Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Avelino Muleiro García :

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda


                                        

       Dedicado aos médicos Luciano Vidán -Chano- (presidente do Colexio Médico da Coruña) e Cayetano Rodriguez (exconcelleiro de cultura do concello de Vigo), persoas cultas e críticas, pero sobre todo amigos.

“E dixo Jahvé Deus: Non é bo que o home estea só; dareille axuda idónea para el” (Xénese, 2,18). Este fragmento bíblico permítenos iniciar a reflexión sobre a outra alternativa do dilema da soidade mencionado no meu artigo anterior. Esta segunda disxuntiva é asumida pola psicoloxía. Baixo o seu enfoque, a soidade considérase un síntoma social de frustración persoal, de impotencia, de marxinación e, especialmente, de sufrimento, porque entraña inmensa inseguridade, enorme ansiedade, temor, e desconexión coas persoas e co mundo. As súas vítimas tremen ao baleiro que se abre ante o seu acantilado futuro, percibíndose perdidas, marxinadas e abandonadas nunha sociedade visiblemente insensible. Aquí xa non se trata dunha soidade metafísica sobrevida a unha existencia deseñada co modelo ontolóxico, heideggeriano, tomista ou cartesiano, senón a un modelo realista, unamuniano (de óso e carne).

Como se dun casting se tratase para a Divina comedia de Dante, son vítimas seleccionadas pola vida para protagonizar aquela espantosa escena na que braman ao veren a inscrición que colga sobre a porta do Inferno: “Perdede toda esperanza, vós os que entrades aquí”. Esas soidosas vítimas viven nun inferno real e habitan na antítese da felicidade.

Se a filosofía explica e fundamenta o monstro da soidade cun proceder conceptual e racional, a poesía revela o nexo íntimo entre a subxectividade solipsista do poeta e o mundo obxectivado do poema, unha referencia que lle permite declarar a Cervantes que a soidade é amiga da poesía. A demostración desa aseveración cervantina pódese comprobar en Víctor Hugo, quen manifestou que “o inferno está todo nesta palabra: soidade”. E, áinda máis notorio, no poeta Octavio Paz, para quen a soidade foi un tema recorrente, como ben se confirma nunha boa parte da súa creación poética e das súas reflexións. Nun ensaio de mediados do século XX, Octavio Paz escribiu que a soidade é unha experiencia tanto individual como colectiva, e que adquire o carácter dunha situación histórica, ben sexa como orfandade e abandono ou como diferenza.

Neste escenario, a poesía incorpórase como aliada á psicoloxía, ao considerar a soidade como unha situación de fractura na comunicación co outro e conceptuándoa como epítome do declive humano.

A soidade como estado emocional

Todos durmimos coa soidade ao noso lado. Está sempre aí, moi preto. Habítanos ditatorialmente. Pero demasiado tempo recluída nese singular departamento faina desesperar. Reclama saír fóra. E de cando en vez, esperta excesivamente reivindicativa demandando atención, respecto, saídas da casa e oxixenación. Algúns, porén, desoíndo as súas protestas, péchanlle as portas e fiestras impedíndolle saír. Pero hai moitos que atenden as súas demandas e paséana polas avenidas e prazas públicas ateigadas de xente, invítana ao cine, acompáñana aos museos, aos campos de fútbol, ás festas populares… Outros, porén, saen con ela ás tabernas, ao bingo, ás máquinas comecartos, aos narcobarrios, aos lupanares…  

De volta á casa, soe repasar co seu acompañante a estimación do programa que este lle ofreceu. A que paseou co primeiro cicerone exprésalle unha impresión ambivalente, entre fatiga e nugalla. A fatiga devólvea pronto ao sono, a seguir durmindo, mentres a nugalla cancela por uns días as súas duras reivindicacións. Pola contra, a que visita as tabernas, os lupanares e sectores análogos de ocio, recrimina ao seu guía por insatisfación das súas veleidades, negándose con violencia a durmir. No caso de facelo, volve espertar máis esixente e ameazante.

            Importa, pois, saber como tratala para non seguir sendo vítimas das súas insoportables reivindicacións. Os profesionais da psicoloxía e da psiquiatría deben ser os que aconsellen ás vítimas soidosas o programa a seguir coa súa vitimaria: cando, como e onde teñen que paseala. Porque de non atinar, ela pode tomar represalias en forma de sufrimento. E o sufrimento que orixina a soidade é real, non só metafísico. O mesmo Cristo vivu a soidade na cruz como abandono e impotencia ata o punto de clamar con forte voz: Elí, Elí! Lemá sabactani? (Meu Deus, meu Deus! Por que me abandonaches?

Poden ser innumerables as causas que provocan a soidade e diversas as razóns explicativas, pero unhas e outras deben centrarse sempre na persoa e nas súas circunstancias. As orixes que facilitan aniñar a soidade no corredor mental dunha persoa proceden de situacións persoais e sociais diferentes, como as etapas da vida, o carácter e o temperamento, a contorna familiar, os problemas de saúde, a ausencia de amizades, a obsesiva dedicación ao traballo, a vida dentro dun xeriátrico, etc. Un síntoma considerable da soidade é a carencia de relacións interpersoais, que soen aportar case sempre seguridade e benestar.  

A peculiaridade distintiva da soidade é a de ser unha experiencia exclusivamente subxectiva. Unicamente quen pensa que está só e bota en falta ao outro, ese realmente está só e cae vítima da soidade. Pero non todo quen está só ou vive só é necesariamente soidoso. Soidade non é sinónimo de estar só. A soidade pode incluso aparecer estando no medio dunha multitude, vivindo coa propia familia, habitando espazos comúns cos colegas do traballo, saíndo de excursión con amigos, celebrando un evento con compañeiros… O paradoxo da soidade nace da contradición de que aínda estando acompañados é posible sentirse (<sentimento) sós. A soidade fai acto de presenza cando a persoa que está acompañada experimenta desconexión coa súa contorna. Estar só ou vivir só non é equivale a sentirse existencialmente só. Podemos estar sós sen sentir a maldición da soidade, xa que esta habita exclusivamente na persoa que ten conciencia de illamento existencial.

A soidade é un estado emocional, polo tanto resulta fundamental saber xestionar esa emoción se queremos gozar dunha vida sen dor e sufrimento, dunha vida plena e feliz. A soidade non só afecta de forma nociva á saúde mental, que o paciente soe percibir como depresión, medo, estrés, ansiedade, angustia, deterioro cognitivo, tristeza…, senón tamén prexudica a saúde física, porque, como emoción, provoca revolucións fisiolóxicas automáticas no organismo, como taquicardias, presión arterial, déficit inmunitario, excitacións nerviosas, obesidade, insomnio, alteracións hormonais, etc. Estudos recentes revelan que a soidade vai asociada a un aumento do 29 % do risco de enfermidades cardíacas e a un incremento do 32 % de risco de accidente cerebrovascular. Pero tamén se relacióna cunhas maiores taxas de depresión, ansiedade e suicidio.

Na miña opinión, a soidade é na actualidade un dos máis graves trastornos existenciais que bloquea a relación da persoa co mundo ao lle impidír abrirse e interactuar cos seres cos que habita para sintonizar. Ese trauma existencial expulsa á persoa do mundo para ubicala nun solipsismo cartesiano onde o mundo está dentro do paciente e o tortura coa pretensión de poder saír. Aceptando esta interpretación, é factible establecer un nó que una a visión filosófica -existencialismo ao modelo heideggeriano- co enfoque psicolóxico.            

O síndrome latente da soidade na Caixa de Pandora

Todos chegamos a este mundo non só cun pan debaixo do brazo senón tamén coa caixa de Epimeteo. Unha caixa ateigada de valores e defectos, de bens e danos, de saúde e enfermidades, de sabedoría e ignorancia, de vida e morte, de riqueza e pobreza, de dor e pracer, de felicidade e desgrazas… A xenética -coa súa habelencia e potencialidades latentes- vén incluída nese paquete de valores. Non obstante, o seu desenvolvemento dependerá da epixenética na que se mergulle cada Epimeteo (cada persoa). A vida obríganos, abofé, a nadar nun océano de opcións e de posibilidades que ofrecen moitas dúbidas porque vivimos nun contexto social conectados a outras mentes, sendo a empatía quen representa esa conexión e na que -atendendo aos informes da neurociencia- desempeñan un papel importantísimo as neuronas espello. Só temos conciencia desa empatía cando estamos conectados con outras mentes.

Cada persoa irá consumindo ao longo da vida o menú desa caixa que elixa en cada momento, pero asumindo que deberá permanecer ben esperto para que a indiscreción e a curiosidade da súa particular Pandora non abra a caixa sen controlar a saída de cada elemento encerrado. A Pandora real é a epixenética -o medioambiente, a contorna próxima social, a alimentación…- que son os que deciden en cada momento a nosa conduta persoal.

Con total seguridade, a soidade está dentro da nosa caixa, porque somos seres vulnerables -como demostraron os filósofos existencialistas-. Que escape ou non a soidade desa Caixa para atribularnos a vida dependerá do control que teñamos sobre Pandora. A falta de forza mental, a ausencia de relacións sociais, a despreocupación por proxectos de vida… poden reforzar a tentación de Pandora para abrila.

Tipos de soidade

Considero que podemos distinguir entre unha soidade crónica e unha soidade episódica ou aguda. Esta última aparece de forma circunstancial en momentos concretos. Quen non pasou nalgunha etapa da vida pola dolorosa experiencia de sentirse só no mundo, perdido fronte a un abismo psicolóxico, despois dun fracaso amoroso, logo de perder un ser querido ou de romper cunha amizade de anos? Eses episodios depresivos de illamento psicolóxico adoitan superarse co paso do tempo (non hai mal que cen anos dure nin corpo que o resista). Son situacións difíciles e comprometidas, pero transitorias e normalmente superables. Ultimamente descubriuse unha nova forma de soidade que se coñece como “Síndrome da soidade inqueda”, que fai referencia a episodios que afectan ás persoas en certos momentos da vida nos que o illamento social lle provoca episodios depresivos, crises nerviosas e necesidade de compañía que as libere dos pensamentos irracionais que invaden a súa mente.

