Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (IV): ”As investigacións de Charles Darwin, prolegómenos da teoría da evolución”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Avelino Muleiro García :

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda


A colonia programada en Voollya non respondeu, como era previsible, ás expectativas que nela depositaran o capitán Robert Fitz Roy e o Almirantado inglés. Robert Matthews, o misioneiro anglicano, subiu ao Beagle con Darwin e coa tripulación ao abandonar Ushuaia. Cando fixeron escala en Nova Zelandia, Matthews decidiu unirse alí ao seu irmán misioneiro.  Aínda que o intento de Matthews para establecer por si só unha misión en Terra do Fogo fracasara, sentiuse alentado polos misioneiros de Nova Zelandia, declarando que o proxecto de Voollya non era un fracaso, senón un primeiro paso. Matthews uniuse, pois, ao seu irmán na Misión Kaitaia en Nova Zelandia, pero o comportamento dos misioneiros ameazaba con frecuencia a fráxil relación cos maoríes. Matthews casou en 1838; e en 1840, a Sociedade Misioneira pediulle que axudase a establecer unha misión en Wanganui, na costa oeste da Illa Norte de Nova Zelandia. Non obstante, a súa participación nun escándalo financeiro levouno a regresar coa súa familia a Kaitaia. Máis tarde, fundou unha escola lonxe de Kaitaia, e a medida que foi perdendo a vista experimentou unha angustia moi profunda porque se vía na obriga de coidar unha esposa e catro fillos. Matthews permaneceu en Nova Zelandia ata a súa morte, en 1893.

            Tampouco resultou máis afortunada a vida de Jemmy Button. Allen Gardiner, un oficial retirado da armada británica, coñecendo a historia dos foguinos, decidira dedicar o resto da súa vida a predicar o Evanxeo aos pagáns. Así, armou dúas expedicións -en 1848 e 1851- coa idea de establecer unha misión na área da illa Navarino, onde esperaba contar coa axuda de Jemmy Button. Ambas expedicións ftacasaron, e na segunda, Allen Gardiner e seis compañeiros morreron de inanición e frío na beira norte da canle Beagle.

En 1856 a Sociedade Misioneira Patagónica enviou a goleta Allen Gardiner -nome do fundador desa sociedade- a Voollya, onde o seu capitán tomou contacto con Jemmy Button, solicitándolle que viaxase con el ata a illa Keppel, ao que Button se negou rotundamente. 

En 1859, estimouse propicio iniciar definitivamente o establecemento da misión en Voollya. Para tal proxecto embarcáronse na goleta Allen Gardiner os equipos e as provisións necesarias, así como un catequista para establecela. Como pasaban os meses e nada se sabía da goleta e da nova misión, enviaron desde Inglaterra a Voollya a goleta Nancy, que arribou en abril de 1860, atopando a goleta Allen Gardiner fondeada no porto, totalmente desmantelada e como único tripulante ao cociñeiro Alfred Cole, en malas condicións físicas e mentais. Cole contou que desde que arribaron a Voollya, os nativos guiados por Jemmy Button molestáranos con peticións e roldas preto do barco. O domingo 6 de novembro de 1859, terminando a construción do alpendre, ían celebrar a primeira misa e baixaron a terra, pero foron rodeados por uns trescentos indíxenas, que os atacaron e mataron a todos menos a el, que logrou escabullirse ata un bosque, sendo capturado poucas semanas despois. Viu como Tommy Button, irmán de Jemmy, mataba cunha pedra a un mariñeiro. En total morreron oito homes. Os mariños da Nancy repararon a Allen Gardiner e regresaron con ambas goletas a porto Stanley, levando con eles a Jemmy Button, que voluntariamente se ofreceu para ir declarar.

 A declaración de Button foi que os que asasinaran aos misioneiros foran indíxenas da tribo ona da Terra de Fogo. Pero as autoridades non lle creron.

En 1863, os misioneiros Stirling e Bridges viaxaron por primeira vez ás canles foguinas. Localizaron a Jemmy Button ao chegar a Voollya, tendo coñecemento de que a poboación indíxena diminuíra notablemente por unha epidemia. En febreiro de 1864, a Allen Gardiner regresou a Terra de Fogo. Alí, a esposa de Jemmy Button, Lassaweea, confirmou que Jemmy morrera por mor da última epidemia que se estendeu durante o verán austral. O fracaso daquel idílico proxecto de Fitz Roy quedou definitivamente confirmado.

