-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

Homo sum, humani nihil a me alienum puto (Publio Terencio Africano)
Unha das fascinantes seducións coas que invita Luxemburgo ao visitante é a veciñanza fronteiriza. A poucos quilómetros de calquera punto no que nos atopemos dentro deste país, tropezamos cunha fronteira de Alemaña, Bélxica ou Francia. Talvez, nese sentido, Luxemburgo podería elixir entre os seus lemas turísticos a célebra expresión orteguiana da súa identidade: “yo soy yo (Luxemburgo) y mis circunstancias” (circum- stare: o que está ao meu redor). No mes pasado, durante a miña estancia nese país centroeuropeo, tiven o privilexio de cruzar dúas desas fronteiras: a alemá e a belga -a francesa quedou aprazada para unha próxima ocasión. A primeira, para visitar Trier (Tréveris), e a segunda para coñecer a extraordinaria abadía cisterciense de Orval, famosa pola súa historia trapista, pero tamén pola fabricación de cervexa, coa marca Orval, moi estimada e consumida en todos os Países Baixos.
Un motivo polo que decidín ir a Tréveris foi o de poder visitar a casa onde nacera o gran ideólogo Karl Marx e na que o mentor do comunismo pasara a súa nenez e mocidade. E, abofé, que valeu a pena facer esa viaxe.
En Tréveris, no número 10 de Brückenstrasse está a casa onde o 5 de maio de 1818 naceu Karl Heinrich Marx. É un edificio barroco, de 1727, inaugurado como museo en 1947 e remozado en 2018, pero que conserva o encanto dun edificio burgués da época.

Casa-museo de Karl H. Marx
A oitocentos metros está a Basílica de Constantino, construída no ano 310, que foi sala do emperador Constantino e que no século XVII se integrou no Palacio Electoral, de estilo rococó, residencia dos príncipes electores.

A contorna do edificio xa incita a entrar naquela casa sorprendendo ao visitante nas rúas próximas con semáforos que nas súas caras reproducen a figura de Marx -verde, amarela ou vermella- para regular o tráfico.
Unha vez dentro da casa, previo pago da visita, asoma un itinerario para visitar distintas salas distribuídas en tres plantas. Cada sala ofrece temas variados, con fotografías, videos e libros relacionados coa temática concreta de cada dependencia. As tres áreas principais están dedicadas a diferentes aspectos da figura de Marx.
Na planta baixa, aparece a Biografía de Marx en Trier, a súa familia e o seu exilio en Paris, Bruxelas, Colonia e Londres. Na sala da esquerda desa planta está un libro de visitas no que se pode asinar e deixar mensaxes. No segundo piso, descubrimos a obra escrita de Marx coas súas publicacións como filósofo, economista e periodista. Podemos ver unha páxina orixinal das Teses sobre Feuerbach, así como algúns documentos relacionados co Manifesto comunista. No terceiro piso, a exposición está centrada no impacto global como efecto da influencia ideolóxica de Karl Marx, erxpresado nas rebelións sociais e políticas, así como nos movementos aparecidos tanto durante a vida do filósofo como nas revolucións obreiras e nas ditaduras posteriores que se inspiraron no seu pensamento. O edificio dispón ademais dun patio interior, no que está ubicado o busto do ideólogo realizado polo seu bisneto Karl-Jean Longuet, e dun xardín no que entre céspede e flores emerxen varias esculturas.

Von TRIER in de WELT (De TRÉVERIS ao MUNDO)
Eu pretendín interactuar co propio ideólogo alemán e non só observar os temas estáticos e inalterables de cada compartimento. Por iso acudín á Intelixencia Artificial para que me ofrecese a mellor alternativa de poder interactuar directamente con Karl Marx. E a IA conseguiu agasallarme cun sistema interactivo, estratexicamente seductor, aínda que non me quixo desvelar as bases nin as claves do seu funcionamento. Pero con aquel inusitado segredo iniciei a visita.
