Xulio Dobarro. : O Irixo. Da escola á universidade ( V parte) Agustín Alén (a Alén-Froufe-o Irixo-Ourense: 16 de agosto de 1771)

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

o primeiro universitario local en santiago


Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


Mostra parcial do Expediente de Agustín Alén no Arquivo da USC.25 de abril de 1799

 Desde o punto de vista humano, o lugar da Alén, e tal e como se recolle en 1850 no Diccionario Madoz, di  “que es muy antiguo y da nombre a una familia” podemos considerar que A Alén de Froufe, polo tanto, é case tricentenaria, de arredor de máis de 300 anos, porque no catastro de Ensenada (1753)  constan dúas casas petruciais : a de Favián do Barro e a de Juan da Alén.

 O nome do petrucio da Casa da Alén, Juan, ao que completa co apelido “Alén”, responde indudablemente a dúas motivacións: a do patrón da parroquia e o lugar de nacemento. En 1753 aquel conta con sesenta anos e deixa unha longa descendencia de cinco fillos nesa data. Esta extensa familia non foi razón para pasar fame porque conta cun patrimonio abondoso: casa, pombal, muíño propio e grandes extensións de terra como a identificada como “Leira grande”,”cavida noventa y cinco ferrados”.…ademais de viña e algunha cepa das que aínda queda por alí algún toro que a fan case milenaria, e facenda numerosa de cabrún, ovino e vacún, ademais das catorce colmeas que debían preservarlas dos osos coa albariza –hai valados dela– porque daquela aínda quedaba algún por aqueles lares.

 Da liñaxe de Juan é  un presbítero coñecido  polo nome de Juan da Alén, que foi enterrado no coro da igrexa en 1827, coa asistencia de “veinte y dos señores sacerdotes, se descargaron por su Ánima trescientas misas inclusas las de tercio, se le dio sepultura en el coro de la iglesia…” , e pola súa irmáTomasa Alén, falecida en 1830 e enterrada no mesmo coro, dispuxo en testamento: “asistiesen a su entierro y mas funerales ocho señores sacerdotes, incluso el párroco, y se descargasen por su alma cien misas, inclusas las de tercio..”

 A mediados do século XVIII son varios presbíteros os que aparecen acompañando aos párrocos titulares das parroquias. Así, na mesma de Froufe consta como eclesiástico Dionisio de La  Peña -apelido que logo se repetirá coa famila de cregos como a do tío de Emilio Duro Peña, sobriño de Camilo Duro, ambos os dous cregos- . No Campo son dous os presbíteros os que complementan o labor pastoral con Pedro Diéguez: Domingo Cuíñas  e Isidoro Carballeda, dada a existencia de tres capelas na parroquia. En Dadín, Fco. Balboa.

O caso de Loureiro, non só é exemplo dun crego sobranceiro, artífice da construción da igrexa parroquial, Francisco Marentes, senón que, ademais, cítanse como presbíteros, polo menos tres, Antonio Varela Troitiño (Valduíde); na Alemparte (responsable da capelanía da Concepción-Valduíde), e O Quinteiro (J. Fco. Díaz) na Alén, e dous escribáns (un deles, J. Diaz Saabedra, escribán da S. Maxestade, residente en Madrid, e Miguel de Neira). Mathias González, un estudante de “Maiores e habilitado”, de vinte anos (1753)

 Froito daquela longa estirpe da Casa Grande da Alén, que transcenderá á parroquia, foi  un irmán deles, que responde ao nome de  Agustín Alén, quen despois de ter estudado Leis na Universidade de Santiago, en 1814 expídeselle unha relación de méritos, nos que entre outros constan os de: “Grado de Bachiller en Derecho Civil, e Grado de Bachiller en Cánones  por unanimidade”: “Relación de los méritos, ejercicios literarios y servicios patrióticos del Licenciado Don Agustín Alén: Consta es hijo legítimo : natural de San Juan de Froufe, en el Obispado de Orense, Reyno de Galicia: de edad de quarenta y tres años cumplidos en diez de agosto del presente año” (1814); chegando a solicitar “que se le confiera una de las judicaturas de 1º Instancia de los Partidos Judiciales que se establezcan en la Provincia de Galicia.Cádiz 18 de agosto de 1813”.

