Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Avelino Muleiro García :

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda


                                        

                                     O acto de perdoar denota un acto ético de enorme xenerosidade, de  inmensa honradez e de gran señorío   

A celebración das festas de Nadal é sinónimo de bos desexos para os amigos, de lembranzas para os familiares e mesmo de saúdos para os coñecidos con certa proximidade social, residencial ou simplemente circunstancial. Desexos explícitos de boa saúde, de complicidade, de éxito e de todo o que se relacione coa maxia da palabra “felicidade”. É tempo de solidariedade, de empatía e, en xeral, de mostras públicas de cariño e de eterno e inmenso amor. Tamén se considera tempo de xenerosidade e de perdón, de esquecer débedas pendentes entre amigos e familiares, de esclarecer malos entendidos co propósito de non repetir erros do pasado e co firme desexo de borrar para sempre os desencontros compartidos.

            Con todo, é máis doado, máis veraz e crible o bo desexo que se lles confesa con vistas ao futuro (aninovo) aos destinatarios das mensaxes (cartas, postais, redes sociais e correos-e) que a promesa de esquecer os enfados, desencontros, malos tratos, humillacións, desprestixios e mentiras do pasado. As intencións a futuro soen estar amparados por unha vontade honesta e unha emotiva intencionalidade, ambas como impulsoras contrastadas de metas exitosas. Ademais, detrás dun desexo emerxe sempre a razón como garante, na que está presente a memoria como o seu leal sentinela.  

            Non obstante, en todos os ámbitos da vida o conflito é inevitable -no profesional, no laboral, no político, no relixioso, no ideolóxico, no familiar…-. Por tal razón, a rivalidade é ineludible, aínda que cómpre controlala para evitar que dexenere en pugna destrutiva. Durante as festas do Nadal, o risco de discordias familiares e de desencontros entre amigos increméntase exponencialmente dadas as reiteradas reunións familiares e as múltiples celebracións entre amigos. Pero non sempre a felicidade despide eses encontros xa que non resulta nada raro que entre os reunidos queden contas, de celos e de ofensas, pendentes para outra ocasión. Na sociedade en xeral, as ofensas -en todas as súas tipoloxías- representan problemas sociais, xurídicos, morais e especialmente psicolóxicos de colosal envergadura. Algúns deles resólvense nos tribunais de xustiza; outros, nos despachos e clínicas de psicoloxía; a maioría, a nivel persoal a través do perdón.

A reivindicación do perdón

Frecuentemente, o ofensor pide ao ofendido que lle perdoe e esqueza os seus actos reprobables. A primeira parte desa proposta depende da vontade e da decisión do ofendido. As claves de tal decisión están ubicadas na parte prefrontal do cerebro, onde se localiza o control das funcións cognitivas superiores sobre as que temos control consciente e dominio autónomo. O ofendido pode, pois, perdoar ou non. El decide libremente. En cambio, a segunda parte da proposta xa non depende da vontade do ofendido. Pretender esquecer as mentiras, os malos tratos, as humillacións, os enfados, os insultos, etc. implica bloquear o hipocampo da súa actividade orgánica e funcional. E iso resulta imposible logralo sen intervención cirúrxica ou por traumatismo. É posible perdoar, porque é unha decisión libre, racional e volitiva de quen perdoa. Igual que tamén é posible non facelo. Non obstante, o acto de perdoar denota un acto ético de enorme xenerosidade, de inmensa honradez e de gran señorío. O perdón despraza a emoción corrosiva do rancor colocando no seu lugar a emoción xenerosa da empatía, pois “la mancha de la mora con otra verde se quita”.

            Perdoar non implica absolver, borrar, exonerar, escusar ou eximir ao ofensor dos seus actos, senón renunciar a entrar no xogo do odio e da vinganza. Contra o inferno do resentimento está a maxia do perdón. Abofé que se precisa tempo para unha comprensión cognitiva e racional de por que a persoa que solicita perdón actuou como o fixo. Pero despois desa reflexión pode aparecer a comprensión emocional onde emerxa a compaixón polo ofensor a través da empatía.