Ao entrar na primeira habitación, oín unha voz grave, seca e bastante discorde que me saudaba. Era Karl Marx que afablemente me daba a benvida. Procuraba velo, mirando a un lado e a outro, pero a IA só me permitía oír a súa voz. Así que despois de responder amablemente ao seu saúdo, preguntoume a que se debía a miña visita á súa casa e que me interesaba saber sobre el e sobre a súa vida. Respondinlle que o primeiro que me gustaría coñecer eran as súas lembranzas daquela casa, daquela cidade e, sobre todo, os recordos da súa propia familia. E, deseguido, comezou a contarme:
“Eu nacín nesta cidade de Trier (Tréveris) o 5 de maio de 1818, co nome de Karl Heinrich Marx. A miña familia era xudía por parte de nai e de pai. Meu avó paterno, Mar Leví, foi rabino en Tréveris. A miña avoa materna, Eva Moses, era xudía tamén. Meus avós tiveron unha ampla descendencia, entre os que sobresaíron Samuel e Hirschel, os únicos que fixeron estudos superiores. Samuel fíxose rabino, ocupando o cargo de seu pai en Tréveris, e Hirschel, meu pai, cursou a carreira de xurisprudencia, desempeñando a profesión de avogado e de Conselleiro de xustiza nesta mesma cidade.
Meu pai, Hirschel, casou con Enriqueta Pressburg, miña nai, unha xudía holandesa que contaba entre os seus devanceiros con toda unha serie de rabinos. Este matrimonio foi considerablemente prolífico, porque tivo nove fillos, aínda que no momento de distribuir o seu legado só viviamos catro: eu -o único fillo varón-, Sofía, Emilia e Lisa.
Menos mal que a túa familia se adiantou a Adolf Hitler, porque de non ser así o destino dos Marx acabaría posiblemente engulido polo holocauto.
“Sería o máis probable. Pero aos seis anos de nacer eu, meu pai bautizouse para converterse ao cristianismo, cambiando simultaneamente o nome de Hirschel polo de Heinrich. O cambio de relixión de meu pai seguramente obedeceu ao temor dalgún Hitler coetáneo, porque coincidiu nun momento excesivamente crítico para o xudaísmo, cando nas provincias do Rin afervoaban unhas profundas crises agrícolas nas que se atacaba con odio e con violencia, perseguindo con rancor aos xudeus. O antisemitismo desatárase de forma perigosa para a integridade das persoas desa relixión. Por iso entendo perfectamente a actitude de meu pai para cambiar de relixión”.
Foi nesta mesma casa onde pasaches a túa nenez e xuventude?
-“Non. Ao pouco de nacer eu, meus pais cambiaron de vivenda para outra rúa desta mesma cidade, moi cerca da Porta Nigra. Esta casa, na que nacín, estaba alugada pola miña familia e dispoñía de cinco habitacións, mentres que a outra que alugaron despois tiña dez, o que significaba unha mellora importante para unha familia numerosa como a nosa. Daquela, meu pai xa gozaba dunha posición económica mellor como avogado. Pero eu decatábame que Trier era unha cidade pobre que marcou a miña infancia. Aquí vin as desigualdades que me impulsaron a buscar respostas posteriores”.

Porta Nigra
Como foron os teus estudos de infancia e xuventude nesta cidade? A que centros educativos asistiches?
“A primeira educación recibina de meu pai, na casa, con axuda de titores privados. Foi unha educación moi liberal porque meu pai tiña ideas liberáis e secularizadas despois de abandonar o xudaísmo. Posteriormente, ao cumprir 12 anos, ingresei no Ximnasio Estatal Federico Guillermo desta cidade, un colexio liberal e racionalista, onde completei a miña formación científica e humanística antes de ingresar na universidade. Neste colexio estudei tres linguas -latín, francés e alemán- ademais de matemáticas, física, química, xeografía, historia e filosofía”.
E como foi o resultado deses estudos? Imaxino que serías un bo estudante?
“Non tanto, aínda que acadei o diploma de graduado, previo exame final de graduación. Nese exame o tribunal propúxome este tema: Reflexións dun mozo antes de elixir carreira. O tribunal decatouse de que eu non andaba moi informado nin en relixión nin en historia. Pero a pesar desa incompetencia aproboume”.