Os achados importantes

A pouco do regreso a Inglaterra da expedición do Beagle, Charles Darwin publicou un diario da súa viaxe, Diario dun naturalista ao redor do mundo. No mesmo relata de forma pormenorizada cada traxecto e cada achado científico, así como a vida de tribos primitivas cos seus costumes ancestrais, que cobran un valor incalculable tanto desde unha perspectiva científica como histórica e antropolóxica. Foi na Patagonia, en particular na Terra de Fogo, onde Darwin comprobou que ese territorio é extraordinariamente montañoso e parcialmente mergullado no mar. Tal observación propiciou a hipótese de que aquel lugar que atesoura profundas enseadas e baías, antes foron, probablemente, vales. Esa idea foi a causa de que Darwin defendese a existencia dunha alteración ou transformación tan profunda na xeografía destes territorios como logo puido comprobar coa súa colección de ósos de animais, terrestres e mariños, así como cos restos botánicos atopados nos xacimentos.

            Charles Darwin percorreu co capitán Fitz Roy e cos integrantes da tripulación do Beagle o actual Parque Nacional de Ushuaia en Terra de Fogo, practicando relevamentos e cartografando aqueles territorios.

Así me relatou o nacemento da súa idea da evolución naquela viaxe:

-“Mentres o Beagle permanecía fondeado na baía, eu aproveitei o tempo para cazar animais para a miña colección no actual Parque Nacional, onde se atopa o monte ao que Fitz Roy nominou como Darwin. A fauna era variada: ñandúes, guanacos, pumas, cervos e varias especies de armadillos. Preto da baía existía unha barranca que logrei escarvar obtendo unha importane cantidade de ósos de animais descoñecidos. Transporteinos ao barco para limpalos.

-“Que trae aquí o señor investigador?” -preguntoume Fitz Roy.

-“Fósiles, capitán”- respondinlle. Con auga e un cepillo limpei aqueles ósos.

-“Cal é o interese que ten vostede nestas ostras, pois o lugar está cheo destes animais?” -volveu intervir o capitán.

-“Así é, capitán. Pero o interesante é que non os saquei do nivel do mar, senón en grao sumamente alto da barranca. E alí non debía haber ostras, alomenos que haxa moito tempo que o mar estivese a ese nivel. Se fose así, ou o terreo subiu ou foi o mar o que baixou”.  

Mentres debatiamos sobre estes enigmas, o capitán sorprendeuse ao mirar o que parecía ser unha inmensa cabeza. “Que é iso, señor Charles?” -preguntoume. Tratábase dun animal similar a un rinoceronte. Quizais viviron aquí, pero sucumbiron nalgunha catástrofe.

-“Pois mire estoutro” -díxenlle-, que parecía o caparazón dun armadillo xigante, con máis dun metro de lado a lado. “Aínda debo catalogar todos estes ósos, pero confésolle, capitán, que o máis sorprendente é que nesta barranca non atopei ósos de ningún animal actual. Déixeme limpalos, estudalos e catalogalos, e logo pensaremos unha solución”.

 -“Claro que si, señor Charles -dixo o capitán. Pero déixeme dicirlle que hoxe fixo un descubrimento de fósiles de animais extintos que será lembrado. Quizais dentro de moitos anos, alguén constrúa aquí un museo co seu nome”.

-“Os días seguintes, eu seguía buscando restos de animais por aquela zona acompañado por varios compañeiros do Beagle. Un día baixamos á praia para remover a area ata chegar ao nivel da placa onde poder atopar pegadas de animais. E con moita facilidade atopamos moitas pegadas de animais, todos comúns a aquela zona, como guanacos, ñandúes, pumas e varios tipos de paxaros. En cambio, nesas placas non aparecía ningún animal que vivise na praia, como podían ser os mexillóns, as ostras, os caracois… A miña teoría era que cando se formaron aquelas pegadas non estaban ao bordo do mar. Isto quería dicir que ou o mar subiu ou a terra baixou. Arrisqueime a pensar que aquelas placas estaban lonxe do mar.

