
“Como consecuencia das iniciativas políticas emprendidas a prol da extensión das escolas do ensino primario, estas multiplicaron o seu número en toda Galicia desde o comezo dos anos cincuenta (1850), aínda que de modo irregular e con situación de enorme precariedade, conformándose tamén en boa medida o sector profesional dos mestres de escola primaria. Tendo en consideración este impulso, coma outros rexistrados noutros sectores educativos, e cunha disposicióm a ordenar administrativamente todo este conxunto, conseguía Claudio Moyano en 1857 a aprobación da primeira lei xeral española de instrución pública, con arranxo á que se desenvolveu no ensino primario en Galicia ao longo da segunda metade do século XIX, baixo a dirección do reitor da Universidade de Santiago, do Consello Universitario, dos Inspectores provinciais, das Xuntas Provinciais e das Xuntas Locais de Instrución Pública”.
“A peor valoración, desde o punto de vista administrativo, caeu con todo, e merecidamente sobre as Xuntas locais de Instrución Pública. […] por diferentes motivos foron repetidas voces as que pedían a desaparición destas Xuntas e a súa substitución por un número superior de inspectores, ou, en todo caso, que nelas se integrasen algúns mestres como vocais, reivindicación, a anterior, que se logrará á altura dos anos trinta do século XX” .
(A.Costa Rico: Hª da educación e da cultura en Galicia)
Estes parágrafos válennos de pretexto para situarnos na transición ao século XX no concello do Irixo, no que respecta á situación do ensino primario, despois de ter recollida a situación do século XIX en canto á creación de escolas -ata 10- e as inspeccións levadas a cabo baixo a supervisión da Inspección provincial (José Seara) e a Universidade de Santiago.
O caso da situación escolar no concello do Irixo con respecto á Xunta Local de primeira ensinanza é paradigmático, así, en 1922, ábrese un expediente con data 15 de novembro para “Constitución de la Junta Local de 1ª Enseñanza del término de Irijo”, asinado polo alcalde do momento, José Nogueira Gamallo, para dar translado ao gobernador provincial dos nomes de pais e nais de familia para que sexan nomeados por aquel, ademais de convocar os mestres ao obxecto de elixir o seu representante. O secretario deixa constancia dese acordo e da terna remitida.
Noutro Decreto comunícaselle ao bispo da diocese que nomee o cura párroco que ha de forma parte desa Xunta Local.
Despois de varias notificacións aos mestres en exercizo nese momento no Concello, ata acadar a representación fixada, o gobernador comunicara os nomes dos pais e nais de familia, quedando constituída a Xunta Local de primeira ensinanza o quince de novembro de 1922 por:
Alcalde presidente: José Nogueira Gamallo
Vocais: José Cobas González; médico; José Álvarez Iglesias, cura párroco; Manuel FernándezYáñez, concejal; Antonio Fernández Gil, concejal; Julio Taboada Nogueira, pai de familia
Francisco Nogueira López, pai de familia; Avelino Penelas Álvarez, mestre; Basilisa Lorenzo González, nai de familia, Juana Benés Martínez, nai de familia.
Foran convocados “todos los maestros de esta localidad” que, á marxe se citaban:
Agustín García, por Parada, Mariano Alemparte, por Reádigos; Martín Prieto, pola Cidade; Manuel García, por Froufe; Juan Otero, por Loureiro; Elías Blanco, por Dadín; Gertrudis González, polo Campo; Avelino Penelas, por San Cosme.
Se nos atemos a esta cédula de citación serián aínda soamente oito os mestres, aínda que na visita de Inspección de 1877 xa se recolle a existencia de dez escolas de Primeiras Letras no concello. Botándose en falta a representación da escola de Corneda e da Ponte. Sen embargo si aparece a de Corneda como incluída entre os citados, pero non localizado o docente.
Polo que se ve, o colectivo de ensinantes non estaba moito polo labor, como se desprende do relato de A. C. Rico de maís enriba e a reiterada chamada da Alcaldía á súa comparecencia, ao que se sumaba a perda da documentación da Xunta local anterior, tal e como se recolle na motivación da primeira convocatoria.
O curso seguinte, o 2 de novembro de 1923, o alcalde Maximino González, procede cunha nova “Cédula de citación aos mestres” seguintes:
Ramón Taboada, mestre da do Campo, Avelino Penelas, da de Cusanca, Juan Otero da de Loureiro,
Octavio Rodríguez, da da Cidade, Octavio Rodríguez, da da Cidade.
Agustín García, de Parada, Mariano Alemparte, por Reádigos, Manuel García, por Froufe; Gertrudis González, pola da Ponte-O Irixo, Ramona Albitos, por Corneda, Eladia Blanco, por Dadín, e Sr. Profesor da Espiñeira.
Co texto seguinte: “El Alguacil Portero de este ayuntamiento, Don Camilo Taboada Ríos, citará a los Maestros Nacionales, de esta localidad, cuyos nombres al margen se expresan a fin de que el día cinco del actual hora de diez, concurran a la Consistorial de este municipio al objeto de celebrar una reunión y en ella dar cumplimiento a lo ordenado por la superioridad.
Irijo, 2 de noviembre de 1923
El alcalde: Asdo.: Maximino González . Selo: “Ayuntamiento constitucional de Irijo”
Seguen varias sinaturas dos mestres co “Enterado”.
Despois de múltiples peripecias polas que estaba a pasar a alcaldía, non só pola inestabilidade política do momento, senón tamén pola propia inexistencia dunha Casa Consistorial axeitada, con cambios de emprazamento e desaparición de documentación, e múltiples irregularidades na xestión administrativa, ata o punto que intervirá a autoridade Gubernativa nomeando de oficio ao mestre Avelino Penelas como alcalde (1924-1930) polos méritos que concorren na súa persoa, ás portas da etapa da Segunda República.
