Auf Widersehen, Viena. Dankeschön

IES CHAMOSO LAMAS

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

SPORTUR GALICIA 2022

                                                       

Non podía “despedirme á francesa” de Viena, esa cidade imperial, feiticeira e sublime que facendo gala da súa xenerosidade e nobreza compartiu filosofía, arte, psicoloxía e cultura comigo. Estoulle agradecido por toda esa pedagoxía plástica, artística, intelectual e histórica coa que me ilustrou e me acolleu nunha invitación constante á admiración. A riqueza monumental que ostenta, pegada indeleble do seu pasado imperial, provoca tal embriaguez dionisíaca no espectador como se dun solemne ritual místico se tratase. O súbito espertar da emoción ante estímulos tan sensibles como o Museo de Sissí (Isabel de Baviera) no Palacio de Hofburg, o Palacio Belvedere -coa súa suntuosa galería de pintura-, o Palacio Schönbrunn -coñecido como o Versalles vienés, catalogado Patrimonio da Humanidade-, a Biblioteca Nacional -con máis de oito millóns de libros-, o Museo Albertina, o Teatro da Ópera… todo este patrimonio engaiola, cativa, enfeitiza e fascina ao visitante. Son monumentos levantados con tanto talento que ante o seu acendrado refinamento un sente a tentación de alardear de ilustrado e de crerse un inspirado soñador.

            A consideración coa que eu revestía as visitas aos monumento vieneses reflectíase nas vivencias inesquecibles que bulían indómitas ao seren incitadas polas aproximacións a unha historia impresionante que renacía, en clave reivindicativa, no fervente ritual de pequenas comuñóns co pasado. Decatábame de que esa historia enmascarada detrás de cada detalle creativo liberábase comigo do peso do pasado; pero eu tamén me sentía privilexiado polo luxo de poder rexistrar para o resto da miña vida uns momentos únicos que en cada visita non duraron máis que un instante.   

Pasear por Viena foi un privilexio que me permitiu satisfacer a curiosidade polo pasado recente de Europa, descubrindo rivalidades entre monarcas, desenmascarando asasinatos por usurpación ou por ideoloxía, destapando negociacións interminables entre países, achando infidelidades amorosas na nobreza, coñecendo grandes artistas sen recursos económicos que eran patrocinados por cultos benefactores, desvelando a afección aos salóns onde se vivía un esplendor principesco máxico… Acerca de todo iso quero testificar aquí. E repetir que a visita a Viena foi un inmenso privilexio.

A cidade

Viena está catalogada como unha das cidades máis bonitas e maxestosas de Europa. O patrimonio cultural vienés incorpora a filosofía, a psicoloxía, a ciencia, a tecnoloxía, a arte, as tradicións, os monumentos, os costumes e prácticas sociais de diversa índole. Mantense enérxica e firme nas súas conviccións non permitindo ser deostada ou desdebuxada polo vaivén do tempo nin pola estupidez de personaxes arrogantes e mentalmente sospeitosos. As historias adoitan escribirse para afago e vaidade de reis e emperadores, pero tamén para orgullo patriótico das nacións. Por iso as crónicas e relatos con que se tecen adoitan ser galerías e escaparates de heroes e heroínas, de gloriosos expoliadores e saqueadores, de rexios matrimonios de conveniencia, de alianzas e traizóns, pero case nunca se describen os costumes dos cidadáns, os inventos e progresos que favorecen a vida dos seus habitantes, a industria e comercio… Pero Viena revela nos seus monumentos levantados con tanto talento toda esa disparidade de motivos que enfiaron a súa lenda; por iso, a súa historia non aburre porque se le nos seus monumentos.