 Os exemplos numerados anteriormente poñen de manifesto que tal e como adiantamos nas páxinas anteriores e situando a primeira escola de Primeiras Letras en 1826 para o concello do Irixo, o certo é que desde ben antigo houbo persoas que pola súa condición acomodada ou fidalga tiveron acceso a unha formación escolar vencellada na maioría dos casos á igrexa, á  fidalguía ou burguesía incipiente. O currículo xiraba arredor da Cultura Clásica, relacionada coa historia antiga de Grecia e Roma, cuxas ensinanzas quedaban reducidas a pouco máis que o estudo de determinadas disciplinas vencelladas ao estudo nos mosteiros ou na mesma universidade en especialidades moi concretas.

 O programa destas especialidades inclúe nos seus plans de estudos, e segundo estes, de Gramatica e Latinidade (Mínimos e Maiores, Retórica); Artes ( Metafísica, Filosofía, Matemáticas..); Teoloxía (Teoloxía escolástica e moral..); Leis (Institucións civís I e II, Código, Dereito Público e Real…); Canons (Institucións Canónicas I e II, Historia eclesiástica..); Medicina (Anatomía, Método..); Cirurxía (Anatomía con 1º de medicina, Cirurxía…) 

A modo de exemplo, velai algúns datos recollidos de A. C. Rico (X.R. Barreiro:Hª da Univ. De Santiago) sobre alumnado matriculado na Universidade de Santiago en distintos anos:

 1751: ARTES (358); TEOLOXÍA (137); LEIS (136); CANONS(43) MEDICINA(5)  CIRURXÍA (0)

 1808: ARTES (421); TEOLOXÍA (211); LEIS (238);  CANONS (168)                        

 Vai ser precisamente neste período de tempo onde situemos a traxectoria académica de AGUSTÍN ALÉN, tal e como se desprende do seu expediente académico conservado no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago: Caixa: 4731; Expediente: 9; Data 1793-1799; Nome: Alén, Agustín; Centro: LEYES. CANONES, que, a modo de resumo, recolle o  seguinte:

-Solicitud de ingreso deseando pasar a la facultad de Leyes, después de haber estudiado dos años de Philosophia del P. Jacquier.

-Como cathedrático de philosophia de primer año certifico que D.Agustín Alén, vecino de S. Juan de Froufe, Jurisd. De Orcellón, Obispado de Orense, asistió a mi cathedra con toda normalidad…que tubo principio por S. Lucas de Nobenta y uno y finaliza Junio del noventa y dos …en el combento de N. Sra. de la Cerca de esta Ciudad de Santiago…

-Como Cathedrático de segundo año…a tres de mayo de 1793.

-Como Cathedratico que soy de primer año de Instituciones Civiles…(1793-94).

-Como cathedratico que soy de segundo año de Instituciones Civiles …(1794-95)

-Como cathedratico Perpetuo de Digesto …(1795-196)

-Como cathedratico que soy de Codigo… (1796-97)

–Solicitude de admisión e ingreso de  Bachiller en Canones (1797-98)

-Como presidente que soi de la Academia de drco. Canonico en la Univ. De Santiago…y cursante en segundo año, doi la pres. Que firmo  en Santiago a 8 de mayo de 1799 (1798-99).

 O expediente de Agustín, despois desta “carreira” senlleira, vén a corroborar os datos facilitados por A. C. R. en canto á “Relación entre graduados e matriculados na Univ. de Santiago. Periodo de 1788 a 1799”, segundo a cal, en palabras do propio autor: “Os que se gradúan son, sobre todo, alumnos de Leis e de Artes, observándose o desprazamento por Cánones, como indicio, a súa volta, á secularización, neste caso vivida polas propias expectativas do alumnado, que en menor medida se dirixen cara a profesión ao servizo da Igrexa, aumentando aqueles que se dirixen declaradamente cara as profesións da sociedade civil, a ton coa modernización estrutural da sociedade galega e cos tempos da Ilustración”.

Mostra do expediente.9 de decembro de 1797.

 A maioría do alumnado da contorna de Ourense e sen entrarmos nunha análise exhaustiva, procedía dos seminarios existentes e dun número elevado de mosteiros que estaban autorizados para impartir estudos que despois conducían á carreira universitaria. Como foi o caso do mosteiro de Celanova e o Seminario, e algúns colexios relixiosos que foron autorizados polo bispo para impartir os primeiros cursos de Latín e Humanidades (Sagrado Corazón, Colexio de Nosa Señora  dos Milagres, Colexio de S. Clodio, Allariz, Bande, Ribela, Amarante, aínda que serían supervisados e examindos con carácter oficial polos seminarios). Así, na provincia de Ourense, o Seminario Conciliar de San Fernando con estudos de Filosofía ata un 3º ano, uns de réxime interno e outros externos, incluía materias de Ética, F. e Química, Matemáticas, Lóxica e Ontoloxía; en Latín e Humanidades de 4º ano: Perfección de Latín, Retórica e Poética e Historia de España. Incluso, en varios casos os preceptores eran os mesmos párrocos da Parroquia, como sucedeu, polo menos,  ata principios do Sec. XX en Rivela, Bande ou O Riós, Allariz (O vicario do convento das Clarisas), ademais dos colexios dos Milagres, PP. Paúles; e San Clodio, PP Bieitos).

Pombal que pertenceu á da “Casa Grande da Alén”. Na lumieira consta o ano da construción: 1856. O que nos fai cabilar que sexa dos máis antigos do concello, ademais da orixinalidade arquitectónica e dos materiais acordes á contorna.

 O que recollemos nos parágrafos anteriores permítenos construír unha parte da evolución do sistema educativo na segunda metade do século XVIII ao XIX, a través da traxectoria académica e profesional de AGUSTÍN ALEN (FROUFE-O IRIXO,-1771), así como a repercusión  que sobre a súa vida profesional suporía a extinción do Antigo Réxime, a aprobación da Constitución de 1812 e a exclaustración á raíz da desamortización ao longo do XIX. El sería instruído polo seu propio irmán, presbítero, que, como se pode extraer das palabras de A. C. Rico, continuaría á universidade onde despois de doce anos de “estudos maiores” obtén o título de avogado… e consta a solicitude para o exercizo como xuíz na “provincia de Galicia” en 1814-.

O SEMINARIO, VOCACIÓN E PROMOCIÓN SOCIAL:

A modalidade de ingreso no seminario podía exercerse por dúas vías, como interno ou externo, establecendo unha seria de requisitos como: (Boletín Oficial de la Diócesis de Orense:9 de xaneiro a 21 de decembro de 1909). Vexamos algúns destes requisitos que, por outro lado, non se diferenciaban moito dos demais internados.

-Os de ingreso ou incorporación presentarán coa solicitude escrita de puño e letra, o atestado de boa vida e costumes, certificación da súa partida de bautismo, e outra, na debida forma, dos estudos feitos no ensino privado ou aprobados no Establecemento público.

-Os que desexen ingresar como alumnos internos, solicitarano por instancia escrita, tamén pola propia man, dirixida ao Sr. Bispo, e presentarana na Secretaría do Seminario…

-Para que os alumnos, tanto internos como externos, poidan matricularse, é requisito indispensable que acrediten a conduta que viñeron observando durante as vacacións; para o que os Sres. Curas Párrocos ou Ecónomos cumprimentarán o xustificante oficial.

-Serán alumnos internos todos os teólogos desde o curso que preceda ao da súa pretensión ao Subdiaconado ata o día que se ordenen de Presbíteros: tanto estes como os demais que queiran continuar internos, solicitarano antes do 1º de setembro en instancia dirixida ao Sr. Rector. 

Vista parcial do Seminario Maior Ourense, inuagurado en 1953. . Na actualidade, 2026, ademais de Seminario, acolle as instalacións do Arquivo diocesano de Ourense. Na parte posterior extensos campos de fútbol e frontóns nos que algúns tivemos a obriga de compartir algunhas xornadas de lecer cando fomos internos en colexios da cidade.

 O alumnado interno, ademais, debía incluír na súa “mochila” os elementos de “Menaxe e pensión”: Un crucifixo, unha imaxe da Sant. Virxe, unha pía para a auga bendita, unha peliza de fío rizada, seis panos da man, dous xogos da cama e catro toallas coas respectivas iniciais, dous cobertores, unha sobrecama, catro mudas polo menos de roupa interior, e a exterior necesaria. Todos os alumnos internos vestirán, sen distinción, traxe de colexial, que consistirá en manto azul escuro, beca vermella e bonete de meiriño de picos rebaixados, para paseo, e sotana con esclavina ou capelo, para andar por “casa”.

 Para o curso 1910-1911, “a pensión dos internos era de unha peseta vinte e cinco céntimos; pero solicita o Bispo que se atenda no posible aos ordenados “in sacris”  que pola súa escaseza de recursos non poidan satisfacer a pensión completa, que satisfagan a metade, sen que por isto se observe diferencia ningunha no trato, con tal que xustifiquen a súa pobreza e sexan de exemplar vida e costumes. Tanto uns como outros deberán entregar na Maiordomía do Seminario, e antes de seren matriculados, a cantidade de cento vinte e cinco pesetas os pensionistas, e sesenta e dúas con cincuenta céntimos os medio-pensionistas; o restante da pensión aboarano nos meses de  xaneiro e abril, por partes iguais. Aqueles que sexan internos por primeira vez, pagarán ademais, dez pesetas para gastos de instalación da luz eléctrica”.

