O colaborador de badalnovas Manuel Herminio deixanos este artigo

Dende Seixo-Albo
Eu subín a Vilanova pra ver que acontecía e topei con tanta xente e vin tanta algarabía, que pensei que noutros tempos, noutro século vivía. Escoitei tocar a gaita, e cantar os alalás; vin bailar a xente moza e lembrei moitos oficios que xa quedaron atrás. Vin xente moi ben vestida, cós traxes tradicionais, e sentinme moi contento despois dun forte xantar. Eu subín a Vilanova para estar na Romaría e topei unha Galicia que lembra o seu pasado, que aínda está viva. Eu subín a ergueita torre e volvín pra casa ledo matinando no presente neste tempo tan incerto. Neste tempo que ameaza con borrar de onde vimos, o que fomos e o idioma que sentimos. Eu subín a Vilanova, estiven na Romaría, e atopeime tan contento que aturuxei de alegría.
Fago este comentario despois do día das letras Galegas e axiña bulen na miña mente un fato de lembranzas que lévanme a ollar, como se foxe hoxe mesmo, imaxes de tempos pasados cando andaba polos trinta anos. E despois de decatarme de como pasan e pesan as primaveras vividas, recordo cando en Seixalbo naceu e comezou a camiñar o grupo de danzas populares Castro Floxo. Tamén recordo cando este grupo se marchou da rúa de Amendo para o que hoxe é a rúa Seixalbo na casa dos Fernández Senra. Logo o seu paso para a Deputación provincial e os ensaios nun edificio do antigo Hospital nas Lagoas. Anos despois o nacemento da Romaría Etnográfica Raigame que xa vai pola 24 edición, pois a primeira que se montou foi no ano 2022. Esta festa, que xunta a milleiros de persoas que cantan, bailan e lembran un tempo moi distinto ó de hoxe, ten uns obxectivos moi concretos que se resumen en recuperar fitos do pasado, conservar as costumes desta terra así como promocionar o folclore e o idioma. Tamén lembrar e quitar á luz moitos oficios xa desaparecidos e, sobor de todo, eses que amosan esa rica artesanía que sae da mans da nosa xente. Si, desa xente traballadora que se buscaba a vida tecendo, ou na fragua mallando e modelando o ferro, ou a que o facía coas mans dándolle forma o barro e a pedra pra facer un santiño, unha cunca ou un botixo. Tamén topei unha festa onde o saúdo e a conversa son a base das relacións humanas. Onde se pode falar, pois a música que soa non impide a conversa, non hai amplificacións que abouxan. Unha festa que axuda a que medren as relacións que se tecen sen ter de por medio o balbordo e o ruído do decibelio festivo que tanto abonda na actualidade. En Vilanova a festa é distinta, pois pretende lembrar un pasado que coas súas virtudes e defectos formou parte da nosa existencia como pobo. Ten, tamén o obxectivo de lembrar a persoeiros da nosa cultura; homes senlleiros e ilustres que deixaron pegada na sociedade do momento e que hoxe son aínda un bo exemplo a seguir. Vilanova dos Infantes, que anos atrás foi concello independente de Celanova, coa súa Romaría é un exemplo que, ademais de servir pra divertirse e pasar un día moi ledo, reclama un modelo festivo que mestura tradición e cultura; que rescata un pasado e que nos leva a un tempo tan distinto o noso hoxe, que nos fai ver como foi a vida das xeracións que nos precederon e das que, aínda que non o pareza, temos moito que aprender.
Pois ben, falando hai anos cun dos promotores desta festa: Xulio Fernández Senra díxome: ás administracións hai que proporlle proxectos. E este foi un deles que comezou hai moitos anos e que foi tomando corpo. Hoxe é coñecido en toda Galicia e alén dela. Polo que Raigame xa consolidada é un ha festa que amosa unha Galicia distinta; unha Galicia que se sente orgullosa do seu pasado. Unha festa que proponnos un modelo distinto, unha festa cultural que lanza ó vento un modelo de galeguidade non excluínte na que a xente se sinta cómoda e sabe algo máis do noso pasado. En fin, despois de visitar Vilanova e sentirme moi ledo nesta xuntanza, quero deixar constancia de agradecemento e recordo para os fundadores do proxecto de Castro Floxo, proxecto que deu un froito co nacemento desta Romaría e lembrar ós irmáns Fernández Senra que co seu traballo e o de outros moitos colaboradores puxeron en marcha varias iniciativas que hoxe apadriñan varias institucións, como é o caso desta Romaría.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
A opinión de Manuel Herminio: “A manipulación das masas”
A opinión de Manuel Herminio: “Hai 50 anos e pico…”
A opinión de Manuel Herminio: “Adeus a Revolución Cubana”
A opinión de Manuel Herminio: “Patriotas de bandeira”
A opinión de Manuel Herminio: “Cuba na encrucillada”
A opinión de Manuel Herminio: “Quixemos cambiar o mundo…”
A opinión de Manuel Herminio: “O mundo ten alzheimer?”
A opinión de Manuel Herminio: “A faciana agochada dos deuses”
A opinión de Manuel Herminio: “A lei do máis forte”
A opinión de Manuel Herminio: “A velocidade como meta”
A opinión de Manuel Herminio: “Ás portas do Nadal lembrando a Marcos”
Agochar o que non gusta da historia
Licenciado pola universidade da vida
A deshumanización da sociedade
Tiranos con facha de demócratas
Pode arredarse música e cultura da política?
Nas mans de ególatras e imperialistas
Soamente unha visión: a económica
O insulto no canto do argumento
Tempo de charlatáns e predicadores
Non todo vale pra acadar o poder
Ditadores coa faciana de demócratas
A opinión de Manuel Herminio: “Enfurruñados ou riquiños”
Quen fala dos problemas desta terra?
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política
Lembrades a democracia organica?
















