Xulio Dobarro. Ano Ramón Otero Pedrayo, 2026. ”Os camiños da vida”.  De Ourense a Compostela

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


A continuación presentamos unhas breves consideracións e mostras textuais relativas a un dos temas máis recorrentes nesta ovela, o ensino, ao que tantas horas adicou o autor, primeiro como escolar e despois como docente, e de cuxa relevancia e atención lle mereceron o máximo interese desde o inicio  da novela, “Os camiños da vida”, ata a fin, sen ignorar as digresións necesarias para a ficción e manter a atención do lector. Iso, ó menos, é o que podemos interpretar  dunha lectura sen pretensións, sen entrar en consideracións de análise literaria. A novela ofrécese organizada  en tres partes: Os señores da terra, A maorazga e O estudante; e cada unha destas en subcapítulos.

 As consideracións introducidas polo autor, teñen unha vinculación moi estreita co período histórico no que se ambienta a narración e a fonda transformación social que se produce na transición do Antigo Rexime ao século XIX. Así, a preocupación polo ascenso social, de principio a fin da novela, pasa inescusablemente polo ensino, nun contexto histórico de especial complexidade de loita política.

Don Ramón, por Manolo Buciños. Pintura ao óleo de Antón Buciños no centro cultural Marcos Valcárcel, Ourense (do 20-02-2026 a 5-4-2026): “BUCIÑOS+BUCIÑOS).

1.-OS SEÑORES DA TERRA

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

 Don Ramón, anque nacido en 1888 na cidade de Ourense, na popular Rúa da Paz, onde compartiría escaleira con Vicente Risco e, moi preto, con F. López Cuevillas, mantiña un vencello moi forte co lugar de orixe familiar en Cimadevila-Trasalba-Amoeiro, -na actualidade Casa Museo Otero Pedrayo- onde el recollería de preto as vivencias e complexidade das transformacións sociais dunha clase social ida a menos, a vella fidalguía, que, paseniñamente ía perdendo nivel económico e estatus social e se vía case obrigada a incorporarse aos cambiantes novos tempos, no económico, político e social. A familia, en particular o pai de formación xurídica, participa da vida política do momento e exerce como deputado provincial, chegando a defender a M. Curros Enriquez no xuízo seguido contra el a raíz da publicación de “Aires da miña terra” en 1880, xa que fora denunciado polo bispo ao considerar a publicación de carácter anticlerical. Aquel, aínda que de orixe fidalga, como moitos no seu caso, abandoaran o estudo do Latín e a carreira eclesiástica para incorpórase ás novas profesións en expansión, como a da avogacía para defender a o patrimonio familiar e xestionar rendas, foros e caseiros fronte ás pretensións dos foreiros para adonarse das terras. Na medida que a familia se asentara na capital, participa da maioría doutras vantaxes que lles estaban vetadas no rural, como por exemplo, e das de maior importancia, o acceso ao ensino medio e, a seguir, o superior.

 As constantes idas e voltas a Trasalba, na bocarribeira do Miño, con abundantes casas de economía saneada na contorna, algún que outro pazo con capela, pombal e ciprés  –que pazo é–  servirían de base de inspiración para moitas das súa obras, en particular para “Os camiños da vida”, que dá por concluída en Ourense, o 17 de xaneiro de 1928 cun viva de ¡TERRA A NOSA!

1-1: Os pazos do serán

 “Non, o que é nós, levamos a vivir demasiado mesturado co dos labregos. En que pensa, don Caetano? Vostede, con tres fillos e dúas fillas, ten que cavilar no porvir da casa. Eu son un pobre e non desexo ren con tal que as fillas herden para se manter. ¿Mais, vostede? Debería facer deste Pazo un centro de verdadeiro señorío. ¿Por que non pasan os invernos en Santiago? Non lle falo de Ourense, pois alí non podería darlles educación ós fillos. Xa son medrados. Eu, que son un cabeza tola, tamén recoñezo os meus defectos. ¡Que vivir máis fidalgo levarían nun pazo da rúa Nova! O maorazgo ten a maior  porción do capital e non se porán marcos nas terras; con todo, non lle estaría de máis un pouco de letras. Cóidolle que xa non sabemos ser señores. Fronte á  xente da vila non sabemos falar. Os outros poderían ser cregos un, e o outro avogado, farían honra ao país e maís á caste.

 ….Por máis, tiña outras cavilacións. A  guerra. Don Xosé María herdara da francesada un espírito liberal. Tiña unha fe romántica no triunfo das ideas que el coidaba xustas e fidalgas. Cando chegou a nova desamortización riu ás cachizas maxinando a desfeita dos frades. Ben sabía o pé do que coxeaba don Caetano, dominado polo abade, pois el non pensara endexamais pola súa conta. Agora, na conversa a carón do lume, pensaba que quizais axiña os dous pazos se atoparían inimigos”.