            Roland Barthes dicía que “a cidade é un discurso e este discurso é verdadeiramente unha linguaxe; a cidade fala, abofé, aos seus habitantes, e os habitantes falan á súa cidade, á cidade onde se atopan, simplemente habitándoa, recoñecéndoa, mirándoa.” O turista conversa, pois, coa cidade que visita tentando arrincarlle as confidencias máis interesantes da súa historia. Confidencias e secretos sobre acontecementos amables, beneficiosos e honestos, como foron a súa maioría, pero tamén sobre sucesos execrables e abominables, como a atroz agresión da Reichskristallnacht, a noite dos cristais rotos, do 9 ao 10 de novembro de 1938, aquel infame pogromo que conduciu de forma vil e depravada ao abxecto Holocausto.   

Nas visitas aos museos e palacios imperiais podemos acompañarnos de papel, bolígrafo e cámara fotográfica para apropiarnos da súa beleza, pero parece suficiente un sinxelo teléfono móbil para inmortalizar unha realidade substacialmente máxica, elegante e fabulosa. E aínda mellor que utilizar estes dispositivos será centrarse e poñer toda a atención na captación do que temos por diante sen perder o tempo en enfocalo desde distintas perspectivas para provocar no regreso da viaxe a envexa das nosas amizades. A arte cómpre gozala en vivo e en directo, non envasada. E en Viena a arte incita a degustala a pequenos sorbos, en cada un dos cales se concentran anaquiños de felicidade.

A catedral

A catedral de San Esteban (Stephansdom), iniciada a súa construción no século XII sobre un antigo cemiterio romano, é resultado de profundas ampliacións ao longo de séculos, na que converxen estilos arquitectónicos diferentes acordes con cada ampliación, desde o románico inicial, pasando polo románico tardío, polo gótico e rematando no barroco. É un autentico espello da historia vienesa, na que se reflicten épocas de calma e prosperidade, pero tamén de guerras -en especial as turcas, as napoleónicas e as dúas Guerras Mundiais- e de incendios, cuxos hematomas aínda seguen visibles tanto no exterior coma no seu interior.

A finais da Segunda Guerra Mundial sufriu danos importantes no seu mobiliario, vidreiras, retablos, altares e piares, así como nas partes exteriores da súa estrutura, nas que aínda se observan os impactos das balas de canón dos invasores. Con todo, segue sendo unha obra extraordinaria en pleno centro de Viena, impactando o seu Portal Xigante e as catro torres octogonais coñecidas como Torres pagás, na que sobresae a torre sur. Imperdoable non visitala.

Catedral de San Esteban

                                                A filosofia

A filosofía máis preclara do século XX criouse e arrolouse no berce vienés. Ninguén cuestiona que Viena foi un caladoiro ubérrimo de filósofos do século XX que revolucionaron o pensamento universal. Sirvan de referencia figuras de tanto prestixio como Ludwig Wittgenstein, Karl Popper, Moritz Schlick, Otto Neurath, Olga Hahn-Neurath, Herbert Feigl, Philipp Frank, Friedrich Waismann, Hans Hahn, Kurt Gödel, Felix Kaufmann, Victor Kraft, Otto Weininger… Moitos deles eran integrantes, ou relacionados, co Círculo de Viena (Wiener kreis). Deles xerminou o Neopositivismo lóxico, o falsacionismo, o problema de demarcación, os xogos da linguaxe, a filosofia analítica…

Ludwig Wittgenstein e Avelino Muleiro paseando por Viena

Despunta sobre todos Ludwig Wittgenstein, autor do Tractatus Logico-philosophicus, do Caderno azul e marrón e das Investigacións filosóficas. A lectura e debate sobre o Tractatus por partedalgúns dos filósofos antes citados derivou na orixe do Círculo de Viena e da súa filosofía. Da mesma maneira, as Investigacións filosóficas (Philosophische Untersuchungen) provocou a aparición da filosofía analítica e a teoría pragmática da linguaxe ou teoría dos xogos da linguaxe.

