Manuel Herminio Iglesias
Nestes tempos onde todo camiña moi de presa, onde os días, meses e anos voan, escóitanse frases que chaman moito a atención. A señora Ayuso, sempre moi faladeira, soltou con insistencia que Madrid é España. Cando España é algo moito máis amplo, diverso e complexo ca capital do reino.
Con todo supoño que esa locuaz presidenta fala soamente para os seus capitalinos. Ou sexa: pra os madrileños. Pois esa forma de expresarse tráeme á memoria cando uns señores desa provincia, nunha conversa me dixeron: “Vosotros los de provincias…” Ou sexa, todos os demais que vivíamos fora desa inventada comunidade autónoma eran provincianos dado que moraban lonxe da capital do reino. Nin que dicir que o asunto chamoume moito á atención.
Pois ben, esquecéndome da señora Ayuso, pois as súas verbas pouco me importan, vexo que o de provincianos en certa medida é o mesmo problema que acontece nesta terra. Pois tanto na Coruña como en Vigo, aínda que non din o de provincianos, andan na lea de quen ten a oferta universitaria con máis títulos nos seus campus. E fano esquecendo ó resto das provincias da comunidade, pois pensan que eles son a totalidade de Galicia, aínda que soamente son unha parte.
E no caso de Vigo coas súas xustas reivindicacións de que o AVE lles chegue alí dende a capital do reino, non lles importa que lle anulen frecuencias e paradas dese tren a unha comarca moi ampla desta provincia do interior. O rural do que tanto se fala, do que se di que hai que potencialo, volve ser o que paga as consecuencias pra que a cidade olívica estea mellor servida e conectada coa capital madrileña. Que o alcalde vigués reclame mellores comunicacións por tren para Vigo paréceme ben. Mais que o faga a costa de recortarlle viaxes e servizos a unha comarca moi ampla da Galicia interior paréceme un erro.
Pois, por moito que diga Sr. Caballero, Vigo non é o centro do mundo nin a totalidade de Galicia. E as súas leas coa Coruña por ser a cidade mais importante desta terra tampouco nos gustan ren, dado que todo eso demostra un certo provincialismo ó igual que o fai a presidenta madrileña coa súa idea de que Madrid es España. Ben sei que neste Ourense os representantes políticos tragan con todo o que lle boten enriba das costas.
E aínda que ás veces falan de ourensanía para quedar ben todo é un conto. Tamén sei que carecen de iniciativas e posturas reivindicativas serias e, neste caso, queda moi claro, pois o principal concello da provincia que é o de Ourense no existe nin para axudar neste asunto. Veremos que fai cando nos recorten paradas dese tren. Ás veces a maioría dos anuncios que saen na prensa falando de que se vai potenciar o rural non deixan de ser verbas baleiras de contido, mellor fume. Anuncios sen sustancia que esquecen que cada pouco elimínanse servizos nesas zonas da periferia. Nin Madrid é España nin Vigo coas súas leas reivindicativas universitarias, nin tampouco Coruña son a totalidade desta nosa terra. Esa maneira de falar é moi semellante á que tamén emprega moita xente da capital do reino, aínda que non deixen de ser uns provincianos que non ven máis alá da súa sombra.
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
Tiranos con facha de demócratas
Pode arredarse música e cultura da política?
Nas mans de ególatras e imperialistas
Soamente unha visión: a económica
O insulto no canto do argumento
Tempo de charlatáns e predicadores
Non todo vale pra acadar o poder
Ditadores coa faciana de demócratas
A opinión de Manuel Herminio: “Enfurruñados ou riquiños”
Quen fala dos problemas desta terra?
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política