O colaborador de badalnovas Manuel Herminio deixanos este artigo

Dende Seixo-Albo
Despois de ver as decisións dalgúns gobernantes actuais lembro as imaxes dos chamados chistes ou Tbos onde os heroes sempre saían ganándolle ós malos, aínda que, desta vez, semella que todo será ó revés. Os persoeiros naqueles chistes eran os que sempre apelaban a xustiza e ademais diso facían obras boas. Eran algo semellante ás persoas que tiñan algúns poderes especiais, mais sempre traballaban a favor dos máis débiles. Daquelas a realidade sempre estaba por debaixo do que se entendía como a ficción. Pois a ficción era o que considerabamos como un conto ou unha esaxeración que, aínda que nos gustaba, sabíamos que non era posibel, pero que liamos con sumo gusto. Os heroes daqueles libretos eran o Capitán Trueno, O Jabato, Roberto Alcazar, etc. Todos tiñan poderes extraordinarios e arranxaban conflitos entre a xente.
Eles eran os bos, eran como modelos a seguir. Pois ben, dende o atentado das Torres Xemelas nos EE.UU. semella que a realidade na que vivimos supera á ficción, dado que ninguén esperaba unha acción terrorista tan bárbara daquelas dimensións. Mais o que acontece nestes tempos no mundo supera toda imaxinación que podíamos ter os humanos. Primeiro vemos as guerras case en directo. Vemos destrución e morte e facémolo case con normalidade. Vemos tamén xente pasando fame, implorando pra coller algo pra levar á boca e xa nin nos inmutamos. Ollamos derrubar edificios e incluso execucións en directo. Tamén escoitamos falar ós gobernantes máis bárbaros e inhumanos que despois de Hitler podíamos maxinar. Xente sen escrúpulos que aferrados ó poder machacan a poboacións sen piedade en base a ideoloxías e principios que din ser bíblicos e polo tanto relixiosos. E por se fora pouco, vemos gobernantes mofándose doutros gobernantes con facianas e ditos que non son superadas polos humorista máis avezados. Mais dentro dese contexto os europeos de hoxe asistimos a esta comedia bárbara nun silencio clamoroso que anuncia un panorama desolador. Si, un panorama onde se invaden e destrúen países; onde se ignoran e saltan todas as leis internacionais; onde a lei que impera é a do máis forte.
Hai uns días escoitei que pertencer a cultura occidental era manter vivos uns principios nos que os dereitos humanos e o respecto ás leis son a base fundamental da nosa civilización. Mais o silencio europeo non me gusta ren. Polo que si todas esas leis xunto ós organismos internacionais como as Nacións Unidas quedaron inutilizados e foron arredados polos acontecementos que vivimos, a lei do máis forte camiña sen que ninguén diga nada. Ate non hai moitos anos a realidade non era superada pola ficción. Era como un conto que sabíamos que debuxaba unha situación irreal. Agora con tanta tecnoloxía acontece que a realidade supera todas as previsións que anos atrás nos parecían fora do sentido común. Agora todos nós estámonos afacendo a ver como normal tanta morte e tanta destrución. E con estes antecedentes caben varias preguntas: camiñamos no mundo cara a lei da selva ou se o prefiren a lei dos máis bárbaros? Camiñamos cara unha deshumanización e perda de racionalidade? Estamos tan cegos pra non ver que esta situación lévanos cara un desastre mundial?
As veces penso que a perda duns valores e principios éticos e morais axuda e moito a que medren estes comportamentos bárbaros. Pois todo iso axuda a que non vexamos o perigo que corremos como humanidade.
Si hai uns cantos anos a realidade non superaba a ficción, hoxe semella que a realidade ensínanos e normaliza o máis absurdo e incluso chocalleiro que podamos maxinar. A faciana de certos persoeiros que hoxe aspiran a seren emperadores no planeta terra, e que están a pasar por riba dos dereitos das persoas e dos estados debía facernos ver o perigo que hoxe ten a sociedade actual. Corren malos tempos, esperemos acontecementos e iremos vendo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
A opinión de Manuel Herminio: “A manipulación das masas”
A opinión de Manuel Herminio: “Hai 50 anos e pico…”
A opinión de Manuel Herminio: “Adeus a Revolución Cubana”
A opinión de Manuel Herminio: “Patriotas de bandeira”
A opinión de Manuel Herminio: “Cuba na encrucillada”
A opinión de Manuel Herminio: “Quixemos cambiar o mundo…”
A opinión de Manuel Herminio: “O mundo ten alzheimer?”
A opinión de Manuel Herminio: “A faciana agochada dos deuses”
A opinión de Manuel Herminio: “A lei do máis forte”
A opinión de Manuel Herminio: “A velocidade como meta”
A opinión de Manuel Herminio: “Ás portas do Nadal lembrando a Marcos”
Agochar o que non gusta da historia
Licenciado pola universidade da vida
A deshumanización da sociedade
Tiranos con facha de demócratas
Pode arredarse música e cultura da política?
Nas mans de ególatras e imperialistas
Soamente unha visión: a económica
O insulto no canto do argumento
Tempo de charlatáns e predicadores
Non todo vale pra acadar o poder
Ditadores coa faciana de demócratas
A opinión de Manuel Herminio: “Enfurruñados ou riquiños”
Quen fala dos problemas desta terra?
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política
Lembrades a democracia organica?

