            A republica destes sabios, amigos de razoar e de esgrimir a súa afiada ironía coa mesma claridade e elegancia que o seu pensamento, encargouse de corrixir os erros humanos, de embelecer a vida e de axudar a comprender o mundo e dominalo. Eles son os auténticos heroes, evidentemente máis importantes que os heroes militares e os conquistadores.

Músicos

Os palacios vieneses exhiben enxeño, beleza e finura, valores propios dunha nobreza que amaba a música, o pensamento e a arte. Nun precioso cadro que colga na parede lateral esquerda mirando cara ao centro dun amplo salón de Schönbrunn vese un cativo de sete anos en medio de xente maior e preto dun monarca. Ese cativo era Mozart, un neno prodixio, que con esa idade fixo unha exhibición musical na corte imperial de José II de Habsburgo que culminou con dous recitais ante a familia imperial.  

A nómina de compositores vieneses é colosal, na que se integran figuras da Primeira Escola vienesa, como Johann Michael Haydn, Wolfgang Amadeus Mozart e Ludwig van Beethoven; e da Segunda, con Alban Berg e Anton von Webern. Pero a eses nomes hai que sumar xenios como Franz Joseph Haydn, Franz Peter Schubert, a saga da familia Straus, encabezada polo seu pai, Johann Strauss, e polos seus fillos: Richard Strauss, Eduard Straus, Joseph Satrauss e Johann Straus, o máis famoso da familia. Viena engalanouse con esculturas e monumentos destes talentosos compositores. Non hai parque, praza e xardín onde non presida o recinto unha estatua ou un elemento icónico destes músicos, demostrando así o refinamento vienés pola música e a arte.

            Pero onde mellor campan os nomes destes grandes virtuosos da música é na zona sur da cidade, no Cemiterio central de Viena(Zentralfriedhof). Nese lugar as tumbas de honra son parte da historia cultural de Viena, unha gran distinción que dá a cidade máis aló da morte a personalidades da vida pública. Nese camposanto, con máis de dous quilómetros e medio cadrados de extensión, descansan máis de tres millóns de persoas finadas, algunhas delas ocupando unha sepultura de honra. O grupo dos músicos ocupa un lugar de privilexio entre esas máis de mil tumbas de honra, situado no número 32 do cemiterio. Tampouco se pode perder unha visita a ese lugar icónico

Monumento a Brahms Zentralfriedhof Monumento a Beethoven

Psicanálise

Viena representa o berce da psicanálise, aínda que non toda a psicoloxía se reduce a psicanálise. Antes de que Freud a descubrise, houbo precedentes para tratar as psicopatoloxías da histeria con métodos diversos. Josef Breuer, mestre de Freud, creou o método da catarse, que se pode considerar un precursor do método psicanalítico. Foron psicanalistas destacados Alfred Adler, Otto Rank, Hanns Sachs, Wilhelm Stekel, Rudolf Reitler, Max Cahane… ademais de C. Gustav Jung, Karl Abraham, Carl Alfred Meier e outros máis, de distintos países, que formaban parte da Asociación Psicanalítica Vienesa. Con todo, a vida dos psicanalistas, igual que a dos filósofos, estaba ameazada baixo o réxime nacionalsocialista, polo que nunha reunión na casa de Freud decidiron que a asociación abandonaba Viena para emigrar a Inglaterra e a EEUU.

             Freud tratando de explicarlle a Avelino Muleiro o seu método psicanálitico

Os grandes palacios

Palacio de Schönbrunn

Neste palacio viviu a emperatriz María Teresa cos seus dezaseis fillos, entre eles María Antonieta, desposada con Luis XVI de Francia. Este magnífico palacio, coñecido como o Versalles vienés, foi a residencia preferida de Sissi e do seu marido, Francisco José. Ambos pasaban longas tempadas de verán gozando desa marabilla arquitectónica e do inigualable encanto da Natureza. A excelente composición dos xardíns, o fantástico conxunto de fontes, as admirables esculturas perspicazmente distribuídas, a fastosidade arquitectónica… permítennos evocar a felicidade da que se infiltraban emocionalmente Sissi e Francisco José. Naquela portentosa residencia estival tampouco faltaba a orquestra do Palacio Schönbrunn, que promovía concertos de música para os emperadores e os seus convidados.

