Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)”

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

AVANTAR ACTIVIDADES

            No artigo anterior reflexionaba sobre os náufragos posmodernos nunha sociedade profundamente ideoloxizada. Nesa sociedade os cidadáns somos náufragos que vivimos nun mar de dúbidas, desorientados, manipulados e sen un horizonte diáfano ao que nos poder dirixir para acampar e manufacturar a nosa vida nun lugar seguro. A posmodernidade imprégnanos de actitudes e condutas nas que falta o compromiso e a responsabilidade por parte dos políticos, pero tamén da cidadanía. Zigmunt Bauman cualificouna de “modernidade líquida”, ou pensamento débil, fronte a outro pasado no que se vivía o tempo da modernidade sólida. Nesta, todo parecía máis durareiro, máis perdurable e moito máis sólido.

            Esta sociedade posmoderna está parafusada nunha democracia de modelo occidental, aínda que como procedemento non é perfecta. Máis ben deixa entrever grandes eivas éticas, excesivas crises económicas, demasiados dilemas sociais e políticos, que son condicións suficientes para gangrenala letalmente. A democracia asúmese como un concepto borroso sobre o que campa un descoido xeral ao non saber distinguir correctamente se consiste na posibilidade de que cada quen na sociedade actúe ao seu gusto ou de que o valor das cousas teña o mesmo rango de credibilidade, independentemente de quen o emita, aínda que se tratate de temas moi específicos e singulares (medicina, dereito, educación, economía, ciencia…). É incuestionable que existe unha idea recorrente de que en democracia todo é opinable e de que os dereitos prevalecen sobre os deberes. E ningún enfeite mellor para difundir ese equívoco cá estética propagandística canalizada a través dos medios de comunicación, especialmente pola televisión e polos numerosos dispositivos audiovisuais. Os cidadáns somos, evidentemente, as vítimas anestesiadas con esa instrución mediática que nos inoculan en vea todos eses hipnóticos medios. Sentímonos, pois, zarandeados na nosa ignorancia pola galerna da manipulación mediática que dificulta a aproximación á táboa de salvación no noso naufraxio.

Urxe aparcar a ignorancia o antes posible e promover o espírito crítico para salvar a democracia e para que esta se consolide de forma definitiva. Na responsabilidade e no deber dos políticos está a solución. Platón xa o advertía nas Leis: “O coidado principal do gobernante consistirá en facer reinar a sabedoría nos Estados que civilice e desterrar deles a ignorancia… Espero que recoñezades que o que perdeu aos reis e fixo abortar o seu proxecto non foi a falta de valor, nin a carencia de experiencia nos asuntos da guerra… senón, sobre todo, a ignorancia”. De cando en vez reler estes referentes sería obriga de todo político con vocación ética de goberno, pero tamén deber dos cidadáns comprometidos.

Prognósticos da sospeita

            E. Sanguineti proclamou con afouteza a nostalxia do futuro; pensadores como Lukács, Adorno e Bloch preocupáronse do futuro porque ten o poder para atraer e dinamizar as forzas do presente arrebatándollas ao pasado. O presente sempre proxecta a súa mirada no futuro, a pesar de que este non destapa nin revela os seus segredos. Con todo, nunca faltan curiosos que fisgan a través das xanelas embazadas de curiosidade os silentes movementos de camuflados e preditivos cameos. Por ende, esa visión preditiva é vaga, confusa e inconcreta, pero seduce o seu encanto de enigma.

Algúns filósofos vaticinaban no século XIX que a humanidade podería desembocar nesta situación actual de incerteza e inseguridade por falta de principios estables e claramente definidos. Non obstante, outras voces chegadas da mesma beira intelectual foron desmesuradamente críticos con aqueles acusándoos de sospeitosos. Aos primeiros coñecémolos como os filósofos da sospeita; tres deles, sumamente relevantes e cun prominente nome propio: Marx, Nietzsche e Freud. Nietzsche escribía cara ao ano 1888 estas premonitoras palabras: “O que aquí narro é a historia dos próximos dous séculos. Describo o que vén, o que xa non pode vir doutra maneira: o ascenso do nihilismo. Esta historia xa pode ser contada desde agora porque a necesidade mesma está a operar aquí. Este futuro xa se expresa en cen sinais, este destino anúnciase por todas partes; todos os oídos están xa aguzados para esta música do futuro. Desde hai moito, toda a nosa cultura europea móvese xa baixo unha tortura da tensión, que crece decenio a decenio como cara a unha catástrofe, inquieta, violenta, atropelada, como un torrente que quere chegar até o final, que xa non se acorda do medo que ten de lembrar”. (F. NIETZSCHE: Fragmentos postumos 1881-1888).    