En cambio, a soidade crónica é unha especie de retorno patolóxico á finitude heideggeriana do Dasein que envolve ao ser humano na angustia e, cal rocha lacerante de Sísifo, golpea e presiona sobre a existencia humana de modo aciago e tirano. Esta soidade soe aparecer para quedarse, sobre todo en momentos críticos da vida.

A idade representa un factor relevante na súa orixe, pois a medida que nos facemos maiores increméntase o risco de pasar máis tempo sós, de perder contacto coa sociedade e de illarnos de modo voluntario. Ao mesmo tempo, coa idade vanse perdendo facultades somáticas e psicolóxicas -mobilidade, audición, visión, memoria…- así como perdas externas, como familia e amigos.

Poucas persoas poden soportar un peso máis tráxico da soidade convivindo entre tanta xente como as que viven nunha residencia da terceira idade ou en centros xeriátricos. A soidade debe ser tan cruel nestes lugares que moitas persoas xa con certa idade suplican á súa familia, especialmente aos fillos, que chegado o momento de non se valeren por si mesmas non os ingresen nunha residencia.

Mais non só a idade propicia a soidade. Existen outras incontables conxunturas –fracasos económicos, ingreso no cárcere, reclusión nun xeriátrico, emigración, patolóxica relación familiar…- que xorden en momentos decisivos da vida incrementando a vulnerabilidade das persoas e multiplicando as probabilidades de caer irremediablemente nas redes soidosas. Esta soidade resulta traumática para a familia, pero sobre todo para o paciente, quen precisa e reclama axuda psicolóxica, psiquiátrica e incluso institucional.  

Dise que nacemos sós e morremos sós. Pero da mesma forma que na soidade do nacemento e da morte existen protocolos de asistencia médica e profesional para socializarnos e sobrevivir, deberían existir igualmente protocolos -terapéuticos e psicolóxicos- para auxiliar e seguir socializando ao longo da vida aos pacientes soidosos. Os troianos quedaron escravos despois de seren vencidos na súa guerra contra os gregos, pero tiveron a Eneas que foi quen de saír coa familia e cos amigos daquela escravitude cara ao Lacio, onde se recoñeceu un home libre. Tamén os soidosos precisan ao seu Eneas particular que poden atopar no amigo, no psicólogo, no psiquiatra ou na institución adecuada para liberarse da súa maldita soidade. O Goberno inglés creou en 2018 a primeira Secretaría de Estado da Soidade. Sería unha excelente iniciativa para o próximo Goberno galego que saia das urnas que imitase ao inglés coa creación dunha Secretaria Xeral ou mesmo dunha consellería da Soidade. En Galicia tería baixo o seu servizo unha incalculable lista de pacientes.

Terapias

Deben ser os psicólogos, psiquiatras e especialistas quen prescriban as terapias apropiadas a cada persoa. Existen estratexias populares e actitudes psíquicas que os pacientes se prescriben a si mesmos intentando recobrar a sintonía co mundo, aínda que non sempre as elixidas son sempre as máis apropiadas nin as máis eficaces. O alcol, o tabaco, as drogas, as máquinas comecartos, os bingos, os casinos, os videoxogos, os intentos de suicidio…son malos recursos como terapias rehabilitadoras.

A compañía efusiva dunha Zarita amorosa ou o ronroneo adulador dun Mini revoltoso poden resultar máis reparadores que os métodos anteriores, porque a súa compañía facilita a apertura das xanelas do cárcere mental para poder contemplar placidamente o mundo exterior. As mascotas actúan como un factor de protección contra o declive cognitivo asociado á idade e ao illamento.  

E como complemento, poderase prescribir un paseo polo campo, esa auténtica farmacopea oferente de incribles fármacos naturais, que van desde o perfume floral dunha foresta en primavera, ao voo zigzagueante dunha bolboreta na braña ou ao canto redundante do cuco no piñeiral. O campo oferta tal cantidade e variedade de pocións que vai ser moi difícil que non mellore a saúde mental do que o visita.   

Sempre se dixo que previr é mellor que curar. Será moi importante, abofé, aplicar terapias preventivas que permitan obstaculizar ou minimizar os trastornos mentais. No caso da soidade, pode ser fundamental a colaboración e participación da persoa en actividades culturais e sociais ao longo da vida, tratando de crear nexos afectivos e de compromiso sólidos e estables que impidan desconectar do mundo no futuro. De igual modo, habería que procurar reducir e simplificar o máximo posible as comunicacións, as informacións e os pasatempos a través de soportes tecnolóxicos (teléfonos móbiles, tabletas, auriculares…) porque impiden contactar directamente coas persoas e converten a quen os utiliza en perfectos autistas. Autimismo e soidade casan perfectamente. Convén impedir ese matrimonio, sobre todo evitar que teñan descendencia.


Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”

Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””

Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.