Manuel Herminio Iglesias
Vivimos un tempo no que todo camiña moi a presa. O que hoxe é unha nova que ten éxito, pasadas poucas semanas xa se esquece e vai parar ó lixo como se fose un trasto que non sirve para nada. Mais como todo vai a correr, sen decatarnos, nós tamén camiñamos presos desa velocidade, pois non temos tempo pra valorar nin sopesar todo aquelo que vivimos a cotío, polo que, moitas veces precisamos un reseso, un tempo de lecer e acougar un chisco. Así é a sociedade actual: traballo e lecer. Unha sociedade chea de contradicións que busca a felicidade no consumo acrítico e nas cousas máis banais que podamos maxinar. Unha forma de vida que esquece o valor do cotián e do sixelo. Pois o seu éxito depende moito das decisións pouco reflexivas que sempre nos levan a consumir sen mesura.
E como camiñamos tan a presa, embuídos por un egocentrismo e individualismo abraiante, non coñecemos ó veciño do piso darriba; non falamos cos parentes pois o tempo sempre anda escaso, e non participamos na vida social da parroquia, do barrio ou da vila. Sí, asistimos ás concentracións de masas onde, como papanatas, amosamos a ledicia de ver tanta xente xunta que vaga pola rúa pero que non se relaciona nin se coñece. Polo que semella que estamos no tempo no que as entidades públicas asumiron que o máis importante desta vida é divertir á cidadanía, pasando a un planos secundario afrontar os graves asuntos e problemas que temos como sociedade. E seguindo esa liña o debate e o dialógo sosegado sobor de asuntos importantes que nos afdectan non existe. Ou sexa: que agora os concellos, como entes públicos que son, adícanse, como é o caso de Ourense, exclusivamente a divertir ó persoal pra traballar o voto e a esquecer os asuntos que importan na colectividade. E como esto é así, sempre veñen á memoria ditos e cantigas que deixaron un arrecendo que marca un camiño a seguir pra tratar de ser máis feliz neste andar terráqueo.
A min, como xa teño dito, a música con mensaxe gústame. De mozo seguín con moita simpatía ós cantautores. Pois ademais da protesta, da poesía e da beleza as súas cantigas, sempre, sempre dicián algo que pode valer pra o día a día. Por iso escollín un título do gran maestro Serrat. Un título que, para os que vivimos no rural, aproxímase moito ó que acontece neses lugares onde a valoración do presente é moito máis reflexiva e onde a sociedade ten máis pegamento, pois a relación humana é máis forte. E como estamos nas datas de Nadal, e estas festas son tamén un tempo no que as lembranzas volven ás casas onde sempre falta alguén na mesa pra cear ou xantar, quero resaltat en primeiro lugar o gran valor da familia, da amizade, da convivencia e do dialogo entre diferentes. Pode que pareza unha pequena cousa; pode que pareza unha nimiedade o saudarse ou darse a man desexándolle a esa persoa á que pouco ou nunca saúdas, un Feliz Nadal. Mais como se di con moita frecuencia un saúdo crea veciñanza e o falar pode traer amizade.
En Seixalbo, onde vivo, amo e sinto, mantemos viva a tradición do PARRAFEO. Nel unha persoa acepta facer o resume dese ano que fina. E con moita retranca fai peticións e marca obxectivos para o ano vindeiro. E esta actividade que ven de lonxe Agromadas recuperouna e o venres 29 xuntámonos pra escoitar o balance do ano que fará Marco Rivo e logo compartiremos uns momentos de boa veciñanza. Ben sei que é unha pequena cousa, como se fose esa papél esquecido nun caixón que di a cantiga de Serrat. Mais é un intre de ledicia que une aos que pensan de maneira distinta pero comparten veciñanza. En fin, que sacudamos o agobio diario deste tempo frenético é practiquemos a boa veciñanza. Como sociedade iranos moito mellor.
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política
Lembrades a democracia organica?