Felipe Senén: “Algo sobre a emigración do Carballiño para o mundo”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Martí fotógrafo da emigración

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Por Felipe-Senén

Os seres humanos gustamos de experimentar, de tramar camiños, de trazar pontes e abrir portos por mar, terra e aire. Ansia de coñecer, de solidarizarse, de madurar nesa loita pola vida. As mais das veces fluxos migratorios obrigados a saír do couto natal, expulsados, exiliados por causas políticas, por guerras, como foron os foros inxustos, os intereses caciquís na apropiación da terra, da auga, da luz, do aire… A todo o que contribuíu o analfabetismo, a a intolerancia relixiosa… E así foron quedando aldeas, eidos, viñedos, fragas, hortas e lameiros valeiras, unha Itaca que se ía envolvendo en edras de abandono, en brétemas de saudade.

images

Galiza porta no seu adn as migracións, capítulo importante da Xeografía Humana. Entendendo dentro dese capítulo a quen emigra, o emigrante é como se lle chama a esa mesma persoa cando sae da terra de orixe para establecerse noutro. Así que será inmigrante o que chega de fora.  Chámase emigración andoriña, a quen se vai temporalmente para retornar. Sabido que os galegos, no século XIX e XX fomos un dos pobos máis emigrantes, xunto co xudeu e o irlandés. Historia de vivencias e de escravismo.

Migracións que son andazos, respostas a políticas empobrecedoras, sen capacidade de estruturar economicamente  as posibilidades dun pais ben situado no mundo e con tantos recursos, incapaces entón de competir. Conseguintemente falta de potencial, desequilibro entra a taxa de crecemento vexetativo e o desenvolvemento, para ser vítimas da pobreza e provocar a expulsión, un xeito de exilio voluntario. De xeito serodio argalláronse polígonos industriais que van experimentando a conta de iniciativas e inversións da emigración.

Aínda así, as migracións non deixan de ser unha gran aventura, experiencia formativa, creando, como poucos pobos, un xeito de embaixadas que foron os centros da emigración, puntos de encontro, solidarios, mesmo con outros pobos, aos que lle abriron portas para compartir inquedanzas, celebracións, información, formación e cultura.

Entre a metade do século XIX e a metade do XX estímase que máis dun millón e medio de homes e mulleres galegas emigraron, boa parte delas fixérona ás américas: Arxentina, Cuba, pero tamén Estados Unidos, México, Venezuela, Panamá. De 1850 a 1975, uns seiscentos mil máis partirán cara a outras zonas da península, Euskadi, Cataluña maiormente, como cara a Europa, Alemaña, Suíza, Inglaterra, Francia… Espallase o efecto chamada, para ser fenómeno social, movemento de masas con fondas consecuencias na economía, na sociedade, como na política e na cultura dos nosos días: Velaí pois todo ese engordar bancario en que abriu portas e ampliou espazos  da rúa maior de moitas vilas.

Decimonónica emigración ás américas que xerou na terra de orixe grandes empresas filantrópicas: escolas, asilos, parques… tanto como nos mesmos lugares de emigración, grandes centros culturais, espazos de axuda e orientación, cemiterios…onde a empresa cultural madurou na edición de revistas, libros…lembramos “Galicia emigrante” (1954-1959 Bos Aires, “Vieiros”  iniciativa do Padroado da Cultura Galega de México ( 1959-1968 México).

Mesmo así nos representamos coa tópica imaxe de nai e fillo, ambos o dous erguidos sobre os chanzos dun tradicional cruceiro, abaneando panos, despedindo ao pai que colle camiños incertos coas maleta na man. Velaí as fotos de Manolo Ferrol, as de Alberto Martí, as do soutelán Virxilio Viéitez. Ausencias que son tema de cancións saudosas, fados, tangos, habaneiras, os contundentes versos de Rosalía  “...Éste vaise i aquél vaise,/ e, todos, todos se van./ Galicia, sen homes quedas/ que te poidan traballar…” Emigrantes aos que lle eriximos monumentos, lembrámolos con argumentos festivos, como a Festa do Indiano celebrada na vila mariñeira coruñesa de Ares, as festas mexicanas de Avión, as de emigrantes de Pol, Val de Dubra, Ponte Caldelas, San Xoán de Río, San Miguel de Reinante, Esgos, Laxe…

Cartaz Primeira Festa do Emigrante de Avión (1969)