Os requisitos que debe reunir cada aspirante para o exame de ingreso en primeiro ano de Latín eran:

-Ler con perfección; -Escribir correctamente a ditado; -En Aritmética, ler unha cantidade, e sumar, restar, multiplicar e dividir números enteiros e decimais; -O Catecismo da Doutrina Cristiá (memorizado); -O Epítome de Gramática Castelá da Real Academia, e analizar analoxicamente en castelán. (Esixencia que viña a coincidir, esencialmente, co nivel  fixado para as escolas de Primeiras letras).

 Como elo entre a modalidade de ensino “Primario obrigatorio” e o Secundario, e tal e como vimos de observar, aínda a pricipios do século XX, os seminarios xogaban un papel moi relevante para a poboación con máis dificultades, ben de tipo económico ou xeográfico, porque a maioría da sociedade galega, de carácter rural, non podía acceder a un nivel medio ou superior de ensino, cando nin siquera se cumpría a obrigatoriedade na Primaria. Así, aínda que o número de precepturías de Latín se ía  reducindo, a medida que fói avanzando o seculo XIX, o profesor C. Rico suliña que: “Á beira destes Colexios de Humanidades (en Pontevedra, Vigo, Tui, A Coruña, e Ourense, entre algúns outros), nos anos corenta -de 1800- mantíñanse os estudos dos seminarios e diversas preceptorías, que nalgunha medida tomaron o relevo das cátedras de fundación; unhas preceptorías atendidas xeralmente por frades e monxes exclaustrados, autorizados para desempeñar esta docencia. Otero Pedrayo refírese para Ourense ao estudo que en 1848 tiña aberto o profesor de matemáticas e latinidade Juan Martínez, cobrando a cada alumno un estipendio mensual de 20 rs.  pola gramática  e 30 polas matemáticas …”

 Engade, a todo o anterior, as localidades que entre 1827-31 en Galicia contaban co exame de habilitación para preceptores, despois de que a Universidade de Santiago esixise a  legalización  do seu exercizo realizado perante o Colexio de Linguas, conformando un total de  64 preceptores, maioritariamente presbíteros e clérigos que impartían docencia en moi diversas localidades: Así, no caso de Ourense, fai constar os seguintes: Garabáns (sic), Arnoia, Astureses (2), Valongo, Xustáns-Milmanda, S. Esteban Valdeorras, Ourense (3), Refoxos, Roucos, Cartelle, Verán, Bande.

 Estudar en Ourense:CINCUENTA ANOS DE ESTUDOS UNIVERSITARIOS EN OURENSE (1974-2024) (Extracto do Informe da vicerreitoría do Campus de Ourense) ou como a “Burga ateniense   muda de ermo a verxel”.

 No Campus de Ourense impártense actualmente 16 títulos de Grao, 14 Mestrados Universitarios, e 7 programas de Doutoramento nun total de oito centros, que abarcan todos os ámbitos de coñecemento.

Co gallo dos 50 anos do inicio dos estudos en Ourense, a Vicerreitoría do Campus presentou a publicación: 50 Anos de estudos universitarios en OURENSE, un detallado percorrido histórico desde o Colexio Universitario de Ourense ata o actual Campus, no que se analiza a evolución das súas escolas e facultades.

 Cómpre salientar que neste Campus se ofertan simultaneidades de Grao en Dereito e Grao en ADE; o Grao en Informática e o Grao en ADE; e o Grao en Turismo e o Grao en Xeografía e Historia, o que lle confire singularidade dentro do sistema universitario de Galicia.

Edificio, na rúa do Progreso, preto do xardín do “Pousio” -Ferrín dixit- do que foi o xérmolo do Colexio Universitario de Ourense (1973, cando o curso escolar se iniciou en xaneiro de 1974, segundo o novo calendario  “Juliano” -polo ministro Julio Rodríguez-, que duraría ata decembro, pero se interrompeu en xuño, para o curso seguinte continuar co tradicional) con 12 docentes, 204 discentes e 3 administrativos. Á dereita algúns dos edificios no Campus de Ourense-Universidade de Vigo, na actualidade.

 TITULACIÓNS DE GRAO:

Intelixencia Artificial; Xeografía e Historia; Enfermaría; Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; Ciencias Ambientais; Enxeñaría Aeroespacial; Enxeñaría Informática; Enxeñaría Agraria.

