse, o que indipensabelmente mandaba a urbanidade da época. O tuno observouna devagar, volveu ao escenario e foi movendo o seu lapis de carbón sobre o papel fixado ao cabalete xa preparado… Volveuno cara ao público en poucos segundos…Soaron alegres os aplausos…

 O estudante era A. D. R. Castelao, que ía máis para debuxante que para médico.”  

                                 (E. B. Amor: La Región, 22, 23 de xaneiro, e 3 de febreiro de 1970). Incluído en “Castelao escritor. Edición de Luís González Tosar-Alexandre G. Corbillón)

Momento solemne denantes do develamento do conxunto escultórico, no que o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo Romero, se dirixe ao publico na compaña de Antón Pulido, creador do conxunto, e L. G. Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas.

 Non me vai resultar doado despregar un relato obxectivo cando concorren sentimentos, lazos profesionais e de amizade con moitas das persoas que este día 19 de xullo de 2025 se pasearon pola extensa e frondosa chousa que acolle a Insua dos Poetas. Quizais quedará gravada na miña retina, e na doutras moitas persoas, como algo imborrable, algo semellante ao que vimos de mostrar co que lle sucedara a E. B. Amor ante a presenza da tuna santiaguesa na que Castelao, maís que músico  e medico xa despuntaba pola súa habilidade co lapis. Ademais, xa será  coñecida polos sempre amables lectores que, segundo el mesmo “estudara medicina por amor a seu pai, pero que a abandonaba por amor á humanidade”, aínda que na súa conciencia tamén estaría a perda de visión que, logo impediría desenvolver a profesión, tal e como suxería Miguel Santalices no seu relato.

Pois ben, desde o punto de vista orográfico, a Insua (illa), como o seu propio nome indica é, en parte, un terreo húmido regado por un afluente do río Pedriña, O Eixán, pola marxe dereita que logo vai desembocar ao Arenteiro, que, ademais marca a estrema co concello do Irixo. A Insua pertence, polo tanto, ao concello do Carballiño, parroquia de Madarnás, na aba da Esgueva, fitando cara á parroquia de Corneda, o castro de Souteliño e o monte de Ollos.

 Tal e como se recolle ao carón da porta de acceso, se estamos a entrar nun predio de 100 ferrados, digamos que dan para moito, como así fora antes de realizar algunhas adaptación do terreo para os fins que se perseguen. Así, onde antes algúns vimos que parte era prado e leira, agora é un amplo aparcadoiro á beira do regato con frondosos amieiros, freixos e castiñeiros e dun muíño restaurado, con abondosos mananciais e regos de auga que contribúen a crear un ambiente moi acolledor nestes días tórridos de verán. Nun segundo nivel, ademais da enorme diversidade vexetal de longa estirpe, na que destaca o carballo, o piñeiro e outras incorporacións máis modernas a base de carballo americano, oliveira, e mesmo un “Ombú” ou árbore da bela sombra, propio da Pampa Arxentina,  que desde o ano 2021 intenta sobrevivir en contra dos elementos meteorolóxicos, cuxa razón de ser fora como unha especie de irmanamento con ese Estado co que Galicia ten contraído vencellos de unión e solidariedade, tanto por ter acollido inxentes cantidades de emigrantes, como por necesidade material ou ideolóxica que foran acollidos na diáspora. Nese chanzo construiuse un anfiteatro ao aire libre no que a vexetación se integra naquel a modo de parasol, presidido pola verba “NÓS” como símbolo e lembranza do que foi a xeración do mesmo nome, ao que vén de incorporase un novo elemento cultural como é o inicio da declaración de camiño cultural ou “CAMIÑO NÓS” que no ano 1926 realizaran os do Grupo Nós ourensáns entre a cidade de Ourense e Santiago de Compostela.

 A Insua non é só vexetación, patrimonio natural e diversidade. Entendo que sobre todo é un todo que se pode sintetizar co que se vén entendendo por Patrimonio Cultural ou, como o que se declara nesa mole granítica que preside a entrada: “espazo público de cultura: natureza, arte, literatura, música, teatro…”.

