Fronteiras borrosas na realidade xeracional

IES CHAMOSO LAMAS

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

HIPER MASIDE

Os seres humanos estamos obrigados a vivir uns cos outros. Iso chámase convivencia. Pero convivir é unha arte porque require enxeño, astucia, reflexión, habilidade e destreza. Se nos guiásemos só polo instinto, como os animais, a nosa convivencia estaría sometida aos nosos xenes e sería automática. É evidente que os seres humanos estamos programados, como todo organismo vivo, pola herdanza biolóxica para responder cunha determinada conduta ao desafío de estímulos previsibles, pero tamén para enfrontarnos a situacións inesperadas. Así tomamos iniciativas e creamos un modelo de vida asumido colectivamente por todos os que convivimos nos mesmos lugares e tempos. Nestes contextos sociais buscamos solucións orixinais para responder a circunstancias que ofrezan incertezas e retos inéditos capaces de fracturar a nosa convivencia.

            Só convivindo somos competentes para achar o éxito nas múltiples formas posibles de vida. Porén, esa convivencia na que se acrisola o éxito necesita inexcusablemente da colaboración das persoas que integran a sociedade. Ninguén pode quedar á marxe dos proxectos colectivos nin crear conflitos que obstaculicen os avances e o progreso humano.

Intersección xeracional

As persoas, como individuos, habitamos o mundo entre as cousas, que por curiosidade ou necesidade tratamos sempre de coñecer; pero fundamentalmente vivimos con persoas e entre persoas. Estas son as que nos agasallan dándonos a súa opinión e interpretando esas cousas entre as que habitamos, facilitándonos así ese impagable traballo de ter que explicalas e xustificalas en cada momento. De non ser así, aínda agora mesmo no século XXI, a humanidade estaría sorprendéndose ao observar os cambios estacionais ao longo do ano, trataría de procurar a maneira de encender o lume, ignoraría o por que das enfermidades, sorprenderíase ante os raios e os tronos… en fin, estariamos regresando constantemente aos comezos da historia sen poder dar un paso adiante.  

            Polo tanto, a historia consolídase e fornécese con estes dous procesos: co coñecemento empírico que cada individuo vai observando e asimilando das cousas coas que choca a diario, e coas opinións e interpretacións que delas fixeron as persoas do pasado. Moitas cousas que cada un de nós percibe empiricamente dun certo modo poden cambiarse automaticamente por outra forma diferente de velo que tiveron os nosos antepasados, que de forma intelixente xustificaron con sólidas razóns na maioría dos casos. Así, en cada época histórica ofrécense ópticas distintivas e maneiras propias de interpretar a realidade. Cada etapa ofrece, pois, unha visión específica bastante uniforme e especialmente unha peculiar característica de interpretar a realidade. Esa interpretación críbase a través dos valores, das ideas, das crenzas, da cultura… que practican e defenden as persoas que viven nese momento, porque a través desa perspectiva axiolóxica monitorízase a realidade.

            O marco da convivencia está limitado ás persoas que participan simultaneamente nos procesos sociolóxicos dunha sociedade concreta. Ortega y Gasset cualifica de contemporáneas ás persoas que actúan como intérpretes dos cambios sociais e que colaboran nos avances humanos. Son persoas que viven nunha mesma época. Ben é certo que Ortega distingue ás contemporáneas das coetáneas. Coetáneas son as persoas que forman unha xeración. “Una generación representa para mí una “zona de fechas” que ocupa aproximadamente quince años” (Prólogo para alemanes). Nunha mesma época poden coexistir varias xeracións, e todas son contemporáneas, pero cada unha desas xeracións pode actuar e propoñer modelos e accións diversas de vida á das outras, aínda que todas elas coincidan no mesmo tempo.

