Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida”

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

AVANTAR ACTIVIDADES

“Houston, we have a problem” (“Houston, temos un problema”), frase que se lle atribúe ao astronauta Jack Swigert durante a accidentada viaxe do Apolo 13. Do que vou tratar agora non garda relación con ningún astronauta en apuros nin con ningunha viaxe extraterrestre. Preocúpame, como a todas as persoas reflexivas e sensatas, non poder atopar unha solución catártica e salvadora ao problema do suicidio xuvenil na súa viaxe vital pola adolescencia. Ante tal grave situación, cómpre emitir un SOS inaprazable reclamando axuda urxente: sociedade, temos un problema!

            Os medios de comunicación infórmannos de que os problemas mentais se incrementaron nos últimos tempos, agravados coa pandemia do Covid, con ritmo acelerado e con impacto inaudito e desenfreado. Estes trastornos afectan sen piedade a todas as etapas da vida -adolescentes, xoves, maduros e maiores-, pero impresiona especialmente a devastación morbosa da xuventude e o desastre letal que producen estes trastornos na adolescencia. A pandemia, o estrés, os traumas familiares, os malos tratos no fogar, o déficit de cariño, a ansiedade, o fracaso emocional, a situación de vulnerabilidade social, o acoso escolar (bullying), o Ciber bulling, o mobing, a baixa autoestima… son algunhas causas que os expertos examinan para explicar a orixe deste letal desatino social, sen omitir os factores biolóxicos e a carga xenética. As consecuencias destes conflitos, emocionais e cognitivos, non adoitan rematar normalmente nun final feliz. Algúns deses desenlaces van etiquetados socioloxicamente como suicidios. A nivel psicolóxico, todos os suicidios provocan terror, espanto, medo… porque máis alá de arrebatar a vida ao suicida, conducen á desesperación da súa familia, á aflición das propias amizades e á compaixón de toda a sociedade.  

Non deberiamos perder de vista que a vida é un agasallo da Natureza que nunca debemos estragar. Aínda que só sexa por respecto e cortesía biolóxica hai que ser empáticos e agradecidos con ela. Ben sabemos que a vida non a recibimos construída nin vén rematada de serie, senón que debemos traballala, moldeala e actualizala cada día. Desa construción e moldeado vai depender a nosa historia, así como a xentión de cada existencia na engrenaxe co mundo. Un decide o que quere ser. Somos escultores da nosa propia imaxe, esteticistas da nosa formación e fabricantes do noso futuro. Cada unha desas actividades esixen traballo, esforzo, pero tamén procrean ilusión e esperanza. Cando na vida dispoñemos dun proxecto rutilante e creativo, confiando en sermos capaces de desenvolvelo, buscamos todos os apoios e todas as sinerxias, tanto propias como alleas, para logralo. E vaia como gozamos o final desa conquista! E ninguén pode amparar a menor dúbida de que o proxecto máis fulgurante de cada persoa é a propia vida.

A infancia e a adolescencia precisan inicialmente moito ensaio, instrución e adestramento da familia e dos centros educativos para saber como integrarse no club competitivo da sociedade. Esa formación preliminar facilitaralles as ferramentas, as estratexias e os recursos adecuados para competir en boa forma na partida disputada no estadio da vida. E dificilmente un xuvenil ou adolescente formado nesas institucións vai claudicar ante unha tentación suicida.

O fracaso, en cambio, arranca na desconfianza dun mesmo ao sentirse impotente nos proxectos, ao buscar a nociva compañía da anorexia emotiva, ao desertar da ilusión, ao desistir do goce, ao caer no colo da indolencia, ao acompañarse da abulia e da apatía, e ao permanecer sempre agochados detrás dunha bulimia que engorda á súa vítima cos mórbidos lípidos da inactividade.   

O suicidio camiño do nihilismo

“Non hai máis que un problema filosófico autenticamente serio: é o suicidio”, escribía A. Camus no Mito de Sísifo. O suicidio é un fenómeno demasiado complexo e multidimensional que nutre as súas raíces en factores variados. Para Schopenhauer o suicida quere a vida, e só se atopa descontento das condicións nas que se encontra. Eu diríalle ao filósofo alemán que a solución a ese problema estaría simplemente en modificar esas condicións, pero sen eliminar o seu soporte.  

            O suicido non deixa de ser a fuxida extrema dunha situación vital angustiosa na que se entrelazan e tensionan múltiples parámetros. Deberiamos pensar seriamente que a morte -meta e consecuencia do suicidio- carece de toda vivencia que poida ser narrada na familia ou comentada cos amigos despois da súa consumación. A morte é o final definitivo da vida, a clausura absoluta e concluínte das emocións, o colofón definitivo das ideas, o remate das relacións sociais, o epílogo dos proxectos… A morte traslada a vida ao buraco negro do nihilismo para devorala. Despois da morte queda a nada, enfundada no silencio máis aterrador do baleiro absoluto. Quen se vexa tentado a suicidarse debería reflexionar con tranquilidade, pero intensa e profundamente, na aberración, na ofuscación, no extravío e na perversidade que implica ese acto inicuo.