            O perdón é unha actitude humana que nos permite manter e mesmo mellorar o noso equilibrio psicolóxico. O perdón, á marxe da visión cristiá, xoga un rol fundamental na sociedade porque facilita a convivencia e impide as confrontacións, os conflitos e as hostilidades. Rousseau, Spinoza, Kant e Hegel, representantes da filosofía moderna, consideraron o perdón como renuncia á vinganza, situando o amor como principio de reconciliación. Pero xa moitos séculos antes, a filosofía grega valorou o perdón como a estratexia de salvar, condonar e absolver ao ofensor, que son actitudes relacionadas de forma tanxencial coa vinganza e co castigo. De igual modo, para Herodoto, Sófocles e Aristófanes, o perdón está relacionado coa indulxencia. O que se deduce desta visión grega do perdón é situarnos nunha posición de alonxamento do pasado para poñernos mirando ao máis alá do futuro.

            As ofensas son traumas psicolóxicos que golpean as nosas emocións, percuten na derme dos nosos sentimentos e lesionan as fibras da nosa autoestima. No momento do seu impacto, a ferida da ofensa infectada supura odio, rancor, tristeza, depresión e anguria. Pero a medida que pasa o tempo, a infección vai desaparecendo dando paso á cicatriz. E parece razoable rematar na cicatriz como final dun proceso traumático e violento. Así debería entenderse sabiamente todo ese proceso, xa que somos seres fráxiles e vulnerables. “Que fai a sabedoría ante unha situación así? Sufrir dignamente a humillación que nos inflixen os nosos buracos” (E.M.Cioran: Siloxismos da amargura).

O perdón como acto solidario

O respecto aos outros implica recoñecerlles a súa dignidade, escoitalos para intentar entender as súas explicacións. Esa actitude facilita a convivencia e obriga a deixar de pensar nun mesmo. Así, ese talante de deferencia aos outros reverte na estima a nós mesmos e nunha conciencia da nosa dignidade. Kant utilizou esa idea coa expresión “sociabilidade insociable” do ser humano, que vén a significar que somos á vez sociables e egoístas. Neste mesmo contexto, Nietzsche afirmaba que é o sentimento da nosa propia dignidade quen nos obriga a ter confianza en nós mesmos e fe nos demais. Grazas a este dualismo paradoxal decatámonos de sermos individuos sociais, que permitiron xermolar as regras de convivencia, as leis e os costumes, como é o caso de perdoar ao agresor. Existen, sen ningunha dúbida, costumes insensatas e inútiles, que a mesma sociedade se encarga de descartar; en cambio, hai outras, inmensamente eficaces e pragmáticas, que se anexan espontaneamente á nosa convivencia para reforzala.

Perdón versus rancor

Todos nos podemos sentir agraviados na nosa vida persoal por agresións físicas ou psicolóxicas, reais ou incluso imaxinarias, porque somos seres febles, pero tamén cunha elevada dose de orgullo e soberbia.

O rancor é un sentimento de enfado profundo e persistente, un resentimento arraigado que pode desequilibrar e enfermar o corpo e a mente. Pode deberse a varias razóns: ofensas, malos tratos, enganos, mentiras, insultos… O rancor é un resentimento arraigado e tenaz. En cambio o resentimento é unha dor emocional produto dunha ofensa. O rancor mantennos a ferida aberta e reclama a dor que a acompaña, o que significa quedarmos ancorados nunhas nefastas e traumáticas experiencias. O rancor pode evolucionar a odio, que xera o desexo dun mundo sen que nel exista a persoa odiada. O pesimista E. M. Cioran explica que “o rancor provén do feito de que a persoa rancorosa queda por baixo das súas posibilidades sen ter podido alcanzarse a si mesma. E iso nunca llo perdoa aos demais” (E. M. Cioran: Siloxismos da amargura).

É certo que o perdón pode chegar a ser tremendamente complicado, sobre todo cando as nosas feridas emocionais aínda seguen abertas. Pero o perdón é unha catarse. Cando perdoamos, o noso descontrol nervioso regresa a un punto de equilibrio óptimo: a presión arterial e o ritmo cardíaco descenden, os elementos neuroquímicos do estrés son reabsorbidos e o sistema nervioso activa o modo parasimpático como unha resposta de relaxación.