Ortega explica na mesma obra que “solo se coincide con los coetáneos. No todos los contemporáneos son coetáneos. Urge distinguir en la historia entre coetanidad y contemporanidad. Si todos los contemporáneos fuesen coetáneos, la historia se detendría aniquilada, putrefacta, en un gesto definitivo, sin posibilidad de innovación radical ninguna” (Prólogo para alemanes). As xeracións donantes adoitan actuar cunha sensibilidade crepuscular fronte á intensa plenitude da vida que exhiben os seus herdeiros. As xeracións coetáneas antecedentes pensan e actúan dun modo máis conservador, máis brumoso, máis crepuscular -nun sentido nietzscheano-, que as súas descendentes coas que conviven na mesma contemporaneidade.

Con todo, o concepto de xeración designa unha fronteira borrosa respecto aos seus referentes. Xeración é un concepto sociolóxico que está supeditado ás categorías do tempo e de múltiples circunstancias existenciais. Dentro dunha mesma sociedade poden existir, e de facto existen, individuos que coincidindo no mesmo tramo de idade por nacemento quedan expulsados da xeración sociolóxica ao non encaixar a engrenaxe implacable da súa existencia nas cláusulas da súa xeración oficial. Fronte aos quince anos nos que Ortega sitúa unha xeración, non faltan os que propoñen vinte anos, ou menos e máis de quince. No pasado, unha xeración pervivía nas seguintes durante décadas porque os cambios sociais, que están en función das alteracións técnicas e tecnolóxicas, permanecían inmutables. En cambio, na actualidade, as xeracións poden cambiar cada lustro porque a tecnoloxía se altera e se modifica de forma tan vertixinosa que resulta sumamente laborioso e difícil seguir o ritmo das transformacións que dela derivan e aniñan nos sistemas produtivos, nas relacións laboráis e mesmo no trato social.  

Se as xeracións do pasado século estaban consolidadas sobre un mundo sólido, de seguridades e certezas, agora pasamos a unhas xeracións que nadan sobre as ondas dun mundo líquido e condenadas a vivir da inseguridade, do transitorio, da fugacidade e do momentáneo. Ante elas ábrense grandes dilemas de confianza, xorden crises inexplicables e calquera prognóstico resulta imposible. Nesa situación, os individuos destas xeracións ignoran como van evolucionar os acontecementos, polo cal non lles resulta doado tomar medidas de precaución nin se poden defender xa que os feitos lles chegan por sorpresa. E iso deriva na falta de compromiso, porque as persoas se déixan levar polo desexo de gozar dos aspectos lúdicos da vida e de eludir aqueles que teñan que ver coa responsabilidade.

Reforma, non demolición

Resulta extremadamente difícil que unha nova xeración sexa quen de demoler ou derrubar os cementos e piares que deixa en herdanza a xeración anterior. Unha nova xeración pode, abofé, modificar a estrutura e a distribución do novo edificio, reformar e innovar esa rexuvenecida sociedade na que van vivir os novos inquilinos, pois sabemos que as explicacións do pasado non valen gran cousa se non se lles engaden as do presente e as do porvir. Pero tampouco se debería esquecer que a experiencia das xeracións anteriores axudan aos máis novos a non cometer erros nin a estragar a herdanza recibida, pois “como siempre, son los herederos los que echan a perder todo, los señoritos que nacen ya en la tierra ganada por los antepasados” (Prólogo para alemanes).

            Aínda nas mellores sociedades aparecen conflitos, porque o conflito é inevitable, pero como a cooperación é desexable hai que intentar defendela. Xa sabemos que o modelo de vida que marca unha xeración non ten por que vincular a todas as persoas anexadas á mesma, pois hai individuos que se acomodan simplemente á situación do seu tempo, pero que non se consideran ideolóxica ou culturalmente formando parte da época. Así que na sociedade podemos chocar cunha xeración que na maioría dos seus compoñentes adopte unha actitude homoxénea entre o recibido e o propio da súa época, ou noutros casos comprobemos que hai unha oposición ou heteroxeneidade entre ambos ingredientes. Na primeira conxuntura a sociedade vive, en palabras de Ortega, unha época acumulativa, e na segunda, unha época polémica. Por tal motivo, Ortega consideraba de vital importancia comprender os mecanismos que rexen o encontro de dúas xeracións nun mesmo período temporal, pois cada segmento xeracional ten o deber moral de transmitir e legar os valores á xeración sucesora. Describir ese proceso constitúe na actualidade unha necesidade urxente, porque o traspaso do acervo cultural nestas primeiras décadas do século XXI se está vendo trastrocado e, consecuentemente, descoloca ás sociedades complexas de hoxe.

