Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

Despois dun breve reseso, o presidente da asemblea inicia a segunda parte do debate.
Intervén Jean Baudrillard, despois da autorización do presidente.
“Despois do polémico debate creado nas intervencións anteriores sobre os problemas nos que entrou a ontoloxía no pensamento posmoderno, eu propoño unha nova ontoloxía para esta época, que catalogo como “era da simulación”. Consiste en describir como o mundo real deixa de existir sendo remprazado por unha metafísica da simulación. Isto explica que a realidade para min xa non é accesible directamente, senón só a través dos signos e das representacións que a simulan. Xa coñecedes a miña teoría sobre esta sociedade posmoderna pola que están trasitando actualmente os habitantes da caverna terreal. Nesa sociedade, especialmente nas culturas tecnoloxicamente avanzadas, a conciencia perde a capacidade de distinguir entre a realidade e a fantasía. A que se debe iso? A que son os medios de comunicación e as tecnoloxías quen modelan e filtran a forma en que se perciben os acontecementos e as experiencias. Sabedes que eu califiquei ese fenómeno como “hiperrealidade” e “simulacro,” suxirindo que nesa sociedade, a realidade está sendo reemprazada por representacións e simulacros dela mesma. Iso significa que os signos e as imaxes asaltaron o territorio da realidade obxectiva, creando un mundo no que a distinción entre o real e o ficticio se volve indistinta. Expliqueino no meu libro Da sedución. Nel exploro a idea de sedución como un feitizo que desvía o sentido e a realidade. A sedución opera nun dominio simbólico, o cal reflicte a disolución do principio de realidade.

Todos coñecedes tamén as miñas críticas ao consumismo e ao capitalismo. Os cavernícolas andan ultimamente na procura do consumo, de aparellos e de mercadorías. Todas estas buscas non só satisfacen as súas necesidades materiais, senón que tamén cumpren funcións simbólicas e sociais. Agora mesmo, os individuos da caverna coñécense e defínense polo que compran e posúen, e estando así alienados polas mercadorías, van arrastrados a unha carencia de realización.
O marxismo mantén que as necesidades humanas non son naturais, senón que son creadas pola ideoloxía capitalista. Dese modo, as persoas considéranse meros portadores de estruturas semiótico-sociais, e as súas necesidades existen porque son necesarias para o sistema. O individuo é recluído nun sistema pechado de signos, principalmente relacionados co consumo, e a súa liberdade realízase só a través da destrución dos obxectos de consumo.
E aquí conecto coas anteriores intervencións sobre a linguaxe. Na niña opinión, os obxectos adquiren significado a través das súas relacións con outros obxectos e con outros signos. A sociedade organízase mediante o significado social que se atopa no intercambio de signos, e a xerarquía de signos diferenciais resulta fundamental para o control social.
Deixo estas ideas para que sexan valoradas polos habitantes da caverna terrestre nesta festa da filosofía, porque estou seguro que accederán a elas a través da retransmisión que realizan as cámaras aquí presentes”.
Coa autorización de Kant, Gianni Vattimo pretendeu centrar o debate sobre a filosofía e sobre a razón e a ciencia.
“Pretendo ratificar e reforzar unha idea que levo defendendo durante décadas. Na filosofía, como na vida, non existen verdades absolutas nin fundamentos últimos. Iso permíteme soster a fragmentación da historia e a imposibilidade de narrala como un relato unitario, pretendendo demostrar así o colapso da modernidade. A min catalógaseme como impulsor do pensamento débil. No debate aguzáronse as disputas sobre a ontoloxía, ás que me quero sumar. A ontoloxía representa para min a idea de ser. A miña considérase pola gran maioría de filósofos unha ontoloxía débil, porque considero o ser como un proceso e non como algo fixo. O ser aparece e ocúltase a través do tempo. Hai que consideralo como un acaecemento histórico e non como unha esencia eterna.

Nesa mesma perspectiva entendo a verdade. A verdade non é algo que se poida demostrar ou fundamentar racicionalmente, senón que xorde e se constrúe a partir de tradicións culturais e de experiencias vitais. A verdade é, xa que logo, relativa ao contexto histórico e ao horizonte interpretativo. E non hai verdade mellor ou peor que outra, senón diferentes verdades que poden dialogar ou chocar.
Así mesmo, rexeito identificar a razón coa razón científico-técnica. Algúns posmodernos rehusamos concibir ao home como amo da natureza, é unha sensibilidade que conecta co ecoloxismo como reacción contra os efectos destrutivos da dominación tecnolóxica na natureza e como procura de formas e culturas alternativas para vivir e habitar o mundo.