O cerebro límbico, centro das emocións e da memoria

Con demasiada frecuencia, todos nos confinamos nos nosos medos, que é a nosa torre de marfil edificada polo instinto de supervivencia. A sala de máquinas desa torre está instalada no sistema límbico, sendo o cerebro emocional o seu centro. A estrutura cerebral das emocións está ubicada ao lado do cerebro reptiliano, que é a estrutura cerebral máis arcaica. Ambos cerebros colaboran na supervivencia activando os seus exércitos, o emocional e dos instintos primarios. Eses dous primeiros baluartes de supervivencia actúan por libre, son independentes; só o cerebro prefrontal intervén obedecendo as ordes da persoa axustadas á vontade e ao libre albedrío.  

O cerebro límbico alberga estruturas como o hipotálamo, a amígdala e o hipocampo, que desempeñan un papel fundamental na regulación das nosas respostas emocionais e na formación da memoria. O cerebro límbico permítenos tamén experimentar e expresar unha ampla gama de emocións, desde o medo e o anoxo ata a alegría e o amor. Tamén está relacionado coas nosas motivacións e desexos, como son a procura de pracer, a satisfacción das nosas necesidades básicas e a conexión social. Ese cerebro desempeña un papel fundamental na formación e no almacenamento da memoria. É o responsable da memoria a longo prazo e da consolidación da información emocional. Axuda a lembrar experiencias emocionais significativas e a aprender delas.  

A neurociencia constata que a función do hipocampo, na súa función orgánica, controla a temperatura corporal, a fame e a sede. Produce, ademais, a oxitocina e unha serie de hormonas relacionadas coa frecuencia cardíaca, co sono, coa libido e co estado de ánimo. A amígdala regula o medo, a angustia e a depresión a través dos seus neurotransmisores, como a dopamina -reguladora do pracer- e o inhibidor aminobutírico (GABA).

A vontade non é quen de poder activar a memoria a longo ou curto prazo porque esa actividade correponde a unha instancia cerebral, independente e autónoma, que se ubica fóra da cortiza prefrontal. Se fose posible esa activación, o Alzheimer e a demencia senil perderían o seu poder para bloquear a memoria dos pacientes. A memoria reside no pazo orgánico e funcional do hipocampo, órgano integrado no cerebro límbico. En cambio, a vontade e os resortes cognitivos conscientes habitan o reino do neocórtex. En situacións de harmonía e concordia, ambos poderes colaboran de forma solidaria, pero en situacións de conflito funcional, o enfrontamento bélico agudízase de maneira desapiadada. O imperio cerebral admite a autonomía de cada territorio, respectando as súas leis propias, pero sintonizándoas de forma equilibrada e solidaria.

Perdoar non é esquecer

Esquecer significa simplemente non recordar. Pero ese bloqueo ao recordo pode ser de dúas formas: consciente -volitivo e intencional- ou traumático e incidental debido a unha alteración do funcionamento da mente. O primeiro depende da vontade da persoa; o segundo é consecuencia dalgún trauma mental. O perdón queda fóra do ámbito do esquecemento porque se pode perdoar sen esquecer. Por tal motivo, nin podemos prometer -nin podemos esixir que alguén prometa- que para perdoar cómpre esquecer a ofensa. Perdoar é unha decisión volitiva de comprender os motivos, as explicacións e todas as circunstancias que motivaron e causaron o agravio do ofensor.

            Esquecer ou non esquecer o acto causante do conflito non é cuestión de querer ou non querer, é simple e claramente determinismo funcional do hipocampo. O hipocampo é o responsable da memoria, e ten como aliada á amígdala, que se encarga de infiltrar emocións nos recordos gardados no hipocampo. Esa infiltración reforza as lembranzas e recordos.