2.-A MAORAZGA

Don Ramón, coma outros do seu tempo, denantes de incorporase ao primeiro Instituto na capital, no que permanecería de 1896 a 1904 –Actual IES Ramón Otero Pedrayo-, asistiría a algunha das academias privadas que se ían creando paralelamente ás de Primeiras letras públicas-municipais para despois obter a licenza para o ingreso no Ensino Medio. Así, desde 1847 hai noticias de que na cidade funciona unha comisión Provincial de Instrución que, no Instituto, era a encargada de examinar os aspirantes.

 Fora no ano 1862 cando o concello cede os terreos para a construción do novo edificio  para ser inaugurado en 1892, aínda que xa con anterioridade en 1852 estudara a posibilidade de crear un “Xardín Botánico na Alameda do Posío” e unha “Escola de Agricultura”.O que lle dá pé, ao que tamén foi alumno do mesmo centro, X.L. Méndez Ferrín, para que nos nosos días, reivindique e explique o topónimo de “Pousío”, no canto de “Posío”, interpretando que ese espazo quedaría, daquela, ás aforas da cidade e o terreo pasaría por unha fase de “barbeito” ou “pousío”, segundo as ceifas anuais.

 [Ás portas de 2026, a transformación deste espazo está sendo obxecto de polémica, a causa  de puntos de vista encontrados entre a administración municipal e algúns colectivos cidadáns].

 O que ía ser “Don Ramón”, home dunha presenza física e dotes oratorias excepcionais, ademais dunha obra escrita que abrangue case todos os xéneros,  segundo se conta, sería “un bo estudante, anque non moi estudoso”. Mostraría apego por dous mestres en particular: Marcelo Macías, clérigo humanista e erudito, e Eduardo Moreno López, quen exercería no escolante a súa afección pola Xeografía da paisaxe.

 Con respecto á evolución do ensino na capital, e segundo as ensinanzas de Sabela González Vázquez (Gran Enciclopedia Gallega,nº 23) , tomadas, de entre outros, do noso prezado Emilio Duro Peña (Froufe-O Irixo), este fixa como data maís antiga do ensino na capital en 1217, coa existencia dun “mestreescola” dentro da diocese de Ourense, que tiña ao seu cargo a escola catedralicia co deber de ensinar aos nenos ou ben buscarse unha persoa que o substituíra.

 En anos posteriores (1534), o cencello vai incorporando novas medidas de expansión do ensino con iniciativas como a de ofrecer 4.000 maravedís para un preceptor de Gramática, coa condición de que non sexa clérigo nin teña outro oficio e dispoña de un “repetidor”.

 E así, ata atopármonos nos “camiños da vida” do protagonista, Paio Soutelo, cando Don Ramón, fai referencia expresa no capítulo d´A clase de retórica a “No vello instituto remataban as clases de Retórica e Poética”  e “A capital da provincia de entón. Así como o instituto era grave e rexido pola Lei Moyano” (1857).

 A todo isto precederan varios lugares de referencia para o ensino na cidade: Escola de Primeiras letras de S. Cosme e Damían, Convento de San Francisco (1725), un dos centros de maior importancia, despois dos da catedral, segundo o mesmo E. Duro; o colexio dos Xesuítas desde 1769 ata a expulsión en 1777, por Decreto de Carlos III; ou a creación do Seminario Conciliar de S. Fernando en 1804, que vén a ocupar o espazo dos Xesuítas, que antes ofertara dúas clases de cátedras: unha de Latinidade (ou menores), e outra de Retórica (ou maiores). Por aquí, maxinaría don Ramón, as andainas de Paio Soutelo-.

2.1: O tío de fóra

Eu -o tío Adrián- faláballes de moitas cousas, espallei neles o coñecemento de Galicia. Despois xa saben as miñas novas viaxatas. Agora levo xa tanto tempo nesta casa polo amor do sobriño que penso sexa o que eu non puiden ser”.

 “Ó correr dos anos, o Paio foi medrando e chegou a idade dos estudos. Era esperto e doado para eles. Xogaba cos mociños do lugar e dábase con todos. Os fillos de don Caetano, xa grandes, homes e mulleres burlábanse del e do seu tío. Entre os dous pazos non había relación ningunha”.

2.2: A clase de Retórica

“No vello instituto remataban as clases de Retórica e Poética. A luz cincenta dun día neboento de inverno baixaba polas altas fiestras e deixaba en medio sombra os derradeiros bancos. O mestre, un crego de longa figura cangada, tiña na man unha edición do Horacio de Villagarcía de Campos ad usum scholarum e comentaba un anaco da Epistula ad Pisones. Sentado na alta cadeira, aquel crego parecía un clásico profesor de Salamanca ou de Alcalá. Co ambiente clerical da aula, coa explicación ponderada, serena, de xeito e cadencia antiga, do texto, esquecíase que tiñan decorrido as revolucións e as exclaustracións e soñaba alentar no antigo réxime.” […] “Cando ía pola rúa, os seus ollos ardentes de segundón de boa casa fidalga en chan miñoto, descendían tercamente ó empedrado para non se fixar nas señoras da vila ou nas rianxeiras algareiras na mañá cidadá. Agora, comentando os clásicos recobraba a alegría do seu ser”. “Despois da hora dedicada á retórica, consagraba os derradeiros minutos a explicar as longas historias dos deuses  e dos heroes….Ás veces un recender de primavera mediterránea  (buxo e  loureiro) espallábase pola clase….Ardía un lume nos ollos dos rapaces. Entón o mestre cortaba a explicación, chamaba unha cita dos Santos Padres e outra volta reinaba na clase un ambiente de escola mosteiral”.