O suicidio como pulsión, e a vida como dignidade

A pulsión é o impulso ou a forza que conduce á persoa a realizar algún modo de acción coa finalidade de satisfacer un determinado tipo de necesidade. Trátase de forzas poderosas que emerxen ante un estado de tensión que busca ser solucionada. Para Freud, a pulsión explica a actuación humana como un intento de resolver os estados de tensión corporal. O fundador da psicanálise distingue dous tipos de pulsións: Eros e Thanatos. A pulsión do Eros representa a pulsión da vida, ese impulso xerador de activación a nivel orgánico que aparece co obxectivo principal de garantir a supervivencia da persoa, mantendo a materia viva unida e integrada, e buscando unións cada vez máis complexas para satisfacer as súas necesidades. Richard Dawkins atopou un equivalente que denominou o xene egoísta. Alineado con Eros, propulsor da vida, está Thanatos, representante do desexo inconsciente da morte, que busca a volta ao inorgánico, á regresión e á disolución. Eros é unión, e Thanatos é disgregación.

            O neurólogo e filósofo autríaco Viktor Frankl afirmaba que vivir é aceptar con dignidade o desafío que propón a vida coa súa carga de adversidade; sobrevivir é achar o sentido dese sufrimento. Para el, o sentido da vida está en atopar un propósito, en asumir unha responsabilidade para connosco como seres humanos. Pero ao tratar de identificar ese propósito, son moitos os que experimentan un profundo baleiro existencial. Algúns destes optan polo suicidio.

Frankl explicaba que “o ser humano sempre pode conservar unha pegada da liberdade espiritual, de independencia mental, incluso nas máis terribles circunstancias de tensión psíquica e física”. E dicíao el, que sufriu as torturas nos campos de concentración de Auschwitz e de Dachau, pero que respectaba a vida por enriba dos execrables problemas psicolóxicos e das horribles torturas que soportou no inferno nazi. Esa actitude simboliza o triunfo da ética sobre a estética e a rendición dando o mellor exemplo de dignidade.

O suicidio entre adolescentes e xoves

Existen informes sobre a crise da saúde mental que están sufrindo mozos e adolescentes de modo desproporcionado; nesa documentación alértase do aumento do consumo de ansiolíticos, de trastornos adaptativos, de condutas autolesivas e dun elevado número de intentos de suicidio. Os informes expresan que o suicidio representa a segunda causa principal de morte entre xoves de entre 15 e 29 anos.

As estatísticas de suicidios en España dispáranse aos catro mil, dos que dous terzos corresponden a homes e un terzo a mulleres. Respecto aos adolescentes, impresiona o incremento do 134% de suicidios nos dous últimos anos en idades comprendidas entre os dez e os catorce anos. Cabe remarcar tamén que os pensamentos suicidas se incrementan coa idade, constatando que son máis recorrentes nas nenas a partir dos 13 anos e máis reiterativos nos nenos menores de 12.

            No cómputo global dos últimos anos, suicidáronse, como media anual en España, 24 nenos/as menores de 15 anos. No ano 2021 quitáronse a vida 22 con esa mesma idade. Os suicidios aumentaron así mesmo na franxa dos 15 aos 29 anos: foron 16 mortes máis cá en 2020, o que tamén supón un incremento significativo, aínda que menor en proporción ao total.

            Os expertos sinalan varias causas detonantes do suicidio en adolescentes. Unha delas é o aumento da desigualdade económica nas últimas décadas, que repercutiu especialmente na saúde mental dos xoves de familias desfavorecidas. Un segundo factor decisivo está na pavorosa incidencia das pantallas tecnolóxicas, que deriva en adicción a Internet, onde reciben ofertas de sexo, invitacións ao suicidio, imaxes de violencia, propostas de consumo de drogas…

            Frances Haugen, enxeñeira e científica de datos estadounidense, revelou miles de documentos internos de Facebook afirmando que os algoritmos de Instagram son daniños para a saúde mental dos nenos, especialmente para as nenas adolescentes.

O algoritmo suicida

No ano 2017, Molly Russell, unha adolescente de 14 anos, suicidouse despois de consumir contidos destrutivos en Instagram. A noite anterior ao suicidio ceou cos seus país, sentando logo con eles para ver un programa de televisión. Ao día seguinte, a nai foi á habitación da filla, como de costume, para espertala e mandala ao colexio. Pero Molly estaba morta, porque ao parecer se suicidara.

            Ninguén se explicaba aquel acto terrible. Moito menos a súa familia, que a consideraba unha adolescente responsable porque nunca dera signos de depresión nin de ningún outro síntoma de trastorno mental. Pero no momento en que interviu o equipo forense, atoparon no seu teléfono móbil máis de dezaseis mil mensaxes gardadas, delas había máis de dous mil contidos relacionados con ideas suicidas, coa depresión e con condutas autolíticas. O pai de Molly ao descubrir estes contidos no teléfono da súa filla calificou a Internet como “o máis sombrío dos mundos”; e engadiu que é “un mundo irrecoñecible, unha especie de gueto online no que cando caes, o algoritmo non te deixa escapar xa que segue recomendando máis e máis contidos”.