Ceo amarelo (Antón Pulido)


                                   

Este era o anuncio do nihilismo que coincidía co vaticinio da perda dos valores tradicionais, unha mensaxe recibida en Europa con excesivo receo e demasiada ansiedade. Coa famosa expresión nietzscheana de “Deus morreu” comezaba o desarmamento de toda a armazón axiolóxica fundamentada na tradición xudeocristiá e levantábase a ponte cara ao nihilismo máis radical. A propia Ilustración decimonónica era varrida estrepitosamente deixando desamparada e desprotexida á idolatrada “deusa razón”. Aquel proxecto de emancipación patrocinado pola Ilustración, cuxo instrumento era a razón que debía abarcar todas as ordes da vida humana até alcanzar un progreso indefinido das ciencias, queda cernado de raíz. A confianza no poder da razón alcanzou nesta etapa a súa data de caducidade, porque a realidade, nos seus diferentes planos, escapa ao seu control, xa que se recea que está dominada por forzas cegas. Confírmase así unha actitude de sospeita e desconfianza ante todo o que se presenta como racional.    

Considérase necesario por ende descubrir o significado do que se presenta ante nós, porque esa presenza debe tomarse como unha máscara que oculta a verdadeira significación. Kant utilizara a palabra fenómeno para aludir a esa máscara que ocultaba ao noúmeno, que era a fidedigna realidade. Non convén ignorar que a máscara, o fenómeno kantiano, pode disfrazar unha realidade ben distinta da súa aparencia.

En consecuencia, o sentido das cousas non se revela nunca a unha mirada inxenua nin se destapa ante unha análise cándida e inocente, senón que habemos de traspasar ese primeiro plano enmascarado para introducirnos no transfondo onde mora o seu auténtico sentido. Para levar a cabo esa hermenéutica desenmascaradora, os denominados autores da sospeita proporciónannos un sistema conceptual ambicioso, unha “terapia” para lograr a curación: Marx ofrécenos a supresión da propiedade privada dos medios de produción; Nietzsche descóbrenos un novo ideal afirmativo da vida, fiel á vontade de poder; Freud prométenos unhas forzas inconscientes que dominan á conduta humana.

Tampouco fallaron as profecías de Augusto Comte, quen vaticinou o estado actual da sociedade a través do seu denominado método positivo, o terceiro estado evolutivo que na súa teoría seguía necesariamente ao estado teolóxico e ao estado metafísico. Neste terceiro estado, “o espírito humano, recoñecendo a imposibilidade de obter conceptos absolutos, renuncia buscar a orixe e o destino do universo e a coñecer as causas íntimas dos fenómenos” (A. Comte: Curso de filosofía positiva). A sociedade desenténdese do absoluto, do esencial, para concretarse no relativo, nos datos de experiencia e nas súas relacións, que constitúen o obxecto do noso saber. Nese senso, a ciencia substitúe á filosofía en tanto utiliza un conxunto de leis que regulan as relacións duns fenómenos con outros, duns obxectos con outros, ignorando a esencia, a natureza e as causas das realidades. É o que está pasando na actualidade do naufraxio posmoderno onde o espírito humano renuncia a coñecer a orixe e o sentido dos fenómenos, as súas causa intrínsecas. Desa maneira, o importante para as persoas posmodernas son os fenómenos percibidos, as máscaras coas que se camufla a realidade. Pero o que sexa a realidade en si mesma non interesa. Os fenómenos son efémeros, mutables, líquidos.                                         

Émile Durkheim (1858-1917) entendía todas esas propostas, pero observaba que naquela modernidade estaba a producirse unha clara ruptura. Os lazos tradicionais -familia, liñaxe, comunidade-, rotos polo fenómeno do novo tipo de mobilidade e pola inexistencia dunha regulación convencional, foron substituídos pola incerteza, pola perda de dirección e pola sensación de soidade de cada individuo. Sen certa base normativa, sen unha fonte de autoridade para a sociedade, Durkheim pensaba que a orde moral se derrubaría e que a anomía se convertería en patolóxica, posiblemente até o punto do suicidio. Durkheim non viviu para ver o curso que tomaron as cousas pouco despois da súa morte e como a diferenciación continuou dividindo a vida social en esferas cada vez máis autónomas.

         As normas de cada esfera social –traballo, lecer, familia, cidadanía, etc.–, a diferenza das normas e convencións da tradición, que estaban relativamente unificadas, foron desenvolvéndose dentro de cada esfera. Desa maneira, a diferenciación posmoderna introduce sistemas autorreferenciais que han de ser negociados continuamente. Lonxe do mundo único que abarcaba toda a vida cotiá nas sociedades tradicionais, a posmodernidade trae consigo una “pluralización de mundos vitais”. Esa condición de anomía reprodúcese unha e outra vez. Peter Berger (1929-2017) expresouno con claridade nesta reveladora expresión: a modernización actual (espírito posmoderno) vai acompañada de “mentes sen fogar”. Semellantes situacións captounas perfectamente o pintor Antón Pulido nos cadros cos que me agasalla para ilustrar este artigo.                                          

Esa pluralización de mundos vitais deriva na desintegración da trama social e no colapso das accións colectivas, que son consecuencia dunha nova técnica de poder que utiliza a falta de compromiso e a táctica da fuxida cara adiante. Na época actual, para que flúa o poder, o mundo ten que estar libre de fronteiras e de controis. Os poderes globais están abocados ao desmantelamento desas redes bloqueantes en razón dunha maior fluidez e dunha garantía de seguridade. Así, a fraxilidade, a transitoriedade e a precaridedade dos vínculos e redes humanas permiten que eses poderes poidan actuar ao seu gusto. E mentres tanto, os cidadáns quedan subordinados ás leis dos controis e limitados a compracencias servís coa moda.