“O erudito crego sabía o que facía explicando miudiñamente as gloriosas Humanidades. Ademais de atopar gusto nelas, considerábaas como unha sebe de verdecente ramaxe contra a invasión do espírito do século. Ben se doía de que noutras clases veciñas soaban voces diferentes e abríanse camiños de perdición. Quizais polo mesmo tempo, na aula de Historia Natural xermolaban ideas materialistas. Para el Natureza era igual a Pecado. Só transixía coa natureza cercada polo grego e o latín. Era un home de verba precisa, forte, elegante, e tiña o amor dos rapaces. Alí estaban arringleirados nos bancos. Uns moi señoritos, da vila, outros máis graves e fortes, co ollar de homes, eran das familias fidalgas da aldea. ¿Que sería deles dentro de pouco? O furacán da Revolución deitaba as ordenadas avenidas da disciplina social imposta polas monarquías vellas. Os claustros desertos, os libros de fóra libremente espallados, a monarquía de Isabel recoñecendo os Gobernos, fillos da Revolución. A pobre España naufragaba e o papado mantíñase en Italia en loita esgrevia.

 Logo, na Universidade tiña desaparecido a Facultade de Teoloxía e só se estudaban as noxentas ciencias utilitarias. O mestre tiña que se conter para non sacar o crucifixo de bronce que gardaba no peito e teimar acender unha labarada de fe na grea dos estudantes. Máis non era a súa misión e cumpría co deber. Era un funcionario pagado polo Estado Moderado ou Liberal. Ás veces tiña vergonza de si”.

 “Un porteiro de faciana e porte de curial engurrado, o don Cándido sonado en tantas xeracións de estudantes, deu a hora solemnemente. Remexeuse o fato de mozos. Só entón o mestre se lembrou de que era a derradeira clase. Ó día seguinte comezaban as vacacións de nadal. Dixo unhas verbas afervoadas de consello:

 -Meus fillos, non deixedes nas vosas casas  de traducir algúns anacos da Epístola e maís das odas. Só das que vos teño sinaladas.  Mais sobre todo pensade que son os que veñen días de recollemento e meditación para o cristián.

“O rapaz que falou primeiro ollábao, non con xenreira, senón con amable burla. Este rapaz chamábase Paio Soutelo; era louro-cincento, de cabelo rizo; fermosa fronte, corpo lanzal, ollos verdecentes un pouco tristeiros. Vestía xa o home a súa chaqueta de pana e envolvíase fachendoso na capa negra e usada. Entón os rapaces do instituto eran case que homes. Vivían nun instante do que quizais non se daban conta. De vellos pensaron moitos nel os que tiñan a manía de pensar.

 A capital de provincia de entón. Así como o instituto era grave e rexido pola lei Moyano, todas as actividades da cidade, políticas e administrativas, tiñan un aspecto de cousa seria, de disciplina conquerida. Era un novo réxime, o novo réxime dos moderados ou dos liberais, sobreposto ó antigo réxime da monarquía católica.

 Outras vegadas, despois da clase, espallábanse cada un camiño da súa casa. …No verán cada un camiñaría polo seu vieiro. Na mocidade non se explican doadamente as fallas que franquea o vivir enntre os compañeiros. Paio, ollando para os consdiscípulos na clase, ou xogando e falando nos arrabaldes da vila, sentía unha mordedela de melancolía ó pensar no porvir”.

 “Paraban na casa dous estudantes de Teoloxía do Seminario, un empregado de Facenda e o estudante. Non había lugar para máis. O tío puxera alí o seu sobriño porque coñecía o carácter severo do patrón que non consentía escapatorias pola noite nin adiantaba un chavo. Había que forrar (sic), e pensar na carreira próxima.”

2.3 As trenzas louras

“Era unha mociña -Berta- de dezasete anos, lanzal igual que a palla do centeo, unha gris serenidade de ceo do norte no feitizo dos ollos e os cabelos louros, viventes de por si, recollidos e pendurados en dúas longas trenzas de ouro outonizo, de fibras de luz. Sempre vestía de loito e non aparecía tristeira nin amiga de festas.

 O vello -natural de Suíza- non explicaba como viñeran vivir tan lonxe, en Ourense. A rapaza era unha galeguiña completa. No colexio de dona Bernaldita educárase co mellor das señoritas da vila…”.

 “Só tiña un amigo da súa clase, o Antón Cao, fillo dun bo avogado da praza do Ferro, que tivera sona de moito saber”.

D. Ramón (1888-1976), por Buciños na praza do Correxidor-Ourense dese 1983. Mouteira do camiño (“Nós), seguido polo protagonista d´Os Camiños da vida.