As Xuntas de primeira ensinanza seguían sendo convocadas, pero, máis por dar cumprimento formal á petición da Xunta Provincial que pola súa operatividade. A presidencia da Xunta Local vai estar sempre representada polo alcalde do momento e os concelleiros que forman parte da corporación, como por exemplo Don José Fernández González e Maximino Pérez Marnotes, que serían tamén alcalde e tenente alcalde, respectivamente, en 1934, ademais do representante de Sanidade, Don Hermesindo Pérez García da Casa Grande de Dadín.
Cando se inaugura a etapa republicana, “os concellos presentaban moita diversidade en canto á súa composición política, aos seus recursos e á preocupación polo ensino. En xeral, podemos dicir que trataron de respaldar o labor do goberno, atendendo as demandas dos Consellos locais democraticamente constituídos e mesmo tomando iniciativas para mellorar a calidade do ensino” .
“Deste xeito o Consello provincial e o Consello Local nacen en substitución das Xuntas, xa que estas estaban controladas polos caciques, que contaban coa maioría dos representantes deixando en minoría aos profesionais do ensino” (X. M. Cid Fernández: Educación e sociedade en Ourense na II República).
Aínda que o número de escolas xa eran once no concello, a realidade seguía sendo moi precaria a todos os niveis: construcións, recursos didácticos, mestres de formación deficiente, e un longo etcétera que, en palabras de X. Cid, condensa en: “A situación escolar en 1930 caracterizábase pola insuficiencia de escolas, a escasa matrícula e asistencia ás mesmas, as deficientes condicións económicas do traballo docente, todo o que se reflexaba nas elevadas taxas de analfabetismo.
A baixa calidade da escolarización facía que unha situación escolar, estatisticamente favorable con respecto a Galicia, non supuxese mellores condicións de alfabetización”.
O analfabetismo acercábase ao 50 % en 1930. Hai, non obstante, grandes diferencias entre as comarcas”. (No caso do partido xudicial do Carballiño en 1930 sobre un total de 25.312 alfabetos, o 66,9 % corresponden á vila do Arenteiro e o 51,94 % ao resto dos concellos). A ansia por superar esta situación de precariedade leva a que no primeiro bienio (1931-33) se creasen na bisbarra do Carballiño 24 escolas, e entre 1934-36, outras 21.
O traballo iniciado polo mestre Avelino Penelas, tanto na escola como de cando exerceu de alcalde, vaise prolongar por bastante tempo con iniciativas moi diversas, pero, sobre todo, cunha meta, a de mellorar as condicións básicas para a escolarización. Así, sendo alcalde Manuel Fernández, “por orde do Consello Provincial é requerido para que Don Avelino Penelas Álvarez, como maestro más antiguo de este municipio para que él convoque a sus compañeros a una inmediata reunión y procedan a proponer el Profesor y Profesora que hayan de pertenecer al expresado Consejo; proponiendo en la misma a un padre y una madre de familia que igualmente ha de integrar dicho Organismo Local. Formará parte del sobredicho consejo el médico titular más antiguo. Alcaldía de Irijo a dieciocho de septiembre de mil novecientos treinta y uno.
Asdo. El alcalde/Manuel Fernández El Secretario: Andrés Fernández “

Concentración de escolares ás portas da Casa Consistorial (1951), cuxo principal promotor fora o mestre Avelino Penelas. Na Sueirexe, escola mixta unitaria a cargo de Jesús Fernández; en Casares do Campo, escola unitaria de nenos, nenas, ambas as dúas de recente construción (1958).
Este novo Consello Local vese reducido a un só representante dos pais e outro das nais, así como a supresión da representación eclesiástica.
Dado o estado paupérrimo da situación escolar, e denantes de que o alcalde promovese a creación do Consello Local, os mestres en exercizo no Concello xa se tiñan reunido o día 25 de xuño no local da escola de Saavedra, sito en Dadín, con motivo de dar a coñecer unha circular da Inspección de 1ª Ensinanza de Ourense e presentarlle ao alcalde –ya que reside la Casa Consistorial en el mismo pueblo– para comunicarlle, aproveitando o período de vacacións as reparacións que deben levarse a cabo nos locais e vivendas, así como liquidar os pagos das indemnizacións que se adebedan. Como se advirte por parte dun dos asistentes que a Corporación en pleno estaba en vías de dimitir, ou xa dimitira a causa da paralización das obras do ferrocarril, acordan nomear unha comisión integrada por tres dos mestres presentes: o de “Irijo” (nenos/ Avelino); Casares e Reádigos para que estes dean translado dos acordos ao Alcalde.
As necesidades extremas repítense para case todas as “escolas”, agás algunha máis puntual. Asi, por exemplo, á reiterada reclamación de vidrieiras, ventás axeitadas, branqueo das paredes, en Guimarás, Espiñeira, Froufe e Dadín, para algunhas vivendas solicítase a colocación de cheminea na cociña ou reparación do piso. O mestre de Parada entende que ambos os locais son inservibles e o que pide é que se lle facilite outro que “reúna medianas condiciones”.
Na Sueirexe, o mestre entende que a casa-habitación é de todo inservible por “llegar con la cabeza a las vigas del techo” e que se lle entregue a indemnización que lle corresponde.
No caso da Rúa reitérase a mesma petición de arranxo de ventás e branqueo; mentres que en Reádigos carece de luz suficiente a causa das ventas estreitas, revestimento de paredes, branqueo, arranxo do piso, faiado e cubrición . [-Digo eu: -Que posuía?]
En Parteme non era para menos, en particular a vivenda!!! Que carece das divisións necesarias e cheminea na cociña.
Na escola de “Irijo” (niños), ademais de varias reparacións do local, como ventás e branqueo, reclámase do concello a indemnización -ao mestre- correspondente ao ano 1930 e o primeiro semestre do 1931. –De que vivía o mestre Avelino? Quizais, neste caso, da colaboración da súa dona, tamén mestra, e da renda familiar en Souteliño.