Dicía que, neste segundo chanzo, ademais da diversidade vexetal, ou o anfiteatro, destacan un elevado número de conxuntos escultóricos, obra dos maís senlleiros artistas en diferentes materiais -pedra, madeira, aceiro corten-  na honra dos máis sobresalientes escritores que teñen dado as Nosas Letras: E. B. Amor, Carlos Casares, Rosalía-Currros-Pondal, Francisco Luís Bernárdez, Xela Arias, Pura/Dora Vázquez, Arcadio L- Casanova, Antón Tovar, Álvaro Cunqueiro, X. L. Méndez Ferrín, Federico G. Lorca…

 A Xeración Nós ten unha presenza destacada con dous murais adicados a Vicente Risco e Castelao, e outro  a Ramón Cabanillas que presiden unha ampla explanada, ademais dos de Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Currros Enriquez e Eduardo Pondal…: En síntese: unha mostra ou escolma visual da Literatura Galega moderna!

“Recanto das mulleres” Pura e Dora Vazquez e Xela Arias

 Máis alá dos días sinalados como de especial interese, como o día da Árbore ou a Festa da Palabra, “A chousa” permanece aberta a maior parte do ano para quen queira desfrutar dun espazo único en Galicia e maís alá, ademais da organización de concertos, representacións teatrais, etc.

 Reprodúcese a continuación o texto da inscrición fundacional e familiar do seu promotor e Presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar :
“ Estes cen ferrados longos de terra foron un couto da Catedral de Santiago (S. XII), parte do señorío de Tristán de Araúxo S. XV) e mandáronos murar sobre si os Themes (S. XVIII), para chousa do Pazo de Madarnás.

 Mercárona en 1973, meus pais, Bautista e Pilar, emigrantes retornados da Arxentina. Chamouse Eixán, de hoxe en diante Insua dos Poetas, espazo público de cultura: natureza, arte, literatura, música, teatro..

 Entra, percórrea toda, desfruta en liberdade, ama e soña, deixa as túas mellores palabras.

        (Asinado: Luís G. Tosar. 17-IV-2009. Día das Letras Galegas adicado a Ramón Piñeiro)

 De seguido centraremos a atención na última edición deste ano 2025, que tivo como protagonista senlleira a obra inconmensurable de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo- 29 de xaneiro de 1986- Buenos Aires- 7 de xaneiro de 1950), sendo transaladados  en 1984 os seus restos mortais ao Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela.

 Sobre a súa traxectoria vital e a extensa obra artística do rianxeiro de nacemento non é esta a ocasión para adentrarnos nelas, que, para iso hai un amplo número de tratados sobre ambas, ademais de ocasións como a deste día na que se revelaron algunhas curiosidades, en especial as relacionadas coa biografía, da man do Presidente do Parlamento de Galicia, Ilustrísimo sr. Miguel Santalices Vieira, e a atinada semblanza trazada pola alumna do IES  Otero Pedrayo de Ourense, Sara Antía Fernández Nogueiras, quen sorprendeu ao auditorio e foi felicitada por varias persoas das asistentes ao acto. O propio Santalices recoñeceu e ratificou algunhas das súas afirmacións como a de que a perda de visión puidera ter que ver con algunha enfermidade de transmisión sexual de cando a estancia do universal rianxeiro estudara en Santiago.

OI Presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar,  no introito do acto. A primeira bancada reservada a algúns dos premiados, autoridades institucionais e académicos de recoñecido prestixio.

 Desde o punto de vista literario, A Fundación aproveitou para dar a coñecer a publicación dun libro titulado “Castelao escritor- Pórtico encol da prosa galega” orixinalmente de E. Blanco Amor,  inédito, que este redactara coincidindo co vixésimo aniversario da morte de Castelao, cuxa edición prepararon para esta homenaxe o propio Luís e Alexandre G. Corbillón (Editorial Galaxia, 2025), en coedición da Fundación Insua dos Poeta, Editorial Galaxia e FEBA, Fundación E. Blanco Amor, que se completa con seis artigos publicados polo autor en La Región nos anos setenta, así como o discurso, tamén inédito, que pronunciou Blanco Amor no enterro do egrexio artista.  A todo isto súmase a fermosa coincidencia que, ademais de cumprirse o septuaxésimo quinto aniversario  do pasamento de Castelao neste 2025, tamén a Editorial Galaxia, referente senlleiro no mundo editorial galego, conmemora neste mesmo ano a mesma data e a longa traxectoria como referente esencial nas Letras Galegas. O que a fixo merecente de recibir un dos premios outorgados nesta quenda pola Fundación e que recolleu o  presidente  do consello de administración actual, Antón Vidal Andión.