Se te aprobou sería polos acertos do resto do exame… Porque creo que na redacción do exame sorprendiches ao tribunal cunhas afirmacións moi profundas e orixinais…
”Supoño que te refires a estas: “Non sempre podemos abrazar a carreira á que nos chama a nosa vocación; a situación que ocupamos dentro da sociedade comeza xa, en certo modo, antes de que nós mesmos poidamos determinala”. Eu escribín esas palabras no exame porque coñecía as intencións de meu pai para que estudase Dereito, especialidade que non me gustaba, pero como el era avogado sabía que imporía a súa decisión á miña vocación”.
Unha vez rematados os estudos secundarios, continuaches vivindo en Trier?
“Non, non. No ano 1835, meu pai matriculoume en Dereito na Universidade de Bonn. Pero a min non me gustaba o Dereito, e debo recoñecer que máis que estudar xurisprudencia, dediqueime á poesía, á vida social e, en definitiva, a facer “vida de estudante”. Durante aquel curso, adoitaba visitar o “Club da taberna”, unhas visitas que acabaron mal por mor da bebida e nas que cheguei a ser detido pola policía por tirar pedras contra unha farola; pero non foi un castigo moi severo porque estiven só un día no calabozo, e encima podía recibir a visita dos meus compañeiros. Naquelas tabernas coñecíanme polo alcume O moro, dada a cor negra do meu cabelo e a miña pel escura de xudeu. Ante un ano tan desastroso, meu pai decidiu cambiarme á Universidade de Berlín”.
Pois iríache mellor en Berlín que en Bonn?
“Antes de trasladarme a Berlín entrei en relacións formais cunha amiga da nenez, moi amiga de miña irmá Sofía. Unha moza encantadora, catro anos maior ca min. Ela tiña 22 anos e eu 18. Chamábase Jenny de Westphalen e formaba parte dunha familia de alto nivel social. Cando se enterou meu pai daquel amor de xuventude, apresurouse en matricularme de Dereito na Universidade de Berlín. Era o ano 1836 cando me traslado a Berlín, matriculado en Dereito pero asistindo simultaneamente a clases de filosofía, onde seguía moi presente a filosofía de Hegel, que fora profesor naquela Universidade ata que finou en 1831”.

Marx e Jenny von Westphale
E, ao final, remataches a carreira de Dereito?
“Permanecín cinco anos na Universidade de Berlín, de 1836 a 1841. Debo recoñecer que durante eses cinco anos cambiei absolutamente de actitude e experimentei unha transformación intelectual significativa. Aínda que entrei matriculado en Dereito, pronto abandonei a xurisprudencia para dedicarme á filosofía. E foron Ludwig Feuerbach, Bruno Bauer e o movemento dos xoves hegelianos os que me serviron de mestres e nos que me inspirei. Naquela Universidade procurei profundar no pensamento hegeliano e desenvolver un interese polo materialismo filosófico. Durante este tempo, escribín a miña tese doutoral sobre A diferenza da natureza en Demócrito e Epicuro, na que defendía o ateísmo deste último e citaba con rotundidade a soada frase de Prometeo na traxedia de Esquilo: “eu odio absolutamente a todos os deuses”. Por iso é polo que este personaxe mitolóxico foi para min o santo máis ilustre do meu calendario filosófico. Con todo, debido ás tensións con profesores conservadores da Universidade de Berlín, presentei a miña tese na Universidade de Jena. Así que non rematei a carreira de Dereito, senón a de filosofía”.
E a partir de aí, cales foron as túas actividades e o teu traballo? A que te dedicaches?
“Tras presentar a tese doutoral, pretendín iniciar unha carreira académica na universidade, pero as restricións políticas en Alemaña cerráronme as portas. Así que iniciei traballos de xornalista e crítico social. Casei con Jenny no ano 1843. Pouco despois vivín en París coa familia editando diferentes publicacións e as primeiras obras de economía e filosofía. En París coñecín a Federico Engels, co que publiquei A sacra familia e algunhas outras obras. Expulsáronme de Francia, no 1845, polas miñas críticas ao capitalismo e ao socialismo utópico, así que fomos vivir a Bruxelas. Despois publiquei A ideoloxía alemá e A miseria da filosofía”.
(A medida que iamos interactuando polas distintas salas, eu non perdía a información que permanecía estática nas paredes dos tres pisos. E ao observar nunha sala a imaxe da familia de Karl cos seus fillos, procurei obter información directa do protagonista daquela fotografía).
