Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo nas lembranzas do Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Por Felipe-Senén

Ben poido ter composta o gaiteiro Avelino Cachafeiro Bugallo unha alborada, unha muiñeira ou un alalá para o Carballiño e seguro que o pensou e que quedou no fol. Pola contra sobráronlle versos seus a esta vila que visitaba e onde todo o mundo tiña como amigo amigo ao célebre gaiteiro de Soutelo, puntual cando tocaban festas ou romarías na bisbarra do Arenteiro

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

 Lembro ben a súa figura esvelta, de traxe e chaleco escuro, cruzado coa curva da leontina de ouro, de peto a peto; faciana amable adornada dun competente bigote platino, estilo Zapata, nas festas cuberto de sombreiro de ala e de boina nos demais días, o que, ao saudar, retiraba solemnemente e descubríase, case como un toureiro. Gaiteiro il, afeito a  complementarse, segundo manda a santa tradición, cunha apuntada monteira de veludo, bordada de xeometrías. Personalidade nimbada de escintilante aura propia e ben galega.

GAITEIROS DE SOUTELO (óleo Felipe-Senén)

Terra de Montes, de tantos artistas, do pintor Virxilio Blanco, neno emigrante a cuba a inicios do século XX; do fotógrafo  Virxilio Vietez que fixo memoria gráfica dos que quedaron ou volveron, de xente gardadora de tantas tradicións, onde o pandeiro e se non a lata de pementón  marcou o ritmo de horas interminables como instrumentos que animaron festas, pandeiradas, foliadas en noites de candil… Terra de filósofos, de Carlos Amable Baliñas, o sacerdote Manuel Espiña…

Ben presumía ser destas terras altas Avelino Cachafeiro, un dos máis sobranceiros gaiteiros, natural de Soutelo de Montes, de familia de gaiteiros e pandereteiras, universidade popular nas artes tradicionais e grandísimo amigo do Carballiño. Sempre a xente da Terra de Montes se levou ben cos do Carballiño, coincidindo en ser vila de trotamundos, de camiños, entón de parada e fonda, farta en pan e viño, pulpo e carne ao caldeiro, de festa e romaría, onde se sabe ben o que vale un cliente e un amigo nos camiños da vida.

Avelino Cachafeiro Bugallo naceu no 1899 e morreu no 1972, sempre baixo a estrela de ida e volta de Soutelo. De familia de labregos, os que axiña afogaban penas argallando festa na eira ou nun salón aplicando os seus saberes tradicionais de gaita e pandeiro. Ansias e saberes que viñas dos devanceiros, do seu pai, Fermín, mestre en darlle ao bombo, o que xunto cos seus outros fillos, Castor  tamén gaiteiro e Bautista e algunhas veces a tía Andrea, está dándolle ao pandeiro, constituían un grupo baril. Así naceron os  celebérrimos Gaiteiros de Soutelo, reclamados en todas as festas de sona e mesmo do Alenmar, levando morriñas, tradición e supervivencia galega.

Gaiteiro de Soutelo (Debuxo F. Senén) 1

En Galiza sempre se respectou, tanto como as santos, aos grandes gaiteiros:  perdura na memoria a do celanovés gaiteiro de Penalta, como a do ribeirao Ventosela, a do  Rilo de Betanzos,  a do Seivane da Fonsagrada, Corral ou Temprano na Coruña…como hoxe se fan imprescindibles pra poñerlle banda sonora a este cabodomundo os saberes musicais de Carlos Nuñez, de Meredes Peón, de Susana Seivane ou Cristina Pato… Proba de que Galiza resiste neste xeito de deuses pagáns. Por iso de ser tan popular a gaita non figura entre os instrumentos musicais “cultos” que exhiben os vinte catro vellos do Pórtico da Gloria, namentres que, pola contra, non falta nalgúns capiteis ou doelas a labra dun anxeliño tocando a gaita (Monte Faro, Ribadavia, a Coruña…)

Poucas músicas fían tanto con Galiza, coa natureza, co barroquismo, contraste de luces e sombras como os sons da gaita, Musica que nunca se quere coutada,  mesmo en teatros e menos en abouxantes pavillóns. A gaita e o pandeiro quérense ceibes, abertos aos grandes altares, sobre castros, na cima,  entre os montes, entre a  brétema que devala, pra cabalgar sobre o vento, sobre as badaladas, baixo o sol ou a lúa, arredor dunha fogueira… Sons que convidan a ceibar o espírito, a aturuxar, a beber, a danzar e caer de xeonllos…

Gaiteiros que dende 1928 gravaron discos, hoxe ben cotizados nas antigüidades, entre variadas composicións, merecentes de reincorporarse e reinterpretarse hoxe. Velaí a célebre e universal Muiñeira de Chantada.

“Voando coas aas da Vida”, versos con música de gaita e pandeiro

Nos carballiñeses días de feira Avelino Cachafeiro era dado a vrse paseando polas súas rúas, de comercio en comercio, falando cos amigos, con parada e conversa especial nas Colonias de Antonio Soto, na rúa Mosquera, filosofando co Caride, co Faustino e coa Lucinda das mudas que daba o tempo, coa aparición do sofacama,  dos WC, da televisión… e finalmente deixando en depósito exemplares do seu libro de versos “Voando coas as da vida” (Vigo 1969). Daqueles vellos e nostálxicos días, xentes e feitos eu teño un exemplar.