 Os sete premiados -a xeito de curiosa coincidencia pola “fonte das sete palabras, segundo destacou un dos mantedores do acto como número máxico da Insua- recibiron unha peza única do escultor Acisclo Manzano, de mans de diferentes representantes institucionais como o xa mentado Presidente do Parlamento que llela entregou ás representantes da Irmandade da Sanidade Galega, pola galeguización da Sanidade, aínda que a portavoz de tan senlleira asociación lle recriminase a aquel que non formara parte desta, sendo que el procede do ámbito sanitario. Opinión que foi rexeitada polo Presidente en ton distendido e amigable. Tampouco faltou en palabras da portavoz da Irmandade da Sanidade unha lembranza para denunciar o xenocidio en Palestina, o que foi acollido con ovación clamorosa.

Sara Antía Fernández Nogueiras, na súa alocución sobre Castelao. Libro de Ramón Baltar que acompañaba a Santalices (Na actualidade, as obras depositadas no museo de Pontevedra de Castelao están suxeitas a autorización de reprodución pola familia Baltar) que serviu de orientación a Sara e ao propio Presidente. Antón Vidal Andión recolleu o premio outorgado á Editorial Galaxia, da man do Presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo Romero, profesor da Universidade de Santiago, experto na obra de Castelao e colaborador habitual, entre outras publicacións, na revista Grial. As representantes da Irmandade da Sanidade Galega recollen o premio da man de Miguel Santalices Vieira, Presidente do Parlamento de Galicia

 Á entrega dos agasallos e ás intervencións dos premiados seguiron cerradas ovacións de apoio e recoñecemento polo labor desenvolto nas diferentes modalidades  que, en todo caso, está presente Galicia e a súa cultura, -de xeito especial a Lingua Galega- desenvolta dentro e alén das nosas fronteiras.

 Sería unha mágoa que  a música non participase de actos tan emotivos; para o que se contou coa presenza do trío musical Tres Pesos, no que a gaita, o “acordeón”, a pandeireta e a voz de Felisa Segade deleitaron cos seus acordes tradicionais ao público que seguía atento a evolución ben ordenada do encontro policultural.

No desprazamento desde o anfiteatro “NÓS” ata o espazo reservado para acoller o conxunto adicado a Castelao, foi o son dos gaiteiros da  Coral de Ruada o que acompañou os asistentes  cunha sorte de alborada, e poñer fin ao acto, despois do develamento, coa interpretación do Himno Galego. A todo isto, debo sinalar que  A Coral de Ruada, dada a súa longa traxectoria musical tampouco era de todo allea á Insua,  porque foi alá no ano 1931 cando nun dos seus desprazamentos á cidade de Bos Aires, o  concello de Vigo lle devolve, a través da agrupación musical, ao Centro Gallego o agradecemento en proba de gratitude polo agasallo da árbore, que recolle  así a   prensa

Amizades e familiares do Grove que acompañaron a Ramón Aguiño. Este recolle a escultura da man do Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. O Ombú reverdece na Insua.

local: “El Centro gallego regaló al Ayuntamiento de Vigo un ombú, que desde hacía cinco años venía cultivando el jardinero municipal de Buenos Aires, el gallego Manuel Ocampo con ese objeto. Por designación del centro fue el encargado de entregarlo al municipio vigúes, ya que nadie mejor que él, don Martín Echegaray”. Árbore que, segundo todos os indicios sería plantada na aba do Castro, e na actualidade queda dentro do recinto axardinado do IES do Castro, sendo declarada Árbore senlleira no ano 2016, despois que Manuel Rivas na súa visita ao centro a describise como  de “pé de paquidermo”.

 Deste xeito, a “Chousa das chousas” tamén conta desde hai catro anos co seu Ombú, que vai contra vento e xeadas, sobrevivindo arrolado polos carballos no medio da vexetación autóctona. Así o identificou un dos premiados na modalidade de Cultura Galega na Emigración, Ramón Aguiño, natural do Grove e recolleu o premio acompañado de familiares e “mecos” amigos, entre eles o Secretario Xeral do Partido Galeguista, Francisco López Franco, alias  “Chesqui”.