Relacións Internacionais; Administraitración e Dirección de Empresas; Dereito;Educación Infantil;

 Educación Primaria; Educación Social; Traballo Social; Turismo.

PROGRAMAS CONXUNTOS (DOBRES GRAOS)

Grao en Administración e Dirección de Empresas e Grao en Enxeñaría Informática; Grao en Administración e Dirección de Empresas  e Grao en Dereito; Grao en Turismo e Grao en Xeografía e Historia.

TITULACIÓNS DE MESTRADOS:

Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade;  Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural; Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental; Nutrición; Enxeñaría Informática;  Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non tripulados.

Avogacía; Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde; Xestión Empresarial do Deporte; Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos; Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos;  Intelixencia Artificial.

Profesorado en ESO, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas:

Especialidade: Ciencias Experimentais. Matemáticas e Tecnoloxía.

Especialidade: Ciencias Sociais: Xeografía e Historia.

Especialidade: Ciencias Sociais: Humanidades.

Especialidade: Orientación.

PROGRAMAS DE DOUTORAMENTO:

Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento; Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria; Ecosistemas Terrestres; Uso sustentable e Implicacións Ambientais; Sistemas de Software Intelixentes e Adaptables; Ciencias da Educación e do Comportamento; Ciencias Sociais e Envellecemento ;Turismo.

PROGRAMA UNIVERSITARIO DE MAIORES:

 Dentro do marco xeral dos programas de formación das aulas de formación aberta da Universidade de Vigo desenvólvese o Programa para Maiores: un proxecto de desenvolvemento ciéntífico-cultural dirixido a promover a ciencia e a cultura nas persoa maiores, teñan ou non titulación, ao mesmo tempo que as relacións interxeracionais. 

TOTAL MATRICULADOS UNIVERSIDADE DE VIGO: 2024-2025: GRAOS 16.042 (CAMPUS OURENSE: 2.978)

TOTAL Universidade de Vigo: MESTRADOS: 2.078; DOUTORAMENTO: 1.472; MAIORES: 557.

  Os datos que preceden veñen sendo unha reprodución da primeira páxina da versión dixital da publicación da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, coincidindo coa conmemoración dese medio século de existencia da Universidade na capital da provincia, aínda que dous anos antes xa empezara a xermolar coa fundación do Colegio Universitario, á par que os da Coruña, Lugo e Vigo.

 Son moitas as motivacións que contribúen a este alumeamento, tanto de tipo académico como político e socioeconómico, pero que nesta breve presentación non corresponde analizar, pero si darmos conta das moitas voces que viñan reclamando esa necesidade, tal e como se puxo de manifesto desde esa data movediza entre a ditadura e a democracia parlamentaria na sua evolución ata os nosos días.

Cando falo de persoas que viñan reivindicando esa demanda, poden citarse, entre outras, as daquelas que desde o seu coñececemento da realidade educativa do País e con ideas do ámbito psicopedagóxico, por exemplo, publicaron anos máis tarde traballos conxuntos como: “Educación e sociedade en Ourense” (1989), “A educación en Galicia” -Informe Cero-, “ (1988), “Memoria da escola” (2006)…

 Así, na medida de poder establecer un fío condutor entre a realidade escolar do concello do Irixo e as Universidades, a de Santiago e a de Vigo-Ourense, cun cambio substancial a mediados do século XX, recollo este parágrafo do profesor Agustín Requejo Osorio que, condensa en boa medida, por un lado o crecemento exponencial do alumnado matriculado na Universidade de Santiago, e, por outro a urxencia de novas titulacións para Ourense. Todo isto precedido dun cambio de rumbo nos niveis inferiores de ensino medio e básico:

“O crecemento do alumnado na Universidade de Santiago foi espectacular tanto na década dos setenta como na de 1980-90. En números absolutos, no curso 71-72 a matrícula existente era de 11.511 alumnos que se elevan a 47.464 no curso 87-88. Segundo os últimos datos disponibles, no curso 1988-89: 48.692 . Isto supón, asumindo como base  100 o curso primeiro de referencia (71-72), un salto do 412,33 % (Enténdase que nestas cifras estaban incluídos todos os centros de Galicia que naquel momento estaban baixo as directrices da Universidade de Santiago -Facultades e E.Técnicas Superiores, Escolas Universitarias e Colexios Universitarios).

Convocatoria de exames por libre no Instituto Masculino de Ourense -hoxe IES E. Blanco Amor no barrio da Ponte-, ano 1968, no que nos examinamos algúns dos aspirantes a Bacharelato Elemental e Superior. A proba de Selectividade, despois de COU, realizábase en Santiago.