            Nos tempos que corren, o choque xeracional fíxose máis patente e conflitivo que nunca, pois as novas xeracións móstranse máis ousadas e irreverentes que os seus antecedentes, xorden con forza descomunal, pero sen a capacidade de asimilación do coñecemento necesario para chegar a ser moralmente elevadas, e a este respecto o futuro é pouco afagador. Sen querer evadir a nosa responsabilidade, urxe afirmar que algunhas das causas de tal desconcerto obedece ao auxe da cibernética, ás comunicacións e o progreso material en xeral, que induciron a que as novas formas de relacións sociais se vexan diminuídas e carentes de profundidade con relación aos seus pares antecedentes.

Realidade ou imaxinario?

A categorización que aplicamos ás xeracións non se corresponde exactamente coa conduta de cada unha das persoas implicadas en tal etiquetaxe. As características que sociólogos, historiadores e antropólogos asignan a cada xeración non son máis que xeralizacións de certas singularidades e modos de actuar que se reproducen e replican en individuos coetáneos e segmentados en diversos grupos sociais. Con todo, non sería correcto seleccionar un individuo dunha xeración e aplicarlle a priori tales singularidades ou modos de conduta.

            Na miña opinión, os atributos asignados socioloxicamente a unha xeración caen dentro do imaxinario, esa conciencia colectiva que se constitúe a partires non só de coincidencias valorativas das persoas senón tamén das súas resistencias. O mecanismo psicolóxico do imaxinario resulta dunha complexa rede de relacións entre discursos ideolóxicos ou institucionais e prácticas sociais. O imaxinario social interactúa na maioría dos casos coas individualidades, pero cando ese imaxinario logra liberarse destas cobra dinámica propia independizándose dos suxeitos. Nese mesmo momento o imaxinario instálase nas institucións da sociedade e comeza a actuar como tal tan pronto logra independizarse das vontades individuais, aínda que precise delas para realizarse. E beneficiándose desa valoración imaxinaria colectiva, as persoas dispoñen de parámetros epocais, xeracionais, para actuar. E, ao mesmo tempo, as súas actuacións inciden no proceso imaxinario, desde onde se aspira a determinados ideais e modelos de vida que se consideran dignos de realizar. En consecuencia, as ideas regulativas do imaxinario no tocante ás xeracións, como ideas que son, non existen na realidade empírica, pero existen na imaxinación individual e no imaxinario colectivo producindo efectos que repercuten na realidade. Por tal razón é posible afirmar que unha determinada xeración é máis solidaria que outra, máis consumista, menos egoísta, máis sacrificada, etc.

Os dilemas das xeracións

A estrutura xeracional da vida humana constitúe a esencia da historia. Pero apropiándome da metáfora psicanalítica de “matar ao pai” para expresar o proceso no que o individuo se libera da tutela do seu proxenitor para empezar a voar só, algo similar detectamos nas xeracións herdeiras. No fondo desta expresión freudiana o que se intenta explicar non é nada máis que a rebeldía do mozo ou da moza que tratan de rachar coas crenzas e coas normas nas que se educaron, o que adoita suceder analogamente coas xeracións sucesoras. Porén, ese proceso forma parte natural da evolución sociolóxica, aínda que exista o risco de que en determinadas etapas da historia “puede formar parte del destino trágico de una generación no encontrar su propia forma de vida. Hay generaciones logradas y hay otras malogradas… Cada generación no es, a la postre, sino eso: una determinada misión, ciertas precisas cosas que hay que hacer” (Prólogo para alemanes). E, como lle dixo don Quijote a Sancho: “Lo que te sé decir es que no hay fortuna en el mundo, ni las cosas que en él suceden, buenas o malas que sean, vienen acaso, sino por particular providencia de los cielos, y de aquí viene lo que suele decirse: que cada uno es artífice de ventura. Yo lo he sido de la mía, pero no con la prudencia necesaria, y así, me han salido al gallarín mis presunciones” (Cervantes: Don Quijote de la Mancha).

