Avelino Muleiro: Rebelión na caverna

IES CHAMOSO LAMAS

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

HIPER MASIDE

Acabo de regresar dun centro comercial. Nel traballa un exalumno meu que é o responsable do departamento electrónico. Sempre que nos encontramos alí nos saudamos, e nos seus minutos de lecer comentamos as noticias frescas do día, lembrándome con moita frecuencia as miñas clases de filosofía e o interese que esta disciplina esperteu na súa vida. O comentario que me regalou hoxe foi de tal impacto que me levou a cambiar o artigo que pensaba enviar a Badal novas polo que acabo de empezar.            

El mesmo reflexionaba sobre como ían as vendas no seu departamento e parecía sorprendido ante as derivas do mercado e a irracionalidade pervertida coa que se manifestaban os consumidores para xustificar a compra de determinados produtos. Nun certo momento sinaloume na parte superior dun stand uns aros de leds, como grandes aneis, con luz relampagueante e intermitente. Pregunteille para que servían e que uso se lles podía dar nunha vivenda. “Non son para vender -contestoume-; aquí veñen moitos xoves, especialmente adolescentes, a facerse selfis”.

E a partir desa revelación foime ampliando con detalle a información sobre a venda doutros moitos dispositivos do seu departamento: tablets, iphones, cámaras dixitais, smartphons, consolas… Pero, de seguido, relatoume un caso tremendo, arrepiante, execrable…

Unha clienta, asidua deste centro comercial, ten unha filla adolescente que se encaprichou en que a súa nai lle tiña que mercar un iphone. A nai, que traballa de caixeira nun supermercado da cidade, tratou de facerlle ver á filla que o prezo do seu antollo case equivalía ao soldo seu dun mes. Así que ela se comprometía a mercarlle un teléfono máis barato, duns 150€, porque non se podía permitir gastar máis de 600€ no capricho do seu delirio xuvenil. A filla respondeulle que non quería aquel dispositivo tan insignificante, porque por ese prezo o aparello que súa nai lle ofrecía non deixaba de ser unha bagatela. Cal imaxinan vostedes que foi a determinación e a actitude da filla? Cortarse as veas.

Despois de pasar polo hospital para curar as feridas, a nai acompañou á filla a un psicólogo, ao que lle explicou a situación da adolescente, esperando recibir unha solución terapéutica, eficaz e sensata, para curar á súa filla e para tranquilizala a ela mesma. O diagnóstico, o prognóstico e o fármaco que prescribiu o psicólogo foi este: “señora, mérquelle o iphone á súa filla. A actitude da súa filla non vai cambiar;  e vostede só pode solucionar esta situación cumpríndolle o seu desexo. Se non quere que se repita a automutilación, mérquelle o iphone”.

Pero estamos todos tolos? En que sociedade vivimos e cales son os valores que garanten a nosa convivencia? Témonos que inmolar, quizais, polas modas, polo consumismo, polo medo á frustración dos nosos fillos, polos caprichos dunha adolescencia e xuventude que pretenden gozar dos recursos dos que gozan os amigos, veciños ou coñecidos, sabendo que os seus proxenitores carecen de recursos para adquirilos? Como moi ben reflexionaba o meu exalumno, esa adolescente que no mes pasado quería un iphone, pasados uns anos pedirá un Ferrari, e cando mire o mar de cerca reclamará un iate.

Non teño a menor dúbida de que a causa deste tipo de problemas se agocha na estrutura mesma da sociedade, que se ve incapaz de segar de raíz os desexos inícuos, tiránicos, abusivos, gratuítos e incoherentes que inzan a mente xuvenil, inmadura e inexperta da poboación máis nova. Algo haberá que facer para cambiar a inercia deste dislate consumista e deste trastorno social. Moito queda por construír na pedagoxía e na educación para que os integrantes máis novos da familia non secuestren ás persoas maiores coas súas insensatas reivindicacións nin coas súas severas ameazas. Precísanse paradigmas educativos e criterios sociolóxicos de convivencia familiar e de relación social. Cómpre superar as actitudes benévolas e tolerantes de cumprir todos os antollos dos menores para que non molesten na casa e deixen tranquilos aos maiores: “Toma o teu xoguete e déixame en paz”. Esa permisividade pousada, produto da reiteración caprichosa do menor, aviva o espírito reivindicativo do adolescente caprichoso.