“A pesar deste notable incremento, hai que suliñar que nin España, nin Galicia, e moito menos a provinca de Ourense acadan no conxunto internacional e autonómico a proporcionalidade adecuada.”

 A continuación, analiza con abondo detalle moitas das causas que colocaban a Ourense na parte máis baixa da táboa de alumnado universitario: “A razón de tal situación precaria do ensino universitario en Ourense debemos fundamentalmente atribuíla a dous factores esenciais. En primeiro lugar a situación demográfica e territorial e a infraestrutura do sistema educativo non universitario. En segundo lugar a localización territorial da oferta universitaria, os centros existentes co correspondente nivel de información e orientación para cursar tales estudos”.

Páxina interior do “Libro de Calificación Escolar” para a matrícula de Primeiro de Bacharelato por libre, sen exame de ingreso.

“A situación da matrícula universitaria en Ourense debuxa por tanto unha concentración moi importante en torno á propia cidade e aos principais núcleos de poboación. A propia presenza nestes núcleos dunha adecuada infraestrutura de centros non universitarios (Bacharelato e F.P.), facilita este acceso ao ensino universitario. Cunha situación aceptable respecto á súa poboción están os municipios preto da cidade. Os demais municipios acadan unha matrícula universitaria baixa propiciada non só polo factor distancia (localización territorial da oferta universitaria), senón tamén por outros factores como Renda familiar, infraestrutura escolar non universitaria, nivel de información/ formación, distribución ocupacional… “ A representación gráfica que se adxunta nesta análise por concellos do alumnado da provincia matriculado na Universidade de Santiago -Galicia-, resulta unha proba transparente dos asertos anteriores, así, se no concello do Irixo consta como dato que o número de alumnado matriculado no curso 1987-88 é de 35 alumnos; -cantos podiamos ser na década dos setenta?: no mellor momento podíanse contar cos dedos de unha ou as dúas mans, cando aínda viña de inaugurarse o que hoxe é Instituto número 1 do Carballiño… E, aínda así, despois de que fose creado O Instituto nº 1 do Carballiño, o Instituto de FP Chamoso Lamas, o Colexio Isabel La Católica -Corral-, a taxa de acceso a estudos universitarios seguía sendo moi cativa. Nos outros concellos limítrofes, tampouco a taxa de promoción ao ensino universitario era moi diferente: O Carballiño, 185; Piñor, 17; Beariz, 17; e outros da provincia de características afíns ao do Irixo en canto a superficie, poboación, infraestrururas, eran moi semellantes: Muíños, 31; Laza, 35.

Páxina interior do “Libro de Calificación Escolar” para a matrícula de Primeiro de Bacharelato por libre, sen exame de ingreso.

 Tíñase aprezado un elevado número de alumnado matriculado na Escola Universitaria de Maxisterio -A Normal- na década de 1980: Curso 1980-81: 798; 83-84: 835; 85-86: 1.013; 86-87: 888; 87-88: 872. Ademais de irse icorporando novo alumnado ao Colexio Universitario/Facultades ata situarse no curso 1987-88 en: 1.648 matriculados en Maxisterio, Empresariais e Universidade.

 Esta análise tan pesimista da situación veuse a complicar coa caída arrepiante da natalidade, en Galicia en xeral, e no rural de xeito máis dramático. Só un dato a respecto do Irixo, o saldo vexetativo no ano 2024 deixa estas cifras: Nacementos: 2; Defuncións: 37; Saldo V:-35., o que supón unha redución drástica no alumnado de novo acceso ao Ensino Infantil e de Primaria para o que fora deseñado o Grupo Escolar Virxe da Pena da Sela, inaugurado en 1973. No curso que andamos, 2025-2026, como xa adiantaramos, repártese entre : 13 matriculados en E. Infantil e 43 en E. Primaria, nun centro que foi deseñado para 12 unidades.

  Se seguimos a información facilitada polo profesor e catedrático emérito de Historia Contemporánea do Campus de Ourense, Jesús de Juana López, nesa publicación adicada a conmemorar o cincuentenario, sobre a xestación de tan venerable institución pero non exenta de dificultades, desde a súa ubicación nese edificio próximo ao que foi o primeiro Instituto da cidade, actual IES Otero Pedrayo, ata o amplo Campus das Lagoas, só deixo constancia dalgún parámetro como que:

“En canto á súa procedencia xeográfica, a case totalidade do alumnado, máis dun 90% procedía da provincia de Ourense, e a maioría vivía na capital, aínda que algúns viñan do medio rural ou vilas próximas, ou nacera na emigración europea. Practicamente a metade dos que din que residen en Ourense capital non naceron nela, sobre todo nos anos setenta, o que nos indica o forte fluxo demográfico producido pola emigración desde a zona rural á urbana na década anterior, tal e como se recolle nos censos de poboación…Tamén se nota o crecemento de alumnado das vilas a consecuencia sobre todo da creación de máis institutos de bacharelato e da mellor situación económica”.