Ao día seguinte volvemos á praia buscando placas nas que achar novas pegadas. E descubrimos unha que nos impresionou. Tratábase de varias pegadas de pés tres ou catro veces máis grandes que as dun humano. Cada pé parecía ter un dedo moi grande en cuxa punta debía haber unha uña curva e moi poderosa. Non me coubo dúbida de que se trataba dun animal que camiñaba sobre dúas patas e que o seu tamaño debía ser moitísimo máis grande que o dun humano. Os meus compañeiros preguntáronme de que animal se trataba, pero eu estaba tan perdido como eles.

Tentei achar luz sobre aquel estraño fenómeno aplicando o método comparativo de pegadas baseado en que nun mesmo terreo, a superficie das pegadas dos animais son proporcionais ao seu peso. É dicir, que un animal que pesa o dobre doutro deixaría unha pegada de dobre tamaño. E así comparei o tamaño daquela pegada xigante coa dun guanaco da mesma placa. Pero a pegada deste mega animal era unhas vinte veces maior que a do guanaco, pero como era bípedo, o peso total apoiábase nunha pata por vez, mentres que un guanaco que camiña apóiase en dúas patas por vez, por iso a diferenza en peso debía ser de dez a un. E así calculei que pesaba oito veces máis que un humano e tiña aproximadamente o dobre da nosa altura. Podía tratarse dun humano xigante? Pensei que non, porque as súas pegadas eran totalmente distintas. Probablemente se trataba dunha especie desaparecida había miles de anos.

Por outra banda, naquelas placas non había vestixios de animais mariños, polo cal supuxen que naquela época esta zona non era costeira. E, probablemente, o mar debía estar a varias millas de alí. Por iso creo -díxenlle ao capitán e aos compañeiros da viaxe- que a creación ocorreu como mínimo había millóns de anos. Polo que entendo que Lielle tiña razón e que a Biblia non é tan exacta e precisa como se pensa. Eu non me cansaba de encher bolsas con fósiles para analizar, pois estabamos a pisar auténticos cemiterios de animais extintos”.

E non había na expedición ningún biólogo que explicase a razón daqueles fósiles? Ou mesmo o capitán, non tiña coñecementos daqueles achados? –pregunteille. 

“Non había ningún especialista no Beagle que fose experto nestas cuestións.  E eu tamén sabía que o capitán Fitz Roy era de mente aberta e definíase a si mesmo como un home de ciencia, pero o del era estudar as tormentas e como predicilas. Permanentemente facía predicións de presión, temperatura, humidade e dirección dos ventos tratando de atopar unha correlación entre os datos observados antes dunha tormenta. Nun momento de descanso nas nosas procuras de fósiles, o capitán dirixiuse a min con estas palabras: “Señor Charles, parece que atopou unha gran cantidade de restos de animais xa desaparecidos. Pero sabe tamén que aquí atopamos pedras volcánicas que teñen que vir dunha explosión a centos de millas de aquí”.

-“Eu estudei, capitán, moitos fósiles desta zona e atopei gran cantidade de animais extintos que están relacionados con animais vivos”.

-”Con todo -interviu o capitán-, en xeral, os animais desaparecidos eran máis grandes que os actuais. Que pode significar iso?”

-“Quizais antes do cataclismo había moito máis alimento que hai agora, respondínlle. Logo, quizais, todo quedou cuberto con cinza e faltou comida”.

-“Entón, como vostede me dicía antes, os animais grandes sucumbiron e chegaron outros de lugares afastados”, afirmou Fitz Roy.

-“Puidese ser, capitán. Pero agora ocorréuseme outra idea máis ousada: Quizais non todos desapareceron e algúns se foron transformando de xeración en xeración para adaptarse ás novas circunstancias. Algúns cambiaron de forma de vida, outros simplemente se foron achicando. Este seguramente foi o caso do armadillo do que atopei ese fósil xigante que debe pesar quince veces máis que o armadillo máis grande que hoxe se pode ver”.

-“A verdade, señor Charles, é que a súa proposta é moi ousada, pero paréceme moi orixinal. E déixeme que lle diga algo que apoia a súa teoría. Hai uns anos visitei a un amigo que se dedicaba á cría de cabalos de carreira. Díxome que usaba de pais aos que eran máis rápidos. E así os seus cabalos actuais eran moito máis rápidos que os cabalos de había cen anos. Sería algo así como que el seleccionaba os máis rápidos para que se producisen e dese modo cada xeración era máis rápida ca anterior”.