Observo nun panel deste piso que tiveches moita descendencia. Quero supoñer que debías estar moi enamorado de Jenny…
“Jenny era unha beleza inimitable. Despois de moitos anos de casados, cando eu regresaba a Trier para ver a miña nai, non había día que non pasease ao lado da vella casa dos Westfalia, a familia de Jenny, lembrándome daqueles tempos felices da miña xuventude cando aquelas paredes albergaban o meu mellor tesouro. E con calquera co que me atopase na rúa non deixaban de me preguntar pola moza máis fermosa de Trier. Para min era algo marabilloso comprobar como a miña muller seguía vivindo como icono dunha princesa encantada na fantasía de toda unha cidade. Nalgunhas ocasións contáballe aos meus fillos que naqueles anos de xuventude e de admiración pola súa nai, eu actuaba como un auténtico Rolando furioso. E daquel amor naceron os meus fillos”.
Polo que observo, a familia dos Marx era moi prolífica, porque ti tamen tiñas oito irmáns.
“Efectivamente. Eramos unha familia con moita descendencia. Non obstante, dos sete fillos nosos, catro morreron na infancia a causa das difíciles condicións polas que pasamos a familia -estabamos case na pobreza- e pola falta de recursos médicos. Así que só sobreviron tres mulleres: Jenny Caroline Marx (1844-1883), Jenny Laura Marx (1845-1911) e Jenny Julia Eleanor Marx (1855-1898). En cambio, finaron na infancia: Edgar Marx (1847-1855), Henry Edward Guy Marx (1849-1850), Jenny Eveline Frances Marx (1851-1852) e un varón que morreu no parto e por iso xa quedou sen nome (1857)”.
(Eu non quixen profundar na súa paternidade, pero tiven a tentación de lle preguntar por Frederick Demuth, fillo seu e de Helene Demuth, coñecida como “Lenchen,” empregada de fogar de Karl Marx e de Jenny von Westphalen. Ao final, atrevinme a formularlle a pregunta aínda que dunha forma que parecía inocente).
Que relación tiñas con Frederick Demuth? Coñecíalo? Teño lido algunha biografía túa na que aparece ese rapaz… E co que tamén se relacionaba o teu amigo Engels.
“Frederick era fillo de Engels e de Helen Demuth, a nosa empregada do fogar. Non obstante, Engels comentoume que non podía facerse cargo do fillo e entregouno a unha familia londinense. Non souben nada náis dese fillo do meu amigo”.
(Non quixen seguir percutindo na ferida que seguía supurando na memoria de Karl, pero eu coñecía perfectamente aquela historia… A realidade era totalmente distinta á que me contaba Karl. Engels fíxose cargo como pai de Frederick para que a figura pública de Marx non se vise deteriorada nin Jenny adoptase consecuencias matrimoniais non desexadas.
Pero naquel momento en que Karl me trataba de explicar aquela historia, decateime da hipocresía e da falta de responsabilidade dun ser humano que desfilaba polas pasarelas sociais de Europa e polos foros políticos de todo o mundo predicando e reivindicando a xustiza, a ética, os dereitos das persoas… E de súpeto caeu como un raio mental na miña memoria a lembranza da paternidade doutro ilustrado suízo, Jean Jacques Rousseau. Un século antes da constante negada paternidade de Marx, Rousseau fora pai de cinco fillos con Therèse Levasseur, unha modista amiga súa de orixe moi humilde. Rousseau non recoñeceu a ningún dos cinco fillos, pero enviounos a todos ao orfanato de París Les Enfants-Trouvés. A pesar dese desamparo indecoroso e procaz, publicou o libro titulado “Emilio, ou da educación”, co que trataba de dar leccións pedagóxicas e morais sobre a educación).
Ao chegar ao terceiro piso, mentres eu seguía reflexionando sobre a confabulación de Marx respecto á urdida paternidade de Engels, impactoume unha vella, pero ben conservada poltrona, que ocupaba o centro da sala. E por debaixo da poltrona emerxeu unha voz avelaíña que eclipsou totalmente a voz de Marx.

“Son Friedrich Engels e quero relatarche a verdadeira historia de Frederick Demuth. Karl pretendeu negar a súa paternidade de Frederick para evitar problemas conxugais con Jenny von Westphalen, a súa esposa. Prourei protexelo ante ela, pero tamén intentei salvar a súa reputación fronte aos seus inimigos políticos nun contexto de extraordinaria precariedade económica e persecución ideolóxica.