            Outro dos dilemas das xeracións aparece na revisión lóxica entre intereses e valores compartidos na procura da cohesión social. Toda xeración aparece inserida dentro dunha determinada sociedade, sendo o seu rol sociolóxico acadar a cohesión social. Cando os intereses son comúns á organización interxeracional e os valores son compartidos entre xeracións diferentes, resulta máis factible a cohesión social porque a confianza, a empatía, a tolerancia e a boa vontade incentivan a participación individual. Pese a todo, aínda que a participación fomenta esa cohesión, existe certo perigo de que unha alta participación poida erosionar a cohesión. A explicación deste dilema estriba na competitividade polos mesmos recursos aos que aspiran demasiadas persoas, pois nese momento parece que a pertenza ao grupo deixa de ser vantaxosa. E iso pode explicar o por que da crítica por parte das xeracións máis novas á ocupación de determinados postos institucionais e profesionais por parte de persoas anexadas a xeracións precedentes.

Os límites borrosos das xeracións

Sabendo que o horizonte é sempre afastado e fuxidío tratándose da evolución tecnolóxica e que os cambios que se dan nunha sociedade globalizada están emparentados con todos os sucesos da existencia humana, parece complicado marcar a duración exacta dunha xeración. Hai moitos factores que están a intervir neses cambios, tales como a tecnoloxía hiper-desenvolvida, a cibernética, os grandes eixos de poder, a evolución das masas, a globalización co avance indiscriminado nos diversos modos de intercambio…  

É posible imaxinar unha fronteira indefinida en territorio filosófico onde as ideas se disfrazan de retórica describindo irrupcións de condutas que tratan de expulsar aos hábitos vixentes. Esa invasión condutual etiquetaría o cambio xeracional, pero de forma ambigua e borrosa, nunca de forma exacta, precisa e xeral porque “…la juventud dura más en ciertas épocas que en otras o empieza antes y es antes desalojada por la madurez” (Ortega y Gasset).

            No ano 1991, Neil Howe e William Strauss, dous científicos estadounidenses, crearon a teoría xeracional. De acordo con ela, unha xeración dura aproximadamente 22 anos, fronte aos quince dos que falaba Ortega y Gasset. Cada nova xeración presenta hábitos, identidade e trazos de carácter diferentes, que os distinguen das demais xeracións.

            Para estes autores, unha xeración social está formada por un conxunto de todas as persoas nadas nun lapso de aproximadamente vinte anos. Os membros dunha xeración comparten unha localización por idade na historia, viven acontecementos históricos importantes e expresan tendencias sociais mentres ocupan a mesma fase da vida. As persoas da mesma xeración teñen formas duradeiras nas épocas da súa nenez e xuventude, compartindo crenzas e comportamentos comúns. Ao seren conscientes de compartiren experiencias e trazos, tamén perciben un sentido de pertenza común nesa xeración.

William Strauss e Neil Howe comezaron a facer pública a teoría das xeracións no seu primeiro libro, Generations, a finais da década de 1980, onde analizan a historia dos Estados Unidos como unha sucesión de 18 biografías angloamericanas desde o ano 1433 ata a actualidade. Esas historias están divididas entre si por períodos de 22 anos e asígnanselle características propias a cada xeración. As últimas xeracións estudadas son as cinco seguintes:

1.- A Xeración silenciosa, tamén coñecida como a Xeración dos nenos da guerra, está formada polas persoas que viviron a II Guerra Mundial e a Guerra Civil en España. Os integrantes desa xeración educáronse e medraron na austeridade, desenvolvendo a súa vida, de novos e de maiores, na cultura do traballo e do esforzo. Algúns estudos sitúana entre os anos 1930 e 1945; outros, entre 1925 e 1942; mesmo, para o Centro de Investigacións Pew, entre 1928 e 1945. Os sociólogos detallan as características desta xeración como fillos de proxenitores que gozaron dos felices anos vinte, pero que tamén foron vítimas da Gran Depresión, ou crise do 1929, cuxas consecuencias soportaron durante a década dos anos trinta.

