O colaborador de badalnovas Manuel Herminio deixanos este artigo

Dende Seixo-Albo
Non sei se o fan pra dar a nota e así saír nos medios, ou se o fan seguindo o mandato dos seus xefes políticos. O certo é que as intervencións desta xente chama e moito a atención. Non argumentan, non falan con normalidade. Pola contra berran e xesticulan facendo que, coa súa pregunta, a institución se alporice e os da súa bancada, como se fosen zombis, aplaudan e peten nos escanos pra quentar máis o panorama. Vamos, todo un circo que desvirtúa a institución na que debera reinar a palabra argumentada e serena e mantela fóra do berro e do chalaneo circense.
Nos tempos que vivimos xa non hai parlamentarios brillantes de oratoria fluída, xente que dicía con educación e moita elegancia cousas serias sen empregar o berro chocalleiro destes representantes actuais que falan igual que se estiveran nunha taberna onde, reina o discurso esaxerando que sementa tensión social. Ben sei que, ás veces, hai máis educación nalgunhas tabernas que nesa institución pública que é o Senado ou o Congreso dos Deputados. Por desgracia xa non está o sr. Roca nin Rubalcaba e outros pra falar sen estridencias, sen berros e propoñer cousas serias. Tampouco está o Sr. Esteban e outros que critican ó goberno e reclaman cousas, pero tamén fan aportacións sensatas que axudan a construir unha sociedade mellor.
Estamos no tempo dun novo parlamentarismo onde os xestos valen máis cas palabras; estamos nun lugar onde non hai propostas nin se discute sosegadamente cal é a mellor opción para a xente e o pais. As imaxes que reflicten os medios do que alí acontece, ás veces menten medo. Hai deputados e deputadas que soamente con verlle o xesto da súa faciana xa nos meten susto no corpo. Caras chea de odio, preguntas e xestos que arrepían. Iso é o que temos hoxe nalgúns parlamentos onde están os que nos teñen quem representar. Hai uns días nesta provincia sen mar, neste Ourense onde todo esta por chegar, que fomos noticia a nivel de estado por unha dobre causa. A deputada do spray e o da voda de Gomesende. Mirade por onde unha poboación perdida nesta provincia comezou a ser coñecida e ubicada no mapa: Gomesende. Dúas cuestións: un enlace de comenencia din uns, e outros falan dun espectáculo inpresentabel. Pois o da voda tirandose pratos uns ós outros deu moito xogo na prensa. E polo outro, a vehemente Señora Vázquez foi noticia por levar o bote defensivo e ensinalo no Congreso dos Deputados pra facerlle unha pregunta ó sr. Marlasca. Logo, de chamarlle a atención a presidenta, dixo que estaba baleiro cando non era verdade. Sendo un chisco sensatos pudo facer a mesma pregunta sen berrar e sen levar un trebello e exhibilo.
Mais corren tempos onde o desexo de estar e aparecer nos medios prima por riba da cordura e da educación. A banalización da política é un feito evidente. Deputados e deputadas que levan máis de vinte anos no Congreso e que votaron contra todos os avances sociais, como é o caso desta señora, e que agora queren aparecer como xente seria que pra logo andar a predicar polas cadeas de televisión que lle son afíns é o que hoxe temos, é o que hoxe vende. Si, votou contra a suba das pensións e a mellora do soldo base, e ademais nada ten que presentar, pois nada salientabel fixo a prol desta provincia durante tantos mandatos, e agora aparece nos medios do estado dando a nota e facéndose a raíña do exabrupto e do esperpento. Pena me dá que Ourense sexa noticia por estas cuestións que avergoñan a milleiros de cidadáns. Vivimos no tempo do insulto, da comedia bufa.
E esa maneira de facer na política estase estendendo a todos os niveis da vida cotián. A esta cidade non lle chega co que acontece nos plenos do Concello desta Auria, se non que ten que, aparecer unha señora berrando nunha institución publica e tamén o asunto da voda máis esperpéntica que poderíamos maxinar. Hai miradas e facianas que transmiten odio e, ó velas e escoitalas, un percibe medo polo que pode vir. Eu, a esta xente que fala con tanta vehemencia e que respira odio na mirada, a esas persoas recomendaríalles que tomaran algo pra calmarse e pra que vexan que a sociedade quere vivir en paz sen escoitar tantas barbaridades e ver tanto teatro bufo que non aporta nada positivo e nos leva ó enfrontamento social.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias
Manuel Herminio: “Unha esmola prós “chinitos””
Manuel Herminio: “Tempo de berros e insultos”
Manuel Herminio: “O Poder das redes sociais”
Manuel Herminio: “Inimigos ou irmáns?”
Manuel Herminio: “A egolatría e o servilismo”
Manuel Herminio: “Aldama: un modelo de que?”
Manuel Herminio: “A mensaxe de León XIV e os riscos da I.A.”
Manuel Herminio: “Unha lección de humanidade”
Manuel Herminio: “A velocidade nas nosas vidas”
A opinión de Manuel Herminio: “Raigame: algo máis que unha romaría”
A opinión de Manuel Herminio: “A manipulación das masas”
A opinión de Manuel Herminio: “Hai 50 anos e pico…”
A opinión de Manuel Herminio: “Adeus a Revolución Cubana”
A opinión de Manuel Herminio: “Patriotas de bandeira”
A opinión de Manuel Herminio: “Cuba na encrucillada”
A opinión de Manuel Herminio: “Quixemos cambiar o mundo…”
A opinión de Manuel Herminio: “O mundo ten alzheimer?”
A opinión de Manuel Herminio: “A faciana agochada dos deuses”
A opinión de Manuel Herminio: “A lei do máis forte”
A opinión de Manuel Herminio: “A velocidade como meta”
A opinión de Manuel Herminio: “Ás portas do Nadal lembrando a Marcos”
Agochar o que non gusta da historia
Licenciado pola universidade da vida
A deshumanización da sociedade
Tiranos con facha de demócratas
Pode arredarse música e cultura da política?
Nas mans de ególatras e imperialistas
Soamente unha visión: a económica
O insulto no canto do argumento
Tempo de charlatáns e predicadores
Non todo vale pra acadar o poder
Ditadores coa faciana de demócratas
A opinión de Manuel Herminio: “Enfurruñados ou riquiños”
Quen fala dos problemas desta terra?
Asaltar o ceo contra o pracmatismo
A fantasía e o consumismo no Nadal
Feijoo e as maiorías absolutas
Descoñecen o que berran e chantean?
Lavándolle a faciana a extrema dereita
Moita enerxía sen rentabilidade
Ourense: Sen obxectivos nin proxectos
Ourense, por riba das ideoloxías
Vandalismo, botellóns e desleixo
Dúas maneiras de actuar na política
Lembrades a democracia organica?
