En Cangues [-con risco de inundación!!!-] proponse abrir unha gabia polo norte, revestir a parede e evitar así a inundación do local, ademais de remendar o piso, retellar a escola e a vivenda.
Nota final: “Al fin de que la enseñanza no sufra en el próximo curso aplazamiento alguno rogamos a V. -alcalde- en nuestro nombre propio y en el de los compañeros que nos autorizaron y que formularon queja, se tenga en cuenta lo estipulado ya que es de estricta justicia, se den las oportunas órdenes para los dueños de los locales y casas las pongan en debida forma y las que son propiedad del Ayuntamiento se hagan en ellas las obras necesarias ya que pueden constituir un alarde para la Corporación”.
Dios guarde a V. muchos años. Irijo, 14 de julio de 1931.
Asdo: Avelino Penelas, Antonio López e Javier Fernández.
Nunha revisión sobre o estado das obras, algunhas delas estaban sendo executadas, outras en proceso, como as de branqueo en Casares, A Ponte-Irixo, Fabeiros e Nogueiroa, e parte delas non se poden realizar porque o mestre levou as chaves da vivenda e a dona (en Cangues) non pode acceder.
Para poñer en coñecemento ao Gobernador Civil da situación escolar en canto a infraestruturas, reúnese o Alcalde, Manuel Fernández Pérez, coa comisión de mestres o trinta de xuño de 1930, de cuxa acta extraemos as seguintes conclusións:
1.-Que as condicións dos locais, tanto os destinados a escola, como a vivenda, necesitan, a excepción de tres das escolas -Nogueiroa, A Ponte-O Irixo, Casares-, ser reparados e adecentados para o uso ao que se destinan.
2.-Que as visitas a realizar aos locais correrán a cargo dos mestres D. Avelino Penelas e D. Javier Fernández, acompañados dos Médicos titulares, e o mestre de obras D. José Corral designado pola Alcaldía, co fin de que determinen o seu estado de hixiene e seguridade dos edificios.
3.-Que a antedita visita ha de realizarse nos cinco días seguintes a contar desde esta reunión.
Asinan a acta, ademais do alcalde e o secretario, catro dos mestres.
Como algunhas das construcións, escola ou vivenda, son propiedade do vecindario local, o alcalde ponlle en coñecemento aos donos, a urxencia en ser acondicionadas denantes do inicio do curso escolar 1931-32. Que, en caso de non executalas, será o concello o que se encargue, repercutindo o custe no aluguer a percibir. É o caso, por exemplo, das escolas: Da Rúa, Cangues, Parteme, Reádigos, Saavedra-Dadín, A Ponte-O Irixo, Froufe, A Sueirexe e A Espiñeira.
Como o estado das infraestruturas non tiña mellorado substancialmente, e con anterioridade, xa o mestre-alcalde Avelino Penelas, a mediados da década de 1920 tiña solicitado unha axuda económica -concedidas 150 pesetas- para o mantemento da escola da Lama, dado “o estado deplorable” no que se atopa pola falta de cristais, ventás, pouca ventilación, piso, cuberta, faiado, filtracións, etc. A corporación accede ao solicitado.
O período da República tiña actuado como revulsivo para a superación de moitas eivas básicas no ámbito escolar, pero aínda se mantiñan moitas carencias pendentes, en certo modo pola creación de novas escolas, pero que en moitos dos casos estaban agardando pola construción de edificios específicos para tal fin. Así, cando xa está ben avanzada a década de 1930, un decreto de 15 de xuño de 1934 do Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, completado por un posterior de 3 de febreiro de 1936, sobre “Construcciones escolares” abre novas esperanzas para superar moitas das adversidades do momento.
O alcalde Rogelio Bravo, ao amparo dese decreto, solicita varias “subvencións para construir directamente por este municipio un edificio destinado a Escuela nacional…vivienda para maestro” nos lugares da Rúa, Dadín, Parada, Os Casares, O Tellado, O Casar, A Covela, A Enfesta, A Sueirexe, Casares, Froufe, Guimarás, Espiñeira-Carballeda, A Ponte-O Irixo, As Campinas ( As cantidades solicitadas valorábanse en todos os casos en 10.000 para a escola e 3.000 para a vivenda). Nese momento actuaba como Presidente do Consello Local de 1ª ensinanza o recoñecido mestre Avelino, quen contribuíu a consolidar moitas destas escolas.
Entre os anos 1930-1940 non deixarán de manterse problemas enquistados en canto ás condicións dos contratos de aluguer de varias escolas nos lugares de Cangues ( Maximino Pérez ao ser requerido comunica ao concello que no seu día se acordara o prezo de 100 pesestas anuais por tal concepto, ratificando e asinando en Cangues o 28 de setembro de 1937, cun ¡Viva España!). En Fabeiros, 1930, os donos da casa-escola dirixen un escrito á alcaldía solicitando “fijar definitivamente el importe anual que el Ayuntamiento le ha de pagar por razón del referido arriendo”.
Problemas que se estenderán ata a década dos sesenta, cando se empezan a dar os primeiros pasos na clausura dalgunhas escolas: en Orros (Agustín Álvarez Pinal reclama unha débeda de 3.500 pesetas que desde 1946 se prolonga ata a data do 15 de abril de 1950); nos Casares (Fortunato Domínguez González, despois de ter reclamado o aluguer, o 15 de novembro de 1971 recolle as chaves do local alugado como escola ata esta data); a mestra na escola dos Casares, María Crespo Iglesias, o quince de abril de 1971 reclama o pago dunha débeda contraída polo concello con ela en concepto de gasto por calefacción e aseo do local, de 2.401 pesetas, ao que a alcaldía alega que tal gasto non fora incluído en “nómina”.
Ás portas do que ía supoñer o cambio radical na distribución parroquial das escolas coa concentración escolar nun único edificio no ano 1974, aínda na década dos cincuenta-sesenta atopamos varias iniciativas de proxectos de construción dalgunha escola nova. Así, en 1959, Gerardo Nogueira das Campinas, “Calatrón”, asina o recibín dunha entrega de madeira para a escola do Tellado (Cusanca), por un importe de 14.000 pesetas. Para a escola de Subirol, Manuel Penedo Fernández, entrega material de construción por importe de 25.000 psts.