Cando aínda non se iniciara a entrega das estatuíñas, o grupo de música tradicional Tres Pesos abre a xornada cultural. O primeiro premiado en subir ao estrado é César Lorenzo Gil na modalidade de premio literario polo seu labor como escritor, xornalista  e director de Aira Editorial e director da revista literaria Biosbardía. Nas súas verbas destacou o seu agarimo polas Letras desde a xuventude e agradeceu o recoñecemento para continuar adiante con máis adicación

 A seguir foi a escritora e xornalista viguesa Mª Xosé Porteiro García a que recolleu a distinción de mans do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, polo emprego da lingua Galega nos medios de comunicación. A xornalista agradeceu ao Presidente da Fundación Insua dos Poetas a colaboración prestada, cando  aquela desenvolveu a representación de Galicia no exterior. Acompañábana, entre outras persoas, a súa filla, escritora e xornalista, Llerena Perozo Porteiro.

Momento no que a Dirección do CEIP M. Curros Enríquez de Celanova vén de recibir  o premio na modalidade de Protección da Natureza entregado polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández. O alcalde en funcións do Carballiño, Xosé Castro, felicita e entrégalle a peza de Acisclo aos representantes do Cineclube Padre Feixoo na modalidade de audiovisual galego

Na foto de familia aparecen as persoas premiadas, ou representando ás diferentes institucións, así como membros da Fundación: O seu Presidente; o escultor Acisclo Manzano, autor das estatuíñas, o pintor Antón Pulido, creador  da inmensa obra escultórica adicada a Castelao, que ía ser develada a seguir no lugar escollido por este para darlle o significado buscado, así como outros membros na xunta directiva da Fundación como  Alexandre G. Corbillón; Celso Sánchez quen, na súa intervención na fin do acto, expresou a solidariedade cos concellos e asociacións que están a denunciar os proxectos de construción de varios parques eólicos e as liñas de evacuación ata a subestación eléctrica que as conectará coa rede de transporte

Celso Sánchez, membro da Fundación, dirixíndose ao auditorio, baixo a atenta mirada do grupo musical Tres Pesos.

 É a partir deste momento  cando se inicia, o que poderiamos considerar como unha pereginaxe ou  ritual -case espiritual, procesional- para honrar  a inmorrente e inmarcesible obra de A.D. R. Castelao. Un cuarteto do grupo de gaitas da Coral de Ruada marca o camiño, seguido por unha  representación de mozos de “Hípica Galega” enfeitados ao xeito tradicional:Antía, Daniel, Pablo e Aroa, que desenvolveron o seu labor gardando a orde no acceso ao aparcadoiro de xeito moi responsable. 

 Superado “O camiño” que conecta coa “Porta de Castelao”, outra quenda de discursos da man de Tosar, Pulido e Monteagudo darán paso á interpretación do Himno Galego que clausura a xornada da Festa da Palabra nesta XVII edición do 2025.

 En primeiro lugar, xa ao pé do conxunto escultórico en pedra e ferro de catro metros de alto, no que sobresae a que é unha  autocaricatura en linóleo das  máis populares do propio artista, Tosar retoma un discurso do mesmo Castelao no que Ourense ten unha presenza sobranceira e que de agora en diante -alá onde estea- estará un pouco máis agradecido coa provincia.

 Antón Pulido, aínda que residente en Vigo, comparte raizame polos Chaos de Amoeiro con Otero Pedrayo, o que quizais teña influído na súa formación artística, non polas vivas cores, técnica da pintura ou a escultura persoal e intransferible, pero si quizais no seu espírito e bonhomía que o caracteriza.

 Concebiu a peza como meta ou “Porta” na que agarda Castelao cun “libro” na man, ademais de varias ilustracións que corresponden a algúns relatos do propio autor, a ambas mans da parede do monumento central. A outra mole de pedra incorpora os datos biográficos do rianxeiro, así como o título :”A Porta de Castelao” , asinado por Pulido para o día  do evento: 19-VII-2025. Suliñou Antón que unha das orixinalidades de Castelao, desde o punto de vista artístico, foi a de ser considerado como introdutor da técnica do linóleo en Galicia.

