Manuel Herminio Iglesias
Despois de coñecer o número de hectáreas arrasadas polo lume este ano, e de ver ós presidentes das comunidades afectadas culpando ó goberno central do asunto, lembro a pouca memoria que temos; pois os incendios no monte veñen de moi vello. Non é un asunto de hoxe. E aínda que neste ano a virulencia foi maior ca en anos anteriores, non podo menos que lembrar cando Feijoo estaba na oposición e mangueira man criticaba o bipartito que daquelas gobernaba en Galicia. Logo, despois daquelas eleccións nas que os seus lanzaron moitas mentiras e falsidades, chegou ó poder, e os incendios seguen ano tras ano queimando moitas hectáreas de monte e tamén arrasando pobos e aldeas. Polo que toda persoa un chisco sensata, si, sensata, sabe que o dos incendios teñen moitas causas pero a maior está no abandono do sector primario e a desvalorización do medio natural. O demais, como as propostas que fixo Feijoo, son medidas para a galería que nunca van arranxar o problema. Nos veráns do sesenta do século pasado, os poucos incendios que había eran provocados polas máquinas do tren ou un raio. O monte estaba coidado, pois era unha fonte de vida e cartos que axudaban a feble economía familiar. A madeira tiña moito valor. E en cada vila había, polo menos, un aserradeiro funcionando e a madeira tiña un bo prezo. A partires desa década foi cando apareceu, aínda que lentamente, a industrialización e a mellora en servizos. E moita xente dos pobos e aldeas optou, ou por emigrar a Europa, ou por traballar nas industrias ou ir ó sector servizos nas cidades. E dende aqueles anos o rural perdeu poboación dunha maneira continuada sen que ningunha administración lle puxese remedio o tema. Hoxe, despois de moito tempo o mundo rural, maiormente nesta provincia de Ourense, está en ermo e nel campan os toxos e as silvas. Pode que haxa quen lle plante o monte ou cometa imprudencias. Pode que haxa incendiarios, pero o tema hai que velo e interpretalo, pois moitos destes lumes son protestas encubertas pola situación de esquecemento dese sector primario. Polo que, despois de décadas gobernando o PP nesta terra, o fondo do problema sigue sen atallarse, e soamente se apaga o monte cando arde preto das vivendas e edificacións agrarias. Outra cousa non se fai. Polo que lembro cando o bipartito, sendo conselleiro Alfredo Suarez Canal, propuxo medidas concretas pra salvar e reactivar o mundo rural. Estou a falar das areas de protección de vivendas e edificacións; estou a falar dos polígonos agro forestais onde pretendíase ordenar o monte e valorizalo, e onde quen tivera o acordo do 51 por cen dos propietarios desa área podería obrigar os demais a poñer en producción ese espazo. Lembro tamén o Banco de Terras etc. Pois ben, daquelas os populares, os que repiten que a culpa desta vaga é do goberno central, opuxéronse nunha campaña moi dura contra esas novas. E fixérono argumentando que eran unha expropiacións encuberta das terras. E desta maneira segue a acontecer que o monte arde máis ca nunca. Entendo que en casos moi concretos fan falla as queimas controladas; tamén entendo que hai que investir en prevención, pois hai que facer corta fogos e limpezas cerca das vivendas e edificacións. Mais pensar que sen facer unha reestruturación a fondo pra poñer en valor o mundo rural, o abandono de aldeas e as terras seguirá medrando, e todo o que se gaste en apagar lumes dará moi pouco froito, pois repetirase verán tras verán. Esta é traxedia. Polo que Feijoo pode dicir misa, pois non ten creto, dado que os feitos cando estivo gobernando déixarono coas témporas o ar. Con todo o dito, deixo unha pregunta: Poden arranxar un problema estrutural os que negan o cambio climático e non cren no rural? En fin, aínda que non o pareza, hoxe precísase un gran pacto pra atallar a morte dese mundo rural do que sempre se fala e non se fai nada.
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
Licenciado pola universidade da vida
A deshumanización da sociedade
Tiranos con facha de demócratas
Pode arredarse música e cultura da política?
Nas mans de ególatras e imperialistas
Soamente unha visión: a económica
O insulto no canto do argumento
Tempo de charlatáns e predicadores
Non todo vale pra acadar o poder
Ditadores coa faciana de demócratas
A opinión de Manuel Herminio: “Enfurruñados ou riquiños”
Quen fala dos problemas desta terra?
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política
Lembrades a democracia organica?