Quero poñer énfase tamén no paradigma da multiplicidade. Fronte ao paradigma da unidade, manteño a idea de que o mundo non é un, senón moitos. Estou convencido de que a filosofía é un discurso da linguaxe de todos os días, da linguaxe natural. A filosofía é máis un discurso edificante que un discurso demostrativo, xa que se orienta máis á edificación da humanidade que ao desenvolvemento do saber e ao progreso dos coñecementos. Edificante non significa antiteorética, isto é, non significa que non se produza progreso de coñecementos na edificación (de si mesmo e da humanidade), significa máis ben que non é este o único ou o principal obxectivo”.
Rematado o discurso de Vattimo, érguese Gilles Deleuze esixindo intervir. Recibe a autorización presidencial.
“A miña aportación nesta festa da filosofía non é outra que a que levo defendido constantemente. Creo que a filosofía ten que defender a diferenza e a multiplicidade, rexeitando a idea dunha unidade ou identidade fixa. Para min prima o concepto de devir, salientando o proceso e o cambio sobre a estaticidade do ser. Así que propoño unha ontoloxía inmanente, onde o ser queda fagocitado no devir e liberado da súa condición de fundamento. Iso implica que a realidade non posúe un fundamento trascendente, senón que é dinámica e está en constante transformación.
Non nego a obxectividade nin a verdade obxectiva, máis ben levo a cabo a redefinición da realidade e do ser en conceptos de procesos e diferenzas. Non defendo o irracionalismo nin a desobxectivación desa realidade, senón que esixo unha comprensión máis profunda e complexa da mesma. O devir constitúe na miña opinión a base da filosofía da diferenza, onde esta non é un elemento discriminatorio para representar a identidade, senón a condición de toda determinación. Iso implica que o pensamento debe adaptarse a unha realidade en constante cambio e diferenciación en lugar de buscar unha identidade fixa ou esencial. Esta teoría persoal implica que o concepto de “devir” é unha crítica directa á filosofía tradicional que se fundamenta na estaticidade do ser, na representación e na trascendencia. Eu propoño no seu lugar unha realidade dinámica, inmanente e diferenciada en constante transformación. Neste senso, comparto a filosofía de Heráclito de Éfeso (s.VI a.C.), pero non a de Parménides de Elea (s. VI a. C.) nin a de Platón (s. V-IV a. C.). Teño que criticar a teoría das Ideas de Platón por establecer unha dualidade entre o mundo das esencias (as Ideas) e o mundo das aparencias (as copias ou imitacións). Esta dualidade serve para seleccionar e lexitimar certas formas de ser a expensas doutras, o que leva á exclusión dos “simulacros” (falsos pretendentes) e á afirmación das “copias” (imitacións lexítimas) das Ideas. O platonismo subordina a diferenza á semellanza e iso conduce a unha filosofía que prioriza a representación e a identidade sobre a diferenza e o devir en si mesmos.
Tampouco comparto a filosofía de Descartes, que propón a dualidade suxeito-obxecto, que é central no racionalismo cartesiano. Esa dualidade establece unha separación entre o suxeito pensante (res cogitans) e o obxecto pensado (res extensa), que vexo como unha limitación do pensamento a un marco de representación e fundamento. A filosofía é esencialmente problemática. Os problemas e paradoxos teñen unha realidade obxectiva e non son meramente subxectivos. Isto significa que a realidade en si é captada polo pensamento a través do problemático, o que xera a diferenza e a diversidade ontolóxica e epistemolóxica
E remato. Para min a diferenza é anterior á identidade. As cousas diferénzanse entre si antes de se identificar como mesmas”.
As solicitudes de palabra multiplícanse na bancada posmoderna. Zygmunt Bauman, Paul Feyerabend, Jean François Lyotard, Richard Rorty… intentan lograr a benevolencia do presidente para poderen participar no debate. Pero Kant proponlles elixir un representante como portavoz de todos eles porque o tempo se esgota. Despois dunha breve reunión, os alporizados optan por Paul Feyerabend para seren representados na súa intervención. Notificada a elección á asemblea, Bunge móstrase encantado por esa elección.
“Feyerabend comeza agradecendo aos seus compañeiros a súa elección como portavoz. E a continuación comeza a súa exposición.
