Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

Viaxar reporta entusiasmo, satisfacción, afervoamento, xúbilo… porque a maioría das viaxes nos somete á necesidade de ter que cruzarnos con novas experiencias. Ao mesmo tempo predisponnos a coñecer realidades inimaxinables e contactar con persoas e situacións impensables; pero, sobre todo, créanos enorme ilusión e proporciónanos vivencias diferentes. Cando a viaxe te despraza á última cidade do mundo, como así se coñece a cidade de Ushuaia, a ilusión de verte recibido no seu colo agarimoso supera as expectativas máis optimistas previamente pensadas.
No momento no que o avión comeza a súa manobra de aproximación ao aeroporto e te ves a uns oito mil pés de altura, rodeado das nevadas montañas andinas que cercan a capital da Terra de fogo (Tierra de Fuego), a emoción comeza a avivar a fantasía previamente soñada. Acababa de aterrar en Ushuaia, a última cidade do mundo.

Unha vez instalado na hospitalaria e gallarda cidade de Ushuaia, iniciei un pequeno percorrido polo centro da cidade. Logo, achegueime ata o vello presidio, que alberga catro museos relacionados coa historia desta cidade, para coñecer a historia desta capital patagónica.
Ushuaia é a capital da provincia da Terra de Fogo. Foi fundada o 12 de octubre de 1884 polo militar arxentino Augusto Lasserre. Os primeiros poboadores foron cazadores e colleiteiros nómades de hai máis de once milenios. No ano 1902, o Goberno arxentino construiu en Ushuaia o célebre presidio que fucionou como cárcere nacional para os condenados máis perigosos. Aquel presidio contaba cunha liña de ferrocarril que transportaba aos reclusos aos campos de traballo situados no actual Parque Nacional de Terra de Fogo. En 1947, o presidio foi pechado por orde do presidente Domingo Perón. Na actualidade aquel ferrocarril foi modernizado para utilizalo como transporte turístico no Parque Nacional.
Despois da visita aos museos do presidio acerqueime a unha axencia de turismo para solicitar información sobre visitas programadas a lugares interesantes da cidade e da súa contorna, como monumentos, centros culturais e zonas turísticas famosas.

Ofrecéronme varias alternativas e medios de transporte para realizalas: canal Beagle, Parque nacional, territorios históricos… autobús, barco, tren, taxi… Dentro dos seus servizos dispoñían dunha visita especial, catalogada como visita enigmática, cun número de prazas excesivamente reducido e cun prezo específico -prohibitivo- pero acorde ao tipo de visita ofertada. Optei por esta visita e contratei o servizo.
Ao día seguinte, ás nove da mañá, seguindo as indicacións da axencia, presenteime na oficina de turismo ubicada diante da bocana do canal Beagle. Un home duns sesenta e poucos anos, barba mesta e cun estilizado sombreiro negro amansando a súa rebelde e insubmisa cabeleira nívea, miraba atentamente ás persoas que entraban e saían do local desde a butaca na que sentaba. Dirixínme ao persoal de información da oficina para presentarlle o meu contrato da viaxe misteriosa. Logo de selalo, unha señorita dirixiuse ao home da butaca e acompañouno ata min.
Aquela señorita presentounos polos nosos nomes. “Este é o turista contratante da viaxe enigmática de hoxe. Chámase Ave -díxo sinalándome a min e dirixíndose ao home que acababa de levantar da butaca-. E este é Charles, que vai ser o seu guía da viaxe”. Démonos a man cun sucinto sorriso á espera de iniciar aquela enigmática e misteriosa viaxe. Deseguido, a señorita colocoume un brazalete azul ionizado no meu brazo esquerdo, coa IA incorporada, e que cada pouco vibraba emitindo escintileos multicolor.
“Cando gusten, poden iniciar a viaxe”, manifestou aquela señorita. O enigma estaba a punto de descifrarse.

Fóra xa da oficina, Charles invitoume a seguilo. Camiñamos cara á bocana do canal sen saber moi ben cal era o destino ao que me conducía. Pregunteille a onde nos dirixiamos e contestoume que non o aburase, que estabamos iniciando a viaxe enigmática contratada. Pero antes de iniciar o percorrido convidábame a un té na tetería que tiñamos próxima á ruta que levabamos. Aceptei, pero díxenlle que eu era máis de café que de té. “Non hai problema -díxome Charles- porque aquí tamén serven un excelente café”.

Xa dentro da tetería, pregunteille se era arxentino e canto tempo levaba exercendo ese misterioso e singular servizo turístico. “Non son arxentino, nin sequera americano. Son de Gales e ando aquí cerca de dous séculos. Durante tantos anos aprendín moitos idiomas, entre eles o castelán, o chinés, o portugués…para atender aos turistas como corresponde”.
–Eu intuín que a miña viaxe enigmática acababa de empezar, pois despois de oír a Charles que levaba dous séculos habitando aquel territorio…!
–Non falarás tamén o galego? Interrogueille.
“O galego, o catalán, o hebreo, o francés…e moitos máis”, contestou.
Como ata daquela falamos en castelán, propúxenlle continuar a nosa conversación en galego, que aceptou con manifesto agrado.
“Aquí en Ushuaia todos me coñecen por Charles para evitar malos entendidos e sospeitas innecesarias como sería no caso de revelar o meu apelido de Darwin”.
Ahhh! Logo ti es o naturalista Darwin! Charles Darwin!
E como viñeches establecerte aquí desde hai tanto tempo? Non había daquela traballo en Gales?
-“Viñen nun proxecto científico do Reino Unido para investigar a xeografía, a antropoloxía, a flora e a fauna nesta parte da Patagonia. Era o momento en que Europa pretendía mapear o continente americano que comezaban a repartirse os países de Sudamérica; e mesmo algúns deses territorios eran pretendidos por países europeos. Formei parte da segunda viaxe do barco Beagle liderada polo capitán Robert Fitz Roy”.
–Pero como se che deu por embarcarte no Beagle, un modelo de barco coñecido como “bergantín de cadaleitos”, pois máis dunha vintena dese modelo se fundiron no mar?
-“Foi unha estratexia, unha táctica deseñada por meu pai para afastarme dos plans formativos e profesionais que tiña eu. Meu pai pretendía que me dedicase á medicina e fose médico. El vivía a súa profesión con profunda vocación e dignidade, e pretendía que eu fose médico rural para así poder axudar ás persoas con problemas de saúde e salvarlles a vida. Por tal motivo, empecei a carreira de médico. Mais, cando me enfrontei ás prácticas con pacientes non fun quen de soportar o sangue nin o sufrimento dos enfermos. Así que abandonei a Facultade de medicina nos primeiros meses de curso coa desilusión e a decepción consecuente de meu pai. Pasadas unhas semanas, aconselloume que me fixese pastor anglicano. Eu, para conformar e satisfacer a meu pai, decidín aceptar esa profesión, aínda que sen ningún convencemento nin vocación. Exercín como pastor algún tempo, pero non excesivo. Ingresei na universidade de Cambridge para graduarme de pastor anglicano, non obstante sentíame desbordado coas soporíferas clases de teoloxía e filosofía que recibía na Universidade.
Por tal motivo, sen desatender a miña formación pastoral, asistía ás clases de Xeoloxía do catedrático Sedgwick. Con todo, o máis importante para min naquela etapa foi a amizade co clérigo J. Henslow, catedrático de Botánica, a quen acompañaba nas súas excursións botánicas. Henslow foi, sen ningunha dúbida, a persoa máis importante na miña carreira naturalista.
A comezos de 1831, eu tiña aprobado o exame final; con todo, tiña que pasar outros seis meses na universidade para obter a titulación. O meu amigo Henslow logrou que durante ese tempo Sedgwick me nomease axudante seu para formarme en xeoloxía. Aquela ocasión abriríame o camiño do meu futuro”.
–E que foi, logo, da túa formación pastoral? Renunciaches a seguir por aquel camiño?
-“En contra do empeño de meu pai, esperanzado en que seguise a vocación relixiosa, decidín renunciar. Un día sentei con el para convencelo de que esa profesión non era moi diferente á medicina.
Cando eu era un adolescente, meu pai explicábame que o papel do médico consiste fundamentalmente en animar ao paciente á súa recuperación e a resignarse ante o sufrimento. Eu recuperei aquela conversación e tratei de demostrarlle que a misión do pastor anglicano non se distingue da actividade do médico, xa que en vez de tratar as enfermidades do corpo trata as da alma. Creo que aquel argumento encaixouno perfectamente e deume licencia para abandonar o meu traballo relixioso.
Pero pasaba o tempo sen que eu me decidise por unha profesión á miña medida e ao meu gusto. Así que meu pai comezou a preocuparse por min decatándose que os meses desaparecían do calendario sen que o seu fillo procurase unha profesión, un traballo ou simplemente saíse da casa. Que tramou? Chamou a meu tío para que me buscase un traballo. Meu tío era amigo de Robert Fitz Roy e recomendoume a el para que me dese traballo. Fitz Roy propúxolle a meu tío levarme con el nunha viaxe de investigación polo Atlántico e chegar á Patagonia”.

–Foi a túa liberación e a túa salvación!
-“Pois, si. Coincidiu co momento no que o teniente de navío da Armada inglesa Robert FitzRoy preparaba unha segunda expedición co paquebote Beagle para delinear mapas de navegación das costas da Patagonia e de Terra de fogo coa intención de que posteriormente se puidesen efectuar medidas cronométricas polo resto do planeta. Aínda que en medio de todo iso había un problema. Antes, FitzRoy solicitara ao Almirantado un xeólogo para estudar os terreos da Terra de Fogo. O matemático e astrónomo de Cambridge George Peacock foi o encargado de procuralo. Así que lle escribiu a Henslow para propoñer aquel posto de xeólogo a Leonard Jenyns, cuñado de Henslow e clérigo naturalista. Pero Jenyns, rexeitou a oferta. Entón, Henslow propúxose a si mesmo para o cargo, mais a súa muller non llo permitiu. Logo, Henslow pensou en min para tal misión. Foi unha situación moi curiosa. Henslow envioulle unha carta a Peacock propoñéndolle que eu formase parte daquela expedición do Beagle. Eu quedei emocionado coa invitación, pero non así meu pai, que se negou a permitilo. Foi entón cando busquei axuda no meu tío J. Wedgwood, quen convenceu a meu pai da grande oportunidade que eu perdía de poder coñecer a Natureza con todos os seus ingredientes. Ao principio, meu pai imaxinou que era unha treta miña para non estudar medicina, deixar a función de pastor e non facer carreira ningunha. Non obstante, debeu pensar que esa viaxe de investigación xeográfica, etnolóxica, naturalista… podíame servir de formación e méritos para ser profesor universitario. Así que non só me concedeu o permiso para embarcar no Beagle, senón que me pagou a viaxe e mesmo me costeou un criado como axudante. O que non sabía el nin eu era que a expedición duraría catro ou cinco anos”.
–Que momentos máis emocionantes debeches vivir naquela viaxe!
-“A misión do Beagle era cartografar para o Almirantado británico gran parte dos continentes, Illas, ríos e mares do planeta. E iso era algo que me emocionaba. Cando cheguei aquí por primeira vez a estas terras, no ano 1834, quedei abraiado cos habitantes destes territorios foguinos. Creo que nesta parte extrema de Sudamérica era onde o home se atopaba nun estado de progreso máis baixo que en ningunha parte do mundo. Por iso, a principal conclusión á que cheguei naquela expedición foi que o home descende dalgunha forma inferiormente organizada, e que me daba que pensar que aquela idea miña sería excesivamente desagradable para moitos. Pero dificilmente teremos a menor dúbida en recolectar que descendemos de bárbaros. O asombro que experimentei no primeiro grupo de foguinos que vin na miña vida nunha destas áridas e silvestres ribeiras nunca o esquecerei, pola reflexión que inmediatamente cruzou a miña imaxinación observando que tales eran os nosos antecesores”.
–Seguramente daquela comezaches a deseñar na túa mente a futura teoría da evolución. Eran tan bárbaros, como dis, aqueles habitantes da Patagonia?
-“Aquí en Ushuaia había cazadores e colleiteiros nómades desde hai máis de once milenios, que chegaron a pé desde o norte ata a illa Grande da Terra do fogo. Estes grupos estaban emparentados cos tehuelches do continente, xurdindo os pobos ona e haush. Desde os arquipélagos occidentais da Patagonia chegou outra onda de poboadores, os nómades do mar, iámanas e kawésqar. A forma de vida destes primeiros poboadores fíxome reflexionar sobre os cambios morfolóxicos e culturais que se observaban en cada un destes individuos. Pero esa idea non a fixen pública ata finais da década de 1850”.
-Pero, cando iniciastes esa segunda viaxe do Beagle na que participaches ti?
-“A finais de 1831 o Beagle zarpou de Devonport (Plymouth, Inglaterra) rumbo á súa nova misión. Pero antes de zarpar, FitzRoy regaloume o primeiro volume dos Principios de Xeoloxía, de Charles Lyell. Ese libro representou unha enorme axuda para min, pois como dixen anos despois: A metade das miñas ideas proceden do cerebro de Lyell”.
–Eu estaba abraiado atendendo con tanto interese as confesións de Charles Darwin. Mais chegado ese momento, el decidiu saír da tetería para iniciar in situ a visita enigmática programada. Da mesma seguiremos reflexionando máis tarde.
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”
Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””
Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””
Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””
Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””
Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “
Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””
Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”
Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.