Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Avelino Muleiro García :

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda


Charles camiñaba sen ningunha présa, pero coa mirada fita no barco que nos esperaba no accesible espigón da bocana do canal. Era un barco pequeno, na súa opinión unha miniatura do Beagle. Ubicados na cuberta, cun sol resplandecente sobre nós, empezamos a navegar para ir contemplando unhas marabillosas vistas da Natureza que se exhibía na súa exorbitante refulxencia. Charles parecía emocionarse observando a plenitude de vida que se movía constantemente ao paso do barco.

               Subindo ao barco

                                                                 

Tan pronto a embarcación iniciou o percorrido polas augas do canal, Charles empezou a lembrar as vivencias da súa primeira visita no Beagle a aquela rexión da Patagonia.  

-“Arribamos por primeira vez neste territorio o mes de decembro de 1832. Despois de visitar as Malvinas, dobramos o cabo de San Diego e entramos no estreito de Le Maire, manténdonos cerca da costa foguina. Pola tarde, fondeamos na baía do Bo Suceso. Tan pronto entramos, fomos saudados nunha forma estrafalaria, propia dos habitantes daquel salvaxe país. Un grupo de foguinos, escondidos no enmarañado e mesto bosque, subiron ao pico máis alto que sobresaía sobre o mar. Mentres nos trasladabamos, saltaron á parte máis elevada do barco sacudindo os seus esfarrapados mantos emitindo uns consistentes e atronadores berros”.

Seguramente vos estaban recibindo con simpatía no seu territorio sen que vos decatásedes da súa benvida.

            -“Non sospeitamos iso precisamente. A paisaxe que tiñamos enfronte era moi distinta de todo o que viramos ata daquela. A baía tiña un porto formado por unha ampla extensión de auga, rodeada de montañas de forma circular e cubertas dunha densa e sombría espesura que remataba no bordo da auga. Pois ben, aqueles salvaxes seguiron o noso barco, e ao anoitecer vimos as súas fogueiras -de aí provén o nome de Terra de fogo (Tierra de fuego)- atizadas cos seus berros salvaxes. Foi unha imaxe desoladora”.

Aquela detallada descrición, tinxida coas súas emocionadas lembranzas, a punto estivo de eclipsar a miña atención sobre a vida que cercaba o barco e de obrigarme a perder o marabilloso espectáculo que tiñamos diante. Porque o panorama, abofé, impresionaba. Diminutas illas emerxendo das augas do canal servían aos leóns mariños de lugar de descanso, de cancha de xogo coas crías e de recullo de citas amorosas despois de trepar con excesivo esforzo e demasiada dificultade polas escarpadas rochas.

Desembarco da tripulación do Beagle na Terra de fogo

                O espectáculo estaba a poucos metros do barco. Era un privilexio poder observar sobre aquelas pequenas illas pedregosas a conduta imperial dos leóns mariños machos co seu harén ao redor, marcando territorio para afastar aos machos rivais. Mentres tanto, as lobas mariñas nais regalaban caricias aos fillos despois de darlles de mamar e de regresar do mar na procura de alimento.

               Charles gardou uns momentos de silencio decatándose do meu interese e admiración polo espectáculo en vivo. Pouco despois continuou coas súas lembranzas daquelas mesmas contornas.

 Illa no canal Beagle con Leóns mariños

-”Á mañá seguinte á presenza dos salvaxes nas costas, o capitán Robert Fitz Roy propúxonos aproximarnos á ribeira para tomar contacto cos foguinos. Cando estivemos próximos, un dos catro indíxenas que estaban presentes adiantouse uns pasos para recibirnos. E, de súpeto, empezou a berrar con vehemencia tratando de nos indicar onde debiamos desembarcar. No momento do desembarco, aqueles foguinos parecían asustarse. Con todo, seguiron falando e xesticulando con gran presteza. Teño que che confesar que aquel momento foi para min o máis curioso e interesante espectáculo que nunca presenciara. Comprobei a inmensa diferenza que existe entre o home salvaxe e o civilizado. Considero que  esa disparidade é moito maior cá que existe entre un animal silvestre e un animal domesticado”.

               Pero vós entendiades a linguaxe daqueles foguinos salvaxes? Díxéronvos algo ou interpretastes algunhas das súas palabras, xestos ou algareos?

               -“O único que se dirixiu a nós era o xefe, un vello charlatán que debía ser o cabeza de familia. Os outros tres eran mozos corpulentos e rexos. Medían aproximadamente uns seis pés (1.83 metros). As mulleres e cativos non apareceron por alí. Eles vestían unha manta de pel, coa la da manta cara fóra. Colocábana sobre os ombreiros sen se preocupar de que os cubrise o resto do seu corpo bronceado .

               Aqueles foguinos eran dunha etnia bastante diferente á que habitaba na zona do oeste, a dos indios canoeiros. Os que visitamos nós parecían ter máis parecido cos famosos patagóns Haust, que vivían no estreito de Magallanes”.

            Con todo, Charles decatábase da miña atención en observar aqueles illotes ateigados de leóns mariños. De aí que cambiase o seu discurso para explicarme a perspectiva que tiñamos ao noso lado.

-“No rexistro fósil que me preocupei de recoller naquela viaxe do Beagle descubrín que os leóns mariños que estamos observando agora, así como as morsas, que probablemente veremos máis adiante, proveñen de animais terrestres carnívoros relacionados coa familia dos úrsidos (á que pertencen os osos actuais), mentres que as focas verdadeiras deriven posiblemente dun primitivo grupo de mustélidos, ao cal pertencen tamén os teixugos.