3.-O ESTUDANTE –De Ourense a Santiago, de onde Paio volta ó lar familiar co título de Medicina debaixo do brazo-.

  A biografía de don Ramón, tanto no proceso do Ensino Medio, como no Universitario, garda abondo paralelismo coa do protagonista d´Os camiños da vida, mesmo se poderia considerar que bota man en grande medida da súa propia experiencia escolar, a todos os niveis, agás naquilo no que o autor deixa voar a imaxinación e introducir os elementos da ficción que veñan ao caso.

 Se se admite que en 1905, don Ramón inicia en Santiago  o “Curso de ampliación preparatorio para as carreiras de Dereito e Flosófía” para examinarse por libre e posteriormente cursar en Madrid a carreira de Filosófía e Letras, sección  de Historia, que simultanea con Dereito, entre 1905-1912, estaremos en condicións de admitir que moitas das pasaxes relatadas que teñen como epicentro a Universidade de Santiago -ou a de Madrid- non lle eran alleas, senón que, quizais maís ben fora partícipe delas.

 Se ata a Universidade podemos admitir que a biografía de don Ramón e a de Paio evolúen de xeito parello, salvando a distancia temporal e a ficción, a vida adulta evolúe por distintos camiños. Aquel, quizais levado polo espírito das Humanidades e da Retórica do Bacharelato, orienta a súa vida para o ensino, despois de superar as oposicións de catedrático para exercer no que foi o seu instituto de aprendizaxe e de docente, e que hoxe reivindica o seu nome. A de Paio, cando para chegar a Santiago había que utilizar como medio de transporte unha besta guiada con espolique coñecedor de todos os camiños e segredos da andaina, así como a tradicional hospedaxe rexentada por unha dona de confianza da familia e unha convivencia non exenta de situacións abondo tentadoras, xa fora abondo distinta da que ía desfrutar don Ramón transladándose a Madrid.

 A traxectoria vital do autor  participa do compromiso político do momento como membro do Partido Republicano de Ourense, do que exerceu como deputado entre 1931-33, ademais dunha actividade de escritor intensa, tanto en todos os  xéneros literarios como no xornalismo, ademais de acceder en 1929 á Real Academia Galega.

 Os tempos convulsos da Ditadura e os ideais galeguistas do autor, aínda que sen chegar a exiliarse, supuxéronlle a separación do ensino en 1937 ao ser desposto da súa Cátedra de Instituto, que en 1950 recuperaría como Catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago.

 A década de 1920 a 1930, entre a creación do Grupo Nós coa revista publicada por primeira vez o 30 de outubro de 1920, a fundación do Seminario de Estudos Galegos en 1923, ocupan unha parte extensa da súa actividade cultural, ademais das múltiples colaboracións en xornais e das conferencias, tanto en Galicia como na diáspora, que o aclamaban polo seu verbo sonoro, grandilocuente e convincente.

 As súas viaxes, na compaña de persoas da capital como Risco, Fernández-Oxea, ou Lois Feixoo, foron unha constante na súa biografía. Neste sentido, e pola parte que nos toca aos da comarca do Carballiño-Orcellón, puidera ter previsto publicar unha das viaxes nas que participou desde Ourense a Santiago en 1926, cando con motivo da celebración de Ano Santo, se desprazaran ata esta cidade. Así, segundo o cronista Xavier Pardo Bedia publicou no Xornal A Nosa Terra, cando á chegada ao Carballiño para hospedarse no hostal Carlos e seren obxecto de desconfianza da Garda Civil, Otero, co seu porte imponente e señorial disuade a aquela de entrometerse na aventura de tan ilustres pelegríns e poder continuar ao día seguinte cara ao Irixo-Silleda-Boqueixón-O Pico Sacro e Santiago.

 Don Ramón traza para Paio Soutelo unha vida case ascética como estudante en Santiago para poder acadar os obxectivos que o inspiran, en grande medida animado pola presenza física do seu tío, tías e nai, e a ausencia do pai ao que lembra nas súas visitas ao cemiterio da colexiata do Sar. Despois de certos remordementos, desamores, desazóns, soedades, nostalxía de mortos e vivos na inmensidade da noite compostelá, el finca os cóbados, mentres outros seguen de troula e esmorga ata lucir canas nas aulas. De todo esta  angueira de privacións, chiscarlle o ollo a algunha moza e velar pola facenda, resulta unha carreira exitosa, que culmina coa Licenciatura de Medicina, quizais para exercer temporalmente no lugar de nacenza, pero con afán de superación noutras latitudes para cursar un doutoramento ou, –quen sabe o que!.

 Nese andar pousado de tío e sobriño por algúns espazos da cidade, como a Ferradura ou a carballeira de S. Lourenzo, aquel aproveita para lembrarlle que cando corría o ano 1854 e Paio cursaba o Bacharelato en Ourense, en Santiago estábase a promover unha Revolución que tivera as raíces nos anos anteriores co final tráxico dos Mártires de Carral en 1846, e Compostela celebraba o que para o tío fora un acontecemento excepcional, sen precedentes: un banquete –o de Conxo- no que estudantes e obreiros expresaran un brinde de apoio e solidariedade entre si, cousa nunca vista ata ese momento. Nel tiveran unha presenza destacada, dous poetas; un, de quen se dá o seu nome, Aurelio Aguirre (1833-1858) que morrería afogado na praia do Orzán, e outro, “que debe andar de médico por algunha aldea. Polo que teño ouvido é unha alma de poeta. De bardo..” por cuxos sinais e filiación ó grupo da “Cova céltica” nos leva sen dúbida a cavilar no que a tradición culta así o soe identificar como o “bardo de Bergantiños” como tal, ademais da súa condición de médico: Eduardo Pondal (1835-1917).

 Os últimos anos da súa biografía, -despois de percorrer “medio mundo” e ser aclamado con sonados vítores- Otero aséntase en Ourense onde falece o dez de abril de 1976. A modo de curiosidade, cóntase que o ataúde no que repousaron os seus restos mortais no cemiterio de S. Francisco, fora fabricado coa mandeira dunha araucaria que o seu pai plantara cando o autor nacera, e que o vento derrubara.

3.1: O coto de Ushnagh (Suposto título dun poema atribuído ao seu tío, de cando andara namoriscado dunha moza de orixe irlandesa e compartira uns días de lecer visitando a cidade de París e Irlanda, e que o poñen en contacto coa poesía irlandesa: “Os irmáns irlandeses descubríronme a poesía do Norte: as lendas de Ossian, as vidas dos druídas, e dos santos taumaturgos, a fartura de cousas denantes insospeitadas para min, na misteriosa Idade Media”. Aopinión de Edith contradí a opinión da familia, en canto ó seu futuro profesional como avogado, que aquela lle aconsella non seguir. Ademais de expresarlle a súa opinión dunha relación fustrada:”Esta luciña morre. Lémbrate algunha vez de min. Casa na túa ditosa terra; cría fillos temerosos de Deus e, sobre todo, dálles un espírito forte. Pola noite, ó pé do lume, mesturados cos criados e xornaleiros, depréndelles as lendas antigas.¡Que eles garden a sinxeleza da nenez o maior tempo posible! Morrerei leda, pois puiden dicirche canto che quero. Aínda que sinto fondos remorsos por magoar coa miña dor, ¡A dor de Irlanda!, a túa mocidade”).

Rematado o Bacharelato Paio rubiu a costa, coma sempre en compaña do Perico.

 A noite derradeira case que se gastou en consellos e proxectos. Denantes de romper o día xa estaba a besta no curro e o señor Estevo tomando a parva de augardente. O primeiro sol colleunos rubindo ledamente as costas empedradas contra o Carballiño.

3.2:A rúa de Mazarelos -Santiago de Compostela-

 “A primeira noite o Paio non foi dono de pechar os ollos…Dous días de a cabalo cruzando chairas e lombos de monte cubertos de uz e esmaltados polas dolorosas floriñas do outono, terras ditosas de montaña farta, de parroquias bastas, orgullosas dos seus campos de valentes carballas, val ullán fidalgo, xardín por onde pasea amodiño a sombra do alcipreste do Pico Sagro. Cando chegou a velo de preto, ó Paio decorreulle pola alma unha nube….Nin respondía á latricada do Estevo”. Durmiron nun pobiño despois de Lalín, e alí riron ás cachizas ó verse deitados, envoltos nas mantas da besta, nun leito familiar disposto en roda arredor do lume de torgueira. O Estevo pensaba, diante da melancolía do Paio:

-Coitado, ten medo ó estudo. Se eu me vira no seu pelexo, con fartura de terra e boa ceba todos os invernos e con aquela pinga dos parrais das Campás Abaixo, que me esgarraficen os demos se viña tolear dos miolos para deprender de menciñeiro: pola mañá xamón e viño, ás doce viño e xamón, e pasear cun caxato na man como un cabaleiro.

 …xa o espolique se perdera pola estrada, cando de súpeto, sentiu a aperta e, preto de si, a faciana aberta do Fontes.

 -Acabas de chegar -vés canso- ¿Que tal as velliñas? Eu tamén estou en Mazarelos. ¡Xa verás que ben defuntamos (sic) os condumios de dona Concha! ¿Tes feita a Matrícula? Mañá toma lista o catedrático de Historia Natural. ¡Tenche unhas patillas de xeneral e xa dixo que había de facernos estudar acotío!

-Seica queres ficar estatuado aquí -cemiterio na igrexa do Sar, onde ficaba enterrado o seu pai-. Non sei como te vas compor para estudar Medicina con esas sensiblerías. Vamos, home, ou o sancristán vainos escorrentar comas ós cans.