Algunhas estancias do Palacio de Schönbrunn acolleron a personaxes famosos, e non só emperadores austríacos, como o compositor Wolfgang Amadeus Mozart ou o estadista Napoleón Bonaparte. O palacio é unha obra arquitectónica da época imperial austriaca, na que se pode observar unha excepcional suite de 167 metros cadrados repartidos entre un salón, unha sala de estar, dous dormitorios, unha cociña e dous baños. As dependencias do Palacio están creadas cun luxo interior espectacular, resaltando especialmente o luxo das habitacións da suite. E desde calquera salón ou habitación hai unha marabillosa visión panorámica da glorieta popularmente coñecida como o Versalles vienés, con fontes, xardíns e máis de 160 hectáreas que conforman o parque do Palacio de Schönbrunn.

            Todos os detalles palacegos de Schönbrunn foron deseñados con esmero e rigor matemático, concedéndolle tal relevo e precisión que o conxunto antóllase inesgotable. Esa pode ser a razón de por que a contemplación destas marabillas predispón ao visitante a regresar ao pasado e mirarse a si mesmo ao lonxe.

Palacio de Schönbrunn

Palacio Hofburg

Este palacio acollía á familia imperial durante o inverno. É o palacio máis grande da cidade de Viena, con 2.600 estancias; durante o Imperio albergou á maior parte da realeza austriaca, especialmente da dinastía dos Habsburgo e dos emperadores de Austria e de Austria-Hungría. Actualmente é a residencia do presidente da República austríaca. Neste palacio consérvanse perfectamente os salóns imperiais e atópanse nel o Museo Sissí e a escola de equitación, que é un anexo ao palacio. Esta escola faena fundamentalmente con cabalos lipizzanos, procedentes de Lipica, na actual Eslovenia, que no pasado formaba parte do Arquiducado de Austria.

        Palacio de Hofburg

Museo Sissí

Poucos museos poden expresar mellor o modelo de vida de Isabel de Baviera e mesmo a súa rebelión contra o protocolo da corte. A súa obsesión pola elegancia e obcecación polo bo gusto percíbense de modo inmediato ao observar o vestiario, as vaixelas, os xogos de cubertos, as cristalerías, os numerosos obxectos persoais (tocadores, estoxos de acuarelas, caixas de primeiros auxilios de viaxe…) e as incontables pezas que abarrotan as vitrinas do museo. Esa exposición permanente permítenos recoñecer o lado máis emotivo e privado da princesa.

Palacio Belvedere

O Palacio Belvedere é un edificio ostentoso, de estilo barroco, que realmente é unha agregación de dous palacios: o Belvedere Superior ou Alto Belvedere e o Belvedere Inferior ou Baixo Belvedere, un fronte ao outro, separados por varios xardíns. Ambos palacios transformáronse en museos a comezos do século XX: O Museo de Arte Barroca, de pintores exclusivamente austríacos, e O Museo de Arte Medieval, igualmente dedicado a pintores austríacos. Ambos museos coñécense como Galería Belvedere (Österreichische Galerie Belvedere). Nesta galería destaca a presenza do cadro de Gustav Klimt, O bico.

Os magníficos Xardíns que rodean o Palacio Belvedere deseñáronse ao estilo francés, con decoración formada por sebes recortadas e con longos paseos de grava e xogos de auga. O estanque central está rodeado de céspede con flores, con escaleiras e fervenzas onde abundan as esculturas de ninfas e deusas.

Palacio Belvedere

Xardíns e parques

Extraordinarios pola súa beleza son os xardíns que rodean o Palacio Schönbrunn e decoran o Belvedere, pero Viena ofrece tal exuberancia de xardíns que resulta difícil seleccionar e categorizar o seu encanto, o seu esplendor e magnificencia.