Cambio de paradigma

A nova cultura filiopaternal cambiou radicalmente o papel de cada categoría familiar -fillos, pais, avós- ata tal punto que se intercambiaron os roles. Aquela vella disciplina das losqueadas paternas son historias do pasado. Os fillos pasaron de dirixirse aos seus proxenitores de “vostede”, como fixeron seus país, a contestarlles de mala maneira. A educación que recibiron os proxenitores actuais foi incuestionablemente autoritaria, na que se buscaba e se esixía a responsabilidade dos fillos. Agora, aqueles fillos pasaron a pais, moitos dos cales practican unha educación permisiva e sobreprotectora. Normalmente, non hai nin se lles esixe disciplina aos fillos, si en cambio se reparte afectividade con eles por todas partes. As consecuencias son evidentes na convivencia: a tiranía dos fillos sobre os pais a través da violencia -física e psicolóxica-, as reivindicacións de dereitos e ameazas de denuncia se se consideran maltratados, as extorsións afectivas…

Houbo un xiro copernicano filiopaternal nos fogares establecéndose o filiarcado, que desprazou de forma ditatorial ao patriarcado e ao matriarcado. Actualmente, os fillos son os que mandan e deciden, impoñéndose no estado e reino familiar. Porén, esa forma de gobernar no ámbito doméstico induce irremediablemente ao caos. Con todo, non podemos pretender involucionar regresando á pedagoxía das labazadas nin moito menos á educación da anarquía. Será necesario harmonizar a afectividade coa disciplina, a liberdade coa esixencia, os dereitos cos deberes, a autoestima dos fillos co respecto destes aos pais.

Ende ben, a descrición tan pesimista que acabo de relatar non se pode xeneralizar, evidentemente, porque unha alta porcentaxe de núcleos familiares quedan excluídos desta clase de dislates. O que sucede é que o insólito e excepcional despunta e sobresae sobre o normal. E se o insólito se considera mórbido enfatiza o problema.

A sociedade actual, da que formamos parte, láiase do grave problema que vén arrastrando nas últimas décadas, que consiste no crítico descenso da natalidade. Por tal motivo, lánzanse mensaxes de auxilio desde todas as institucións, tanto políticas como económicas e sociais, para que se incremente a natalidade e se harmonicen e estabilicen os roles e as idades antropolóxicas na estrutura interna da sociedade. Así, cada nova criatura que chega a un fogar é felizmente recibida polo conxunto social e festexada pola propia familia. Non obstante, aínda sendo moi importante a chegada de cada nova criatura, non é menos esencial a súa formación para que poida encaixar na sociedade da mellor forma posible. Para poder logralo hai que educar ao novo socio nos valores e nas normas que a propia sociedade impón. De aí a responsabilidade que asumen os proxenitores cos seus propios fillos. Hai proxenitores que na súa ilusión paternal permiten todos os caprichos dos seus vástagos, converténdoos en “nenos mimados”, sen se decatar de que un neno mimado é un neno consentido que presenta problemas de conduta, precisamente derivados dun exceso de indulxencia de seus pais. Estes fillos mimados son nenos malcriados que, a medida que medran, se transforman en adolescentes e xoves narcisistas, egocéntricos e indomables.  

Sociedade posmoderna

Nesta sociedade posmoderna que nos tocou vivir, a familia converteuse principalmente nunha unidade de consumo máis que de produción, e así o desarraigamento coa tradición desaparece dos fogares producindo unha abisal ruptura xeracional entre os seus integrantes. Os lazos tradicionais da familia foron fracturándose pola inexistencia dunha regulación de normas compartidas, pero a cambio aparece a incerteza asumida pola perda de dirección na xestión familiar e a sensación de soidade en cada individuo. Nesa situación, o status moral desaparece dando paso a unha anomía patolóxica. A partir de aquí, cada familia establece normas de conduta propias que teñen que ser negocidas continuamente. Como consecuencia desta situación podemos constatar como a posmodernidade, lonxe dun mundo único e compacto baixo o que se albergase a vida cotiá da sociedade, irrompe cunha inmensa pluralización de mundos vitais. Cada familia é un mundo dentro do amplo mundo da sociedade na que está instalada. Esa carencia de moral compartida deriva nunha situación de traumática anomía colectiva que, en palabras do sociólogo vienés Peter Berger, “vai acompañada de mentes sen fogar”.  