O 24 de setembro de 1953, reuníanse na casa consistorial as seguintes autoridades: D. Emilio Nogueira Dacosta (natural da Costa-Cusanca), en calidade de Inspector-Xefe de Ensinanza primaria da provincia; D. Cesáreo Villaverde, alcalde; D. Julio Rial, médico de Asistencia Pública domiciliaria; D. Jesús Parada, mestre de obras e D. David Subirol, secretario.
Nesta reuníon, o inspector expón que a motivación non é outra que a de formalizar a creación da escola mixta de COUSO, creada por orde ministerial de 29 de amio de 1953, que, despois da visita realizada ao lugar, e dunhas negociacións coa veciñanza, se entende que reúne os requisitos, aínda que carece de vivenda, pero que se está traballando para concluír a construción dunha nova, con vivenda incluída. O aluguer provisional xa foi acordado, así como a subvención do concello. O médico e o mestre de obras entenden que reúne as condicións para o que foi destinada con carácter provisorio.
O Inspector dá conta da relación do material adquirido pola veciñanza, que queda custodiado polo tenente de alcalde :
“Un crucifixo. Un cadro da Virxe. Unha bandeira de España. Un retrato do Xefe do Estado. Unha mesa para a mestra con sillón. Once mesas bipersoais. Tres encerados. Unha esfera. Mapas de España (Físico e Político). Un mapa de cada continente. Dez enciclopedias prácticas de Grao Medio por Antonio Fernández. Un evanxeliario explicado polo doutor Llorente. Vinte catecismos do P. Astete. Quince cartillas Cucú en sus tres partes. Catro exemplares de “Mis camaradas y yo”. Cinco de “La niña instruida”. Seis de Segundo libro de Lectura, por Joaquín Pla. Catro idem. Terceiro tomo por idem. Catro idem de terceiro grao, por Pla. Cinco de “Quieres que te cuente un cuento”. Seis de “Viajando por España”. Catro de “Nuevas lecturas de chicos”. Catro de “El libro de España”. Oito “Historia sagrada de L. Vives”. Un “Diccionario elemental”. Catro exemplares de “Glorias imperiales”. Catro de “España es así”. Catro idem de “Lecturas”, terceira parte, de Edelvives. Un libro de matrícula e asistencia. Vinte pizarras de man. Unha regra, un compás, un
mata-selo e tampón”.
Asinan a acta as persoas que participan na reunión.

Relación de alumnos matriculados en la Escuela nacional mixta de Espiñeira (Irijo): (1)
Carballeda: Nombre y apellidos: L. Taboada Carballeda (10), R. Taboada Carballeda (8), A. González Acevedo (7) J. Fernández Filgueira (9), A. Munín Ramos (8), J. Hermida Iglesias (6), A. Amaro Dobarro (6)
Munín: E. Dobarro Iglesias (11), N. Dobarro Iglesias ((8), J. Dobarro Iglesias (((8), E. Iglesias Crespo (10), A. Fuciños Munín (11), J. Filgueira Munín (7), F. López Fernández ()), M. Filgueira Munín (10), S. Filgueira Rodríguez (12), M. C.Pérez Dobarro (9), M.Pérez Dobarro (6).
Espiñeira. I.González Rodríguez (11, M. Cerdeira Dobarro (9), A. Cerdeira Dobarro (11), M.P. González Taboada (6), M.Taboada (7), S. Ramos Conde (8),
La Maestra Marina Martínez C.; Carballeda -31-5-69
(1)Copia literal da relación de alumnos matriculados (cos anos entre parénteses) na escola mixta de Espiñeira (parroquia) en Carballeda, remitida pola mestra ao concello. Resulta, especialmente, alarmante o descenso de habitantes nalgún dos lugares da parroquia, en particular o caso de Munín, no que no ano 1969 se contabilizan 11 rapaces en idade escolar entre 6-13 anos, cando no ano 2026, para o IGE só constan seis habitantes. Exemplo que se pode extrapolar a outras parroquias, pois, tanto é así que só o censo da escola de Carballeda de 1969, sen termos en conta o que hoxe se entende por Educación Infantil, nese momento equivale, aproximadamente ao cincuenta por cento do alumnado escolarizado no Grupo escolar no ano actual, incluídas neste caso, as crianzas de 3 a 6 anos.
Esta non sería a derradeira escola en inaugurarse, porque, aínda dez anos máis tarde, segundo o xornal La Región, no ano 1963 publícase unha reportaxe sobre o concello, na que consta como pé de foto a escola de Dadín (1961): “una de las doce edificadas dentro del plan de construcciónes escolares”, o que leva quizais a concluír que aquela sería unha máis, xunta a outras como a de Casares en 1958, ou a da Candosa, Froufe, O Tellado, Xirei, Carballeda, Corneda, Cangues(1961)… que incorporan algunhas novidades construtivas tendo en conta que xa contaban cun proxecto arquitectónico dun especialista e non como sucedera en tempos anteriores que foran malamente adaptadas para ese fin.