Impresionoume o xardín Burggarten, situado ás costas do Palacio Hofburg e moi preto da praza de Maria Theresa, unha ampla praza na que se atopan o museo de historia, o Kunsthistorisches, e o museo da historia natural, Naturhistorisches. Neste xardín vienés atópase unha das esculturas máis famosas da cidade, a de Mozart, precedida por un xardín cuxas flores debuxan unha clave de sol. Neste xardín atópase tamén o Schmetterlinghaus, casa das bolboretas, e a escultura do emperador Francisco José. Nese mesmo edificio hai unha bonita cafetería, chamada Palmenhaus, onde comín o meu primeiro día de estancia en Viena, degustando o plato típico, Tafelspitz, que ao bo dicir dos vieneses era o plato preferido por Francisco Xosé.

            Súmase a esa beleza natural o xardín do pobo, Volksgarten, un dos máis bonitos de Viena, onde abundan as fontes, as esculturas e os xardíns con céspede e flores. Está ubicado onde antes estaba a primeira liña da fortaleza da cidade. Inicialmente creouse como un xardín privado para os arquiduques, pero posteriormente prevaleceu a proposta de que fose público e así consta desde 1825 en que se denominou Volksgarten. No medio do xardín edificouse o templo de Teseo, e próximo a el aparecen magníficos monumentos, como o de Sissí e o do poeta Grillparzer, así como numerosas fontes presididas por esculturas de famosas personalidades, como Isabel de Baviera, e entes mitolóxicos, como Tritón e Ninfa.

            O Stadtpark é un dos parques máis visitados en Viena, tanto pola rica variedade de plantas e flores que atavían os seus xardíns, como polos monumentos que se ubican no seu recinto. O parque está atravesado por unha ramificación da Canle do Danubio, sobre o que de noite se proxectan fabulosas e misteriosas figuras de luz e cor que lle dan un escintileo máxico. No Stadtpark atópase unha preciosa estatua dorada de Johann Strauss, fillo do outro gran compositor Johann Strauss, dentro dun marabilloso monumento. A escasos metros localízase o Kursalon, un edificio que se construiu a finais do século XIX para tratamentos de hidroterapia, pero que ao pouco da súa construción se transformou nun centro de concertos musicais. Alí gocei dun.

Estatua de J. Strauss no Stadtpark                 Salón de concertos no Kursalon

            O Prater é un popular recinto de recreo no que se ubica o parque de atraccións máis antigo do mundo. Inaugurouse en 1897, e con el a Nora Xigante de Viena que é un dos emblemas da cidade. Trátase dunha obra monumental, de 60 metros de altura, que se inaugurou durante a celebración do 50 aniversario da coroación de Francisco José I. Neste lugar graváronse escenas da película O terceiro home, onde sobresaía un maxestoso Orson Welles no papel de Harry Lime entre personaxes sinistros, extraordinaria e cadenciosa melodía e un logrado guión de intriga e suspense.

O adeus

Non podo rematar esta despedida de Viena sen expresar a miña gratitude ao meu amigo Antón Pulido -que grande é!- pola súa pegada indeleble na selección e optimización fotográfica que escolta a este relato.

Despois duns días inesquecibles, ateigados de vivencias espertadas sobre o leito quente das emocións activadas a través do pensamento e da cultura, irrompeu en fervenza a beleza da vida rozando a sublimidade; era esa mesma vida que normalmente aparece escurecida polo hábito e a rutina para converternos en náufragos da monotonía.

            Con pátina de melancolía houbo que poñer fin a esta visita. Espero, non obstante, que non desapareza de todo o eco desa turbulencia cultural vienesa nin o ronsel que esta visita deixou en min. Así que: adeus, Viena. E grazas polo agasallo destes días.

                          Auf Widersehen, Viena. Dankeschön

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.