“A min catalóganme como represente do anarquismo epistemolóxico por cuestionar as bases tradicionais da metodoloxía científica. Non me sinto ofendido. Creo firmemente que non existe un método científico fixo e universal que poida guiar as investigacións científicas, como se demostra en Galileo ao utilizar enfoques non convencionais e contraintuitivos. O monismo metodolóxico considera que unha única metodoloxía pode producir progreso científico, cando está demostrado que é absurdo e limitante. Tal como expresei no meu libro Contra o método, sigo defendendo a miña proposta metodolóxica: todo vale. Esta expresión non defende o caos ou a arbitrariedade na ciencia, nin é unha recomendación para abandonar todas as regras e normas, senón que se reduce a unha crítica á idea de que existen métodos e principios universais e fixos que guían a investigación científica. Non se deben crear restricións metodolóxicas universais porque calquera enfoque pode ser válido en certas circunstancias.

Reivindico o pluralismo teórico e metodolóxico porque a coexistencia de diversas concepcións do mundo e de métodos é esencial para o progreso científico. En contra do racionlismo crítico e do positivismo lóxico, defendo a presenza da metafísica e do mito na ciencia. Os métodos científicos están asociados a formas de vida, a tradicións do coñecemento e a recursos económicos e tecnolóxicos, o que fai imposible un método universal. A ciencia é como unha tradición alternativa entre outras moitas e está conectada co mito, coa arte e coa filosofía. Non existen límites á imaxinación e, polo tanto, cada investigación científica dispón dos seus propios criterios de validación. A ciencia é unha empresa multilateral e a anarquía e a inconsistencia teñen sido fontes de innovación e progreso científico. É o que quería dicir”.
O presidente agradece a intervención de Feyerabend e autoriza unha nova intervención de Mario Bunge, advertíndolle que se ateña a asuntos tratados anteriormente e non a novas propostas. Bunge xustifica esta nova intervención por un tema que afecta a varios posmodernos, algúns deles interviron antes no debate.
“Intento denunciar a manobra e a utilización da linguaxe na filosofía por boa parte dos posmodernos aquí presentes. Houbo un caso famoso desa utilización manipuladora a finais do século XX. Cóñece como “o escándalo Sokal”.
No ano 1996, Alan Sokal, profesor de física na Universidade de Nova Iork, enviou un artigo pseudocientífico para que se publicase na revista posmoderna Social Test. Pretendía demostrar que unha revista de humanidades lle publicaría un artigo ateigado de disparates sempre que soase ben o tema e avalase os prexuízos ideolóxicos dos editores contra as ciencias empíricas. O artigo titulábase “A transgresión das fronteiras: cara a unha hermenéutica transformativa da gravidade cuántica”. O texto sostiña a alucinante tese de que a gravidade cuántica era un construto social; que a gravidade existe só porque a sociedade se comporta como se existise, pero se a sociedade non crese nela non tería ningún efecto real.
O mesmo día da súa publicación, Sokal anunciaba na revista Lingua Franca que o artigo que escribira para Social Test era unha trampa. O escándalo académico foi sensacional. E Sokal declarou que o seu artigo era un pastiche de xerga posmoderna, un rotundo disparate tecido con recensións aduladoras, con citas grandilocuentes fóra de contexto, e que se asentaba nas citas máis estúpidas que puido atopar sobre matemáticas e física presentadas por universitarios de humanidades calificados posmodernos.
Sokal estaba frustrado co que percibía como un abuso da terminoloxía científica por parte de intelectuais posmodernos nas humanidades. Algúns criticaron a falta de rigor e os rumbos ideolóxicos nas publicacións de estudos culturais, mentres que outros, como Jacques Derrida, Baudrillard e Feyerabend acusaron a Sokal de simplificar excesivamente o posmodernismo e de non soster os seus argumentos. Non obstante, Sokal estaba motivado pola súa percepción de que a esquerda liberal fora infiltrada por intelectuais que utilizaban unha linguaxe escura e baleira para xustificar os seus argumentos”.
Rematada a intervención de Mario Bunge, Immanuel Kant pregunta ás bancadas das filosofías antiga, medieval e moderna se desexan manifestar algunha opinión, o máis breve posible, sobre o debate dos posmodernos.
Platón aceptou o reto:
“Ansío expresar a miña decepción cos posmodernos ante ese pensamento fráxil (líquidooo!, vociferou Zigmunt Bauman desde o fondo do auditorio…Débil!! gritou Gianni Vattimo) que, imaxino, terá desconcertados aos cavernícolas terrestres. As alusións á miña filosofía por parte de Gilles Deleuze revelan a falta de rigor do seu pensamento”.