…as melancolías dos primeiros días fóronse espallando na leda lagrimada cos amigos e no estudo da Zooloxía, da Botánica e mais da Mineraloxía. Seguía con paixón a explicación calcada, precisa, do doutor Planellas, que animaba a clase con mil historias das súas viaxes polas parroquias galegas en procura de plantas. Andara os vales do Ulla e do Sar, parando nas casas dos cregos ou dos paisanos; chegara ata a beiramar, onde a vexetación atlántica lucía  pecha e continua encubrindo a roca e dende os curutos salvaxes da Barbanza, cheos dos potrancos bravos, borrachos de liberdade, considerara longamente as feituras agarimosas das rías baixas. Planellas, como bo catalán, falaba gustosamente do mar clásico e das oliveiras onde cantaba a cigarra de Proensa, mais en Galicia atopara outra flora que el consideraba máis dinámica, máis variada, e xunguida á cosmicidade da terra…

 Ó seu arredor estaba a inqueda grea de amigos, os mellores que tivera no Instituto, pois desde entón o mundo decorría por canles novas e os rapaces deixando a Teoloxía e o latín dedicábanse ós estudos das ciencias, outros empardecerían debullando as noxentas sentenzas do Dixesto. Que bo proveito lle fixeran. Serían avogados máis enredantes  que as silveiras que se inzan no monte matando todo vivir froitoso. Eles, co ollar ceibe, voltábanse á natureza e non tremían diante dos noxos da enfermidade…A Liberdade agardaba máis deles que dos floridos oradores …Mozos de Noia e Bergantiños, da terra de Monforte e da montaña de Lugo, fidalguiños aldeáns ou fillos de pobres, señoritos apenas separados do mimo das nais ou homes novos xa afeitos ás congostras da vida.

 Namentres estrondaba polas rúas escuras o balbordo da farra, a graza da serenata e os verros dos vileus, unha luciña clarexaba na pequena fiestra da rúa de Mazarelos. Un ollar axexante á noite ó porvir.

“Había os grandes tipos. Os máis sonados os da terra de Ourense. Un fato deles levaba unha chea de anos sen rematar a carreira vivindo comunalmente nunha rúa preto da Algalia. Ó principiar o curso chegaban en valentes mulas, coas onzas novas no bolso; vestían moi ó señorito da aldea, daban famosas ceas, amañecían ó mellor fartos de viño estrados nas lousas da Quintana baixo o decorrer das gárgolas de San Paio. Despois viñan as negras. Aquel ano foi para eles particularmente dificultoso. Rematados os cartos…empeñadas as alaxes, as mantas e os traxes de pana, celebraron todos dignos e dispostos, un gran consello. Poderíase pensar, tratándose de estudantes, que fora un traballo intelectual. Mais na constitución esencialmente esmorguista dos asociados conviña mellor o traballo ledo e burleiro da zapatería…O patrón da casa, coa esperanza de cobrar, deixoulles a tenda, e unha mañá de Santos, en bo tempo para dispoñer o calzado invernizo, o equipo de zapateiros-estudantes turraba da subela e mallaba a sola coa graza dos bos compañeirros de Vilanova dos Infantes. Todo o grave Santiago riu a idea. Alí resoaron as ledas cántigas ourensás, ían as criadas facer as súas composicións armando un barullar dos demos…Houbo pola noite paus e facadas, e todos co material foron durmir á Falcona. Logo, reducidos pola fame a vivir todos nun cuarto alto e frío, enxeñábanse  en procurar mantenza de mil xeitos…”

 Paseando pola carballeira de San Lourenzo, o tío lémbralle ó sobriño que “Polo ano cincuenta e catro estabas ti no Bacharelato. Quizais te lembres que houbo revolución. Pois aquí daquela tiveron un gran banquete os estudantes e os obreiros de Santiago. Foi a primeira vegada que se xuntaron. Ata entón, se se coñecían era para pelexar polas rúas.¡Fermosa aperta do estudo co traballo!Circularon moito os brindis de dous poetas que aquí xurdiron. Dun deles, Aurelio Aguirre, ouvirás falar de fixo, pois o seu nome é dabondo popular. O pobre morreu afogado na Coruña ós poucos anos… O outro debe andar de médico por algunha aldea. Polo que teño ouvido é unha alma de poeta. De bardo…A pobre Galicia aldraxada por todos salvarase cando acerte a ser ergueita polas palabras dun bardo. Eu sospeito que aquel mozo, que é da terra de Bergantiños, fará algo pola nosa lingua esquecida. E, sobre todo, polo sentimento da patria. Olla para ese Santiago. Poida que co tempo sexa unha verdadeira capital. Agora xa irás deprendendo o que é”.

“Pola noite mantiña a luz acesa ata que o cangaba o sono. Os máis compañeiros andaban de farra, durmían coma nenos ou esmorecían en conversas aínda de rapaces. Todos sentían un forte desexo de pasar á Facultade. O Paio máis ardentemente ca ningún”.

3.3:As fontes do hospital –anecdotario universitario compostelán

 “-Non sabedes o que lle ocorreu hai pouco ó reitor -falou o Paio- díxomo a criada da casa. Pois estaban todas as mulleres collendo auga na fonte cando rompeu por entre eles un señor de barbas e gabán, e meteuse no pilón ata as gorxas. Todas berraron. Unhas señoras que estaban no balcón do pazo de Bendaña, dixeron: “Volveuse tolo o señor reitor”. Logo contoume o mancebo da botica, que é da miña terra, que estando don Antonio manipulando no laboratorio, atopouse envolveito nas chamas do hidróxeno -como é fogo que a penas se percibe, as mulleres non o vían arder”.