            -“Excelente exemplo, capitán. No caso do criador de cabalos é o propio criador quen selecciona os cabalos que van ter descendencia. En cambio, non teño tan claro cal sería o mecanismo no caso dos animais soltos. A pesar das miñas ousadías, aposto pola selección natural. Por exemplo: unha femia armadillo ten varias crías, con variedades de tamaño. As máis grandes non sobrevivirán porque non van conseguir alimento suficiente. Soamente as máis pequenas terán novas crías. Pero este mecanismo non pode transformar animais de forma tan rápida como para adaptarse a unha erupción volcánica, como parece xustificar vostede, capitán. Con todo, é sensato admitir que, quizais, non a esa rapidez teña lugar a transformación, porque moitas especies desaparecerían sen descendencia, pero o mecanismo que se lle acaba de ocorrer explica a adaptación a outros cambios non tan rápidos, aínda que igualmente importantes”.  

-“De que outros cambios me fala, señor Charles?”  

-“Pois, por exemplo, que o mar parece avanzar e retroceder moitas veces, e iso tivo que cambiar o ambiente de forma radical. Nese caso, só algúns animais poden adaptarse a un cambio no ambiente. E iso, capitán, ten algunhas consecuencias inesperadas. Unha é a Biblia, que no libro do Xénese, cando fala de creación, non parece que encaixe nesta teoría”.  

-“Esa cuestión déixolla resolver a vostede, señor Charles, que como pensa ser pastor debe coñecela mellor cá min”.  

-”Xa non penso ser pastor, capitán, pero a deriva á que me refiro é que non só hai especies de animais que desapareceron, senón que outras se modificaron creando novas especies”.

-“Niso concordo con vostede, xa que probablemente ese mesmo proceso siga ocorrendo de forma natural, similar a como fai o meu amigo o criador de cabalos”.

      Estou a darme conta que ti e o capitán estabades a poñer naqueles momentos as bases da teoría da evolución que vinte e cinco anos despois anunciarías na Orixe das especies. Charles sorriuse picaramente e deuse a volta.  Sabía que esa publicación lle causaría máis tarde problemas con Fitz Roy, con moi graves consecuencias para o    capitán.

A visita ás Galápagos

Estou convencido de que a túa visita ás illas Galápagos significou a clave definitiva para convencerte da evidencia da teoría da evolución que andabas perfilando.

-“Non podo prescindir do valor e relevancia da miña chegada a Punta Alta, que me permitiu almacenar un gran achado de fósiles xigantescos de mamíferos extintos, ata entón coñecidos por uns poucos exemplares. Eu recollía e formulaba simultaneamente observacións detalladas de plantas e animais, logrando resultados que sacudían a crenza de que as especies eran estables, e serviume de base para afianzar as ideas da evolución por selección natural.

O 15 de septiembre de 1835 arribamos nas illas Galápagos. Alí descubrimos aquel arquipélago ecuatorial do Pacífico composto por unha decena de illas volcánicas cubertas por milleiros de cráteres. En pouco máis dun mes, colleitei máis de 193 especies de plantas, 26 de aves terrestres, 15 de peixes mariños, 11 de aves zancudas e acuáticas, réptiles, insectos etc. Pero detrás destas cifras impresionantes escóndese unha realidade moito máis sorprendente aínda: moitas desas especies eran únicas no mundo. Máis incrible aínda: algunhas destas existen nunha illa do arquipélago e non nas outras. Desta forma, cada illa parece xerar especies que se adaptaron especificamente ao seu medio ambiente.

A nosa visita ás Galápagos sorprendeunos pola riqueza e variedade de plantas e animais que alí habitan como protexidos por un halo de misterio. Comprobamos que todas aquelas múltiples illas eran de orixe volcánica. Iso implicaba que de conformidade coa miña teoría, aquelas illas se elevaron desde o fondo do mar, unha teoría que tamén defendín sobre a Patagonia, se ben aquí nas Galápagos a explicación se debía a causa das erupcións.

            A primeira sorpresa produciuse ao observar unhas árbores pequenas, con tronco delgado e ramas moi finas pero sen follas. Enterámonos despois que estabamos diante do palo santo. A segunda sorpresa chegou da presenza de lobos mariños e pingüíns nun territorio de altas temperaturas, cando estes animais viven en zonas frías. Logo explicáronnos que a súa presenza se debía a correntes de auga fría que vén desde o sur de Chile.

