Manuel Herminio Iglesias
Escoito falar a moita xente de que, con todo o que acontece na vida pública, xa non hai case a quen votar. Leo tamén o que di un comentarista de moita solvencia na súa columna da Vanguardia: “Todos pierden incluso Vox.” E de súpeto lembro as verbas de amigos que din que todos, referíndose ós grupos políticos actuais, son unha merda. Logo, pasado ise pronto, axiña descubro que son os votantes dos de sempre os que falan así; ou sexa, dos que nesta terra levan no poder case toda a vida dende que hai democracia. Todo isto axúdame a facer unha reflexión e quitar unha conclusión. O primeiro semella que moitos cidadáns son moi inxenuos pois pensan que un partido político pode darlle contestación a todos os problemas que teñen os cidadáns e asi satisfacer os seus asuntos, incluso os persoais.
Os que nalgún momento da nosa vida fomos militantes na política sabemos que non hai formación partidaria que colme na súa totalidade as demandas dos cidadáns. Pois se a sociedade no seu conxunto ten moitas contradicións e é moi complexa, sempre será moi difícil que esta complexidade no se reflictan nas organizacións políticas. Quere isto dicir que: na vida política tamén se reflexan as contrariedades sociais. Hoxe, na vida política deste noso Estado, atopámonos con que as corruptelas afloran, pois a liberdade de prensa axuda moito a que sempre haxa quen investigue, pra que logo os fiscais destapen casos e leven a xuizo a moitos cargos políticos. Ben sei que como dixo un deputado no Congreso referíndose os asuntos actuais da corrupción, uns son os Cutres e outros os Premium e da outra parte están os do odio ó diferente. E ten moita razón, pois son moitos os asuntos que saen á luz e algúns como o de Montoro semella ser sistémico o que moi perigoso. Con todo, o asunto ven a apuntalar o que sinalei ó principio. Pois, se os que están son tan ruíns como din os da oposición, e seica van rachar España, e ademais rouban, e os outros, os populares hoxe na oposición, xa están afeitos a mangonear pois seica España é deles, a grande maioría dos votantes semella que iran cara a abstención ou caerán nas mans dos neofranquistas, racistas e amantes da ditadura. Isto é o que seica sinalan as enquisas. Claro que o que din estes sondeos hai que collelo con moita precaución. Polo que fuxindo dos que fan falcatruadas collendo pequenas mordidas e outros roubando a mans cheas, e outros, os que se envolven na bandeira de España e que manteñen no poder en non poucos sitios ós populares, os galegos teremos que meditar e non pouco, á hora de votar. Claro, de non ser que miremos para o que temos dentro da casa, pois aínda que teña sesgos ideolóxicos que non casan co que queremos a maioría dos galegos, poidamos fuxir de caer nas mans destas formacións onde hai moitos, moitos pillos. O mundo actual, coa chegada do Trumpismo ó poder trouxo unhas praga que xa existía, pero que animada polo feito do narciso, ególatra e ditador inunda o vello continente e da que debemos canto antes fuxir. Pois semella que a historia volve a repetirse. E se non mirade ó que aconteceu anos antes de chegar ó poder Hitler. Con todo, sempre se dixo que o home é ó animal que se esnafra contra a mesma pedra mais dunha vez. Polo que a esa xuventude que descoñece tantas cousas do pasado recente, que ignora tantas cousas, e que xa naceu en democracia, non lle iría mal que lera máis e se informara pra distinguir o grao da palla. En fin, non caiamos no desazo e comparemos os cutres cos sistémicos, e pra fuxir deles caiamos na mans dos do odio permanente ó diferente. E despois de comparar, e ollar con ollo crítico o que acontece, obremos con moita cautela, pois volver a un pasado de triste recordo sería un retroceso social en dos os eidos. Ah, feliz día de Galicia ou da Patria Galega.
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
A deshumanización da sociedade
Tiranos con facha de demócratas
Pode arredarse música e cultura da política?
Nas mans de ególatras e imperialistas
Soamente unha visión: a económica
O insulto no canto do argumento
Tempo de charlatáns e predicadores
Non todo vale pra acadar o poder
Ditadores coa faciana de demócratas
A opinión de Manuel Herminio: “Enfurruñados ou riquiños”
Quen fala dos problemas desta terra?
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política
Lembrades a democracia organica?