            Para argumentar o perdón é preciso superar a mera descrición da ofensa, e contemplala desde un perspectiva superior -unha metaperspectiva- na que se valoren todas as claves, razóns e circunstancias nas que se xerou o agravio. Desde esa metaperspectiva desaparecen as emocións do ámbito da afronta, podendo comprender exclusivamente a nivel racional un acto funesto polo que o seu autor reclama perdón ou, simplemente, porque o ofendido decide perdoar. Tampouco se precisa revivir o agravio polo ofensor ou polo ofendido, porque son suficientes os criterios racionais para xustificar o perdón.

As cicatrices

Toda ofensa, desprezo, insulto, vexación, infamia… golpea as estruturas básicas do sistema mental abrindo feridas lacerantes. Moito dese traumatismo poderá excretar o odio, o rancor e a vinganza contra o ofensor. Co paso do tempo, iranse cauterizando esas feridas para acabar mapeando a mente con pequenas cicatrices. Nunha situación normal, cada cicatriz só será a lembranza lonxana dun episodio traumático, xa case esquecido. Non hai supuración, non existe dor, polo tanto a cura debera ter chegado ao seu fin. De ser así, o perdón ao ofensor provocador daquel trauma inicial debería ser espontáneo, a menos que o ofendido seguise refregando na ferida sen deixala cicatrizar. Neste caso, seguiría supurando rancor, odio, resentimento (sentir de novo), vinganza… Tal excreción intoxicará non só a mente, senón tamén o corpo. Porque o odio, o rancor, o desexo de vinganza… son emocións negativas, intensas e profundas que non permiten a entrada da paz na persoa que non perdoa. “O odio -escribía A. Daudet- é a ira dos débiles”.

 A terapia do perdón

O perdón non cambia o pasado, pero libera o futuro de hipotecas pendentes. O perdón non absolve ao ofensor da súa culpa nin o redime da súa responsabilidade xurídica e moral, senón que realza a extraordinaria categoría ética de quen o regala, propalando o seu nivel humano.  É un excepcional acto de xenerosidade por parte do ofendido liberar ao ofensor do oneroso desasosego mental que ata ese momento o inhabilitaba psicoloxicamente. Por dita razón, quen de forma gratuíta e xenerosa recibe o perdón como agasallo, tería que agradecer ese xesto altruísta con ledicia e gratitude. E ao mesmo tempo, debería prometerse a si mesmo non regresar en ningún momento á situación orixinal da ofensa causada nin repetir co ofendido as circunstancias que causaron o conflito. Refregar de novo a ferida cicatrizada da ofensa pode provocar unha perigosa infección mental co risco dunha lacerante secreción traumática. E iso complicaría todo o proceso terapéutico do perdón.

Perdoar, como acto de xenerosidade mellora a saúde física e o benestar mental. Está suficientemente comprobado que o acto do perdón contribúe a mellorar a saúde física e mental, pois a vítima queda liberada dun nocivo peso mental acumulado no hipocampo e na amígdala.

A negación do perdón, porén, leva consigo a imposibilidade de cicatrizar a ferida aberta polo ofensor, sendo o propio ofendido quen soporta a excreción permanente do rancor, do odio e da vinganza. Nunha situación así, a vida do ofendido convértese nun auténtico Inferno existencial.

Aposta pola reconciliación

Quen non coñece a humillación ignora o que é chegar ao último estadio de si mesmo e descoñecer o cultivo das propias amarguras. Non sempre habitamos a paz nin a harmonía, por iso temos que estar atentos aos desaxustes homeostáticos psíquicos, fortalecendo os nosos valores vitais. Cando a vitalidade non se distingue da debilidade, senón que se perde nela, o resultado é un procreo interior dun ser contraditorio. E non se poden cuestionar as nosas contradicións, porque habitamos nelas. Porén, sabemos tamén que somos capaces de escalar montañas e chegar ao cume para contemplar os vales, os ríos, os afastados horizontes e as brillantes estrelas no ceo.

            Cos mellores desexos de felicidade para todas/os no novo ano, vaia tamén a invitación á reconciliación. Así, a suma da ilusión e da xenerosidade creará a esperanza dun mundo máis solidario, en paz e harmonía para o 2024.


Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.