            Aínda que as maiores sorpresas apareceron coas tartarugas. Unhas xigantes e outras máis cativas. Precisamente as xigantes chámanse galápagos porque teñen unha fenda na parte alta da súa cuncha con forma da cadeira de montar en Inglaterra, cadeira que leva o nome de galápago. Existen máis de catorce clases de tartarugas nas illas.

            Nas catorce illas máis importantes -tanto por extensión como por poboación- e nos máis dos dous centos illotes que forman o arquipélago, as especies diferentes de tartarugas que as habitan superan o número de catorce. Só na illa Isabel, unha das máis grandes, existen catro especies distintas. O distintivo que as identifica aparece marcado nas súas cunchas. Con soamente observar as cunchas pódese saber a que illa do arquipélago pertecen.

            Outro dato sorprendente e valioso foi a presenza dos pinzóns, aves semellantes aos gorrións, que proliferan nas illas pero que, igual que as tartarugas, forman especies distintas. Decatámonos de que en cada illa había unha clase de pinzóns. Nalgunhas convivían ata tres ou catro especies diferentes.

O arquipélago de Galápagos é excepcional porque manifesta un feito realmente sorprendente: as novas especies formadas nas illas separadas non se estenderon rapidamente ás outras illas, a pesar de que as illas están á vista unhas das outras. Sorprende que a distribución das illas do arquipélago, polas condicións do mar, crean unha distancia máis ampla entre elas.

O que as illas mostran é que se dúas especies están igualmente ben equipadas para as súas propias contornas na natureza, probablemente, terán os seus propios lugares e manteranse separadas por longos períodos de tempo. Temos como exemplo as aves das Galápagos que, aínda que estean ben adaptadas para voar de illa a illa, son distintas en cada unha. Hai tres especies estreitamente aliadas de cucuves, cada unha confinada á súa propia illa.

Deste xeito, durante as cinco semanas que pasei nas Galápagos, gardei todas as aves das illas na mesma bolsa, sen decatarme de que a localización de cada pinzón e de cada cucuve sería importante.

            Os especímenes colleitados nas Galápagos foron para min claramente unha fonte importante de inspiración, aínda que daquela non descubrín a evolución nas illas do devanceiro dos pinzóns que colonizou as illas Galápagos hai un millón e medio de anos.

  

Houbo un dato particular que me chamou profundamente a atención: en cada unha das illas que conforman ese arquipélago, situado a uns 900 quilómetros da costa de Ecuador, os pinzóns teñen un pico diferente.

Esta diferenza nas aves foi a que me fixo pensar que as especies non eran estables, senón que cambiaban as súas características físicas para adaptarse ás presións da contorna. Os diferentes picos son variacións adaptativas segundo os alimentos dispoñibles en cada unha das illas. O devanceiro de todas esas variedades chegou do continente ás illas hai ao redor dun millón e medio de anos. Iso apoia a miña teoría da evolución; as aves adaptáronse rapidamente aos recursos e alimentos dispoñibles en cada illa. As diferenzas tamén se evidencian no corpo, no comportamento e no canto dos distintos pinzóns.

Que curioso! Estás seguro de que todas esas especies diferentes pertecen á familia dos pinzóns?

-“Evidentemente. Cada especie era produto das condición naturais de cada hábitat: clima, xeoloxía, vexetación, recursos alimentarios… E así quedaron en cada illa os individuos máis fortes que se adaptaron a estas condicións. Observamos que no caso dos pinzóns, o tamaño e as formas dos picos eran diferentes en cada especie. Esa característica podía ser a razón da súa adaptación ao alimento e ao éxito na confrontación con outras aves na procura da supervicencia.

            Todas as explicacións e datos empíricos que Charles me acababa de aportar parecéronme convincentes e verosímiles, expresándolle que ao meu parecer as consideraba oportunas. En consecuencia, manifesteille de forma categórica que me convenceran os seus argumentos a favor da teoría da evolución.

            Antes de nos despedir daquela viaxe enigmática e máxica, e de agradecerlle as súas impagables e extraordinarias leccións, soliciteille que accedese a contestar a unhas preguntas que buscaban resposta a certas dúbidas miñas, aínda que seguramente eran preguntas incómodas para el. Aceptou amablemente e respondeumas con total sinceridade como veremos.


Outros artigos de Avelino Muleiro:

Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (III)”.O secuestro de tres foguinos

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”

Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””

Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.