2.- Xeración “Baby Boomers”. Este nome vén dado polo aumento da taxa de natalidade na posguerra, identificados en España con datas de nacemento de 1943 a 1960 (William Strauss e Neil Howe: Generations). Para o Instituto Nacional de Estadística, os lindes estarían entre 1957 e 1977. En cambio, nos Estados Unidos (Centro de Investigacións Pew) sitúan esta xeración súa entre 1946 e 1964. En España son a xeración dos españois que naceron na ditadura franquista, pero na súa adolescencia se asociaron á televisión recén chegada, e na mocidade viviron a transición á democracia.

Son características distintivas desta xeración: o compromiso das persoas co seu traballo -estable e sempre o mesmo-, a súa motivación por unha boa posición económica, a procura por gozar de grandes logros profesionais, a independencia persoal, o afán pola seguridade propia e da familia, unha forte aposta por liderados de equipos exitosos, tendencia a unha ideoloxía conservadora, interese e preocupación pola educación, respecto coas tradicións…

3.- Xeración X, con datas de nacemento de 1961 a 1981. É unha xeración adaptada ao traballo duro e ao éxito persoal. A infancia das persoas desta xeración coincidiu coa revolución sexual dos anos setenta e oitenta, cos divorcios dos seus proxenitores, coa decadencia da familia, coa integración da muller ao traballo… Isto deu lugar a que aos cativos desa xeración se lles catalogase como “nenos da chave”, porque carecían da protección e supervisión dos proxenitores entre o final do horario escolar e a chegada dos pais á casa, xa de noite.

Intégrano persoas independentes desde a súa nenez. Son fillos dos baby boomers e pais dos millenials. A X coa que se identifica esta xeración é sinal da indefinicición que a caracteriza. As persoas que pertecen a esta xeración inclínanse ao individualismo e á adicción ao traballo, asistiron á evolución tecnolóxica porque foron os primeiros nenos en ter acceso a computadores, respiraron o auxe dos medios de comunicación e gustan da estabilidade laboral.

3.- Xeración milenial, componse de persoas nadas de 1981 a 2004. Os milenials son a “xeración das redes sociais”. En contra da xeración de seus país, non pretenden conseguir un traballo prestixioso nin unha promoción profesional. Tampouco están dispostos a traballar durante moitos anos para unha mesma empresa, pois prefiren un horario flexible e unha remuneración inmediata polo traballo realizado.

4.- Xeración Z, inclúe a persoas nadas de 2005 ata a actualidade. Estes son nenos/as e mozos/as que naceron baixo pautas correspondentes ao mundo dixital e que programan a súa vida coas tecnoloxías propias dese mundo. Presentan inmunidade á publicidade, marxinan as marcas famosas e o seu valor máis importante é a ecoloxía. Algúns sociólogos bautízanos como Xeración Contemplativa, e ubícanos entre 2006 e 2029. Pola súa parte, o Centro de Investigación estadounidense Pew describiu a esta xeración como os “pos- millennials”, colocándoos entre 1997 e 2012.

            Advertimos, pois, certas discrepancias por parte de sociólogos e historiadores, tanto nas datas de comezo como do final de cada xeración, o que me induce a pensar na existencia de confíns imaxinarios e de fronteiras borrosas nas que actúan e se desenvolven as xeracións. No que si coinciden todos os investigadores é que en calquera sociedade que se examine, os aspectos condutuais e as metas ás que aspiran todas as persoas de cada xeración son similares.

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.