Aínda está moi por estudar a emigración peninsular a Madrid, Barcelona, Bilbao, a  Porto e Lisboa… como  nos anos sesenta a Australia, Canada, Cabo Verde… Moitos oficios tradicionais trunfaron nestas cidades, panadeiros, taberneiros, canteiros, ourives…

Memorias de camiños andados, de aventuras e desventuras contadas ou por contar

Tema que motiva congresos, publicación de revistas e libros, películas…Aínda que sentimos que non se teña creado, algo para que nunca será serodio, un museo con canto implica de memoria e arquivo da emigración galega. Ao respecto abondan os estudos sobre o tema, sendo sobranceiras as pescudas, xa no 1902, de María Concepción Rodríguez Niederhausern sobre as expedicións de galegos no Rio de la Plata de  1520 a 1810, os de Meijide Pardo sobre a emigración galega  intrapeninsular no XVIII ; os  de Javier Vales Failde,de  X. Manuel Nuñez Seixas, de Xose Antonio Vidal  Rodríguez sobre a emigración a Cuba (2005), os de  Francisco Ramón Durán Villa, especialista na emigración ao Reino Unido, os de M. Liliana da Orden sobre a emigración galega a Arxentina ou as pescudas de Cristina Samuelle Lamela sobre a emigración ao Rio da Plata… a emigración a Portugal  (1999) de Alberto Pena Rodriguez …

Mesmo entre os carballiñeses o lembrado profesor Elixio Villaverde (1954 Irixo-2018 Compostela) é autor dunha tese sobre a Emigración Galega a México (1878-1936) (2003), “Pioneiros na Corrente do Golfo” (2001), especialista no patrimonio cultural galego en México… Inquedanzas seguidas polo seu paisano Luís González Tosar, nacido na mesma emigración arxentina no 1952, ambos bos coñecedores da emigración galega a eses dous grandes focos con tanta presencia carballiñesa, Arxentina e Cuba. Meritorio é a investigación de Xesús de Juana, con Fumega e Rodriguez Rodrigues “Poboación e Emigración na Comarca do Carballiño do 1860-2000” (2004). Alicerce de cantares tramados entre soidades, como fixo Alberto Cortez lembrando a“ El Abuelo” emigrante que saíu de Punxín rumbo á Arxentina.

Engadiriamos experiencias contadas polos propios emigrantes, como as dos fuxidos: ”O Sinor Aframio” (1979), memorias do deputado nacionalista, Antón Alonso Rios (1887-1980), quen disfrazado baixo este sobrenome zafa das gadoupas da morte, e xa no exilio, ser o derradeiro Presidente do Consello da Galiza. Mesmo como  as que conta  Castelao, Luis Seoane, Neira Vilas, Olegario Sotelo Blanco sobre a emigración a Cataluña, as de Xosé Antonio Vilaboa sobre os galgos en Guipúzcoa, como as de Xosé Estevez no mesmo Euskadi; Maria Xosé Rodriguez Galdo “Galicia país de emigración” (1993).  Novelas, dende “Tirano Banderas” (1926)  de Valle-Inclán na que crítica aos desapiadados gachupíns, explotadores do indíxena, entre outras aínda por contar, como a dos centos de galegos que no 1779 mandaron a repoboar a Patagonia, vítimas das epidemias. Sobranceiro o  libro “Ausentes” do xornalista Alfonso Eiré, igual que “Virtudes” de Xesús Fraga, autobiografía sobre a emigración a Londres. E nese tecido de aventuras e desventuras non deixaremos a novela histórica do carballiñés Carlos Rodriguez “El hombre blanco de río Nieva” (2023) sobre Alfonso Graña, de Amiudal, “O rei dos xíbaros”, páxinas onde entra outro persoeiro, non menos interesante, Cesáreo Mosquera, natural de Leiro, factotum no Iquitos amazónico. E máis puidéramos abondar en historias de ricos, de pobres, como o fixeron Celso Emilio Ferreiro ou Luis Seoane, sobre traballadores en rañaceos, sobre as vítimas na ponte de Brooklyn, en guerras que non eran súas, pola contra os que acadaron o cimo na empresa, na política… Lembramos aquel episodio de xaneiro do 1961: o secuestro do trasatlántico Santa Maria por Galvao e  Sotomayor,  mediática protesta contra as ditaduras de Franco e Salazar, onde entre os pasaxeiros estaba un Campos do Carballiño.