“¡…mais, canto tiña sufrido para chegar á imposibilidade científica á moda! E non estaba seguro de tela conquerido, indo xa ben adiantado nos estudos da Facultade. Acendendo un pitillo conselleiro, figurábase os noxos que lle custara o estudo da Anatomía. Pola mañá a graza do claustro de Fonseca enchíase coa leda mocidade dos estudantes…a alma, o intelecto, a intelixencia, os universais, as ideas nadas, ou tamén os problemas case que  para o espírito da graza e, para esparexer o ánimo, o comentario fino de Homero e de Virxilio.¿Por que el, o Paio, se alonxara daqueles fermosos estudos? O catedrático de Retórica do instituto, cando dicía a verba “Humanidades”, figuraba que desfacía  na boca un froito de sabor e labio incomparable. Tiña razón o tío Adrián de laiarse das afeccións materialistas do seu sobriño. O fillo dun heroe do 46. Pois deseguida entraban na fría sala de disección, cheirenta a mondongo humano…Algúns rapaces perdían a cor, algúns sentían un noxo tan fondo que botaban por entre os camiños”.

 Moito riran da ocorrencia dun compañeiro: -É parvo imaxinarse riolas e muiñeiras macabras de esqueletos baixo o luar; os pobres ósos non poden xuntarse, podrecidos os ligamentos, porque non teñen aneis para mantelos xunguidos”.

“Cando o profesor lle mandou afeitar un cadáver, o Paio, para non facer o ridículo coas súas sensiblerías, tivo que se esforzar en lembrar a matanza dos porcos no pazo da Pedreira.

 Despois da primeira garda foino procurar o Araúxo para dar unha volta. Camiñando pola ferradura, o Paio falaba contento:

-Vou gañar os meus primeiros cartos. Xa son útil a alguén. As miñas vellas non terán que esculcar tan miúdo para me manteren a carreira.

Atoparon un rapaz de Santiago, de boa xente, que andaba no primeiro ano.

-Miña nai -dixo- criada á antiga, case me ten medo dende que estudo Medicina. Óllame coma un impío. E teño necesidade dunha caveira para as leccións destes días. ¿Como farei?

-Non te apures, home -dixeron os estudantes formais- Iso arréglase nun dicir Xesús.

Á noitiña foron cara ó cemiterio. Estaba pechado. Os ósos de San Domingos botaban unha sombra medorenta sobre o branquexar das lousas e o bailado imaxinado das cruces. O Paio choutou a parede, rabuñouse nunha perna e caeu nunha terra mol e mollada. Os outros agardaban, un pouco asoballado o Araúxo, sinxelamente medroso o rapaz novo.

-Aquí están enterrados os meus.

Non rezou por se botar de valente. O Paio tardou en voltar coa caveira parduzca na man:

-Toma, home; ben escaravellei na foxa común; os pobres sempre han ser pobres; ten conta que abre a boca.

O rapaciño colleuna tremendo; aínda tiña cabelos apegados. En toda a noite non durmiu…

O que dicía o Paio cos amigos:

-Este Santiago évos o gran pobo; aquí teñen saído homes e idea novas aínda nos tempos da Inquisición, mais foxen de aquí e non amolecen a cotra da vellez xeada que recobre Santiago….Onde nós estudamos foi niño de teólogos que se daban moita importancia e bebían bo viño, ó contrario dos veciños colexiais de san Xerome, estudantes de Filosófía, ciencia entón tan perigosa coma hoxe a Medicina.Os pobres debullaban a codia con auga e rillaban os siloxismos cos dentes afiados pola fame. Pois ese señor contounos a historia de don Casiano del Prado, gran profesor e iniciador nas ciencias naturais. Foi un dos derradeiros sabios que tiveron a honra de seren procesados polo Santo Oficio, igual que Galileo.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Gardou -o Paio- toda a vida a friaxe fenicada dos patios e dos claustros do hospital. Figurábaselle que toda a Galicia doente se acugulaba nas salas, cos seus diferentes acentos, nas frases, na maneira de ser, francos e cándidos os mariñeiros, desconfiados os labregos, conselleiras as vellas, tristeiras as mozas. Os profesores e cirurxiáns metían as mans naquela morea de podremia.  Como era faladeiro, guapo e doado con todos, fixo verdadeiras amizades. Ata unha noite colleu o Anllo e díxolle:

-O que ides facer non é de homes; sodes uns bárbaros, e aínda teimades de ir de médicos ós pobos.

Mais non os delatou. Fora o caso seguinte.

“Había un mestre atolado, de xenio enrabechado que suspendía a rego, comesto dunha melancolía ou mal mouro do fígado, que o facía pasear sen termo na noite por un corredor que remataba por unha escaleira. Sempre no escuro, chegaba e debruzábase na cancela falando a soas. Viña o fin do curso e teimaron deixar aberta a cancela para que o terrible profesor rompera a crisma caendo pola escaleira. Fixérono  e quedaron tan frescos.

3.3As vacacións derradeiras

“Ardentemente, o Paio refixo as súas ideas en Fisioloxía e Terapéutica. Non lle gustaba traballar na Cirurxía.”Cando estea en Trasouto, de pobo en pobo, voume dedicar á procura de remedios coas herbas dos campos. O orgamismo dos paisanos demanda tratamentos sinxelos”.    

 “Desde que hai médico en Trasouto aquilo era unha romaría. Chegaban vellos cangados cos seus caxatos salaiando saúdos e queixas do flato, do mal das costas, do peito queixándose uns que non podían enviar, outros de mareos do estómago ou de falta de forzas para a angueira máis pequena, homes comestos da quentura co queixal mouro e os dentes batendo…”

Xa polo outono, o Paio baixou co vello Tomás, o da Reguenga, a Ourense para lles facer a hipoteca da terra da Fontela. Foi un dos días máis ledos do médico, e tamén dos máis tristeiros. Chegou de volta a Trasouto afundido en cavilacións. Dende os tempos do Bacharelato non voltara á capital. Figuróuselle pequeneira e noxenta cos seus señores do Espolón e as novas casas que pola carretera ían erguendo os tendeiros. Ollou para os rapaciños  que saín do Instituto e parecéronlle máis pequenos que os estudantes do seu tempo. Baixaba pola Barreira para ir saudar a pousada onde parara cinco cursos, cando atopou o Fontes vestido de loito, un pouco macio e envellecido.

 Ata aquí esta humilde colaboración, a modo de reflexión dunha mínima parte da biografía e obra do autor. A honra e o mérito corresponde a Otero, así como os textos que se reproducen, por se poden servir de estímulo para achegarse a eles. Que este 2026, como Ano Ramón Otero Pedrayo, contribúa á difusión e coñecemento da súa obra, abondo extensa e nos diversos xéneros de ensaio, literatura, xornalismo, e incluso, libros de texto.

 Despois do ano Castelao 2025, o de Otero, 2026, trae á memoria, como mínimo o quincuaxésimo aniversario do seu pasamento, que, ademais, pola parte que toca á relación de Otero coa comarca do Carballiño, podemos lembrar a súa  participación na celebración da festa da Mimosa e nalgúns actos políticos. E, ademais celebrarmos a coincidencia co centésimo aniversario da andaina protagonizada polos membros da Xeración Nós, de Ourense a Santiago, que abre unha nova esperanza á oficialización do recentemente bautizado como “Camiño Nós”, na honra e memoria dos que formaron parte da Xeración do mesmo nome, dada a impronta que deixou na capital da provincia, en Galicia e máis alá, a pesar da complexidade dos tempos que lles tocou vivir.

 Desta volta, e dada a coincidencia do título da obra de referencia, “Os Camiños da vida”, cuxo protagonista cumpre na cidade de Santiago a meta ansiada, así como que Otero e os do Grupo Nós renden tributo a Compostela, podemos concluír que, desde tempos pretéritos, e hoxe, quizais maís ca nunca, “Todos os camiños conducen a Santiago”.

Da obra: (R. Otero Pedrayo: Os camiños da vida. Edición de Xesús Domínguez Dono. Edit. Galaxia (Biblioteca Nós), Vigo, 2021.)

 Xulio Dobarro Ferradás

 O Irixo, 15 de febreiro de 2026, luns do entroido borralleiro en Laza. 


Outros artigos de Xulio Dobarro:

Xulio Dobarro. O IRIXO: Augas e seca na memoria .Tapacuñas, presas e muíños en retesía

Abraiante outono entre o Irixo-o Carballiño

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: festas da Asunción e san Roque

Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor  e  A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”

Xulio Dobarro: Do Irixo (Saavedra) a Mallorca  pasando polo Val Miñor-as Mariñas, sobre a técnica  da pedra en  seco ou a “óso”

Xulio Dobarro: “Semana grande na parroquia de Dadín (O Irixo) con peregrinaxe “móbil” e procesión á Pena da Sela

Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”

Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes  por  Emilio Duro Peña “

Xulio Dobarro “Quincuaxésimo aniversario da pergrinaxe da virxe de Fátima  desde a Ponte  á Pena da Sela  (1967). Novena  a partir do día 3 de maio -2025.”

Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”

O Irixo:  “O galiñeiro parrandeiro”  da asociación os Parrandas do Irixo,  acada o 1º premio no desfile de comparsas do entrodo do Carballiño-2025

 O Irixo-Dadín : J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (III)

 O Irixo: J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (ii)

O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal”  en “La Región”

Xulio Dobarro: “a memoria recuperada: Centro de Estudos Chamoso Lamas da comarca do Carballiño (o Irixo). Reseña divulgativa

Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán

Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”

Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “

Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”

Xulio Dobarro. “O Irixo: San Pedro de Dadín e o Regueiro-San Pedro Fiz da Espiñeira e romaría da Virxe do Carme na Pena da Sela”

Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”

Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.

Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.


PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------