Manuel Herminio Iglesias
Hai frases que delatan ás persoas. Frases que non aportan nada nun discurso político, mellor, que sacan a relucir a personalidade de quen as di e amosan a súa faciana agochada baixo un perfil de certa moderación. Claro que, ate no fragor dun mitin, unha persoa pode dicir algunha cousa que sae fora do discurso e meter a para. Mais cando se lee o que está escrito a cousa xa ten visos de dicir o que querías dicir. Ou sexa: falar sen pelos na lingua a sabendas do que dis.
Nestes días na loita verbal da política escóitanse frases ditas polos dirixentes das principais forzas do Estado, que mesmo parecen sacadas do pasado, si, do tempo da ditadura. Frases que lembran a aquelas como: “Los buenos españoles o la gente de bien…” Frases que clasifican ós cidadáns en bos ou malos, en decentes e indecentes, e esas frases díxoas quen pretende ser o presidente do goberno. Son desatinos que, no tempo en que vivimos, soan como moi disonantes e desafinados, dado que resultan insultantes para unha gran parte da cidadanía deste Estado. Pois ben, na comparecencia do Sr. Feijoo anunciando unha concentración dos seus partidarios contra o goberno do presidente Sánchez, soltou máis dunha destas frases. Goberno corrupto en estado de putrefacción, mafia etc. Unha gran parte da sociedade sabe que no devir diario da política empréganse moitas armas contra o adversario, mais tamén se sabe que moitos dos que acusan e agora falan de corrupción non son precisamente un bo exemplo. Pois nas súas filas si que houbo corruptelas xeneralizadas e hoxe aínda teñen cargos na cadea. Ah, e non eran unha nin dúas mazas podres. Eran un mundo sistémico; e moita a froita podre.
As comparacións moitas veces son odiosas, máis a sociedade cansada de tantas novas, esquece axiña moitos asuntos que encheron as páxinas dos xornais. Hai erros que matan a un goberno, e hai frases que dilapidan o valor e a credibilidade da oposición. O goberno de Sánchez ten algúns e importantes erros que o lastran. Mais clasificar en bos e malos, ou en decentes e indecentes a xente non é nada máis ca unha debilidade de quen pretende chegar á Moncloa. Pois cando non se presenta programa e se agocha o que se quere facer, é porque sábese de antemán que non vende e que non da réditos electorais. Vivimos tempos nos que algúns xuíces, non todos, están a dar a matraca por irregularidades administrativas, mais os que as denuncian como corrupción esquecen que pra irregularidades como a contratación de persoal eles foron e son os campións. Pois hai organismos públicos moi preto de nós onde se pode comprobar se facer moito esforzo. En fin, vivimos nun tempo de polarización política que soamente debuxa un país caótico, cando a realidade non é esa. Vivimos un tempo no que as ansías de chegar ó poder permiten, aliándose con medios que difunden medias verdades e mentiras e que traballan dunha maneira coordenada pra desnaturalizar á política e desa maneira buscar o enfrontamento social. E iso é moi perigoso. O PP xa parece a extrema dereita. Convocar á xente pra manifestarse contra o goberno é un dereito da oposición. Mais, clasificar ós cidadáns chamando ós que se consideran decentes é tanto como chamarlle ós que votan opcións políticas distintas indecentes. E iso aínda que non o pareza é un insulto ademais de ser un erro que pode ter consecuencias negativas para quen pensa que é un campión falado así.
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
Pode arredarse música e cultura da política?
Nas mans de ególatras e imperialistas
Soamente unha visión: a económica
O insulto no canto do argumento
Tempo de charlatáns e predicadores
Non todo vale pra acadar o poder
Ditadores coa faciana de demócratas
A opinión de Manuel Herminio: “Enfurruñados ou riquiños”
Quen fala dos problemas desta terra?
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política