Nun mundo dirixido polo mercado, cada vez máis se buscan solucións xerencialistas aos dilemas contemporáneos, tanto nas empresas e nos Gobernos como nos propios núcleos familiares. Onde antes se impoñía a razón lexisladora e se recoñecía o código ético, agora imponse a xestión en todos os ámbitos sociais, incluído o familiar.

A cultura do consumo

O espírito posmoderno vai asociado a unha sociedade onde as formas de vida consumistas domina a existencia dos seus integrantes. A moda e os gustos son variados, así como infinitas son as posibilidades de mercado, de servizos e de industrias de lecer. Se a iso engadimos a tendencia ao consumo, os desexos e as creacións ficticias de necesidades, temos o fenómeno consumista perfecto.

            O sistema capitalista, bo coñecedor destes detalles, mercantiliza todo o que produce, reforzando a súa venda a través da publicidade (televisión, radio, cine…). Para que o negocio funcione perfectamente é necesario que a sociedade dispoña de recursos necesarios para conservar modos de vida consumistas e tempos de lecer nos que poder gozar dos seus produtos. De aí a gran preocupación por manter e crear novos postos de traballo para poder obter eses recursos.

            A cultura do consumo é quen tamén de producir cambios no estilo de vida dos cidadáns, modificando as necesidades económicas e funcionais por outras de carácter estético e cultural. Incluso os produtos intelectuais e relixiosos non se salvan de entrar nos circuítos do consumo. O capitalismo sabe que a demanda dos consumidores representa o elemento esencial para elaborar os produtos nas súas fábricas. Necesítanse consumidores tan bulímicos como a filla da clienta do centro comercial no que traballa o meu exalumno.

Crítica aos metarrelatos

Jean-François Lyotard definiu a posmodernidade como “a incredulidade ante os metarrelatos” (J. F. Lyotard: A condición posmoderna). Considéranse metarrelatos aquelas creacións intelectuais nadas na Ilustración -etapa moderna da historia- que lexitiman a ciencia e a filosofía por ser emancipadoras da liberdade e do progreso. Tanto Lyotard como J. Derrida, M. Foucault, Gilles Deleuze, Baidrillard e Vattimo rompen coa primacía do suxeito e da razón, así como coas tradicións filosóficas e ideolóxicas do século das luces, para recuperar e implantar a ilusión e as emocións das imaxes.

            Para Baudrillard, os medios electrónicos presaxian un mundo de puros simulacros, de modelos, de códigos e dixitalidade, de imaxes dos medios de comunicación que se converteron en “realidade” ou, máis ben, que fan desaparecer toda distinción entre o mundo real e o mundo deses medios omnipresentes.

O risco da modificación neuronal

            Existe ademais o perigo de que o uso indiscrinado de dispositivos electrónicos modifique profundamente os nosos circuítos neuronais. A neuroplasticidade do noso cerebro ofrece un escape ao determinismo xenético para poder exercer o libre albedrío, pero ao mesmo tempo impón a súa forma propia de determinismo da nosa conduta. Os circuítos neuronais do cerebro fortalécense mediante a repetición das actividades físicas e mentais, transformándoas en hábitos. E así xorde un paradoxo, pois con esa flexibilidade mental que nos regala a neuroplasticidade do cerebro, pode chegar a encerrarnos en comportamentos ríxidos, como sinala Norman Dodge (O cerebro que se cambia a si mesmo: historias de triunfo persoal desde as fronteiras da ciencia do cerebro). É dicir, que a dependencia deses dispositivos pode chegar a frear a nosa liberdade.

            A idea de que a realidade se está descompoñendo en imaxes é moi frecuente no discurso posmoderno. No mundo hiperreal de Baudrillard, a vida disólvese na televisión. Precisamente é neste contexto onde os dispositivos electrónicos atraen o interese, e mesmo a necesidade de conseguilos. Os dispositivos electrónicos únense á critica dos metarrelatos, impoñendo o simulacro -a imaxe-, a doxa, fronte ao logos, á razón, á idea.

As imaxes provocan o entusiasmo na persoa espertando as emocións e os desexos, en cambio a razón trata de poñer freo a todas esas copias e reproducións que a fantasía exalta e idolatra. Por tal motivo, non nos podemos conformar con esa vida de mentira e de ditadura emocional; temos que rebelarnos contra o capitalismo consumista que nos retén na súa caverna e con esa rebelión poder liberarnos da súa prisión. Acudamos, xa que logo, á subversiva razón para que os seus valentes soldados forcen a rendición do exército mercenario das emocións e dos desexos que nos atan.

A caverna de Platón e a modificación persoal do seu final

Platón entendeu perfectamente o problema dicotómico co que vintecinco séculos despois del tería que convivir a sociedade na posmodernidade: o mundo da ilusión e da ficción, por un lado, e o mundo da realidade, polo outro. Ou o que Freud denominaba principio do pracer versus principio da realidade.

            Platón pretendeu explicar o dobre labor do coñecemento humano: como información das cousas pola súa aparencia e aspecto -imaxes-, e como un saber preciso das cousas en canto tales -esencia-. Denominaba coñecemento sensible –dóxa– ao primeiro, e coñecemento intelectual –episteme– ao segundo. O coñecemento sensible carece de fiabilidade, mentres o segundo resulta fiable e seguro. Platón intentaba convencer de que hai que apostar pola episteme e utilizar o menos posible a doxa, que, non obstante, adoita ser a máis usada e crible polos seres humanos. Para explicar esta teoría acude a unha alegoría, ao célebre mito da caverna:

            Nunha cova atópanse un grupo de homes, prisioneiros desde o seu nacemento, que permanecen atados con cadeas que lles suxeitan o pescozo e as pernas de tal forma que unicamente poden mirar cara á parede do fondo da caverna sen poder nunca virar a cabeza. Detrás deles hai un muro cun corredor e unha fogueira á entrada da cova. Polo corredor do muro circulan homes portando todo tipo de obxectos cuxas sombras, grazas á iluminación da fogueira, se proxectan na parede que os prisioneiros poden ver. Estes homes consideran como verdade as sombras dos obxectos, pois debido ás circunstancias da súa prisión áchanse condenados a tomar unicamente por certas todas e cada unha das sombras proxectadas, xa que non poden coñecer nada do que acontece ás súas costas.

Se un destes homes fose liberado e obrigado a volverse cara á luz da fogueira, contemplaría unha nova realidade, máis profunda e completa, xa que esta é causa e fundamento da primeira que está composta só de aparencias sensibles. Despois, ese home liberado é obrigado novamente a encamiñarse cara a fóra da caverna a través dunha áspera subida, apreciando unha nova realidade exterior (animais, árbores, ríos, estrelas, etc.) que é o fundamento das anteriores realidades. Logo, pode ver directamente o Sol, decatándose que grazas a el se poden ver todas as cousas.

A alegoría remata cunha hipótese: que pasaría se aquel prisioneiro liberado entrase ao interior da caverna para liberar aos seus antigos compañeiros das cadeas. Platón aporta a súa solución: que todos os seus excompañeiros se rirían del, pensando que se estragaron os seus ollos ao verse agora cegado polo paso da claridade do Sol á escuridade da cova. E Platón remata o mito cun prognóstico moi pesimista: que intentarían matalo.

            Analizando este mito, podemos interpretar que a mensaxe de Platón non era outra que a de reivindicar a razón como garante do coñecemento da realidade -que no mito aparece identificada coa metáfora do Sol- e criticar as emocións, as ilusións e o engaño dos sentidos.  

Observamos igualmente que Platón deulle no mito a opción ao prisioneiro de poder saír da caverna para decatarse do engano no que estaba incrustado, permitindo así que a razón se impuxese sobre as emocións que provocaban as imaxes. Con todo, a posibilidade de que o liberado puidese regresar ao interior da caverna coa finalidade de poderlles explicar aos prisioneiros que a realidade estaba fóra, Platón só o presenta como unha hipótese, pero en realidade non lle permitiu que entrase para convencelos do seu erro. No caso de que chegara a entrar -di Platón- mataríano.

            Eu quero modificar ese desenlace final do mito e dicir o que Platón non se atreveu a contar. Aquel fugado da caverna si que regresou ao lado dos seus anteriores compañeiros, pero coa intención de promover un motín, reclutando soldados voluntarios entre aqueles prisioneiros para montar un exército e poder liberalos a todos. É certo que se atopou con algúns que pretendían matalo, a causa das mensaxes optimistas que lles transmitía relacionadas co exterior da caverna, pero o apoio recibido da maioria dos prisioneiros e a axuda coa que contaba do exterior da caverna (científicos, filósofos, psicólogos, sociólogos…) frearon o intento de asasinalo.                 

A revolución, pois, continúa aínda agora no interior da caverna na que estamos todos instalados e esperamos que venza o exército do líder fugado para trasladar a tranquilidade a todas as nais chantaxeadas polas súas fillas, para conseguir tamén canto antes a liberación de todos os proxenitores intimidados polos seus fillos e, sobre todo, para que toda unha sociedade amordazada polo consumismo antropófago logre desatarse. Pretendemos que os psicólogos entren na caverna e se unan ao prisioneiro liberado coa axuda e recursos que lles propician a ciencia e a filosofía.

Non se pode negar que a cultura da imaxe invade as nosas formas de vida, impoñendo as súas normas despóticas nas nosas relacións sociais e enmascarando a mesma realidade coa que tropezamos cada día. Ímonos habituando, posiblemente de forma indeliberada, a malgastar o tempo das nosas viaxes en gravar imaxes dos monumentos e rúas das cidades, dos museos de arte, dos concertos musicais, da comida dos restaurantes, dos zapatos que levamos postos, dos selfis cos amigos… en vez de gozar da beleza que reclama a atención diante nós. Chegamos ao extremo de utilizar as imaxes das imaxes, como nos QR dos restaurantes ou das visitas aos museos. Nós si que somos os auténticos cavernarios platónicos, os que patoloxicamente sacrificamos a vida no altar desta caverna das imaxes.  

Esa forma de vida parece terse convertido xa en necesidade real e, en consecuencia, na condición habitual da existencia humana. Nesta caverna é onde teñen lugar os conflitos familiares, as chantaxes dos adolescentes aos seus pais, os conatos de suicidio… pero tamén as dependencias das redes sociais, a proliferación dos youtubers, streamers, tiktokers, influensters e toda esa troupe de funambulistas que exhiben os seus embelecos e as súas acrobacias ilusionistas na televisión e nas redes de Internet. Baixo o pseudorreclamo da modernidade e do progreso, da necesidade consumista, do imperio igualitario e do filiarcado adoita estar a trampa na que cae a nosa xuventude.

A posmodernidade condénanos a pasar a vida atados ás tebras das emocións e dos desexos. O exemplo reproduciuno perfectamente o meu exalumno ao relatarme a tristeza e amargura desa nai que visitou ao psicólogo para que lle abrise a porta da caverna á súa filla e así o Sol lle permitise ver a realidade; pero en cambio decatouse de que os psicólogos xa non permiten saír da caverna, senón seguir encerrados nela: “mérquelle o Iphone”.

            Coa adaptación persoal do mito platónico que acabo de facer, xa podemos rebelarnos promovendo un motín catártico dentro das estruturas introfamiliares e unha revolución terapéutica nas propias entrañas do consumismo capitalista. Comecemos pola revolución no fogar. A responsabilidade dos proxenitores debe apuntar directamente á educación dos fillos. Educar implica compromiso, tanto por parte da autoritas dos pais como por parte dos dereitos e deberes dos fillos. A educación é, fundamentalmente, formación en valores, xa que representan o salvoconduto co que un individuo entra na sociedade. A educación non nace coa persoa, non é innata, senón que é unha aprendizaxe que implica esforzo- como o que practicou o liberado da caverna platónica-, sacrificio, hábito e obediencia. Os proxenitores son os primeiros e máis importantes educadores, o cal implica un enorme compromiso e un gran acerto na súa función. Nese sentido, os pais deben ser cariñosos, comprensivos, dialogantes, aínda que non indulxentes practicando disciplinas laxas ou sendo sumisos ante as coaccións e as transgresións das normas por parte dos seus fillos, porque daquela as sancións ou castigos carecen de efectividade. Democráticos e autorizativos, si, porque desa maneira fomentan o diálogo e a negociación demostrándolles aos fillos o seu interese e cariño por formalos. Ese traballo representa un momento crucial da revolución na caverna. E, abofé, que se precisan revolucionarios na caverna que habitamos porque “resulta evidente a escaseza deses potenciais revolucionarios, de xente capaz de articular o desexo de cambiar a súa situación individual como parte do proxecto de cambiar a orde da sociedade” (Zigmunt Bauman: Modernidade líquida).             Agradézolle ao meu prezado exalumno Xoán a conversación coa que me agasallou no seu momento de lecer no traballo, porque puxo a base deste artigo, aínda que o responsable das opinións anteriormente expresadas son, exclusivamente, eu.

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.