De feito, vai aparecendo a intervención dos técnicos con “Proyecto de escuelas mixtas con vivienda para el maestro” do Arquitecto Escolar José Barreiro Vázquez, contra mediados de século XX, asinando, por exemplo, un “Proyecto de escuela unitaria tipo C.”, para as escolas de Segade, Carballeda, Paredes, Sueirexe, Froufe; todas ellas organizdas cunha planta baixa para escola e primeiro andar para vivenda; sen embargo a de Casares (1958), unitaria pero a un só andar, dividida á metade, unha parte para nenos e outra para nenas, ademais dos pendellos diferenciados por sexos, cada unha cun mestre, uns aseos para uso dos mestres, e cadansúa cheminea para caldear o ambiente ou quentar o leite en pó… Como diciamos, a maior parte destas escolas foron froito da financiación do Estado, coa colaboración do concello; cesión dos terreos, aportacións de materiais e man de obra da veciñanza. Se tomamos como media de inversión a referida á escola de Fabeiros, aquela acada a cantidade en pesetas de 71.933, resultado da aportación do Estado (56.968) e do concello (14.965 Pesetas), que inclúe, ademais da construción, o custe de Arquitecto e Aparellador. A de Casares do Campo foi taxada en 70.000 psts., das cales 20.000 foron aportadas pola Organización Sindical do Movemento e o resto pola contribución da veciñanza xunta con algúns materiais de construción e man de obra de balde. No día da inauguración, o alcalde tamén agradece a aportación do párroco don David Ureña -que viña visitarnos con certa frecuencia a cabalo daquel corcel negro, que pastaba libremente nos largacíos diestros da Lama-, todo o cal supuxo acadar un senlleiro edificio, que aínda hoxe ofrece unha solidez excepcional, cun amplo campo de xogos e -dous cobertizos anexos suprimidos-. -Mágoa que, pola falta de nenos, permaneza baleira!.
Deixara constancia do acto don Cesáreo Villaverde, recollido polo xornal “El Pueblo Gallego” ,de 23 de marzo de 1958, quen non aforra en eloxios, pero tamén algunha queixa aos “desaprensivos”:
“HABLA EL ALCALDE”: Seguidamente el Alcalde de Irijo pronuncia unas palabras en las que alude a la importancia de los dos -o outro fora a inauguración do alumeado en Cusanca- actos inaugurales. Dice que la idea de construcción de la escuela partió de un reducido número de vecinos, pero llenos de entusiasmo y a la que colaboraron la casi totalidad de los mismos. Dedica párrafos de elogio a la labor desarrollada por el Gobernador Civil y dice: “Quiero resaltar públicamente la demostrada diligencia y asiduidad en la construcción de esta obra por la comisión nombrada a tal fin, la cual al frente de su presidente, el pretigioso maestro, D. Florentino Pérez Lorenzo, supieron acaudillar un pueblo, sin necesidad de aplicar sanciones de importancia y sin molestia alguna ni sinsabores para el que os habla”. “Agradezco infinitamente, sigue diciendo, la generosa aportación del Reverendo párroco, don David Ureña, que tuvo a bien donar para esta obra una importante subvención, los esfuerzos realizados de toda índole por el vecindario que compone este distrito escolar y exhorto a los desaprensivos a que aporten la deuda de que esta obra es acreedora, para así formar parte de los buenos”. Termina agradeciendo a todos y a las autoridades y jerarquías su colaboración a esta obra, humilde en la gran empresa que patrocina nuestro invicto Caudillo”.
Se esta era a situación que se estaba vivir contra a fin de 1961; no ano 1969, como que se dá por clausurada definitivamente a construción de novos centros escolares, coa previsión da concentración nun único edificio das 29 escolas daquela en activo.
Algunhas escolas como a do Paraño, á que asistía alumnado do concello limítrofe de Boborás, a súa mestra, Mª Nieves Rodríguez, fai entrega das Chaves o 26 de setembro de 1972, sendo o Delegado provincial de educación o que lle comunica ao alcalde que coa creación do Grupo escolar de Boborás, o alumnado asistirá a este a partir do tres de abril. No inventario inclúese unha relación de mesas e cadeiras individuais, un televisor e antena, unha bandeira, un cadro de Franco, un crucifixo, 21 libros de inglés, Rexistro e algún material didáctico máis, como mapas, encerado…-Algo común ao resto das escolas-. A maior parte do alumnado pertence á parroquia do Regueiro-O Irixo: -O Paraño, Cerdeira, Espiñeiros-; e dous ao lugar de Sonelle.
A continuación, transcribimos os datos do Concello que serviron como base para a proxección do “Mapa escolar” comarcal, tomando como base o alumnado matriculado en 1969 de entre 6-13 anos; datos que se solicitaron aos mestres en exercizo para ser contrastados a continuación cos informes xudiciais e detectar os casos de desaxuste entre os escolares contabilizados polos mestres e os adscritos a cada escola segundo o censo, para a construción do Grupo Escolar.
Entidades parroquiais Poboación De 6-13 anos Número de escolas
O CAMPO 1.106 112 5 (Casares,1; 2/A Ponte,2/,A Lama,1)
CUSANCA 767 72 4 (Fabeiros,Segade,A Sueirexe, Tellado)
CANGUES 143 14 1 (Cangues)
CORNEDA 530 44 2 (Corneda, 1nenos-1nenas)
DADÍN 470 43 1 (Dadín)
LOUREIRO 524 50 2 (Barro, A Rúa)
CIDADE 390 28 2 (Os Casares, Orros)
PARADA 683 79 4 (Nogueiroa, Parada (2), Xirei)
REÁDIGOS 207 13 1 (O Casar)
A ESPIÑEIRA 377 38 2 (Couso, Carballeda)
FROUFE 557 55 3 (Froufe, Subirol, Parteme)
O REGUEIRO 319 35 2 (A Candosa, O Paraño)
TOTAL: 6.073 573 29
As cifras facilitadas por cada mestre en exercizo corrresponden ao curso escolar 1968-69 (escola unitaria mixta ou unitaria, separada, de nenos e nenas), foron contrastadas no concello en relación cos nenos nacidos na franxa de idade á que aqueles correspondían, poñéndose así de manifesto, cando menos dúas situacións. Por un lado, a daqueles nenos que tendo que estar escolarizados na escola que lles correspondía constaban en observacións como “ cursa Enseñanza Media” que, no caso da escola de Casares do Campo, nese momento fomos tres os nenos implicados; por outro, os que constan como emigrados a Venezuela, e Alemaña ou cos avós noutra parroquia. No caso das nenas era moi semellante o resultado: dúas cursan ensino medio, cinco emigradas en Venezuela e Francia, e unha vivindo cos avós na Condomiña. Na escola da Lama, a mestra advirte que dous irmáns cambiaron de domicilio pola emigración dos pais, e outros sete de entre 11-13 anos cursan estudos de Segunda Ensinanza noutros centros.