Eu recibín o 31 de marzo de 1851 unha carta de Karl na que me dicía: “A miña esposa atópase confinada na nosa habitación desde o 28 de marzo. O parto resultou doado, pero agora ela está moi enferma, por razóns máis burguesas que físicas. Para colmo, non atopo un penique na casa, só teño máis débedas do comercio minorista: carniceiros, panadeiros (…) Finalmente, para redondear un climax traxicómico, chega un segredo que che hei de develar en moi poucas palabras… Pero acabo de ser interrumpido; a miña esposa reclámame xunto ao seu leito de enferma, así que deixarei o asunto para a próxima vez no que ti xogas un importante papel. Teu, K.M.”.
O papel que Karl me asignou foi o de pai daquel neno. Así que me vin forzado a poñerlle o meu nome. Pero aconselloume entregar ao seu fillo a unha familia adoptiva que lle deu o apelido Lewis para que a sociedade non investigase máis. Non obstante, cando finou a súa nai biolóxica, Helen Demuth, Frederick cambiou o apelido Lewis por Demuth.
No 1881, Jenny von Westphalen finara en Londres, aos 67 anos, por un cancro hepático, sen coñecer aquel escándalo do seu marido. O segredo mantívose ata 1895, doce anos despois da morte de Karl Marx. Naquel ano, cando a súa filla menor, Eleanor, se enterou de que tiña un irmán, pediume que lle confirmara o que ela cría unha afrenta á memoria de seu pai. Eu estaba agonizando por un cancro de gorxa que me imposibilitaba falar. Pero sacando forzas da miña enfermidade escribinlle nunha pizarra: “O verdadeiro pai de Freddy é Karl Marx, teu pai”. Eleanor suicidouse no ano 1898 e Laura imitou á súa irmá suicidándose ela e o seu marido Paul Lafarge en 1911”.
Despois desta horrorosa confesión de Engels, quedei cavilando en cales serían os derradeiros pensamentos de Marx sobre aquela poltrona na que finou en Londres o 14 de marzo de 1883.

A partir daquel momento no que Engels rematou a súa intervención, a voz de Marx cesou por completo. Descoñezo se o seu silencio foi consecuencia dunha reprobación ao seu amigo Engels pola información que me acababa de aportar ou por colapso da IA como estratexia para evitar desvelar máis segredos vergoñentos. Veremos que nos depara o resto da visita.
Polo de pronto, despois de matinar uns momentos sobre aquel personaxe histórico tan decisivo e determinante na historia da humanidade, pero con tantas eivas como ser humano, acudiron á miña memoria aquelas verbas de Publio Terencio: “Homo sum, humani nihil a me alienum puto”. E reflexionando sobre os problemas actuáis que afectan aos seres humanos -convivencia, guerras, explotación, pobreza…- deixeille un recado a Karl Marx no libro de visitas, modificando a mensaxe do final do Manifesto comunista: “Humanos deste planeta: Unámonos para acadar a liberdade e a paz”.
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo: “Avelino Muleiro: “Descubrindo o encanto de Luxemburgo””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A banalidade do eu””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A crise da democracia baixo as fráxiles ás de Ícaro””
Avelino Muleiro: “As Festas do Nadal e a súa rocambolesca evolución”
Avelino Muleiro: “Matar ao reiseñor”
Avelino Muleiro: “A Festa da Filosofía do 2024 (II)”
Avelino Muleiro: “A Festa da Filosofía do 2024 (I)”
Avelino Muleiro: ” A terapia da paciencia “
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (II)”
Avelino Muleiro: “O poderío demoledor da estupidez (I)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (II)”
Avelino Muleiro: “A felicidade, un estado cuántico (I)”
Avelino Muleiro: “Marisa Crespo: Da modestia á excelencia”
Artigo: “Avelino Muleiro: “O triunfo da vulgaridade””
Artigo: ” Avelino Muleiro. ” A vida, un xogo total”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Se a vida estivese programada” “
Avelino Muleiro:”Os novos Retablos das Marabillas”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”“
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”
Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””
Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””
Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””
Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””
Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””
Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”
Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”
Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”
Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “
Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””
Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”
Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.