 Foron moitas as persoas que nos reencontramos: unhas, de cando coincidimos na facultade de Filoloxía en Mazarelos con Henrique Monteagudo como estudantes, co insigne catedrático e profesor Ramón Lorenzo ao que tamén lembraba o excalde do Irixo, Agustín López Peña,  de cando aquel participara na celebaración do premio de Novela E. B. Amor no ano 1984 no Irixo; a Manuel González, catedrático e actual director  do Centro de estudos Ramón Piñeiro, outras como docentes:  Bieito Iglesias Araújo, escritor e profesor de Lingua Galega que compartimos tribunal de Oposición en Lugo; Fina Cid, compañeira no Ies do Castro, Modesto Hermida, escritor, Inspector de Educacion e amizades comúns, Xulio Diz, fotógrafo vigués de renome, así como a exalcaldesa do Irixo, Susana Iglesias Nogueira e a actual, Rosa Mª Dalama Lousado.. e así viñéronme á lembranza os nomes doutras persoas ás que Tosar adicara algúns poemas no libro “A caneiro cheo”(1986): Carlos Casares e Cristina Berg, Suso (“da Illa”) Otero Molanes, Celso Sánchez e Neves Nieto, Luís Losada Espinosa, Xosé A. García Cotarelo, Ramiro Fonte, Ramón Lorenzo e Úrsula Heinze,  e Marisa Guerra Canizo no acto. En fin, algúns xa non puideron compartir esta xornada inmorredoira.

Por alí tamén andaron o deputado e actual presidente do Arenteiro, Argimiro Marnotes; o escritor e editor Bieito Ledo, así como outras moitas persoas que contribuíron a crear un ambiente de “bos e xenerosos que a nosa voz entenden”.

 Beizón por Luís e polas  persoas que dun ou doutro xeito contribúen a manter acesa a chama da Insua dos Poetas!

Antía, Daniel, Pablo e Aroa. Grupo de Gaitas da C. de Ruada. Fondo“Kermesse” de Pulido(2024)

Na imaxe superior móstrase un semblante de sorpresa e á vez de admiración polo excelso traballo de Antón Pulido e dos seus colaboradores, o ferreiro e o canteiro, Victor e Cachín, ademais do malestar de Xulio Diz, profesional da fotografía algo incomodado, porque o “cámara” que ten detrás dificulta o traballo dos demais. A parte inferior corresponde ao momento da clausura con autoridades, premiados, invitados e achegados, unha vez recuperados do impacto do develamento…mentres chega o arrecendo a polbo e patacas cocidas de branco inmaculado, e un tinto do Ribeirodavia que fai rosario, para concelebrarmos o Xantar de Irmandade

O Irixo, 24 de xullo, véspera do Día da Patria  Galega, 2025.

Xulio Dobarro Ferradás 

Xulio Dobarro Ferradás


Outros artigos de Xulio Dobarro

Xulio Dobarro: Do Irixo (Saavedra) a Mallorca  pasando polo Val Miñor-as Mariñas, sobre a técnica  da pedra en  seco ou a “óso”

Xulio Dobarro: “Semana grande na parroquia de Dadín (O Irixo) con peregrinaxe “móbil” e procesión á Pena da Sela

Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”

Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes  por  Emilio Duro Peña “

Xulio Dobarro “Quincuaxésimo aniversario da pergrinaxe da virxe de Fátima  desde a Ponte  á Pena da Sela  (1967). Novena  a partir do día 3 de maio -2025.”

Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”

O Irixo:  “O galiñeiro parrandeiro”  da asociación os Parrandas do Irixo,  acada o 1º premio no desfile de comparsas do entrodo do Carballiño-2025

 O Irixo-Dadín : J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (III)

 O Irixo: J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (ii)

O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal”  en “La Región”

Xulio Dobarro: “a memoria recuperada: Centro de Estudos Chamoso Lamas da comarca do Carballiño (o Irixo). Reseña divulgativa

Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán

Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”

Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “

Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”

Xulio Dobarro. “O Irixo: San Pedro de Dadín e o Regueiro-San Pedro Fiz da Espiñeira e romaría da Virxe do Carme na Pena da Sela”

Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”

Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.

Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.


PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------