            A investigación do caso informou á familia que os contidos almacenados no móbil de Molly “non eran meras publicacións onde se alentaba ao suicidio de maneira subliminar; eran tan explícitas que un psiquiatra infantil que valorou o contido que a moza vira en Instagram a pedimento do xuíz declarou non poder durmir ben durante varias semanas”.

            Os pais de Molly demandaron aos responsables de Instagram tratando de demostrar que a causa do suicidio non era a depresión subxacente da filla, senón que aquela plataforma bombardeara o teléfono móbil con publicacións que alentaban ao suicidio.

            Un tribunal ditaminou que a filla dos Russell morreu por “un acto de autolesión mentres sufría de depresión e polos efectos negativos do contido en liña”, o que recoñece por fin que o algoritmo destas webs tivo máis que ver do que se pensou nun inicio. Pero a pregunta pode ser: como se condena un algoritmo pola morte de alguén?

A pregunta resulte, talvez, interesante no mundo da xustiza, onde se debe debater, pero o que me interesa plasmar nesta reflexión é o perigo do consumo de Internet por dolescentes e o acto suicida provocado polo algoritmo.

Toma de decisións

A pesar de sermos seres racionais, non sempre utilizamos a razón nas nosas determinacións. Nun importante número de veces actuamos por pracer, xa pode ser no momento exacto da toma de decisión ou nas súas consecuencias a futuro. O problema aparece cando utilizamos a razón nunha elección sen expectativas pracenteiras, nin presentes nin futuras. Nese caso pode aparecer a opción tentadora do suicidio. Pero debemos estar ben protexidos ante esa posible tentación disruptiva. Desde a nenez, e especialmente na adolescencia, debe equiparse á persoa con valores éticos, empáticos, familiares, sociais, de responsabilidade, de gratitude, de esforzo… Estes valores son a mellor defensa contra a provocación suicida.

O regalo da vida

Vivir é convivir. E convivir debería ser xa de por si un aliciente poderoso para vivir. Grazas á convivencia sempre podemos tropezar con alguén a quen amar, pois o amor implica de por si unha razón máis que suficiente para vivir. En determinados momentos da vida, presionados polo pesimismo ou pola decepción, é posible detectar o baleiro existencial no que buceamos con apnea ameazante de morte. Para poder emerxer surfeando, precisamos outear na praia existencial, acugulada de bañistas multiformes, un por que e un para quen. E sempre, sempre, aparecerá alguén que nos espera solícito para secarnos coa súa toalla e quitarnos a friaxe da nosa inmersión de zozobra silente.

            Vivir implica responsabilidade, tenacidade, orgullo, ilusión, entusiasmo e unha elevada dose de empatía cos que nos queren e sofren por nós e connosco. A nosa complexidade mental, lóxica e racional, non debe traspasar totalmente a muralla emocional, que é o baluarte defensivo da supervivencia. Esta ampárase nos demais, con esa necesidade existencial de querer e de ser queridos, cun amor sincero e verdadeiro, compartindo gratitude, comprensión e respecto.

            Vivir pode ser o único que se precisa para ser feliz. Pode resultar marabilloso simplemente saber degustar as experiencias e gozar da compañía da familia e dos amigos. A vida necesita tamén incentivos para continuar adiante. Eses incentivos soen estar aliñados co afrodisíaco elixir do pracer, reclamo e cebo para motivar todo o que favorece o espírito de loita pola vida. Ese é o deseño co que está programado o noso cerebro despois de tantos miles de anos de evolución para non renderse ante o quite de calquera problema disposto a asaltar a vida. Cando faltan as motivacións, a vida devece, devala e vese arrastrada a un final imparable. Freud, como queda dito, casou o pracer, Eros, como adaíl da vida, con Thanatos, o instinto abandeirado da derrota e da abdicación.

            O organismo humano está equipado con incentivos biolóxicos para motivar, e con recursos psíquicos para soster e prolongar a vida distribuíndo pracer e satisfacción: comer, beber, descansar, durmir, acompañar, amar… Pero a vida tamén se edifica con incentivos e con praceres superiores, tanto a nivel intelectual como social: coa arte, coa ciencia, coa ética, coa familia, coa relixión, coas amizades… Pero cando eses incentivos desaparecen, ou emerxen outros para envelenar a mente, entón o cerebro colapsa e perde o control sobre os neurotransmisores -dopamina, noradrenalina, serotonina, oxitocina- arrastrando á depresión, á inanición e á perda das ganas de vivir. Preso o cerebro nesa trena, a tentación ao suicidio fai presenza nel, desprogramando as neuronas e creando anarquía no sistema nervioso. No caso de non poder impedir esa desorde psicobiolóxica, o trastorno mental aprópiase da personalidade anulando a racionalidade e a emotividade, facilitando así a entrada a calquera algoritmo suicida que pase por alí. As consecuencias serían terribles, non só para a persoa, senón tamén para o xene egoísta que se vería condenado na súa vocación de supervivencia ao fracaso máis rotundo.

Reivindiquemos coa música de Coldplay a marabilla de vivir: Viva a vida!


Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.