Manuel Herminio Iglesias
Se os gobernantes son os que deben dar exemplo de ética e humanidade, dende hai un tempo, debido a diversos feitos e decisións políticas que se van coñecendo no mundo, a deriva cara unha deshumanización da política é evidente. Cando as persoas son tratadas como números e mercancías ademais de xogar coa súa dignidade sen pudor é un indicativo de que algo vai mal. O exemplo do que fai cos emigrantes un neto de emigrantes como é o presidente dos EE.UU. arrepía o corpo. Confinalos nunha illa chea de caimáns, andar á caza deles como se foran todos delincuentes e por riba mofarse deles, ven a demostrar a catadura dun presidente que, no fondo, actúa como un ditador. Afirmar que o que fai Netanyahu cós palestinos está moi ben, deixa ás claras que este señor é algo semellante un bárbaro que exerce o poder. Millóns de cidadáns no mundo sabemos como naceu o imperio americano. E como o fundaron emigrantes europeos sen papeis que foron machacando ós nativos ós que trataban como salvaxes. Tamén lembramos os tempos da escravitude. Pois ben, o trato que se lle dá hoxe ós emigrantes nese pais que se presentas como modelo do mundo, resulta insultante. Catalogar ás persoas como lixo, resulta tremendamente hostil e perigoso.
Supoño que moita xente lembrará como os nazis despersonalizaron e logo numeraron ós xudeus, pra despois eliminalos en serie nos fornos dos campos de concentración. Pois aínda que non o pareza, o narciso e ególatra Trump hoxe está a facer algo semellante cos emigrantes alcumándoos a todos como perigosos para a sociedade, e por eso quere pechalos en gaiolas como se foran animais. E o máis triste desta cuestión é o silencio de moitos países do mundo e entre eles bastantes europeos.
A emigración económica é un fenómeno social que existiu sempre na humanidade. E diso os galegos sabemos moito. E aínda que hoxe, aténdonos as leis de cada pais, hai que tratar de ordenar este fenómeno social da maneira o máis humana posibel, pensar que as migracións son soamente un fenómeno deste tempo é un erro que agocha no fondo un racismo enfermizo. Corren tempos de retroceso nos dereitos fundamentais das persoas. As leis internacionais son pisadas de maneira sistemática pola imposición da forza. A deshumanización gaña espazo, mentres o razoamento humano, reflexivo e prudente pérdeo fronte ós sentimentos e verborrea radical de odio ó diferente. Odio que só busca enfrontar as persoas. E cando soamente funcionan os sentimentos a reflexión e o sosego perden espazo. Polo que, cando eso acontece, créase un vento onde o conflito medra e o choque social é un feito. A chegada de Trump ó poder e a súa megalomanía imperialista está a facer moito dano no mundo actual. E como eso expándese como unha praga, hai preguntas que me asaltan. E unha delas é esta: como moita xuventude actual pode apoiar a formacións políticas que soamente berran difaman e insultan, mentres agochan o seu programa clasista e reaccionario? A deshumanización da política soamente nos leva cara a desigualdade e a pobreza social; a deshumanización só nos leva cara o enfrontamento; cara a pobreza moral e ética na sociedade. Feito que conduce á ruptura social. En fin, de seguir por este vieiro, logo virán tempos que auguran escuros acontecementos.
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
Tiranos con facha de demócratas
Pode arredarse música e cultura da política?
Nas mans de ególatras e imperialistas
Soamente unha visión: a económica
O insulto no canto do argumento
Tempo de charlatáns e predicadores
Non todo vale pra acadar o poder
Ditadores coa faciana de demócratas
A opinión de Manuel Herminio: “Enfurruñados ou riquiños”
Quen fala dos problemas desta terra?
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política
Lembrades a democracia organica?