 J. de Juana, a partir dos datos obtidos de M. C. Benso Calvo do curso 1987-88, estima que a porcentaxe da clase social á que pertencía o alumnado do colexio universitario, segundo a profesión do pai, era: o 18,6 % á clase baixa; o 45,5 % á clase media baixa; o 13,9 % á clase media-alta, o 10,7 % xubilado, e sen datos un 6,7 %.

 O que lle permite concluír que: “O Colexio universitario de Ourense supuxo, durante dúas décadas, a oferta escolar universitaria máis próxima e menos custosa para as familias modestas e de baixos estudos da provincia e proporcionou unha canle de promoción profesional para os seus mozos e mozas, favorecendo deste xeito as aspiracións e dereitos das capas máis baixas. […] En consecuencia, podemos supoñer razoablemente, que favoreceu dunha maneira importante a formación universitaria das clases medias e baixas urbanas e semiurbanas e da poboación rural maís humilde.

 Rompeu así o elitismo tradicional de que só as clases privilexiadas puidesen ir á Universidade ao ampliar as expectativas de educación superior e posibilitar que os fillos dos estratos sociais inferiores tivesen tamén esa oportunidade”.

 Sen entrarmos a analizar en detalle os datos correspondentes a estes últimos anos do alumnado matriculado, e tomando, a modo de síntese, a información obtida do xornal Atlántico relativos ao  curso académico 2024-2025, aqueles non deixan de sorprendernos pola evolución experimentada na última década, tanto polas especialidades como polo seu número. Titular: “La Uvigo vuelve a superar el tope de los 20.000 estudiantes”, matriculados en todos os cursos de grado, mestrado, doutoramento e programa de maiores, dos cales 10.729 corresponden ao Campus de Vigo, 5.189 ao de Ourense, e 4.230 ao de Pontevedra.

 Con respecto ao Campus de Ourense pódese destacar a incorporación recente dalgunhas especialidades como a de Grao en Enxeñaría Aeroespacial con 229 matriculados para o curso 2024-25, ou Enxeñaría Informática con 644, ademais doutras que, desde a inauguración do Campus, teñen consolidado un amplo espectro de investigación no ámbito das ciencias ambientais, tecnoloxía dos alimentos, sociais, da Educación, Dereito, Xeografía e Hª, etc.

  De entre outras cifras, o nivel de ocupación nas distintas especialidades é elevado, como o caso do Campus de Ourense co 103% cento sobre a oferta, o que en palabras da Vicerrritora ten que ver coa percepción das familias en canto a que a Universidade de Vigo ofrece titulacións de interese, renovadas e demandadas e que é unha universidade sólida, moderna, dinámica e sobre todo, de calidade, e isto facilita que os preuniversitarios xa non teñan inquedanza por estudos fóra da súa contorna. De feito, o 91 % do estudantado matriculado na UVigo é de Galicia.

 Un dato que si se pode sobrancear, é a elevada taxa de feminización da universidade de Vigo, en canto que, no seu conxunto, as mulleres superan en 540 persoas aos homes, aínda que nalgunhas especialidades STEM, esa porcentaxe siga  a estar maioritariamente representada por homes, sendo unicamente a especialidade de entre as enxeñarías a Biomédica, a única na que as mulleres superan aos homes (140, mulleres; 68, homes). 

 Como conclusión xeral sobre a evolución histórica da Ensinanza obrigatoria -cando se cumpría-   ata o Ensino Universitario do alumnado escolarizado en Galicia, no caso particular do Irixo, ata ben avanzada a década de 1970, non estivo exenta de graves dificultades e de carencias, tanto a nivel de construcións escolares como de dotación de material pedagóxico mínimo, así como do persoal docente e o desleixo dos responsables locais. A cidade de Santiago era a única Universidade receptora de estudos Superiores (Con algunha extensión como a Escola de Arquitectura na cidade da Coruña e de Veterinaria en Lugo, ou as Diplomaturas); polo tanto, se a transformación do Ensino Básico e Secundario obrigatorio e postobrigatorio foron algo excepcional, o universitario, coa creación do Colexio Universitario e o Campus da Universidade de Vigo-Ourense, foi revolucionario. Longa vida ao ensino de calidade desde o berce ata a senectude!.