            O mundo do traballo tampouco se libra das consecuencias da posmodernidade. Marcuse avisaba na década dos anos sesenta do século XX que no capitalismo avanzado, ademais de continuar a explotación, modifícaríase a actitude e o estado dos explotados. O traballo mecanizado con recursos automatizados dentro da organización tecnolóxica ocuparía a maior parte do tempo, que non deixaría de ser unha escravitude esgotadora e inhumana. Incluso -dicía Marcuse- máis esgotadora debido ao maior ritmo de traballo, ao control dos operadores das máquinas e ao illamento dos traballadores entre si. A participación dos robots no traballo e o horario laboral humano online modificou radicalmente a relación humana co produto obtido. O concepto hegeliano-marxista de alienación debe seguir sometido a unha profunda revisión.

Abismo ( Antón Pulido )

Panta rhei. Todo cambia

A posmodernidade resucita da antiga teoría de Heráclito o cambio como esencia e fundamento da realidade. Nada permanece como consistente e sólido; nada segue sendo o mesmo que foi no momento inmediatamente anterior ao que é; “ninguén se pode bañar dúas veces no mesmo río”. A metáfora heracliteana do río mercouna Zigmunt Bauman para presentar coa vestimenta líquida a posmodernidade.  

A ausencia de piares nos que asentar as ideas sobre os que construír criterios lóxicos de razoamentos e cos que ganduxar modelos sociais estables, conduce á manipulación e á explotación da cidadanía por parte dos poderes fácticos, por pedagoxía dos políticos e dos ideólogos, e por parte de calquera impostor pseudocientífico que circule próximo á nosa contorna vital. Só a formación intelectual, a educación emocional e a formación en valores é capaz de eliminar esa sumisión. Nunha democracia arraigada, a formación ten que ser o compás e meta da convivencia. De aí a reivindicación da filosofía por parte do polaco Zigmunt Bauman, o pensador da modernidade líquida, ao afirmar que “a carencia de formación filosófica é un fenómeno que dirixe á servidume”. Non se entende, pois, que a filosofía en diversos países de Europa e en varios ámbitos académicos españois fose enviada ao faiado da pedagoxía coa redución da súa carga horaria no bacharelato e converténdoa en materia optativa dos estudos humanísticos desprazándoa ao limbo do departamento virtual.

Non obstante, nada esquiva nin sortea aquel decreto heracliteano de que “todo cambia”, incluso a interpretación do propio cambio; e, ao parecer, o cambio chegou ao mesmo desprezo académico dos últimos plans de estudo provocado por unha reacción social imprevista, pois agora a filosofía si parece interesar á sociedade. Probablemente se trate de diminutas pingas no mar, pero é unha magnífica noticia porque expresa unha forma reivindicativa de loitar por liberarse da manipulación. Aquí pode estar a táboa de salvación dese naufraxio posmoderno.

O poder da imaxinación fronte á realidade

A posmodernidade impulsounos a unha sociedade avanzada tecnolóxica e cientificamente, pero alterando a relación entre o racional e o irracional. As mans invisibles que dirixen os nosos destinos -non só aquela man invisible da economía que reivindicara Adam Smith- promoven estratexias sociais utilizando posibilidades fantásticas. Actúan coa imaxinación como se se tratase dun xogo deliberado, pero coa habilidade para actuar con boa conciencia para experimentar coas persoas e coas cousas e para converter a ilusión en realidade e a ficción en verdade.  Utilizando o estilo da política execrada, esas mans invisibles converten a imaxinación nun instrumento de progreso. E nesa situación, “o poder da imaxinación excede en moito a Alicia no País das Marabillas na súa manipulación das palabras, na súa habilidade para dar sentido ás tonterías e converter en tontería o que ten sentido” (Herbert Marcuse: O home unidimensional). Marcuse advirte que darlle á imaxinación todos os medios de expresión sería un retroceso para a sociedade.

            Convén lembrar que a modernidade era realidade, progreso e historia cunha finalidade. En cambio, a posmodernidade é imaxe, simulacros -como os da película Blade Runner-, e decadencia. Dun mundo sólido, de seguridades e certezas pasamos a un mundo líquido, onde estamos condenados a vivir da inseguridade, do transitorio, do momentáneo…

“A interrupción, a incoherencia, a sorpresa son as condicións habituais da nosa vida posmoderna. Convertéronse incluso en necesidades reais para moitas persoas, cuxas mentes só se alimentan […] de cambios súbitos e de estímulos permanentemente renovados […] Xa non toleramos nada que dure. Xa non sabemos como facer para lograr que o aburrimento dea froito. Entón, todo o tema se reduce a esta pregunta: a mente humana pode dominar o que ela mesma creou?” (Paul Valéry)

Os náufragos posmodernos seguimos buscando a táboa de salvación. No seguinte artigo, poderemos atrapala?


Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.