Os que iniciamos o ensino medio, noutra escola local de “adopción”, asistimos con maior ou peor éxito ao apoio facilitado por dona Hermesinda do Enfreado en Dadín, a onde acudían desde parroquias límítrofes de Loureiro, Corneda ou O Campo. Na Ponte era don Manuel de Valdesoiro, quen, ademais dos da Ponte, Irixe, As Laxas, concorrían de Dadín, A Cidade, Reádigos…
A maior parte das escolas xa estaban a dar sinais de decadencia da matrícula con cifras ás veces insostibles. Por iso, a creación do Grupo Escolar veu, en grande medida, a “remediar” esta situación, aínda que iso supuxera algún atranco para outros que tiñan que afrontar longos desprazamentos, desarraigo local e familiar, pero, tamén, unha maior socialización.
Estes datos, que se poden extrapolar a case todas as escolas do Concello, poñen de manifesto, non só o cambio de tendencia na promoción do alumnado, senón tamén, a insondable pegada que se estaba a producir socialmente na contorna coa emigración masiva a Europa e América, nalgúns casos acompañando a familia, e noutros, os avós e familiares como acubillo na casa familiar ou próxima, para os “orfos” de pai / nai.
Esta tendencia deu en estenderse nese momento de transición á decada de 1970, cando o acceso ao ensino medio se empezou a desenvolver pola vía da matrícula libre nos Institutos de Ourense e Pontevedra. Pero, como o índice de fracaso escolar, en xeral por libre, era alto, a outra alternativa pasaba polos internados, na vila máis proxima, o Carballiño, ou na capital, sendo que nese momento estaban ao completo, tanto os relixiosos como os laicos, pero que, aínda no segundo caso tiñamos que asistir á misa en Santa Eufemia ou na Catedral.
Para aquelas persoas que se mantiveran vencelladas ás escolas, cursando a E.X.B., sería no ano 1974 cando con motivo da inauguración do Grupo Escolar, con comedor e transporte, se produce un xiro radical no proceso da ensinanza, tanto a nivel local como comarcal, coa inauguración dos Institutos de BUP e FP do Carballiño, aos que se podía acceder sen a obriga de ter que mudarse a esta ou a outra localidade.
O Grupo Escolar do Irixo, en base ás previsións de matrícula, entra en funcionamento nos niveis de Educación Preescolar, EXB e E. Especial, co alumnado e profesorado seguinte:
Preescolar EXB E. Especial
Unidades 1 9 1
Profesorado ……………………………… ………………….Total: 12
Alumnado 22 193 7
Se comparamos a taxa de natalidade, xa de por si cativa na década de 1970 (1975: 39; 1976: 37; 1977: 29; 1978: 36; 1979: 31; 1980: 24); os datos dos útimos anos xa resultan arrepiantes: (2019:2; 2020: 4; 2021: 3; 2022: 2; 2023: 1; 2024: 2). A conclusión a nivel escolar é obvia, así no curso 2025-2026: Educ. Infantil (3-6 anos): 13 matriculados; E.Primaria (6-12): 43.
SOBRE A EXPERIENCIA PEDAGÓXICA DE IMPLANTACIÓN DO “COTO ESCOLAR” (1959) NO CONCELLO DO IRIXO.
A comenzos do século XX coa Lei de Educación Primaria, ademais dalgunhas outras innovacións pedagóxicas posteriores, hai algunha que por primeira vez ten unha certa incidencia nas escolas do Irixo, quizais animados os docentes pola iniciativa de don Avelino Penelas, como organizara xunta a don David no Campo a plantación de eucaliptos no “Estivadon”, en fronte da escola da Lama. Trátase da implantación dunha iniciativa que, a priori, semella ser de interese, dada a realidade socioeconómica deste concello, de tradición eminentemente agro-gandeira e forestal: “O Couto escolar:Xunta coa de “Mutualidade Escolar”, o “Couto escolar” enténdese como: “toda agrupación ou asociación nacida e vencellada á escola, que desenvolve unha actividade cooperadora co fin de obter recursos que, polo seu destino futuro, e inspirado no interese común, facilita á Escola a tarefa de educar practicamente á xuventude, dentro das disciplinas e hábitos do Mutualismo e da Previsión. É, sinxelamente, o patrimonio da Escola e o instrumento de cooperación -e isto é esencial- da veciñanza e o Municipio”.
Triple é o seu fin:
-Pedagóxico, ao espertar nos escolares o espírito de observación e reflexión mediante o estudo da Natureza.
-Económico: Arraigar a vocación polo rural, de maneira que, sexa beneficiosa para a riqueza forestal, a produtividade e fertilidade do solo.
-Social: Para habitualos a traballar solidariamente, mediante a práctica do mutualismo e evitar os riscos que ameacen a súa capacidade de traballo.
(Extracto da publicación de J. Peñafiel Alcázar en : La mutualidad y el coto escolar de previsión, instituciones complementarias de la escuela).

Nos actos organizados na cidade de Ourense, con motivo da celebración de San José de Calasanz, asisten, entre outros, don Emilio Nogueira Dacosta, quen nese momento preside a Comisión Provincial de Mutualidades y Cotos Escolares. Entre os premiados -con mil pesetas- os escolares de Corneda: Ramón Pinal, e de Parada: Mª del Pìlar Rivera.
[Desde logo que a iniciativa semellaba abondo interesante. Algo así como que se estivese voltando a vista atrás nalgunhas das ideas dos ilustrados cando animaban a basearse no estudo do de maís preto, a agricultura, a natureza, e incluso, moi actual como a volta ao rural, na liña do que estamos a vivir neste século XXI…]
Segundo algúns datos que se teñen publicado ao respecto sobre a provincia de Ávila, no ano 1951 se crearon 11 coutos, no ano 1952, 2. No Estado serían 734, supoñendo que en datas posteriores se seguirían ampliando chegando ata a década dos sesenta. Este sería o caso dos coutos creados no concello do Irixo, a partir de 1959, como se observa da documentación conservada.
Para os especialistas na materia, hai varios tipos de “Couto escolar” segundo o ámbito para o que cada un está concebido: agrícola, forestal, frutícola, avícola, apícola, industrial e piscícola.
O Couto escolar forestal tiña uns obxectivos a máis longo prazo por ter que coidar o bosque, coñecer as especies, efectuar plantacións e coñecer os beneficios que aporta o arborado.
As motivacións entre os docentes ás que podían obedecer este tipo de iniciativas, podían derivar da suxerencia ou imposición da Inspección, ou polo interese persoal dos docentes que obtiñan puntuación extra para concursos de translados, ou a “carreira docente”.
O caso é que no concello do Irixo, no ano 1959, atopámonos coa constitución formal de catro coutos escolares. A partir dun modelo de solicitud dirixido ao alcalde que di:
“Certifico que en el acta de la sesión celebrada por esta corporación municipal en el día….con el “Quercu” reglamentario, consta un acuerdo que, transmite literalmente lo que sigue:
Vista la instancia suscrita por el Maestro de esta localidad, Don…. a fin de que sea cedida a la escuela que regenta el terreno situado en el término denominado………de una extensión de…… a fin de crear el Coto Escolar Forestal, institución que tantos beneficios educativos y económicos ha de proporcionar a la infancia y juventud, y dado el entusiasmo que el referido Maestro tiene por la obra educativa, acuerda conceder la ocupación y los aprovechamientos de los referidos terrenos a la Escuela indicada con el exclusivo fin de ser creado el Coto Escolar de Previsión, de modalidad Forestal.
Esta cesión se hace con carácter permanente e inamovible mientras la institución cumpla sus fines, ya que al dejar de realizar el contenido que corresponda a los Cotos Escolares , conforme señala su Reglamento Oficial, el terreno con las mejoras efectuadas, volverá de lleno a esta Corporación.
Y para que conste, extiendo la presente en……….
Vº Bº. El Alcalde-Presidente.
Quizais pola condición de ser O Irixo dunha extensión superior á doutros da contorna, e de contar cunha ampla superficie e tradición forestal, como así o proba a existencia de varios serradoiros, serían estes algúns dos motivos principais polos que os mestres estimulados pola Inspección e a Alcaldía, dentro das modalidades posibles -Avícola, Apícola- Froitícula…- de Couto Escolar, no caso local se decantasen polo de tipo Forestal polas razóns suliñadas. Así é como nos consta esta iniciativa de crear catro coutos, todos na modalidade Forestal.
Couto nº 1:Mestra responsable na escola de Froufe: Rafaela Ureña Rey.
Lugares: Froufe, Espiñeira, Couso, Cobelo, Paraño, Nogueira e Parada.
Monte: Cobelos, nº 65.
Extensión comunal de pastoreo: 150 Has.
Extensión do Couto escolar: 12 Has.
Escolas: 8
Sitio do Coto: Regueira. (paraxe Monte Cobelos)
Lindes: N: Arroio Cerdeira; S: Repoboación do monte Fenteira e Pena.; L: Monte Comunal; O: Propiedades particulares de Espiñeira e Paraño.
Á solicitude engádese que a Alcaldía terá a ben solicitar do Patrimonio Forestal a repoboación do terreo indicado e respectar o acordo mentres cumpra cos fins específicos.
Couto nº 2:Mestra responsable: Celia Nogueira Beltrán da escola do Tellado. Florentino Pérez Lorenzo de Casares.
Monte de San Cosme, 67.
Extensión: 12 Has.
Lugares: O Tellado, Fabeiros, A Sueirexe, Casares do Campo, Segade e A Lama.
Extensión comunal de pastoreo: 260 Has.
Extensión do couto escolar: 18 Has.
Escolas: 6
Sitio do couto: Alto de San Cosme.
Lindes: N: Provincia de Pontevedra; S: Monte comunal; L: Monte Comunal; O: Estrada.
Couto Nº 3: Mestra responsable: Esperanza Conde Estévez, da escola de Saavedra,
Monte: Campo Grande. Extensión: 12 Has.
Lugares: Saavedra, Reádigos e O Irixo -A Ponte-.
Extensión comunal de pastoreo: 280 Has.
Extensión do couto escolar: 12 Has.
Escolas:4
Sitio do Couto: O Campo.
Lindes: N: Regato; S: Camiño ao alto; L: Estrada; O: Monte comunal.
Couto nº 4: Mestra responsable: María Adán, escola da Candosa.
Escola: 1
Monte: Val de María Diz
Extensión comunal de pastoreo: 90 Has.
Extensión do Couto escolar: 3 Has.
Sitio do Couto: Marco Rabo de Boi. Lindes: N: Propiedades particulares; S: Pista forestal; L: Monte comunal; O: Monte comunal.
En relación coa introdución desta nova actividade encomendada á escola, o xornal “La Región” de 8 de febreiro de 1961, inclúe un artigo co seguinte titular:”La renovación de la avicultura rural es un problema de capacitación”, para a continuación sinalar que “Basándonos en estos conceptos es por lo que creemos de importancia capital esos cotos escolares que funcionan en nuestra escuelas de enseñanza primaria, una parte de los cuales han adoptado la modalidad de pequeñas explotaciones avícolas.
Al finalizar el año 1959, había en toda Españ un total de 73 gallineros escolares, es decir, dicho número de cotos avícolas… El coto avícola resuelve el problema de la capacitación en este sentido. Se trata por lo general de pequeños gallineros de nueva planta construidos, con tanta sencillez y economía como con sentido práctico; las aves explotadas son gallinas de raza de buena puesta….los escolares son quienes manejan practicamente el gallinero y los que contabilizan sus gastos e ingresos”.
No mes de abril dese mesmo ano, “La Región” volta sobre o anterior, informando que o bispo da diocese na visita a S. Estevo de Ribas de Sil, acode á escola e “a continuación todos los asistentes se trasladaron al Coto Forestal y Apícola instalado en las inmediaciones de la carretera a Parada del Sil, en donde recientemente los niños de dicha escuela han realizado una plantación de pinos”.
Estas dúas informacións no xornal e nos boletíns oficiais da provincia, lévanme a sospeitar se “ a febre avícola” no concello do Irixo arredor deses anos, tería algo que ver con esta información, quizais animados os escolares desde as escolas, de entre as que estou cabilando no caso do amplo número de galiñeiros de Corneda, Saavedra, Marnotes, Orros…, ademais da promoción de cooperativas avícolas na bisbarra do Carballiño, denantes de COREN…
Con motivo da celebración do “Día del Maestro” na cidade de Ourense, coincidindo coa festividade de San Xosé de Calasanz, o 27 de novembro de 1964, o xornal “El Pueblo Gallego” publica unha extensa crónica sobre os actos organizados, nos que participa o que nese intre é Inspector Xefe de 1ª Ensinanza, don Emilio Nogueira Dacosta, ademais doutras representacións relixiosas, civís e militares. Foi o Gobernador da provincia o que presidiu os actos, nos que se destaca que don Emilio tivo a iniciativa de convocar uns premios orientados a “premiar os nenos das escolas nacionais”, para o que conta coa colaboración e xenerosidade da “Caja de Ahorros”. O premio é de 1.000 psts. para cada un dos premiados. Entre os agasallados hai dous escolares de dúas escolas do Irixo: María del Pilar Rivera, de Parada e Ramón Pinal de Corneda.
Hai outros premios para mestres de varias escolas da provincia, así como condecoracións coa Cruz de Alfonso X el Sabio, medallas de ouro e premios en metálico para varios mestres e escolas da provincia.
Sen quitarmos importancia a todos estas iniciativas, e sendo don Emilio o que preside “La Comisión provincial de Mutualidades y Cotos escolares”, podemos comprender mellor a implantación que puideron chegar a ter no Irixo.
A lección maxistral do acto correu a cargo do Director do INP e profesor e Director do Instituto, baixo o título de “Mutualidades y Cotos escolares”, loando as virtudes que supoñía a introdución destas iniciativas na escola como xérmolo de progreso e de futuro. “La Mutualidas Escolar, es una agrupación legal de jóvenes, orientada y tutelada por la Comisión Nacional de Mutualidades y Cotos Escolares, con domicilio en la Escuela, donde desenvuelve las actividades propias para conseguir fines de interés común” .-Expuxo.
A continuación, ademais doutros detalles sobre a importancia do Couto Escolar, sinalou “a gama infinita”: agrícola, forestal, sericícola, artesanía, etc.. Sinalando o labor que se realiza . “Son 345 Mutualidades, 219 Cotos escolares y la recaudación de dotes infantiles: 200.000 psts.; de subvenciones: Cotos, 19.000 psts., premios, 8.500 psts”. “Hay unos cien Cotos forestales, con una extensión de 600 hectáreas”. –Aquí estarían contabilizadas 39 Has., que foran de iniciativa dos mestres do Irixo no ano 1959-. Descoñezo a súa evolución e resultados, e se realmente tiveron algún impacto socioeconómico na contorna…Sospeito que non moito, ou, se acaso, efecto negativo, como sucedeu coas plantacións da “Forestal, “ICONA”, ao prohibiren o pastoreo do gando.
O orador terminou dicindo que “ el Coto escolar despierta vocaciones, entre ellas la agrícola, y por este camino se llega a la dignificación del labrador. Labrador puede ser socialmente una elevada profesión. Enseña convivencias, sin la cual no cabe la democracia ni la ciudadanía”.
–A mensaxe debeu quedar entre as catro paredes da Delegación de Sindicatos….Ao menos para o caso do Irixo.
Bibliografía : Arquivo Municipal do Concello Do Irixo. Arquivo Histórico da Universidade De Santiago
Caride Gómez, J. A. (director), coordenadores: Antón Costa Rico, Agustín Requejo Osorio: A Educación en Galica. Informe Cero. Univ. De Santiago De Compostela. 1988.
(Continuará)
O Irixo, xuño de 2026
Xulio Dobarro Ferradás



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Outros artigos de Xulio Dobarro:
Xulio Dobarro: De ensinanza e promoción escolar (O Irixo: Dous séculos. 1ª parte)
Xulio Dobarro. O Irixo: última -non derradeira- versión dos topónimos locais (2026)
Xulio Dobarro. Crónica de Orcellón e a Castela ourensá
Xulio Dobarro. Ano Ramón Otero Pedrayo, 2026. ”Os camiños da vida”. De Ourense a Compostela
Xulio Dobarro. O IRIXO: Augas e seca na memoria .Tapacuñas, presas e muíños en retesía
Abraiante outono entre o Irixo-o Carballiño
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: festas da Asunción e san Roque
Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor e A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”
Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”
Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes por Emilio Duro Peña “
Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”
O Irixo-Dadín : J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (III)
O Irixo: J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (ii)
O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal” en “La Región”
Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán
Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”
Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “
Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”
Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”
Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.
Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”
Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “
Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “
Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”
Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”
Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”
Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)
Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”
Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”
Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “
Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “
Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme
Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “
Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “
Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?
Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III
Xulio Dobarro: Escolma artesanal II
Xulio Dobarro: Outono de vida e morte
Xulio Dobarro: Escolma artesanal
Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”
Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “
Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”
Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro
Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)
O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria
A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )
O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu
O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado
O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I
O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “
O Irixo, escaparate centenario da emigración
O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)
O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).
O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)
O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)
O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono
O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”
Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”
O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”
Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor
O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”
O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)
O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )
O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.