Os leóns mariños, igual que as morsas, pertecen á clase dos pinnípedos. Se observas, ves que o corpo deses leóns é alongado; nas súas patas teñen dedos palmeados que se transformaron por evolución en aletas. A evolución, que considero necesaria para poder explicar a morfoloxía e a forma de vida deses animáis, axúdame a aventurar que no transcurso da súa evolución reteñen características terrestres -como parir na terra, onde poden pasar longas tempadas- dentro da súa adaptación morfolóxica e fisiolóxica á vida mariña, como alimentarse no mar de peixes e incluso doutros mamíferos. É probable que os leóns mariños se adaptaran ao mar hai uns vinte millóns de anos, deixando a vida terrestre da que proceden.

Observa o número de individuos que están sobre esa rocha…E fíxate na variedade que hai entre eles (cor do pelo, envergadura, compañía…). Son animais gregarios. Os machos son máis grandes, polígamos, e soen expulsar do seu harén a outros machos alfa”.

Machos alfa   Macho alfa no seu harén

            Pouco a pouco, o barco desprazábase calmo polas augas do Beagle facilitando a contemplación daquel magnífico espectáculo da Natureza sobre os illotes desbordantes de vida. As nevadas montañas andinas, á esquerda da nosa ruta de navegación, controlaban desde a súa cegadora altitude o tránsito circulatorio no canal para que nada alterase a orde do ecosistema nin atentase contra a placidez e bonanza daquela extraordinaria e fabulosa fauna. Resultou interesante observar unha remolineira que nos acompañou todo o traxecto no barco buscando auga doce nas dobras da embarcación, o seu único recurso para beber.

            Eu decatábame da arela e ilusión de Darwin por seguir relatando as vivencias da súa viaxe no Beagle. Procurei conectalo de novo á narración da primeira aproximación cos foguinos.

            Cal foi o proceder daqueles primeiros foguinos cos que vos atopastes nesta demarcación patagónica?

            -“Nun trato inicial, a expresión das súas facianas era de receo, sorpresa e desconfianza. Pero logo de lles regalar algunha prenda de vestir, que con presteza se ataron ao pescozo, convertéronse nos nosos amigos.

            O meu abraio foi inmenso respecto á súa linguaxe. Apenas se podía catalogar de articulado. Non obstante, puidemos comprobar a súa extraordinaria capacidade de imitación. Cada vez que tosiamos, bocexabamos ou esbirrabamos, eles imitábannos con total naturalidade. E podían repetir correctamente cada palabra que nós utilizabamos; incluso lembralas por algún tempo. Polo que parece, todos os salvaxes dispoñen dun enorme talento de imitación.

            Cando o noso grupo entoou unha canción, ningún se sorprendeu. O mesmo sucedeu co noso baile, que repetiu correctamente un daqueles mozos a petición miña. Do que realmente tiñan medo era das armas de fogo que lles mostramos, pois ningún aceptou coller unha nas súas mans. En cambio, pedíronnos coitelos, xustificando que os precisaban para cortar a carne”.

            No instante no que Darwin remataba aquel episodio dos foguinos, o barco bordeaba o illote no que emerxe o único faro que se divisa no canal. É o faro alzado sobre un dos xemelgos illotes Eclaireurs, o faro do fin do mundo.

            Xa estaba aquí ese faro cando viñeches por primeira vez no ano 1832 -pregunteille?

            _-”Non, non. Ao parecer, comezou a construírse no ano 1918 e púxose a funcionar no 1920.  Mide once metros de alto, está fabricado con ladrillo e pintado de vermello e branco. Era o último punto de referencia para os barcos que navegaban polo Canal Beagle antes de chegar ao Polo Sur. O canal Beagle vertebra as costas do Atlántico coas do Pacífico e serve de autoestrada para os barcos que transportan mercadorías entre ambos océanos”.

Mentres Charles explicaba a orixe do faro, era un espectáculo presenciar sobre as rochas que soportan o seu peso a decenas de cormoráns descansando despois de mergullarse nas augas na procura de alimento. 

     Faro do fin do mundo

Logo de contemplar o faro Eclaireurs, o barco puxo proa cara á illa Martillo, coñecida como illa dos pingüíns e ubicada entre a illa Grande e a Naverina. Centos de pingüíns reptaban polas rochas, mentres outros nadaban para pescar. A pesar da abundancia de pingüíns nesta illa, habitan de forma solidaria mamíferos mariños, como os leóns mariños dun pelo e de dous pelos, focas leopardo e aves mariñas, como as gaivotas austrais e as carancas.

            -”É sorprendente -dixo Charles- o ritual de apareamento destas aves mariñas. No momento do cortexo, os machos emiten un son movendo as ás e o pescozo para chamar a atención da femia. Unha vez establecido o matrimonio, o macho traslada no pico as pedras que recolleu diante da súa parexa para colocalas como protectoras do niño onde van criar os dous. É un xesto natural do cortexo co que se establece a ligazón entre ambos”.

  Pingüíns

Despois de contemplar a exhibición daquelas excepcionais aves mariñas na illa do Martillo, o barco cambiou de rumbo para aproximarse ás illas Bridges, onde puidemos baixar para contemplar a fermosura daquela extraordinaria flora que a tapiza. Charles informoume de que cazadores, mariscadores e recolectores da etnia canoeira dos iamáns ocuparon este arquipélago, explotando os seus recursos biolóxicos.

            Mentres camiñabamos entre tanta variedade e diversidade de plantas e flores comentando a riqueza botánica daquela illa, Charles quixo relatarme algo que consideraba moi importante da súa viaxe no Beagle e que aínda non mencionara. Referíase a tres indios que navegaron con eles naquela famosa viaxe.

Aproveitando unhas rochas planas no medio da illa para sentar, Charles comezou o relato dos tres indios que foran secuestrados por Fitz Roy.


Outros artigos de Avelino Muleiro:

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”

Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””

Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.