E Aristóteles non foi máis benévolo nin indulxente coa posmodernidade, á que criticou a súa visión fantasmagórica e irreal do mundo, así como a crise da súa supervivencia, sempre inmersa en escaramuzas infantís, coa perda irreparable dunha ontoloxía que aporte explicacións da realidade.
O grupo medieval non se manifestou, posiblemente para non crear animadversión con ningún grupo e pensando en futuros debates. Os que si se manifestaron alporizados foron os modernos ilustrados. Leibniz, Malebranche, Hume, Bacon, Locke, Descartes, Pascal, Feuerbach, Spinoza… que, exasperados, pretendían intervir, pero Kant autorizou a Descartes representalos a todos.
“Estou absolutamente abraiado -manifesta Descartes- ante tanta lixeireza, tanta frivolidade intelectual, tan pouco respecto pola historia e tanta confusión ideolóxica. Causades tanto dano irreparable para os habitantes da caverna terrestre que, coas vosas ideas, desprazádeslles o libro á pantalla, expulsádeslles a palabra para meter a imaxe, eliminádeslles a razón para colocar no seu lugar a imaxinación, destituídeslles a realidade para coroar o simulacro. Grazas ás vosas ideas, así andan de desorientados os habitantes da caverna”.
Rematada a severa censura pública de Descartes aos posmodenos, Kant reclama a presenza de Hannah Arendt para que proclame publicamente as conclusións máis salientables do debate. Hannah acude ao lado do presidente:
“O debate deixounos algunhas conclusións bastante ben definidas e precisas. Unha delas certifica que a filosofía posmoderna transformou profundamente as relacións humanas e sociais na caverna terrestre. Os seus habitantes, os cavernícolas, seguindo as ideas de pensadores posmodernos como Baudrillard, Foucault ou Derrida -precisamente estes participaron no debate de hoxe-, cuestionan os conceptos tradicionais de autoridade e de verdade. Por esa razón asumen que a verdade é unha construción social onde as estruturas de poder determinan o que se considera verdade. Iso explica que entre os cavernícolas se impuxese a mentira, desprazando á verdade dos discursos sociais e políticos. A política revalorizou a mentira, cambiándolle a estética desde unha semántica eufemística: a mentira xa non é un engano ou unha falacia, senón un cambio de opinión.
Unha segunda conclusión, que emerxe nesa mesma liña, é a modificación da lóxica binaria tradicional, así como das súas extensións no ámbito sociolóxico, ético e antropolóxico. E así, en lugar de masculino-feminino, home-muller, bo-malo, verdadeiro-falso…naceron e proliferaron complexas e múltiples categorías intermedias que están documentadas e inscritas nas novas notarías dos movementos sociais como son o feminismo, o ecoloxismo, o multiculturalismo…
Unha terceira idea relacionada coa posmodernidade é a aposta pola individualización e a diversificación, onde os individuos buscan distinguirse como individuos e diversificarse como xénero en lugar de homoxeneizarse co conxunto social. Por tal motivo, a sociedade aparece máis atomizada e as identidades persoais son máis valoradas que as colectivas.
O cambio de modelo posmoderno arrastrou ao valor e á finalidade do coñecemento, pois deixou de ser unha perfección e un ben do ser humano para desprazarse a unha mercadoría, xa que a educación e a investigación están cada vez máis influenciadas por intereses económicos.
Unha última conclusión, que xa foi comentada no debate, reflicte o golpe co que o pensamento posmoderno lle conculca á lectura e aos libros, en atención, favor e cortesía coas imaxes e pantallas”.
Rematada a intervención de Arendt, Immanuel Kant, antes de clausurar o acto, lanzou unha mensaxe aos cavernícolas terrestres: “que se afeccionen e encariñen coa filosofía, porque é a que lles permite coñecer a realidade na que viven e a que mellor lles garante unha vida máis feliz. Que erradiquen das súas relacións a mentira, a bulimia consumista e os enfrontamentos bélicos”. E, deseguido, deu por finalizado o acto solicitando un brinde pola celebración do debate e para poder celebrar a festa da filosofía no próximo ano.
Outros artigos de Avelino Muleiro:
Avelino Muleiro: “A Festa da Filosofía do 2024 (I)”
Avelino Muleiro: ” A terapia da paciencia “
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (II)”
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (I)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (II)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (I)”
Avelino Muleiro: “Marisa Crespo: Da modestia á excelencia”
Artigo: “Avelino Muleiro: “O triunfo da vulgaridade””
Artigo: ” Avelino Muleiro. ” A vida, un xogo total”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada” “
Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”“
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”
Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””
Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””
Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””
Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””
Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “
Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””
Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”
Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.