Bibliografía:

ARQUIVO MUNICIPAL DO CONCELLO DO IRIXO

ARQUIVO HISTÓRICO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

CARIDE GÓMEZ, J. A. (Director),Coordenadores: Antón Costa Rico, Agustín Requejo Osorio: A EDUCACIÓN EN  GALICA. Informe Cero. Univ. De Santiago de Compostela. 1988.

COSTA RICO, A.: HISTORIA DA  EDUCACIÓN E DA CULTURA EN GALICIA  (SECULOS IV.XX). EDIC. XERAIS, VIGO, 2004.

REQUEJO OSORIO A. e CID FDEZ, X. MANUEL (Coordenadores): EDUCACIÓN E SOCIEDADE EN OURENSE. Edic. Do Castro, Sada, 1989.

SUÁREZ PAZOS, M. E OUTROS: MEMORIA DA ESCOLA. Cultura material e testemuños da nosa historia educativa contemporánea). Edc. Xerais, Vigo, 2006.

UNIVERSIDADE DE VIGO: (Estudar en Ourense) 50 ANOS DE ESTUDOS UNIVERSITARIOS EN OURENSE (20 de novembro de 2024).

XORNAIS :  “LA REGIÓN” (Ourense); “El Correo Gallego”; “El Pueblo Gallego”; “BOP” de Ourense.  En GALICIANA: Biblioteca Dixital de Galicia.

Xulio Dobarrro Ferradás

O Irixo, xuño de  2026


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Outros artigos de Xulio Dobarro:

Xulio Dobarro. O Irixo: Dous séculos de ensinanza e promoción escolar ( 4ª parte). O Ensino Primario, A Xunta Local de Primeira Ensinanza e O Couto Escolar

Xulio Dobarro. O Irixo: Dous séculos de ensinanza e promoción escolar ( 3ª parte). Ensino obrigatorio e acceso ao ensino medio : (séc. XIX-XX)

Xulio Dobarro. O Irixo: Dous séculos de ensinanza e promoción escolar ( 2ª parte). Inspección escolar de 1877

Xulio Dobarro: De ensinanza e promoción escolar (O Irixo: Dous séculos. 1ª parte)

Xulio Dobarro. O Irixo: “Desamortización eclesiástica en Orense” ( don Ramón O. P.) sobre bens e rendas aforadas na contorna local

Xulio Dobarro. O Irixo: última  -non derradeira- versión dos topónimos locais (2026)

Xulio Dobarro. O Irixo: Introdución ao Catastro de Ensenada segundo don Ramón O. P. A xurisdición de Orcellón e a Encomenda de Pazos de Arenteiro 

Xulio Dobarro. Crónica de Orcellón e a Castela ourensá

Xulio Dobarro. Ano Ramón Otero Pedrayo, 2026. ”Os camiños da vida”.  De Ourense a Compostela

Xulio Dobarro. O IRIXO: Augas e seca na memoria .Tapacuñas, presas e muíños en retesía

Abraiante outono entre o Irixo-o Carballiño

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: festas da Asunción e san Roque

Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor  e  A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”

Xulio Dobarro: Do Irixo (Saavedra) a Mallorca  pasando polo Val Miñor-as Mariñas, sobre a técnica  da pedra en  seco ou a “óso”

Xulio Dobarro: “Semana grande na parroquia de Dadín (O Irixo) con peregrinaxe “móbil” e procesión á Pena da Sela

Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”

Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes  por  Emilio Duro Peña “

Xulio Dobarro “Quincuaxésimo aniversario da pergrinaxe da virxe de Fátima  desde a Ponte  á Pena da Sela  (1967). Novena  a partir do día 3 de maio -2025.”

Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”

O Irixo:  “O galiñeiro parrandeiro”  da asociación os Parrandas do Irixo,  acada o 1º premio no desfile de comparsas do entrodo do Carballiño-2025

 O Irixo-Dadín : J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (III)

 O Irixo: J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (ii)

O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal”  en “La Región”

Xulio Dobarro: “a memoria recuperada: Centro de Estudos Chamoso Lamas da comarca do Carballiño (o Irixo). Reseña divulgativa

Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán

Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”

Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “

Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”

Xulio Dobarro. “O Irixo: San Pedro de Dadín e o Regueiro-San Pedro Fiz da Espiñeira e romaría da Virxe do Carme na Pena da Sela”

Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”

Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.

Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------