A emigración no adn do Carballiño 

A emigración nas terras do Carballiño é consubstancial e foino repartida a través da rosa dos ventos, vémolo incluso na filantropía dos irmáns Prieto, nas escolas creadas por emigrantes en toda a bisbarra, como a de “Hijos de Banga en Buenos Aires” aos que o concello, no 1954, homenaxea en placa, a familia de Pepe e Aquilano Farriñas.

Escola de Banga 1954

Do mesmo xeito podemos lembrar aos Bernárdez de Serantes (Maside), da que saíu o célebre poeta  arxentino Francisco Luis, veciño dos Bermello, canteiros que levaron os cruceiros a Montevideu…o famoso campión de loita libre “Gorila” que trunfou en Alemaña, como o profesor e ensaísta literario, especialista na obra de Rilke, Xaime Ferreiro Alemparte de Cabanelas.

Recordamos ademais que nos inicios da “Residencia de produtores” do Carballiño, na metade dos anos sesenta e no tempo outonal,  impartíanse alí cursos introdutorios dedicados a mozos e mozas que collían as maletas rumbo a Europa. Inmigrantes que atoparían nas estacións de destino un punto de encontro, un vencello coas orixes e a esperanza no retorno. Tantos nomes, tantos amigos espallados pola rosa dos ventos, mesmo os meus bisavós maternos, matrimonio Gómez Iglesias de Pazos de Arenteiro, aos que paseando pillou e matou un tranvía conducido por un veciño, en Bos Aires. Foron eles os primeiros sepultados no Panteón Galego da Chacarita, creadores da sidra “Farruca”  . Os que, naqueles camiños, trunfaron na empresa, nas artes, Como a familia carballiñesa das que saíu o galán do cine francés, José Garcia, ou o cantante venezolano Carlos Baute, Manny Fontenla-Novos director de Thomas Cook AG…

O Carballiño, dende a súa mesma orixe en anos da diáspora, inicios do XIX, é vila curtida nos camiños, que reparte emigrantes polo mapamundi, como cronistas e mesmo políticos que se meteron na cerna do problema, coñecendo a dureza de moitas historias, contribuíndo  a abrir canles para aliviar dramas, vencellos coa terra de orixe. Fixérono con consideración de igualdade, mediante axudas, a través da cultura e das tradicións, das embaixadas, na práctica da mellor diplomacia, asegurando aquel patrimonio de cultura, de institucións sanitarias, residencias de acollida… dando a mellor imaxe da Galiza da diáspora. Queremos retratar, de xeito abreviado, a misión levada cabo nos eidos da Galiza emigrante dende a política de Fraga, creando pontes, diálogo, até a emisión dun programa internacional como foi  “Galicia para ao mundo” . Momentos nos que se encarga  a un carballiñés de pro, como Aurelio Miras Portugal, carteiras fundamentais naquel proceso: primeiro como Director Xeral de Turismo (1997 ao 2001) e posteriormente no caso que acae aquí, como Conselleiro de Emigración e Cooperación Internacional da Xunta de Galicia (do 2001 ao 2005) e do 2012 até o 2017  como Director General de Migraciones, dependente do Ministerio de Empleo: unha vida cargada de experiencias sobre os camiños da diáspora. Algo comprobado en misións culturais por terras do Alenmar, a sementeira de aprecio mutuo creado, tanto entre as altas esferas da política, como entre personalidades do exilio, coa igrexa como coa base máis popular e desprotexida, mediante axudas, discreción e silencios. Así o nome do Carballiño abre portas polo mundo.

 Emigración carballiñesa con fonda pegada, da que boa conta puideran dar tantos bares co nome de Carballiño, aparecidos ou desaparecidos polo mundo. E non digamos o  gran Centro do Partido do Carballiño na rúa Juan Carlos Cruz 1361 de Bos Aires, creado no 1918, ao que, o lembrado alcalde Argimiro Marnotes Rodriguez e familia teñen contribuído tanto.

As terras de Avión e os  temas do cineasta Chano Piñeiro

Mesmo Galiza aportará unha santa, padroa ou madriña, avogosa dos emigrantes, Santa Trahamunda de Poio, unha das Cen Doncelas que, no medievo, o reino cristián entregaba aos islámicos de Córdoba, a que, na noite das fogueiras de San Xoán, envolta na saudade da festa, milagrosamente apareceu na súa Terra coa palmeira que a acompañaba.

Galiza, Terra de homes e mulleres emigrantes dos que ben soubo o proceso seleccionador de Ellis island, na baía newyorkina do río Hudson, baixo a mirada de cobre da Estatua da Liberdade, a carón dos grandes rañaceos. Illa que hoxe é modélico museo, onde atopar, por sistemas informáticos tanto apelidos de xudeus, irlandeses, italianos, gregos, rumanos, hispanos, galegos…Illa de tristeira historia como ben recolle a película dirixida por Elia Kazan “América, América” (1963), sen esquecer eses outros films xa sobre a emigración galega, como os  de Chano Piñeiro (1954 Forcarei-1995 Vigo), “Mama Asunción” (1984) rodada neses focos da diáspora que foron  Baíste e Rubillón, como  o seu longometraxe “Sempre Xonxa” (1989). Obras entre as que é sobranceira a película cubana “Gallego” (1988) dirixida por Manuel Octavio Gómez, como a arxentina  “ La luna de Avellaneda” (2004) de Juan J. Campanella.

Algo dunha historia interminable que a memoria garda en libros, en monumentos que non faltan en toda Galicia, dende Fisterra até Taboadela. Mesmo sobre o grandioso castro de San Vicenzo de Avión e dende onde se enxergan as terras do Carballiño  – corazón da emigración a centro américa, en 2 e 3 de agosto do 1969 celebrouse e argallouse erguer un gran monumento en pedra á emigración: obra de cantería que se encargaría ao escultor ourensán Failde, editouse un tríptico de difusión ilustrado polo pintor ourensán Virxilio…pero a cousa soamente quedou na memoria. No 1989 nas campas de Santiago das Antas na Lama, erguese un monumento en bronce encargado a Buciños…e lembro o grupo de esculturas en bronce, á beira do rio Liffey , no Porto da Aduana de Dublín “Famine” ( de Rowan Gillespie  1997), familias como fantasmas camiño da incerteza.

Maqueta Monumento ao Emigrante de Failde (Avión – 1969)
Debuxo de Failde

 No 2003, o vello campo da feira do Carballiño  Praza do Emigrante, centrarase co “Muntem”, monumento en placas de cobre, obra de Xesús Carballido: como unha nao-monstro que traga un globo terráqueo, erguéndose sobre a proa. e a xeito de cataventos, unha figura humana.

Carballiño Monumento_ó_Emigrante de Xesús Carballlido

Homenaxe que substitúe ao erguido, segundo proxecto do arquitecto carballiñés Alfredo Freixedo, case dúas décadas atrás e sendo alcalde Marnotes Rodríguez, escultura de Acisclo Manzano, trasladada á rúa Aldara: diálogo  panteísta de dúas “tetes coupes célticas” .


—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “O Folión, os foguetes e os fogueteiros do Carballiño”

Felipe Senén:”Os eidos que abeiran o vello camiño das orixes, o de Flores a Señorín”

Felipe Senén:”Míticas curvas e reviravoltas nos vellos camiños do Carballiño”

Felipe Senén:”Miguel Anxo Fernández, o Carballiño e a súa aura como escritor e cinéfilo”

Felipe Senén:”O Carballiño e o reloxo de cuco do Balneario nas viaxes do escritor Alfonso Armada”

Felipe Senén:”A científica María Teresa Miras Portugal sempre na memoria do seu Carballiño”

Felipe Senén: Carlos A. Rodriguez e a súa novela sobre o galego “rei dos xíbaros”

Felipe Senén: “Xesús Carballido. Esoutra arte ou poética de argallar, pegar ou coser memoria”

Felipe Senén: “o Casino do Carballiño , a súa Festa da Mimosa e algo máis”

Felipe Senén: “Contos, medos, amuletos e santuarios das xentes do camiño”

Felipe Senén: “Felipe Senén: “A Rosa, a flor de Flores””

Felipe Senén: “A nobreza e os pazos dos arredores do Carballiño”

Felipe Senén: “O pasado e a base da Biblioteca Municipal do Carballiño”

Felipe Senén: “O profesor Xaime Ferreiro Alemparte: un universo literario entre Cabanelas e Alemaña”

Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo nas lembranzas do Carballiño

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño