Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

—————————————————————————————————
A mediados deste mes de marzo, as Cortes Españolas aprobaron a lei de Protección, do Benestar e Tenencia de animais. Nela explícanse as normas que as persoas debemos cumprir cos animais domésticos, coas mascotas e con algúns outros animais que viven en liberdade. Esta lei ten o seu alicerce na necesidade de promulgar un instrumento xurídico na defensa dos animais domésticos, así como na protección e benestar dos animais de compañía, impóndolles ás persoas certos deberes no seu trato. Pero no fondo da lei latexa unha clara condescendencia coas reivindicacións polos dereitos dos animais. A pregunta será se poden xustificarse os dereitos dos animais, sexan domésticos ou salvaxes. Para abordar esta cuestión comezamos por unha pequena reflexión sobre a esencia e a natureza do dereito.
Concepto de dereito
A palabra dereito procede do latín directum, que significa “conforme á norma, de conformidade coa lei”, aínda que os xuristas romanos para referírense ao dereito utilizaban o termo ius, derivado de iuxtitia. O xurista romano Ulpiano (s. III d. C.), catalogado como creador do dereito, escribe: “Convén que quen se dedique ao dereito coñeza ante todo de onde deriva o termo ius (dereito). Denomínase así por derivar de “xustiza”, pois como elegantemente define Celso, o dereito é a técnica do bo e do xusto” (Ulpiano: 1 Libro das institucións).
Gayo, outro importante xurista romano (s. II d. C.), distinguía o dereito civil, que abranxe un conxunto de leis e de costumes propias de cada cidade (civis) ou nación, e o dereito de xentes (ius Gentium), que eran leis comúns a todos os seres humanos. Este segundo modelo de dereito resulta dunha imposición da razón natural para todos os humanos e practícase en todas as nacións, polo que se denomina dereito de xentes. O iusnaturalismo ou dereito natural propugna a existencia de dereitos universais, anteriores e mesmo independentes do dereito escrito e do dereito positivo.
As persoas, habitualmente, regulamos os nosos actos de conformidade cos nosos principios morais, pero ao vivir en sociedade é necesario regular múltiples aspectos da conduta humana de maneira máis impersoal e obxectiva para impedir confrontacións entre as morais individuais. O dereito encárgase desa regulación, fundamentado moitas veces nunha integración selectiva das diversas morais persoais e grupais, aínda que a realidade constantemente nos sorprende ao revelarnos que ao final sempre queda elaborado pola vontade do lexislador (autócrata, parlamento nas democracias…).
O dereito defínese como o conxunto de normas xurídicas que regulan os comportamentos dos seres humanos nun contexto social específico. O concepto de dereito, aplicado aos dereitos humanos, ao dereito civil, ao dereito penal e tamén aos dereitos subxectivos e obxectivos, non deixa de ser un asunto filosófico relacionado coa ética, pero que se delimita na moral cando se analizan casos concretos. Debo precisar que a ética e a moral son conceptos diferentes, a pesar de que diversas persoas, intelectualmente moi ben preparadas, traten de identificalas. A moral relaciónase cos costumes e coa tradición dos diferentes grupos sociais. Esa concomitancia xustifica a existencia de variadas e numerosas morais: cristiá, budista, comunista, capitalista, neoliberal, islamista, hedonista… A moral forma parte dos estudos da antropoloxía e da etnografía ou etnoloxía. En cambio, a ética consiste na explicación racional e no estudo dos diversos tipos de moral. A ética é o intento filosófico de iluminar de forma racional o proceso da deliberación moral para elixir e optar por unha en concreto. Nese enfoque epistemolóxico, a ética é unha meta-moral, unha teoría da moral, a análise crítica dos contidos ou normas morais. A ética propón criterios racionais para elixir entre morais alternativas. Desa forma, utilizando a ética podemos optar por unha moral capitalista ou por unha moral comunista, por unha moral hedonista ou por unha moral utilitarista, o que non pode haber é unha ética capitalista, nin unha ética comunista, nin unha ética hedonista ou utilitarista.
A ética é unha soamente e forma parte da filosofía. Cando se afirma que hai que facer o ben e procurar evitar o mal, estamos procedendo cun discurso ético; en cambio, considerar que roubar é malo ou axudar a un necesitado é bo, supón acudir á moral para entender o sentido dese precepto dentro dunha escala de valores dun concreto contexto ideolóxico ou tradición grupal. Digamos que a ética é común a todos os humanos, en cambio a moral é persoal ou propia de grupos sociais.
Dereito versus deber
A relación entre dereito e deber resulta tan perofunda que non se pode entender un sen o outro. Son como a cara e a cruz da moeda, non hai cara sen cruz nin viceversa. Se alguén ten un dereito, terá que ser respectado e cumprido polos implicados no mesmo contexto social. Non pode haber dereito sen deber. A relación entre dereitos e deberes é tan intensa que se poden transformar uns noutros. Quen goza de dereitos, leva consigo deberes. Pero o deber implica liberdade psicolóxica de poder practicalo por parte do suxeito. O dereito é unha prerrogativa ou privilexio, mentres o deber é unha obriga de respecto a ese privilexio.
A natureza do dereito
Os dereitos e deberes son categorías sociais que poden emerxer ou extinguirse co paso do tempo porque non son entidades naturais. En cambio, mulleres e homes son realidades físicas ás que competen tales categorías, aínda que os varóns en certos momentos da historia e en determinados países gozan de dereitos que se lles negan ás mulleres. Neste caso, a cuestión non está en que as mulleres non poidan ter dereitos, senón en que dereitos se quere que teñan. As mulleres e os homes existen, en cambio os dereitos créanse a gusto do lexislador.
Dado que, normalmente, os dereitos nacen no berce da política, unha pregunta absolutamentre inocente que nos podemos formular sería que razóns moven aos políticos para negarlles dereitos ás mulleres, concederllos aos animais, usurparllos aos homes e mulleres dunha determinada cor de pel ou dunha certa idade, ou obsequiar con eles a certas elites. Probablemente, as nosas espelidas e curiosas neuronas cerebrais susurrarannos que os políticos cando dotan de novos dereitos a determinados grupos ou estamentos sociais, incluso a seres non humanos, están pensando nos votos. Se se decatan de que hai moita xente á que non lle importa a marxinación nin o sufrimento das mulleres, e só votan os homes, non concederán dereitos ás mulleres. Pero se se decatan de que a moitos homes lles empeza a importar o sufrimento das mulleres, conferirán dereitos ás mulleres para obter os votos dos homes. E se se decatan de que a moita xente lle dá pena os sufrimentos de certos animais, conferirán dereitos a estes animais. É posible que non sempre suceda así, pero a probabilidade de que aconteza aproxímase á verosimilitude.
Demócrito de Abdera (s. V a. C.) opinaba que as leis, que son expresión política do dereito, producen un mal para a sociedade porque restrinxen a liberdade da natureza. Os sofistas, á súa vez, remarcaron o relativismo das leis civís, propias de cada polis, enfatizando na contraposición entre natureza (physis) e lei (nomos), nas que se fundamentan, respectivamente, o dereito natural e o legal -convencional-. Platón entendía a lei como guía dos costumes, sendo os lexisladores quen as recollen por escrito e as sancionan. Esas leis deben buscar o ben común da comunidade na que se promoven. Aristóteles, en cambio, valora a lei como unha mestura de natureza e costumes tradicionais, que desa maneira garanten a orde social e orientan aos cidadáns cara á felicidade. Cicerón, non obstante, reivindica un dereito universal fundamentado na lei natural, que é universal para todos os seres humanos: “Nec erit alia lex Romae, alia Athenis…sed et omnes gentes et omni tempore una lex et sempiterna et immutabilis continebit” (De legibus) [Tampouco haberá unha lei diferente en Roma, outra en Atenas… senón que todas as nacións e sempre estarán unidas a unha lei eterna e inmutable].
Historia dos dereitos
Se nos remontamos á antiga Grecia, observamos que a maioría dos dereitos correspondían aos cidadáns, que eran exclusivamente varóns, pois as mulleres non estaban rexistradas como cidadás en ningunha parte. Un gran número dos cidadáns atenienses obtiñan a cidadanía por nacemento, e outros por naturalización, que consistía en conseguir a cidadanía os non atenienses grazas aos servizos prestados ao Estado de Atenas.
Dando un salto á modernidade, desembarcamos na Revolución Francesa. No 1789, aparece a Declaración dos Dereitos do home e do cidadán. “Representantes do Pobo Francés, constituídos en Asemblea Nacional, considerando que a ignorancia, o esquecemento ou o menosprezo dos dereitos do Home son as únicas causas das calamidades públicas e da corrupción dos Gobernos, resolveron expoñer, nunha Declaración solemne, os dereitos naturais, inalienables e sagrados do Home, para que esta declaración, constantemente presente para todos os Membros do corpo social, lles lembre sen cesar os seus dereitos e os seus deberes”.
Pero ante esta declaración, algunhas mulleres intelixentes decatáronse de que os dereitos humanos tan enxalzados pola Ilustración beneficiaban tan só aos homes. Olympe Marie de Gouges redactou, en setembro de 1791, a famosa Declaración dos dereitos da muller, que entregou á Asemblea Nacional para a súa aprobación. Detrás dela había un gran número de mulleres organizadas en asociacións femininas. Estas mulleres definíanse a si mesmas como seres humanos e cidadás, e proclamaban as súas reivindicacións políticas e económicas.
O artigo VII daquela declaración dicía: “Para as mulleres non existe ningún réxime especial: pódeselles acusar e meter en prisión, se así o prevé a lei. As mulleres están sometidas da mesma maneira que os homes ás idénticas leis penais”. O artigo X dicía: “A muller ten dereito para subir ao patíbulo”. Olympe de Gouges foi degolada, e xunto con ela moitas mulleres famosas. Ás sobrevivintes prohibíuselles reunirse baixo pena de cárcere e as súas asociacións foron disoltas á forza. Pero as mulleres non se resignaron.
En Inglaterra fundaron o chamado “movemento contra a escravitude”. Partían da base de que tamén se lles tiña que conceder os dereitos de sufraxio e cidadanía igual que se fixera cos antigos escravos.
En Alemaña, a cuestión da muller expúxose no plano educativo. Recoñeceuse a necesidade de dar formación tamén ás mozas, pois a educación non só é importante para avanzar máis tarde nunha profesión fóra do fogar, senón tamén para o pleno despregamento da propia personalidade. Hedwig Dohm preguntouse o que sucedería se o escritor Friedrich Schiller nacera muller. Hedwig Dohm considera tan superficial o interrogante de se as mulleres deben, poden ou han de estudar, coma se se preguntase se está permitido ao home desenvolver as súas facultades, ou se deben usar as súas pernas para camiñar.
A partir de principios do século XX, as mulleres conseguiron ser admitidas, de modo oficial, no ensino superior e nas universidades, alcanzando a igualdade política en todos os países do continente europeo. Con iso, os movementos a favor dos dereitos da muller conseguirán en Occidente as súas metas primordiais, obsérvandose a continuación un certo período de calma nas súas reivindicacións.
En España o dereito a votar as mulleres comezou polo ano 1931. En Francia, no ano 1944. En Italia, no ano 1946. En Chile, na década dos anos cincuenta. En África o dereito permite cortarlle o clítoris ás mulleres, e en China, durante un milenio, estruxábanselle os pés ás nenas.
A finais do século XIX, houbo un caso popularmente famoso que chegou ao Tribunal supremo dos EE.UU. Referíase a un maltrato dun negro. O avogado defensor argumentaba que o negro tivera dores a consecuencia dun maltrato. E o Tribunal Supremo discutía se ían tomar o caso en consideración ou non. Finalmente votaron en rexeitalo, coa seguinte xustificación: a mera hipótese de que un negro poida sufrir no mesmo sentido en que pode sufrir un branco, é tan obviamente falsa que este Tribunal non pode tomar en consideración este asunto.
O sufrimento e a dor son realidades, en cambio os dereitos e as leis son invencións humanas e construtos que carecen de realidade empírica. En consecuencia, igual que se crearon os Dereitos humanos por unha resolución das Nacións Unidas o 10 de decembro de 1948 en París, da mesma maneira se poden crear os dereitos dos animais, das plantas, da auga, das rochas, do vento ou das cicloxéneses explosivas. Os dereitos son acordos de institucións cos que se pretende facilitar a vida dos individuos nos territorios nos que se promulgan. Non obstante, os Dereitos Humanos supóñense obrigatorios para todos os países que firmaron a Carta Internacional dos Dereitos Humanos, aínda que non sempre se cumpren. Esta Declaración dos Dereitos Humanos é o final dun longo percorrido que empezou sendo dereito natural e que na Revolución Francesa se proclamaron no 1789 como os Dereitos do Home e do Cidadán. O proxecto da Declaración dos Dereitos Humanos foi aprobado polos 58 Estados que nese ano 1948 formaban a ONU, se ben co voto afirmativo de só 48 Estados, 8 abstencións e 2 países que non asistiron. Por certo, España non estaba na votación porque non pertencía a ONU. Entrou na ONU en 1955. Os 30 artigos de que consta esa Declaración dos Dereitos Humanos refírense á relación de cada persoa coa comunidade, ás súas ideas, relixión, liberdade… pero nada din respecto dos animais.
Os dereitos humanos son dereitos inherentes a todos os seres humanos, sen distinción algunha de nacionalidade, lugar de residencia, sexo, orixe nacional ou étnico, cor, relixión, lingua ou calquera outra condición. Todos temos os mesmos dereitos humanos, sen discriminación ningunha.
A Declaración Universal dos Dereitos Humanos sinala no artigo 29 que toda persoa ten deberes respecto da comunidade, xa que só nela pode desenvolver libre e plenamente a súa personalidade. De igual maneira, a Declaración Americana de 1948, que trata sobre os Dereitos e Deberes da persoa, establece no preámbulo que o cumprimento do deber de cada un é esixencia do dereito de todos, dado que dereitos e deberes se integran de modo correlativo en toda actividade social e política do ser humano. E conclúe que se os dereitos favorecen a liberdade individual, os deberes representan a dignidade desa liberdade.
Actualmente, o dereito resulta inseparable da organización política do poder, porque a veces o poder xera, crea e sanciona dereitos, dispoñendo de medios de coacción necesarios para protexelos.
Dereitos non humanos
Compartimos vida e vivencias con persoas e institucións de moi diversas ideoloxías, crenzas, gustos, preferencias, ideas e modelos de vida. Pero todos participamos e gozamos dos mesmos ou similares dereitos tendo en conta o país e a cultura onde vivamos.
O dereito representa un privilexio co que se inviste a determinados suxeitos que esixen necesario respecto e cumprimento por parte demais. O dereito regula relacións xurídicas e estas relacións establécense entre suxeitos, nunca entre cousas, aínda que a veces esas relacións teñan que ver con cousas. Así, o dereito a un ambiente san e ecoloxicamente equilibrado é un dereito socialmente recoñecido, que nace ao abeiro dos dereitos humanos a partir do Pacto Internacional das Nacións Unidas de 1966 como “Dereitos ao ambiente”, ao que algúns denominan “Dereito ao patrimonio da humanidade”. Este dereito a un ambiente san é sinónimo de dereito á vida, á saúde, a unha reivindicación a preservar a existencia humana no planeta. Pero en todo caso, non é un dereito atribuído ao ambiente, senón que impón uns deberes humanos de respecto á contorna ambiental.
Nese mesmo campo de batalla aparecen os animalistas despregando a súa bandeira reivindicativa dos dereitos dos animais. E non están sós nese combate dialéctico, porque un relevante grupo de científicos e filósofos reforzan o seu exército. Filósofos como Jesús Mosterín e científicos como Peter Singer, Richard Dawkins e Jane Goodall, impulsaron o “Proxecto Gran Simio”, que ten como finalidade principal a reconciliación do ser humano co resto dos animais. Ese proxecto leva como eslogan “a igualdade máis alá da humanidade”. A pregunta fundamental segue sendo: poden ter dereitos os animais? A reflexión sobre a resposta no próximo artigo.
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”
Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.