Portada de Lugrís – Voando cas aas da vida

O prólogo deste ben coidado libriño está escrito por un don Ramón Otero Pedrayo que celebra tal convite, asinado en Trasalba no ouridourado Tempo  dos Magostos e do San Martiño de 1968. Ringleiras nas que atopamos o máis puro barroquismo de don Ramón, agora como cabalgando sobre os sons gaiteiros dos de Soutelo por derriba do Paraño, do Testeiro, do Candán; do sacro Seixo o da pétrea Porta do Alen, como ben sabe e di agora o etnógrafo Carlos Solla… sobre o campante curuto do San Vicente de Avión, soberbio castro baixo o que corre un Avia recen nacido…  a Pena Corneira… todos a ollar as reviravoltas dos antigos camiños de arrieiros, labrados polo andar de xentes, das  bestas e os carromatos. Don Ramón moe as lembranzas e trae ás súas ringleiras ao Ventosela, gaiteiro que coñeceu en Vigo sendo rapaz, respectados bardos que lle daban son ao espírito de Galiza. A ilustración da portada deste libro  é do poeta da pintura Urbano Lugrís, pra que aplica un xeito de polícroma estética románica, enmarcada por un anxo gaiteiro… e, entre as primeiras páxinas o suxestivo debuxo que lle fixo Castelao ao Avelino gaiteiro, representando no fol a silueta da faciana de Rosalía de Castro.

Libro de versos limpos, transparentes, como o vento, como a auga dunha fonte de Soutelo, inxenuos e  aos que non lle faltan ansias, o panteísmo enxebre dun  trotafestas e romarías. Composicións que mesmo teñen música propia, sendo o retrato da alma dun “bo e xeneroso”, dun dos grandes gaiteiros deste noso cabo do mudo céltico. Páxinas que se en encetan cun texto de Castelao recollido do xornal “Galicia” de Vigo un 10 de Agosto do 1924, escrito co gallo de ser proclamados en Compostela “os mellor gaiteiro de Galiza” responsabilidade que os mantivo  xuntos e a animar tradicións ata que a guerra e a emigración os espallou polo mundo adiante.

Conta Castelao que os esperou en Soutelo,  que estando ás portas daquela casa  sentiu tal premio como seu, honra da Terra: “Velahí ven Avelino, cos seus irmáns, todos vestidos ó xeito enxebre, tocando unha muiñeira que lle erguía o rabo ó mesmo canciño de San Roque. O pai do gaiteiro , na porta da casa, botou un foguete… Avelino gañara  primeiro premio. Bueno, dicíamos, non hai quen poida co gaiteiro de Soutelo. E non quedou a cousa nesas, o irmán pequeno gañou o terceiro premio…cunha alborada…” Xornada de premios en Compostela, onde ademais o ribeirao de Leiro, Eladio Rodriguez González tamén fora premiado en poesía. Festa aquela inacabada nun Soutelo que aínda hoxe celebra o son e a sona dos seus gaiteiros, aos que no 1980 dedicou no campo da feira un monumento de bronce feito polo escultor Xoán Piñeiro.

Versos nos que Avelino  fía a paisaxe coa paisanaxe, como unha moura fura entre os recunchos da paisaxe, entre penedas, vides, carballeiras, fontes e rueiros, dando voltas ás fogueiras festivas…. Gaiteiro que voa, que canta á vida,  ao Miño e ás súas fontes,  o fluír do Ulla cara ao Padrón do Santiaguiño do Monte, que canta ao río Vedugo e ás súas terras de canteiros, ao Tambre, ao Lérez e á Illa de Tambo, aos seus montes de Avión e do Suído, ao mar coruñés do Orzán, a Portomarín e aos camiños que levan a Compostela, a Ourense, e as súas tres cousas, que canta a Rosalía, a Castelao  a don Ramón de Trasalba,e como non nun longo poema de camiños andados: “Sómosche do Carballiño” , onde o autor se autobiografía: “E ti que fas Avelino /E ti que fas polo verán/Todos a sachar no millo/E ti coa gaita na man”. E dedícalle un poema  “a Torre da Veracruz” , a que, en metáfora di ser “Rosa do Carballiño”. Espontáneos cantos de amor a Galiza.

Convidados os gaiteiros de Soutelo levaron a súa música e lembranzas da terra por centros galegos da Arxentina, de Uruguay, de Barcelona, onde os sorprendeu a Guerra, a que dividiu o grupo. Dende entón Avelino dedicouse a escribir, a pintar, a rexentar unha gasolineira e unha sala de festas en Soutelo, a do Changuy, moi concorrida polos mozos do meu Carballiño, onde se falaba e se criaba a idea de irse a  México, a Panamá, a Venezuela….

No 1979  sendo convidado a dar unha conferencia no Centro Galego de Venezuela, coñecín ao gaiteiro de Soutelo, o menor dos irmáns,  Castor. Ben se alegrou con lembranzas do Carballiño, el que, alí onde estivera, levaba e presumía de levar Galiza posta: non perdía acto onde estaba a palabra e a música da súa terra, nin xantar onde houbese grelos, lacón e unha cunca de ribeiro tinto, sabores, palabras, sons…  cos que trataba de animar as lembranzas dunha historia con banda sonora propia e que remove o sentimento de SER galego.


—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño